Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Espoliados ou espoliadores? PDF Imprimir Correo-e
derrame.jpgGaliza é vítima dun espolio enerxético, ao exportar sen compensacións un excedente de enerxía  ao resto do  Estado español. Mais, somos realmente excedentarios?  As relacións enerxéticas externas de Galiza non van alén do ámbito español? Non seremos  máis ben espoliadores?. Un artigo de Xosé Veiras, membro de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción.

A  consideración de Galiza como un país  espoliado enerxeticamente está amplamente estendida, inclusive no seo do activismo galego de defensa ambiental. Mais, que hai de verdade hoxe neste diagnóstico? En que medida serve para caracterizar a realidade?.

A parte do balanzo enerxético que non se adoita ver

A enerxía primaria é a enerxía tal e como se presenta na natureza (o carbón, o petróleo, a auga, o vento,..). Para a podermos aproveitar, a enerxía primaria transfórmase en enerxía dispoñíbel para o consumo: en electricidade, en calor ou en combustíbeis. Na transformación de enerxía primaria en enerxía disponíbel para o consumo prodúcense perdas que dependen dos factores de rendemento asociados a cada fonte de enerxía primaria (1). Isto lévanos a dúas consideracións importantes. Unha é que  a enerxía primaria consumida será sempre maior que a enerxía dispoñíbel. A outra é que a eficiencia do sistema enerxético non depende só da eficiencia no consumo senón tamén da eficiencia na transformación de enerxía primaria en enerxía dispoñíbel.

88-f-diagrama_fluxos.jpgCando falamos de enerxía debemos precisar de qué estamos a falar, pois non é o mesmo falar de enerxía primaria que de enerxía dispoñíbel. Así, podemos afirmar que Galiza exporta enerxía, mais só se precisamos que o que exportamos é enerxía dispoñíbel para o consumo (en forma de electricidade e de combustíbeis). Porén, para obter esa enerxía dispoñíbel o noso país precisa importar do resto do mundo enerxía primaria, materias primas enerxéticas. Da enerxía dispoñíbel obtida en Galiza, o 64,3% consómese no país e o 35,7% expórtase maioritariamente ao resto do Estado español (2).  Somos un grande transformador de enerxía primaria, mais non exportamos materias primas enerxéticas, non temos un excedente de enerxía primaria. Todo o contrario, estamos moi lonxe de ser autosuficientes.

A diagnose da realidade enerxética, para non ser incompleta, ten que se fundamentar no balanzo enerxético, o cal reflicte a produción, transformación, entradas e saídas de enerxía. A análise dos balanzos enerxéticos anuais elaborados polo Instituto Enerxético de Galiza (INEGA) deita abaixo a visión de Galiza como país cun excedente enerxético. A exportación de parte da electricidade (e dos combustíbeis) producida no noso territorio non debería eclipsar na percepción social un aspecto do noso panorama enerxético moi relevante: a elevada dependencia de combustíbeis fóseis importados (petróleo, carbón e gas natural). Cando afirmamos que Galiza exporta enerxía (para consumo final) só estamos vendo unha parte da realidade. Para obter esa enerxía -maiormente para consumo propio, non para a exportación- importamos enerxía primaria. De feito, mais das tres cuartas partes da enerxía primaria é importada, sendo case toda ela de orixe fósil (3).

  Táboa 1. Orixe en porcentaxe da enerxía primaria en Galiza, 2002-2006taboa_1.jpg

Fonte: Elaboración propia a partir dos balanzos enerxéticos do INEGA

Galiza é altamente dependente dos combustíbeis fóseis

O "excedente enerxético" de Galiza é unha ilusión que non poucas veces deixa no esquecemento unha realidade crucial: miremos as cousas como as miremos, dependemos moito do petróleo, do carbón e do gas natural importados e o peso das enerxías renovábeis é ben limitado. Se consideramos a enerxía primaria total, as renovábeis supoñen o 13,1%. Se o que temos en conta é a demanda enerxética galega, as renovábeis cobren o 24,6% (4). Se só consideramos o consumo interno de electricidade -unha das compoñentes da demanda enerxética- o panorama mellora bastante, pois a produción galega de electricidade renovábel  equivale ao 68,4% do noso consumo (aínda que se non incluímos os grandes encoros hidroeléctricos esta porcentaxe baixa ao 34,6%) (os datos anteriores refírense todos ao ano 2006).

