Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
A crise da biodiversidade PDF Imprimir Correo-e

A perda acelerada de diversidade biolóxica -entendida coma diversidade xenética, de especies e de ecosistemas- é un dos elementos principais da cada vez máis preocupante crise ecolóxica global. Durante 2010, declarado Ano Internacional da Biodiversidade das Nacións Unidas, no canto de celebrarmos o logro dos compromisos gobernamentais para deter o declive global da biodiversidade, constatamos o seu incumprimento.

A perda acelerada de diversidade biolóxica -entendida coma diversidade xenética, de especies e de ecosistemas- é un dos elementos principais da cada vez máis preocupante crise ecolóxica global. A taxa actual de extincións pode ser até 1.000 veces superior á taxa que vivimos ao longo da historia. A UE comprometeuse en 2001 a deter a perda de biodiversidade no seu territorio en 2010. Un ano despois, a práctica totalidade dos estados do mundo, asinantes da Convención sobre Diversidade Biolóxica (CDB) -adoptada no Cumio do Río de Janeiro (1992)- formalizaron o compromiso de "lograr en 2010 unha redución significativa do ritmo actual de perda de diversidade biolóxica a nível mundial, rexional e nacional como unha achega para a diminución da pobreza e para o beneficio de toda a vida na Terra". Este ano, declarado Ano Internacional da Biodiversidade das Nacións Unidas, no canto de celebrarmos o logro destes obxectivos, constatamos o seu incumprimento e asistimos á renovación do compromiso dos gobernos en defensa da biodiversidade, compromiso que, a menos que muden moito as cousas, seguirá sen apenas saír do papel.

Un documentado artigo sobre o declive global da diversidade biolóxica publicado en maio pasado na revista Science aquí) mostraba que a taxa de perda de biodiversidade non está a diminuír e que, pola contra, as presións sobre os ecosistemas (consumo de recursos, sobreexplotación, invasións de especies alóctonas, impactos da mudanza climática en marcha,...) están a aumentar. Os resultados deste e outros moitos traballos reflectíronse na terceira edición do informe Global Biodiversity Outlook, do Secretariado da CDB e do Programa das Nacións Unidas para o Ambiente, cuxa principal conclusión é que " (ver os sistemas naturais que apoian a economía, as vidas e os medios de subsistencia en todo o planeta áchanse en perigo de degradación rápida e colapso, se non hai unha acción rápida, radical e creativa para conservar e utilizar sustentabelmente a variedade de vida na Terra".

As políticas ambientais, ou máis especificamente as de conservación da natureza (creación de espazos naturais protexidos, plans de recuperación de especies ameazadas,...) son hoxe moi necesarias, mais resultan claramente insuficientes para conservar a biodiversidade. Con elas podemos atinxir algúns logros, mais non parar a tendencia á perda de biodiversidade. Para iso, cómpre atacar as causas subxacentes ou indirectas da alarmante diminución da biodiversidade (a globalización, a expansión ilimitada da produción e o consumo, a explosión demográfica,...), causas que explican tamén o conxunto da crise socioambiental global e que teñen a súa orixe en políticas e modelos económicos dilapidadores do insubstituíbel capital natural.

Non hai outra política eficaz de protección da natureza que non sexa a ecoloxización da economía, a mudanza do paradigma económico dominante, mais mentres éste persista, o debilitamento das medidas de protección de espazos e especies non fará máis que agravar a situación. É o que acontece en España e en Galiza, onde as políticas de conservación da natureza, a pesar de seren raquíticas -nomeadamente en Galiza- veñen de sufrir recortes nas súas dotacións orzamentarias coa excusa da crise económica, e manteñen unha moi cativa influencia á hora de condicionar as políticas sectoriais con máis incidencia negativa na biodiversidade. Mentres tanto, seguen a destinarse moitos miles de millóns de euros de diñeiro público a investimentos e subvencións prexudiciais para a conservación e o uso sustentábel da biodiversidade.

En Galiza non dispomos aínda de ningunha avaliación global sobre a situación da biodiversidade, que reúna, amplíe e divulgue o coñecemento científico sobre a cuestión, mais é claro que na nosa terra tamén se está a perder biodiversidade, sendo notorios, por exemplo, o recúo dos hábitats vencellados a usos agrarios tradicionais ou a regresión das poboacións de anfibios, por non falarmos dos 74 taxóns (especies e subespecies) e poboacións de flora e fauna en perigo de extinción segundo o Catálogo galego de especies ameazadas.

A escala europea, un recente informe da Axencia Europea de Medio Ambiente (Assessing biodiversity in Europe - the 2010 report), amosa que o estado de conservación da maioría das especies e hábitats é desfavorábel e que os esforzos para os conservar son manifestamente insuficientes. Europa continúa perdendo biodiversidade, aínda que a menor ritmo que outras rexións e continentes. Isto pode interpretarse coma un logro parcial de políticas ambientais internas relativamente ambiciosas en comparación coas doutras áreas do mundo, mais tamén é atribuíbel, en grande medida, á exportación de moitos dos impactos ambientais negativos asociados aos insustentábeis padróns de produción e consumo de Europa máis alá das súas fronteiras. Boa parte da contaminación e do consumo de recursos naturais ligados ás economías europeas non teñen lugar dentro do territorio europeo. Pensemos, por citar tan só uns poucos exemplos, nas emisións de CO2 e contaminantes locais "exportadas" a través dos bens que importamos da China, na sobrepesca que practica a frota europea en augas de países africanos, ou na destrucción de hábitats moi ricos en biodiversidade en todo o mundo inducida pola extracción de petróleo ou cultivo de agrocombustíbeis para alimentar o desmesurado parque europeo de automóbeis. As estratexias de conservación da biodiversidade dos países europeos, incluído Galiza, ademais de actuaren sobre os seus territorios, deberían incorporar medidas para reducir o impacto negativo das súas economías sobre a biodiversidade global.

É posíbel determos, e até invertermos, a perda de biodiversidade, con grandes beneficios sociais para as xeracións actuais e futuras, mais iso non acontecerá sen mudanzas fundamentais nos modelos de produción e consumo. De non se acometeren a tempo, é segura unha crise catastrófica da biodiverside. Un dos autores do Global Outlook Biodiversity 3 , Paul Leadley, Profesor de Ecoloxía da Universidade de París, sostén que "non hai dúbida de que as pautas de desenvolvemento como de costume (business-as-usual) darán lugar a unha perda catastrófica da biodiversidade. Mesmo os escenarios optimistas para este século predín extincións e reducións nas poboacións de moitas especies".

 
Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!