Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
A loita contra a explotación mineira na Terra Chá PDF Imprimir Correo-e

dsc03711_1024x768.jpgUnha explotación de seixo ameaza os usos agrogandeiros e o medio natural da comarca da Terra Chá e está a suscitar un forte rexeitamento social. Un artigo de Margarida Prieto Ledo, Coordenadora Comarcal do Sindicato Labrego Galego na Terra Chá.

Transcorreron máis de tres anos e medio, dende que na Terra Chá tivemos as primeiras noticias das "tres concesións de seixo": Alicia, Karles e A Pastoriza (perto de 6000 ha), que afectan aos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba e  Riotorto.

Durante este tempo a clase política e os  poderosos escenificaron e escenifican o autoodio á Nosa Terra:  alcaldes, conselleiros, deputados, párrocos das nosas aldeas, pedáneos e moitos outros que,  tendo recibido, o SOS da Terra Chá  non tiveron nin un  minuto para adicarnos.

proxecto-explotacins1.jpgFoi tempo suficiente para ver  tamén como os discursos de moitos compañeiros de viaxe en loitas históricas dos labregos/as e gandeiros/as da Galiza e da Terra Chá, ou trocaron, moldeados moi sutilmente ao servizo do Capital e dunha empresa coma Erimsa (100 % de capital noruegués), ou simplemente fican desaparecidos ou fóra de cobertura.

En resumo, tempo abondo para sacar unha conclusión que ao longo da nosa historia como pobo se repite: Galiza e a Terra Chá sobreviven grazas á  loita e á defensa da Terra que os labreg@s e gandeir@s, e os galeg@s e chaire@s de corazón, somos capaces de artellar para facer fronte ao Gran Capital nos escenarios máis adversos.

Un milleiro de explotacións gandeiras ameazadas

Nun primeiro momento ninguén daba crédito ao que estaba pasando, era imposible, o tema tiña que solucionarse, ¡como ía ser posible que unha empresa multinacional tivese o dereito a expropiarnos as nosas mellores terras para extraerlles o seixo, deixándonolas inservibles para a produción agraria?. Que lle íamos dar de comer ao noso gado?. Como íamos cumprir cos compromisos das axudas da PAC?.  Como íamos manter as condicións das axudas do contrato de Explotación Sustentable?. Que ía a pasar con perto dun milleiro de explotacións agrogandeiras?.

Non, non era posible... Tiña que ser todo un malentendido. Ademais, daquela a Consellaría do Medio Rural seguía acometendo a concentración parcelaria de Goa - Cospeito, e estábase executando tamén un proxecto de mellora no regadío da Comunidade de Regantes Rio Miño Pequeno, cun orzamento de catro millóns de euros.

Os meses pasaban, os colectivos que nos opoñíamos á implantación das minas, iámonos organizando, íamos petando a todas as portas, e en todos os sitios recebíannos con moi boas palabras: na Consellaría de Medio Ambiente, na de Industria... O alcalde de turno,  ía facer "todo o que estivera na súa man"... Con tantos "amigos", non tiña que ser difícil que lle revisasen a Declaración de Impacto Ambiental a Erimsa e lle anulasen a concesión...

Namentres, a oposición ás Minas na Terra Chá seguíase organizando. Á Comisión fóronse sumando colectivos e foise formado  un sólido grupo onde están representados os intereses das asociacións de veciños e veciñas, dos gandei@s e labreg@s, das Comunidades de Regantes e Cooperativas, das organizacións agrarias, das asociacións culturais e deportivas,  etc.

Mais as solucións non chegaban, e as que se nos pretenderon vender como solucións, viñan envelenadas.

Protocolo entre a empresa mineira e a Consellaría de Industria

A primeiros de agosto de 2008 chega a "gran solución", que enche portadas da prensa con grandes titulares da sinatura dun protocolo entre a Consellaría de Industria e a empresa concesionaria.

A continuación reprodúcense textualmente algúns parágrafos do devandito protocolo (que na súa totalidade en ningún sitio menciona a redución das concesións), porque despois de lelo ducias de veces, non deixo de asombrarme.

img_0939-300x225.jpg"ERIMSA delimitará as áreas de explotacións, de tal xeito que a actividade mineira non afectará en ningún caso ás casas, vivendas, elementos construtivos permanentes afectos ás explotacións gandeiras e agropecuarias, naves, complexos deportivos ou culturais, ríos ou elementos do patrimonio cultural que se atopen na zona, co que a superficie finalmente explotada se reducirá nun 70%."

"Consonte as respectivas Declaracións de Impacto ambiental, Erimsa comprométese a cumprir as condicións impostas de tal xeito que as explotacións minerais respecten e non afecten a ningún espazo de protección ambiental".

Vendernos como solución que non nos van tirar as casas, nin as cortes, que van respeitar o patrimonio cultural, ou que van cumprir a Declaración de impacto Ambientas é, por non utilizar palabras máis fortes, unha auténtica tomadura de pelo, xa sabiamos que non lles compensaba tirarnos as casas! Só lles interesa alugarnos o terreo e, logo de esnaquizalo, devolvérnolo.

Coido que apenas precisa máis comentarios: o poder que as multinacionais exercen sobre os nosos políticos semella non ter límite. E ese mesmo poder foi exercido tamén para modificar a Lei do Solo á medida de Erimsa...         

Actividades extractivas en solos de protección agraria: de prohibidas a autorizables

Cando se aprobou a concesión non contaban con que houbese oposición, e moito menos organizada. Non esperaban que non lles foramos deixar implantar a actividade extractiva baseándonos en demostrar que o solo que cobizaban estaba calificado entón pola lei como de "protección agropecuaria".

