Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Colapso PDF Imprimir Correo-e

colapso.jpgJared Diamond, xeógrafo e biólogo evolucionista, a través dunha documentada escolma de exemplos pasados e contemporáneos, explica como as condicións ambientais e os comportamentos sociais conduciron (ou conducen) a diferentes sociedades a unha situación de colapso. Unha reseña de Alexandre Cendón.

colapso.jpgColapso: por qué unas sociedades perduran y otras desaparecen

Jared Diamond

Debolsillo, Barcelona, 2007

746 páxinas

 

O xeógrafo e biólogo evolucionista norteamericano Jared Diamond ofrécenos unha interesante e documentada escolma de exemplos pasados e contemporáneos, onde diferentes sociedades chegaron (e achéganse) a unha situación de colapso. A orixe do mesmo está en non ter en conta ou non reaccionar a tempo como sociedades, ante os problemas clave para os seus correspondentes porvir e persistencia. Asemade nestas páxinas explícase o que sucede cando nos afastamos da sustentabilidade a través dun conxunto de cinco factores: deterioración ambiental, cambio climático, veciños hostís, socios comerciais amigábeis e resposta da sociedade aos seus problemas ambientais.

Co estabelecemento destes cinco factores citados na explicación do devir dos grupos humanos, Diamond desmárcase dende o limiar do texto, do chamado "determinismo ambiental" (isto é, aquela explicación da realidade social que outorga un papel determinante e preeminente ás causas ambientais para analizar o seu transcurso e funcionamento, amais de estudar o éxito ou fracaso histórico de diferentes sociedades dende o mesmo criterio). Isto non significa que na análise do colapso non xogue un papel fundamental o relativo ao medio ambiente (como vemos, tres dos factores salientados están directamente relacionados con este) senón que os conxuga coas relacións xeopolíticas, o substrato cultural e a propia idiosincrasia política. Dito doutro xeito e axiña: dun lado coloca as condicións ambientais dadas e do outro, as sociedades humanas e os seus comportamentos.

É máis, Diamond sinala con insistencia e incide no factor "resposta da sociedade aos seus problemas ambientais", como aquel que ten no seu interior tanto a causa como a solución posíbel á deterioración ecolóxica. Cando fala da sociedade non se refire simplemente ao conxunto de mulleres e homes que a conforman, senón que se sitúa intencionadamente nos mecanismos e institucións creados por esas sociedades para poñer en marcha o seu metabolismo e concretamente, nas formas particulares culturais e políticas que as definen como tales. Se ben a propia dinámica social e cultural crea os problemas ambientais senlleiros en cada época e lugar, tamén esa dinámica é a depositaria per se da posibilidade de buscar e achar solucións para os mesmos. Mais se os problemas non se albiscan -tantas veces nos referimos a isto como vivir de costas á Natureza ou como o oposto á sustentabilidade- ou se chega demasiado tarde para lles topar unha solución, a saída tórnase complicada. Porén, como sinala o propio Diamond, a diferenza co pasado, hoxe contamos cunha cantidade de información e formación científicas dispostas para discernir eses problemas e nos axudar: soamente fai falla que sexan usadas e fomentadas.

Sen dúbida, o que resulta máis preocupante trala lectura de Colapso é a repetición -redundante até a saciedade e até o extremo do desasosego pola similitude co presente (véxase, por exemplo, o ocorrido co Protocolo de Quioto e co Cumio de Copenhague)- do comportamento das elites económicas e políticas, do poder instaurado, das formas de goberno anquilosadas nos seus propios privilexios. Pola atención desmesurada na consecución dos seus intereses e en aras do seu egoísmo e do "curtopracismo", estas omiten e obvian ora intencionadamente, ora inconscientemente a busca de solucións, esquecendo traxicamente o ben común e xeral (sen ir máis lonxe, na nosa pequena Galicia, onde as forzas políticas e sindicais autodenominadas como progresistas veñen de apoiar sen pestanexar a permanencia das centrais térmicas galegas "polo ben da nosa economía", "polo interese nacional" ou "polos dereitos laborais", nin máis nin menos que para prolongar sine die o funcionamento das maiores fábricas de cambio climático do Estado nunha situación ambiental global que de se prorrogar pode chegar a ser de "non retorno"). Polo tanto, pódese dicir de moitas maneiras e se acompañar doutras formulacións, pero non se pode ser máis diáfano: a crise ecolóxica é un problema político e para se resolver necesita de solucións políticas.

