Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Ecocidio PDF Imprimir Correo-e
Reseña
O autor senta as bases definitorias dun proceso reiterativo que está a se repetir unha vez máis no noso tempo, a era da globalización neoliberal, establecida nunha sociedade de "devoradores de futuro".

 

Título: Ecocidio

Autor: Franz J. Broswimmer

Editorial: Laetoli

Ano: 2005

Páxinas: 318

 ecocidio                                          

"Somos unha especie descontrolada que ten posto en marcha procesos que non entendemos e con consecuencias que non podemos prever"

Lester Brown - Earth Policy Institute

Esta cita, extraida do prólogo, reflite exactamente a idea coa que quedamos tras ler o magnífico libro "Ecocidio: Breve historia de la Extinción en masa de las Especies" de Franz Broswimmer.

A revolución neolítica, os Gregos, os Romanos, a civilización Maia ou a illa de Rapa Nui son algunhas das civilizacións extintas nas que o autor se detén para esclarecer as causas da súa desaparición. Entre as especificidades políticas e sociais coxunturais de cada cultura, destaca un proceso coincidente en todas elas: o esgotamento irresponsábel dos recursos naturais que as sustentan. Mais non se detén só nas consecuencias para o ser humano deses procesos, senón que analisa o seu impacto na comunidade de seres vivos nas que se insertan.

Así, o autor senta as bases definitorias dun proceso reiterativo que está a se repetir unha vez máis no noso tempo, a era da globalización neoliberal, establecida nunha sociedade de "devoradores de futuro" que o autor denomina Homo aesophagus colosus, empeñado no maior festín da historia do noso planeta , e tal vez o derradeiro.

Ao longo do libro, Broswimmer describe as relacións entre a guerra moderna e o ecocidio, o impacto do sistema de produción capitalista e post-capitalista, as relacións norte-sur, o fracaso da educación ambiental formal e o escaso tempo, se acaso queda algún, para retificarmos o noso seguro camiño cara ao colapso civilizatorio. Na súa parte final desenvolve o concepto de democracia ecolóxica como a saída emancipatoria para un futuro común equitativo.

En definitiva, un libro lúcido, sen cortapisas, ben documentado e directo co que sitúa un espello diante de cada un de nós, onde ollarmos as nosas miserias como especie destrutora do planeta. -"Se a historia nos ensina algo é que o noso impacto global sobre outras especies só pode ignorarse á nosa custa. Os humanos representamos unha parte complexa da biodiversidade, e tanto a historia medioambiental comparada como a socioloxía da civilización amosan claramente que ao destruír o noso entorno destruímonos nos mesmos"-

Xan Duro Fernández

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!