Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Un manifesto ecoloxista galego de 1981 PDF Imprimir Correo-e
O movemento asociativo ecoloxista galego ten sido moi pouco dado á reflexión ideolóxica. Por iso, ten un valor especial o manifesto ifundacional de Natureza, colectivo ecoloxista coruñés activo nos anos oitenta que non chegou a se consolidar organizativamente.  Un documento de interese para a historia do ecoloxismo galego que resgatamos presentado por Roxelio P. Moreira.

Presentación do Manifesto Ecoloxista de Natureza

O "Manifesto Ecoloxista", que reproducimos a continuación, é un documento de alto valor simbólico e histórico. Foi a carta de presentación do "Colectivo Ecoloxista Natureza" no ano 1981,  e ofrece nos seus contidos todo un ideario xerado nunha época moi auroral do ecoloxismo.

É especialmente meritorio no contexto do seu momento, cando aínda existía moi escasa clarificación sobre o que era ou debía ser a actividade ecoloxista, sobre os seus obxectivos e sobre as súas relacións coas demais organizacións sociais e políticas. O ecoloxismo xurdía entón como un movemento xeralmente moi grupuscular e disperso, e constituído por moi variado tipo de asociacións. Mesmo nos seus propios nomes matizábanse as diferenzs entre uns e outros grupos, nun asombroso senfín de denominacións: ecoloxistas, naturalistas, conservacionistas, pacifistas, antinucleares, alternativos, radicais, verdes, etc., o que se deu en chamar a "nebulosa ecoloxista"; ademais, pululaban próximos outros colectivos cidadans, só ata certo punto afíns, que se dubidaba se podían ser tamén parte integrante deste indefinido movemento asociativo, así como, aproveitando a confusión, achegábanse tamén algunhas xentes certamente estrañas ao ecoloxismo. Cómpre sinalar que despois de celebradas as primeiras eleccións democráticas no país, algúns grupos políticos que quedaran fóra do xogo parlamentario volcáronse con máis interese nas que eles consideraban como bases ou organizacións de masas, entre as que ubicaban ás asociacións ecoloxistas.

Había reaccións contrapostas no ecoloxismo sobre cómo se posicionar perante a novidade que presentaban estas cuestións. Por exemplo, entre os que aceptaban como normal limitar o campo de acción á parcela estritamente ambientalista, nun sentido máis ou menos amplo, sendo no político non máis que unha correa de transmisión dos partidos operantes a ese nível, fronte aos que postulaban que debían asumirse principios políticos propios polos que autodirixirse o movemento ecoloxista.

O "Manifesto Ecoloxista" de "Natureza" foi no ideolóxico absolutamente vangardista: posiciónase a favor da autonomía do ecoloxismo; defende a conxugación da teoría e da práctica, de ser protagonistas da acción ao mesmo tempo que da reflexión; declara o seu talante asambleario e de democracia directa; fai unha declaración de principios sumamente ampla, que ata afirma que a loita polo equilibrio ecolóxico supón a loita pola liberación total do ser humano e a rebelión contra todo sistema económico-social agresor á natureza; e proclama que os seus obxectivos últimos suporán a consecución dunha "sociedade ecolóxica".

Nin que dicir ten que este documento foi obxecto de moitísima controversia interna, que durou meses, pois fundamentalmente opúñanse os membros das varias organizacións políticas que tamén militaban no ecoloxismo; como consecuencia, en sucesivos bosquexos, na procura dun consenso, fóronse recortando as súas partes máis ousadas. Mais aínda así quedounos o presente documento como texto final, que conserva todo o espírito e os principios utópicos que desde o principio animaron este "Manifesto Ecoloxista".

Roxelio Pérez Moreira, membro de Natureza e coordenador da Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galicia (AGENG) nos anos oitenta.

 

MANIFESTO ECOLOXISTA

A concepción do home como explotador e dominador da Natureza estase voltando en contra súa. A vida e as fontes de vida no noso Planeta non son ilimitadas e non se poden destruír impunemente: a Natureza ten as súas leis, a humanidade é parte da Natureza e non ten futuro se non é adaptándose a ela, polo coñecimento e a autorregulación da súa actividade.