Pois ben, a panorámica histórica á que nos abre o conxunto de partes e capítulos deste libro é sumamente interesante e dela podemos extraer multitude de leccións, para nos enfrontar aquí e agora aos problemas ambientais partillados e en concreto ao cambio climático (desta vez inducido). Así, despois dunha pequena primeira parte que serve como introdución, onde nos fala da situación ambiental do estado norteamericano de Montana, a continuación unha extensa segunda parte introdúcenos de cheo nas sociedades do pasado. As sociedades da illa de Pascua, do arquipélago polinesio de Pitcairn, dos anasazi en América do Norte, dos maias en México e dos viquingos de Grenlandia, exemplifican diferentes colapsos desprendidos dalgún dos factores indicados ou da súa conxunción total ou parcial. Amais para explicar polo miúdo cada caso particular, Diamond desenvolve unha nova listaxe de oito categorías ambientais a partir dos descubrimentos de arqueólogos, climatólogos, historiadores, paleontólogos e palinólogos. Estas categorías explican a debilitación social por causa da deterioración do medio ambiente e son: deforestación e destrución do hábitat, problemas do solo (erosión, salinización e perda da fertilidade do solo), problemas de xestión da auga, abuso da caza, pesca excesiva, consecuencias da introdución de novas especies sobre as especies autóctonas, crecemento da poboación humana e aumento do impacto per cápita dos seres humanos. Como final deste apartado, engade tres exemplos de sociedades que reaccionaron con diferentes estratexias ante os seus problemas ambientais e triunfaron, como a illa de Tikopia no Pacífico, Nova Guinea e Tokugawa no Xapón, para ilustrar con estes que non soamente a deterioración ecolóxica determina o fracaso das sociedades.

A terceira parte trata das sociedades actuais e nela podemos analizar situacións de colapso como o xenocidio de Ruanda, as diferenzas políticas, sociais e económicas entre Haití e a República Dominicana (que comparten a illa La Española), até os retos ambientais do gran país en desenvolvemento China e da sociedade industrial e desenvolvida dos antípodas, Australia. Para a súa comprensión volve engadir catro novas categorías de problemas ambientais (nesta ocasión contemporáneos): cambio climático antropoxénico, a concentración de produtos químicos tóxicos no medio ambiente, a escaseza de fontes de enerxía e o esgotamento da capacidade fotosintética da Terra por parte do ser humano.

Por último, a cuarta parte Ensinanzas prácticas, fai un percorrido pola toma de decisións dos grupos sociais (nas que interveñen entre outros factores, o xeito de percepción dos problemas e os conflitos de intereses), os distintos comportamentos das grandes empresas multinacionais sobre o contorno ambiental e os riscos ecolóxicos que ten diante de si o mundo moderno.

Os tristes exemplos das antigas sociedades pobres, periféricas e localizadas en contornos fráxiles e en extremo dependentes do comercio exterior ou dos socios amigábeis (como a desaparecida sociedade polinesia da illa de Pitcairn) enlazan, no remate do libro, coa orixinal analoxía formulada por Diamond do mundo coma un pólder. Podémola resumir así: hoxe en día amais de estar illado e confinado o conxunto da humanidade nun planeta no Universo, a resolución dos problemas ambientais non pode estar na explotación doutros países na Terra (como no caso das colonizacións e da globalización neoliberal, soportes da perdurabilidade das metrópoles e dos países ricos); aínda que exista unha desproporción no grao de responsabilidade por esta situación (ben por estrato social, ben por lugar xeográfico e xogo de poderes) non nos queda outra que buscar unha saída á crise ecolóxica común e global.

 Alexandre Cendón

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!