Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Michel Löwy e Joaquim Sempere en Pontevedra PDF Imprimir Correo-e

joaquim_sempere.jpgNo marco da XXVII Semana Galega de Filosofía, celebrada o pasado mes de abril en Pontevedra, interviron Michel Löwy e Joaquim Sempere, quen falaron da crise ecolóxica e da súa superación dende perspectivas diferentes pero confluentes: un dende o ecosocialismo, o outro dende a economía sostíbel. A continuación recollemos as súas exposicións nunha crónica de Alexandre Cendón.

Michel Löwy baixo o título A crise ecolóxica, crise da civilización capitalista: a alternativa ecosocialista, fixo para comezar, unha recompilación dos datos de grupos científicos (como o IPCC) que tiran información sobre a deterioración da Terra. Para el o cambio climático inducido é o principal problema amosado por estes, provocado pola acumulación de gases de efecto invernadoiro (GEI) durante os últimos 150 anos, sobre todo os 30 anos máis próximos ao presente. Algúns investigadores bautizaron este período como Antropoceno (despois do Holoceno), mais para Löwy este concepto non é neutro pois a causa do cambio climático non é humana senón que é un efecto do sistema capitalista, orixinado pola súa necesidade de expansión ilimitada, de acumulación de mercadorías e capital (tal e como o relatara Max Weber no seu libro O espírito do capitalismo).

Continúa dicindo que esta necesidade non é outra cousa ca a lóxica intrinsecamente perversa do sistema capitalista, mediante a que a lóxica da competencia leva á expansión infinita. Este proceso nace e móvese coas enerxías fósiles (carbón primeiro e petróleo despois). Deste xeito, Löwy conclúe que a raíz do problema é polo tanto, sistémica: nolwy2.jpgn se pode entender a crise ecolóxica sen o capitalismo, ao igual que dicía Max Horkheimer "non se pode entender o fascismo sen o capitalismo, é un produto del".

As solucións formais que se achegan dende as institucións a este inquietante problema son numerosas para o escritor franco-brasileiro, dende as meras técnicas até as políticas. Entre as primeiras topamos coa aposta polo fomento da enerxía atómica, ou a substitución dos combustíbeis tradicionais polos agrocombustíbeis, até as máis estrambóticas como o proxecto de instalación de espellos na Estratosfera (para desviar a luz solar) e as delirantes, como o plan segredo do Pentágono de vida extraterrestre... As apostas políticas dos gobernos achámolas no acordo ridiculamente baixo do Protocolo de Quioto e en Copenhague, mal exemplo dos gobernos para chegar a un acordo efectivo para paliar os efectos do cambio climático e o control dos GEI (as protestas, lembra, pedían un cambio de sistema coas que se solidarizou o presidente de Bolivia, Evo Morales).

  Para Löwy a alternativa a estas pseudo-solucións témola na proposta ecosocialista. Esta dá solucións radicais ao problema para ir á raíz do mesmo. O ecosocialismo asocia a crítica marxista da economía política coa crítica ecoloxista. É unha crítica do sistema de produción capitalista e tamén é unha crítica da ecoloxía que quere facer verde o capitalismo. Mais tamén contén unha crítica a certas concepcións marxistas. Explícase: "Marx ao criticar o fetichismo da mercadoría critica a lóxica de produción capitalista (o obxectivo do progreso económico é reducir o tempo de traballo, deixarlles aos homes e mulleres tempo libre, o reino da liberdade para exercer actividades políticas, artísticas, creativas, filosóficas... O importante era desenvolver as potencialidades do ser humano) Pero tamén hai un elemento antiecolóxico en Marx, cando apoia a produción agrícola en relación coa natureza."

ecosocialism.jpgLogo prosegue: "para Marx a eliminación da propiedade privada significaba colectivizar as relacións de produción, para expandir a produción. Segundo, isto as forzas de produción son neutras, non embargante para os ecosocialistas as forzas de produción non son neutras, son estruturais do sistema capitalista, por iso defenden o cambio dos aparellos produtivos e as súas fontes de enerxía (enerxía solar, comunismo solar). Marx dicía que os traballadores tiñan que crebar o aparato de Estado, non se podían facer con el, tiñan que mudalo. Por iso, os ecosocialistas falan de crebar e cambiar o sistema produtivo (non se apoderar del). Defenden unha planificación democrática da produción, en base a dous criterios: a satisfacción das necesidades sociais e o respecto dos equilibrios ecolóxicos. Isto supón unha redución do consumo e da produción."

A maioría dos produtos son inútiles, polo que avoga por suprimilos, como a publicidade que ten que ser substituída polas necesidades reais (comer, beber, vestir, saúde). Isto non o decide o mercado, non é político, senón o propio pobo liberado do fetichismo da mercadoría e da publicidade.