A destrución dos recursos naturais, esgotamento de materias primas, degradación das terras, das augas e do aire, ruptura dos equilibrios biolóxicos e destrución dos ecosistemas, son fenómenos que obrigan de inmediato a unha nova concepción das relaciócartel_campaa_incendios_80.jpgns do home coa Natureza, que chaman a salvagardar os equilibrios do medio natural.

...

Estas agresións ao medio ambiente, que conlevan a súa destrución, non  son algo alleo ás condicións nas que se produciu o desenvolvemento económico e tecnolóxico, nin aos modelos económico-sociais imperantes no mundo actual:

O desenvolvemento das forzas produtivas non só deu lugar á crise nas relacións do home coa natureza senón que polas dimensións novas que supuxo radicalizou a crise dos individuos entre si, a crise nas relacións humanas.

A tecnoloxía e o desenvolvemento tecnolóxico non serviron como instrumentos liberadores dos homes e reguladores da súa actividade no contorno natural, senón que, pola contra, o coñecemento das leis polas que se rexe a natureza serviu para acentuar o seu espolio indiscriminadamente... E posto que a tecnoloxía atópase concentrada nas mans duns poucos -dos detentadores do poder económico- vén a constituír ademais un outro mecanismo de opresión sobre os homes. En definitiva: destrúese a natureza e destrúese o home.

A irracionalidade dos modelos de desenvolvemento existentes no mundo actual, baseados todos eles na consecución da máxima acumulación como resultado da extorsión da forza de traballo humano, tiveron como consecuencia o espolio indiscriminado da natureza pero, amais diso, supuxeron que o traballo humano fose reducido a simple fonte de beneficios, a simple mercadoría, perdendo o seu carácter creativo e de realización da persoa.

...

Os sistemas económicos e sociais dominantes, hoxe xa impoñen as súas condicións en todas as parcelas e ámbitos da vida, subordinando ao seu control todas as actividades humanas. Así, o lecer, o consumo, a vida sexual, a educación -e teríase que incluír absolutamente todo en maior ou menor medida- por complexos mecanismos, son actividades propias do sistema económico-social imperante, dirixidas por el, e están fóra do control da persoa. O desenvolvemento individual e a solidariedade humana parecen imposibilitados e todas as relacións humanas están mediatizadas pola explotación económica, a opresión política e a alienación ideolóxica.

Non lle son, pois, algo alleo a calquera dos sistemas imperantes de desenvolvemento económico os desequilibrios acuciantes nas condicións de vida da humanidade, nin as ameazas e hipotecas que para esta vida existen no futuro próximo:

-Os problemas de carencia de alimentos e de desigualdade na súa distribución, en definitiva: o problema da fame no mundo. Os problemas da desertización, da erosión e a perda de terras para a agricultura, e a utilización deficiente dos recursos alimentares.

-Os problemas da crise enerxética e de desbaldimento das fontes non renovábeis de enerxía, así como, para soster as necesidades de crecemento dunha sociedade produtivista, a hipoteca que para o futuro supón o espallamento por todo o Planeta das centrais nucleares e dos desperdicios atómicos. Ademais de todas as consecuencias que se derivan respecto ao uso e control da enerxía nunha sociedade na que o poder real está, cada vez máis, fortemente centralizado e xerarquizado.

-A ameaza permanente dun confrontamento militar, polo belicismo hexemonista e o imperialismo que sementa guerras e destrución como simple instrumento expansionista das grandes potencias, para asegurar os seus intereses económicos e  o control de recursos e mercados.

-O consumismo, como instrumento de coacción e alienación que obriga á integración nos mecanismos do sistema, creador e alentador de falsas necesidades, que explota as frustracións de afán de posesión, e que disolve todo proxecto social na competencia individualista.

-O autoritarismo individual e social e o totalitarismo político. A propiedade real que as clases dominantes detentan sobre os coñecementos culturais e científicos, e a apropiación por elas de toda a información. As explotacións e opresións que coverten en marxinados a grande número de persoas: mulleres, xoves, presos, doentes e vellos, obxectores de conciencia e non violentos, e as opresións étnicas e sexuais nas súas diversas manifestacións.

cartel_campaa_autoestrada_do_atlantico.jpgNin é algo alleo aos modelos económico-sociais existentes a ideoloxía do desenvolvemento baseada no expansionismo e superconcentración industrial, propiciando grandes desequilibrios territoriais e ocasionando que o crecemento e a opulencia duns pobos sexa á custa da miseria doutros pobos ou continentes, a concentración da poboación en áreas turísticas e urbanas en condicións de vida asfixiantes, e a ideoloxía do crecemento ilimitado.

