Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Calvo e Pescanova condenadas polo Tribunal Permanente dos Pobos (TPP) PDF Imprimir Correo-e

pescanova.jpgO TPP resolveu condenar, xunto con outras empresas, a Calvo e a Pescanova, nunha sesión celebrada en Madrid do 14 ao 17 de maio de 2010 para deliberar sobre o papel cúmplice da Unión Europea (UE) coas actuacións das empresas europeas en América Latina e Caribe que atentan contra os dereitos humanos.

O Tribunal Permanente dos Pobos (TPP) é consecuencia do Tribunal Russel II sobre as ditaduras en América Latina (1972-1975), que dedicou unha sesión ao papel das empresas transnacionais (ETN), cuxos resultados se tiveron en conta na Declaración Universal dos Dereitos dos Pobos (Alxer, 1976),  que viría a ser adoptada coma Estatuto formal do TPP. O TPP é un tribunal de carácter non gobernamental, do xénero dos "tribunais de opinión". A Secretaría do TPP exércea a Fundación Lelio Basso .

O TPP celebrou unha sesión en Madrid do 14 ao 17 de maio de 2010 para deliberar sobre o papel cúmplice da Unión Europea (UE) coas actuacións das empresas transnacionais (ETN) europeas en América Latina e Caribe que atentan contra os dereitos humanos.  Púxose así fin a un proceso de investigación iniciado en 2006 a petición da Rede Birrexional "Enlazando Alternativas" , proceso do que formaron parte tamén dúas sesións previas do TPP, celebradas en Viena (2006) e Lima (2008).

tribunal-de-los-pueblos-2.jpgOs casos examinados polo TPP "tornan visíbel un réxime de permisividade, ilegalidade e impunidade xeralizadas no comportamento das ETNs europeas en América Latina", propiciado polas políticas de bancos multilaterais de desenvolvemento, de institucións financeiras internacionais e da UE, cuxa actitude "tolerante e mesmo cúmplice" é funcional aos intereses das súas ETNs. Entre as ferramentas usadas pola UE para favorecer as ETNs, cómpre salientar os acordos de asociación (ADAs), os acordos de promoción de investimentos e os tratados de libre comercio (TLCs), nos que están ausentes dispositivos orientados a promover a xustiza. Ademais, algunhas políticas internas da UE, como as directivas sobre agrocombustíbeis, biotecnoloxía e propiedade intelectual, tradúcense en procesos de ameaza e degradación de dereitos en América  Latina, e en inxentes beneficios económicos para as empresas europeas". Estas tamén reciben apoios das axencias de cooperación ao desenvolvemento e dos fondos de pensións europeos, así como do Banco Europeo de Investimentos (BEI).

O TPP constatou "grave vulneración dos dereitos dos pobos" en varias áreas: atentados á integridade física; deterioración da saúde pública por restricións no acceso a medicamentos xenéricos -a causa dos dereitos de propiedade intelectual-, por contaminación, ou por malas prácticas na prestación de servizos de auga e saúde privatizados; agresión cultural e invasión dos territorios de pobos indíxenas; falta de respecto aos dereitos laborais; e degradación do ambiente. 

O Tribunal considerou en moitos casos, en particular nos relativos a aproveitamentos enerxéticos,  "a aparición dunha nova categoría de vulneración de dereitos como os relativos á natureza e en prexuízo das xeracións futuras, de acordo cos conceptos de débeda ecolóxica e xustiza climática".

Entre os numerosos casos considerados polo TPP para emitir sentenza figuran dous protagonizados por empresas do sector pesqueiro con domicilio social no noso país e con presenza de capital galego: Calvo e Pescanova.

Calvo no Salvador

O Grupo Calvo foi xulgado pola súa actuación no Salvador, onde está presente desde 2003. No número cinco de Cos Pés na Terra incluímos un artigo sobre os prexuízos socioambientais causados por esta transnacional galega no país centroamericano (ver "Calvo no Salvador"). No web do Observatorio de Multinacionais en América Latina  (OMAL) , na sección sobre Calvo pódese consultar información actualizada sobre as operacións de Calvo no Salvador.

O caso de Calvo foi abordado nunha audiencia do TPP celebrada en Guatemala en 2008, no marco do Foro Social das Américas. As acusacións contra Calvo foron "contaminación dos recursos hídricos, destrución das fontes de vida e a biodiversidade; intoxicación dos traballadores polo uso de produtos tóxicos; e violación dos dereitos laborais dos traballadores". Os denunciantes foron o  "Centro de Estudios y Apoyo Laboral (CEAL)", "Sindicato de Trabajadores de la Empresa Pesquera y conexas (SGTIPAC)" e "Unidad Ecológica Salvadoreña (UNES)".