A proposta ecosocialista é, segundo Löwy, unha mudanza radical: dos aparellos produtivos, das relacións de produción e do paradigma de consumo... O ecosocialismo significa unha transformación profunda da nosa civilización. Para realizar este cambio, salienta, hai que partir de aquí e agora, a partir de loitas que se enfrontan á lóxica capitalista, como as loitas indíxenas para defender a Amazonia, até o referido ao asunto do transporte e a mobilidade (como as propostas de limitación do uso do automóbil, o pulo do transporte colectivo...). O importante para el é a relación dialéctica desas loitas coa perspectiva doutra sociedade. Afirma para rematar que esta é unha loita revolucionaria: "o capitalismo nunca vai morrer de morte natural, como dixera Walter Benjamin, as revolucións son o freo de emerxencia do tren da civilización capitalista que vai cara ao abismo."

Joaquim Sempere

Pola súa banda Joaquim Sempere, utilizou o título da súa conferencia O decrecemento para superar este mesmo concepto (o título foi elixido pola organización da Semana e non polo propio relator). Para el o decrecemento é un concepto un pouco limitativo á hora de explicar a sociedade necesaria, unha sociedade perdurábel no tempo (é dicir, sustentábel). O desenvolvemento da súa conferencia tivo como fío condutor o contido do seu último libro publicado (Mejor con menos).

Para o profesor da UB (Universitat de Barcelona) o que existe é un conflito entre o imperativo do crecemento e o mundo limitado da Ecosfera. Nestes termos, o decrecemento é un slogan provocativo para espertar conciencias, para sinalar a encrucillada e a situación tráxica tras dous séculos de industrialización que mudaron o mundo dun xeito enorme, mais el prefire falar de crecemento cero.

joaquim_sempere.jpgExplica despois, que a economía convencional formouse de costas ás bases biofísicas, ignorando a Natureza. Fronte a isto naceu a economía ecolóxica que entende a economía como un subsistema do mundo natural (onde esgotar os recursos é esgotar as fontes mesmas de toda economía). Hoxe non se respectan as taxas de rexeneración dos recursos cos actuais sistemas de explotación dos mesmos. Deste modo chocan dúas lóxicas: a capacidade de rexeneración dos ecosistemas e a lóxica dos negocios, da rendibilidade sen límites.

Fronte ás ameazas podemos pensar, prosegue, que a crise ecolóxica é esaxerada pero non nos damos de conta que se trata dun crecemento exponencial, onde non se ve o perigo ou a reacción até que é demasiado tarde.

A continuación resalta unha serie de datos e investigacións que amosan e apuntalan a existencia da crise de maneira obxectiva e nos falan do seu alcance. Tódalas proxeccións do libro The limits to Growth,.enxergan un escenario de colapso, incluídas as súas revisións posteriores. O co-creador en 1996 do indicador sintético de sustentabilidade coñecido como "pegada ecolóxica", Mathis Wackernagel, calcula dende entón o impacto ecolóxico das nosas sociedades e compara países e grupos sociais (como director da Global Footprint Network). Así mesmo Colin Campbell calculou o cénit do petróleo arredor do ano 2010, para cando o 50% do mesmo xa estará gastado ou consumido (así a extracción baixa e o consumo crece namentres o 95% do movemento mecánico é realizado por maquinaria que se nutre de petróleo). Por último, lembra que a alimentación ten un tope de produtividade, entón...Que facer ante a proximidade dos límites do crecemento? A resposta está na economía ecolóxica, no decrecemento e no crecemento cero.

Porén Sempere prefire falar de economía sostíbel que de decrecemento. Segundo isto, mellor_con_menos.jpgtemos que definir as prioridades sociais -como en Gramsci cando se refería aos principios ético-politicos que guíen a sociedade- e estas pasan por: a soberanía alimentaria, a redución da necesidade de transporte, a potenciación da enerxía renovábel de base solar e a produción de bens de longa duración (que eliminen a obsolescencia na medida do posíbel, sendo amais menos vulnerábeis ás modas e á súa simboloxía).

Aínda que recoñece que é difícil unha austeridade voluntaria, afirma que a austeridade vainos pillar si ou non, queirámolo ou non, por iso é necesario imaxinar situacións de escaseza e comezar a pensar como xestionalas: "impónsenos unha toma de conciencia e articulación política de plans e programas destinados a isto."

Faise necesaria en definitiva, ao ver de Sempere, unha reorientación cara a unha austeridade hedonista: "a satisfacción por ingresos ten un teito, até un punto é positiva, logo aínda que aumenten os ingresos, a satisfacción, a felicidade non aumenta ou mingua. Temos que redefinir as prioridades, é mellor a seguridade de bens que a remuneración; é mellor ser que ter, é preferíbel compartir e ter vida social", finaliza.

 
< Ant.   Seg. >