Un crecemento infinito non é materialmente posíbel nun mundo finito: finito canto ao espazo dispoñíbel, canto á produción de alimentos, canto á dispoñibilidade de recursos naturais e canto á capacidade da auga, da terra e da atmosfera para absorber os residuos contaminantes. Ademais de que non debemos esquecer, e denunciamos, as relacións sociais de traballo que subxacen baixo a ideoloxía do crecemento ilimitado.

...

Co ritmo actual de destrución do contorno natural pode que cheguemos rapidamente a unha situación irreversíbel de desastre ecolóxico. Perante esta dramática realidade aínda hai quen seguen a pensar que o progreso tecnolóxico poderá poñer remedio á catástrofe co tempo. Denunciamos a irresponsabilidade desta posición, apoiada, moitas das veces, na indiferenza e o conformismo.

Moitas das consecuencias deste proceso son xa irreparábeis, e o facerlle fronte a esta situación nun prazo que para algúns dos casos é case inexistente parece xa imposíbel, mais é esa imposibilidade a que debemos combater.

O equilibrio coa natureza esixe como soporte un novo sistema de produción e convivencia, unha nova sociedade:

Esta sociedade ecolóxica que pretendemos ha ser unha sociedade solidaria e sen coercións, e onde a técnica non sirva para destruír o mundo e para o sometemento dos homes. Trátase da procura de equilibrios harmónicos do home co seu contorno natural e social e, en definitiva, do home consigo mesmo.

A loita polo equilibrio ecolóxico supón a loita pola total liberación individual e colectiva do ser humano, a rebelión contra todo sistema económico-social agresor á natureza e, agresor, por tanto, ao individuo, aos demais e ao contorno como partes dela.

...

A nosa toma de conciencia da necesidade desta loita e a consciencia de que o abandono de hoxe convertería en máis acuciantes as xa dramáticas situacións que estivemos referindo, levounos a unha toma de posición organizada para traballar na consecución deses obxectivos.

Constituímonos como colectivo ecoloxista de reflexión e de acción. Pretendemos incidir coa nosa práctica sobre a realidade sendo ao tempo protagonistas directos da nosa reflexión teórica pola discusión e a análise desa mesma realidade, e neste posicionamento sustentamos a nosa autonomía como colectivo ecoloxista.

Pretendemos non reducir a unha parcela o ámbito da nosa loita, posto que a loita ecolóxica é unha loita dirixida a todos os ámbitos da vida e é en todos eles onde estamos a sofrer as consecuencias dos modelos de sociedade imperantes na actualidade. 20080509elpepivin_4.jpg

Cremos que a loita ecolóxica segundo os presupostos que temos definido precisa inventar e dar cabida a novas e orixinais maneiras de loita social, precisa dunha loita de novos contidos para non ficar esgotada e absorbida nos mecanismos de integración dos que se dotan os sistemas sociais que haberá que combater.

Esta busca de novos contidos na loita ecolóxica  esixe a reflexión e revisión continuadas dos principios e a realidade, e a crítica aberta a todo dogmatismo doutrinario que se opón a iso, así como a comprensión de que non hai receita algunha que teña resolto o camiño.

Cremos tamén que todas as formas e camiños de loita poden ser válidos en diferentes momentos, e será o resultado da práctica e da reflexión diarias de maneira colectiva o que nos indique os xeitos de loita que en cada momento haberán de primar. Respectamos e non comprometemos a conciencia e a actitude individual que cada un queira ter sobre as súas accións, da mesma maneira que o colectivo non deberá ser comprometido por elas.

O noso talante é asembleario e de democracia directa. Estamos abertos á libre procura de propostas e solucións e a calquera posicionamento político que asuma a loita polo contido neste manifesto.

...

Reivindicamos os contidos utópicos do proxecto, porque partimos do convencemento de que as utopías de hoxe son o xerme da sociedade de mañá.

 

 

Maio, 1981.

 
< Ant.   Seg. >