Mais, curiosamente, no ano 2007 entra no Parlamento a Lei de Minaría de Galiza, na que por medio dunha disposición transitoria modificábase a Lei do Solo, co obxectivo de levantar a  prohibición da actividade extractiva neste tipo de solos.

Nese momento o Sindicato Labrego Galego presentou alegacións e mantivo entrevistas cos distintos grupos políticos, e os grupos do goberno BNG e PSOE recuaron e emendaron no Parlamento a súa propia Lei.

Pero o que logramos impedir naquel momento, conseguírono co actual goberno do Partido Popular, e pese ao rexeitamento de todos os axentes sociais representados no Consello Económico e Social de Galiza. Foi o Partido Popular o que desta vez presentou a emenda para que a prohibición de realizar actividades extractivas en solo de especial protección agraria mudase de "prohibida" a "autorizable pola Comunidade Autónoma".

Loita social

Desde que soubemos deste proxecto mineiro fumos artellando en cada momento a batalla  xuridicamente, e por medio da mobilización social fumos capaces de manter información da nosa problemática nos medios de comunicación, pese a todos os intentos de silenciarnos e ás compañas publicitarias de Erimsa.

No plano xudicial artellamos a principios do ano 2009 unha campaña de alegacións nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e  A Pastoriza cando tiveron a exposición pública os proxectos da solicitudes de licenza para a explotación de seixo.

A mobilización social centrouse nos actos informativos que a Comisión de Asociacións de Afectadas/os polas Minas na Terra Chá imos facendo alá onde se nos chvidal_romani_margarida_prieto_jos_prez_800x533.jpgama, así como polas parroquias dos distintos concellos afectados.

Nos primeiros momentos do conflito (2007) celebrouse unha manifestación en Lugo diante da Xunta. Nos anos  2008, 2009 e 2010 participamos nas manifestacións da Rede Galiza non se Vende denunciando a nosa problemática.

No presente ano 2010, e logo da mentada modificación da Lei do Solo no mes de marzo, iniciamos a procura de apoios noutros sectores e en toda a xeografía do País. Foi entón cando organizamos a primeira xornada-concerto reivindicativo -que contou coa colaboración de Mini e Mero e outros grupos de musica folk- dentro da Caravana de concertos da Rede Galiza non Se Vende,  a noite anterior á manifestación nacional.

Festival en contra das minas

E máis recentemente, no mes de maio, organizamos en Muimenta o Festival en contra das minas, con actos informativos e onde contamos coa presenza de Juan Ramón Vidal Romani -presidente do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal-  quen resaltou na súa intervención que "non se lle ve utilidade social ao proxecto", e incidiu nas consecuencias que a extracción de seixo podería atinxir, enfatizando na posibilidade de grandes inundacións debido ás características do solo da zona.

Pola súa banda, o xurista Xosé Pérez Rei -asesor do SLG- explicou á veciñanza e ás persoas que se achegaron até a Terra Chá interesándose polo conflito os contenciosos interpostos pola multinacional Erimsa contra os concellos de Castro, Cospeito e A Pastoriza, arestora en curso, e recalcou que "se trata dunha actividade autorizable, mais non "permitida", malia a mudanza lexislativa".

Foron moit@s os que nos achegaron o seu apoio nesta xornada de loita. Estiveron tamén canda nós importantes figuras do eido da cultura galega como Xabier Cordal, Darío Xohán Cabana ou Alfonso Torrado. O excritor Xabier P. Docampo, que non puido estar presente,  motivounos para loitar inda con máis forza achegándonos a través de Cordal as seguintes verbas:

xabier_cordal_canda_daro_xohan_cabana_800x533.jpg"Hai anos comecei un libro no que narraba un conto xogando co artificio de que mo contaba un homiño da Feira do Monte, dicía así. Eu nacín chairego e, suceda onde suceda, na mariña ou na montaña, chairego hei morrer.

Nunca me dixen de sitio ningún que non fose da Terra Chá, aquí naceron os meus pais, os meus avós, bisavós e tataravós. Non teño este lugar polo mellor do mundo, só o teño polo da miña nacencia e o da miña estirpe. El me deu  a el me debo.

Unha coincidencia de datas tenme hoxe na beiramar da Costa da Morte, mais eu sei ben canto desexaría estar aquí para vos dicir que con vós, brazo con brazo, impediremos esta desfeita. Coma quen se dispón para un combate, póñome ao voso dispor para preservar esta terra da rapina egoísta, do ladronicio que vén de fóra, apaña a correr o que pode sen reparar no que destrúe, e foxe na noite co produto agachado nas súas obscenas faltriqueiras. Rouban o que é noso, pero é que ademais rouban o chan dos nosos fillos. Chámanlle industria, aproveitamento de recursos, pero detrás deles só queda destrución, deserto e terra morta.

Somos tan vellos neste sitio coma os seixos que agora cobizan. Cando esas duras penas se apousaban neste chan xa nós lles estabamos a poñer nome aos lugares que a terra e a herba cubriu. Se erguíamos un seixo era para marcar un sitio ao que lle poñiamos de inmediato un nome. Para que? Para crealo e que permanecese, para podermos volver a el, para marcar un punto no universo.

Non podemos consentir que borren do mapa da nosa memoria os nomes que dan testemuño dos milleiros e milleiros de anos que levamos aquí os chairegos. Non, irmaos chairegos e irmás chairegas, os que amamos a Terra Chá non imos permitir a súa destrución e a súa morte.

Unha forte aperta e contade comigo para a próxima, porque non imos ceder".

A loita pola terra foi e é, para o Sindicato Labrego Galego, unha loita fundamental e dende a Comisión de Asociacións en contra das Minas da Terra Chá, e dende o Sindicato Labrego Galego, imos seguir pelexando para impedir esta desfeita, non imos consentir que nos rouben o seixo.

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!