Pescanova en Nicaragua

O TPP abordou a deterioración socioambiental xerada pola multinacional galega Pescanova en Nicaragua. Pescanova adquiriu en Nicaragua as empresas "Servicios y Contrataciones SA" (SERVICONSA) e "Camarones de Nicaragua SA (CAMANICA)", e en 2008 inaugurou, no departamento de Chinandega, a planta de procesado e conxelación de langostino máis grande de América Latina. Ademais, conta cunha concesión de 5 mil hectáreas mariñas dedicadas especificamente ao cultivo do camarón no Golfo de Fonseca.

planta_langostinos_nicaragua.jpgA continuación reproducimos a ficha do caso Pescanova incluída na sentenza do TPP.

"A explotación pesqueira da multinacional española Pescanova está a danar gravemente os manglares nicaraguanos. Estes ecosistemas son a fonte da seguridade alimentaria e do sustento familiar de miles de familias na zona do Estero,Nicaragua. As súas actividades están a xerar danos ambientais irreparables, así
como afectando ao desenvolvemento económico e social da poboación da zona.

A multinacional española Pescanova leva anos explotando libremente a zona de manglares de Nicaragua. A súa pesca realízase nunha zona de vital importancia biolóxica, ambiental e sociocultural para os seus poboadores, que son pescadores artesanais. O sistema de pesca de Pescanova está a rematar coas especies xuvenís que non chegaron á etapa de reprodución, levándoas á extinción. Consecuentemente, os pescadores da zona deben desprazarse a máis distancia para poderen pescar, o cal os expón a fortes ventos, que xa causaron varias mortes. A poboación local depende directamente do ecosistema do manglar para obter o seu sustento e o das súas familias, e estanse a ver moi afectados pola imparable deterioración.

As prácticas de expansión de Pescanova foron elevando, preocupantemente, os níveis de contaminación das augas, afectando á especie do mangle. Esta árbore desempeña unha función ambiental paliativa contra posibles cambios climáticos por ser fixadora de CO2, ademais de inmobilizar grandes cantidades de sedimentos ricos en materia orgánica.
Actualmente, Pescanova ten a concesión para explotar 5.000 hectáreas na zona do Estero, un 30% do total do manglar.

ortega_e_sousa.jpgSon destacables as violacións da multinacional aos dereitos laborais da poboación que emprega, sometendo aos seus traballadores a xornadas de máis de 12 horas, descontando impostos no pagamento das horas extra e limitando ou prohibindo o dereito a sindicarse.

O Goberno de Nicaragua incumpre o deber que lle impón a Constitución Política e as leis nacionais, así como o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos e os convenios laborais celebrados no marco da Organización Internacional do Traballo e dos cales Nicaragua é parte. Omite ademais o seu deber de garantir a información oportuna á poboación sobre a subscrición de Convenios e Acordos con Organismos Financeiros Internacionais e Empresas Transnacionais, creando para elas un réxime de zona franca libre de impostos á custa da deterioración das condicións de vida da poboación habitante e dependente dos manglares".

Pódese obter máis información sobre este caso na web do OMAL, no apartado dedicado a Pescanova, así como nun recente artigo publicado en Diagonal,  "Pescanova, el gigante camaronero de Nicaragua". 

Sentenza do TPP

O TPP resolveu "denunciar e condenar perante a opinión mundial como inmoral e antixurídica a actitude das corporacións multinacionais de orixe europea estudadas" (...) polas graves, claras e persistentes violacións de dereitos humanos e dos  principios, normas, convenios e pactos internacionais que protexen os dereitos civís, políticos, económicos,  sociais, culturais e ambientais das persoas". Esta condena fíxoa extensiva, polo seu papel cúmplice, á UE, aos Estados membros nos que as ETNs teñen a súa sede e tamén aos Estados receptores da actividade das ETNs.

Alén de condenar, a sentenza do TPP formula propostas concretas para atallar os abusos das ETNs, propostas a implementar no ámbito internacional,  no da UE e no dos países de América Latina e o Caribe. Entre esas propostas figura a da elaboración por parte do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas dun código de conduta obrigatorio para as ETNs, "incorporando a responsabilidade da empresa-matriz polo comportamento das súas filiais, provedoras e subcontratistas". De supervisar o seu cumprimento encargaríase un Tribunal Económico Internacional.

Finalmente, a sentenza propón unha serie de medidas cautelares, como a suspensión de diversos proxectos e megaproxectos (ENDESA/Enel na Patagonia chilena, minería de carbón de Gas Natural Fenosa en Guatemala,...) e das negociacións de novos tratados comerciais ou de investimentos mentres non se avalíe axeitadamente o seu impacto socioambiental.

Máis información: Sentenza Tribunal Permanente dos Pobos (Madrid, 14-17 maio 2010)

 

 
< Ant.   Seg. >