 Táboa 2. Orixe renovábel ou non renovábel en porcentaxe da enerxía primaria en Galiza, 2002-2006taboa_2.jpg

Fonte: Elaboración propia a partir dos balanzos enerxéticos do INEGA

enerxia_primaria_en_galiza_2006.jpg 

Fonte: Balance enerxético de Galicia 2006 (http://www.inega.es/inega/2007/upload/inf/144-d-balance_enerxetico_galicia2006.pdf)

O noso elevado grao de dependencia enerxética (fósil) -moi superior ao do conxunto da Unión Europea- torna a economía galega extremadamente vulnerábel a inevitábeis aumentos de prezos -estudos recentes conclúen que hai un risco significativo de que o cénit da produción de petróleo convencional teña lugar xa na próxima década (5)- e conleva ademais uns danos socioambientais enormes, que teñen lugar no territorio propio ou son externalizados, é dicir, "exportados", a escala global (mudanza climática) ou a outros territorios.

Non só estamos a soportar custos sociais e ambientais por causa do noso modelo enerxético (incluído o modelo de transporte), tamén os estamos a provocar noutros territorios. É fácil imaxinar que a extracción e o transporte até o noso país das enormes cantidades de carbón, de petróleo e de gas natural que importamos causa enormes danos socioambientais, aínda que haxa unha inmensa falta de información ao respecto, causa e consecuencia da indiferenza e despreocupación que suscitan.

O ecoloxismo social non debe limitar a súa ollada aos  efectos para o país dos procesos de transformación enerxética que teñen lugar no noso territorio. Cómpre ollar tamén para o volume de enerxía primaria e o seu carácter renovábel ou non, así como para os impactos socioambientais menos próximos no espazo e no tempo, que afectan a outros pobos ou ás xeracións futuras. Non se trata só de vencellar transformacións enerxéticas en Galiza con respecto ambiental e benestar para os galegos e galegas, senón de facelo en termos de sustentabilidade ecolóxica e de equidade globais. Hai que se (pre)ocupar non só dos efectos en ou para Galiza senón tamén dos efectos desde Galiza.

 

A nosa pegada ecolóxica enerxética é insustentábel

A pegada ecolóxica é un indicador ambiental que mide a superficie bioloxicamente produtiva que precisa unha sociedade para obter os bens e servizos que consome e para absorber os residuos que xera. Unha das principais compoñentes da pegada ecolóxica é a relativa ao consumo de enerxía. É o que se denomina a pegada ecolóxica enerxética ou a pegada de carbono, pois estima a superficie necesaria para "secuestrar" as emisións de  dióxido de carbono (CO2) asociadas ao consumo enerxético. Trátase dun indicador un tanto simplista, pois limita o impacto do consumo de enerxía ás emisións de CO2, o principal gas de invernadoiro, mais sérvenos para visualizar a dimensión do impacto global do consumo de enerxía dunha determinada sociedade.

cut-carbon-footprint-in-half-3-quick-steps-photo.jpgOs estudos realizados até agora sobre a pegada ecolóxica enerxética de Galiza, referidos ao ano 2000, oferecen resultados diversos. O estudo dirixido por Martín Palmero cifrouna en 2,18 hectáreas por habitante (ha/hab.) (6). Un traballo posterior, do Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da Universidade de Santiago, estimou que ascende a 1,7 ha/hab. (2,66 ha/hab. se se inclúe a enerxía incorporada ás importacións netas) (7). Outro estudo, no ámbito dun traballo sobre a análise da pegada ecolóxica de España encargado polo Ministerio de Medio Ambiente, calculou que é de 3,43 ha/hab. (8).

  Mais alá das diferenzas entre os devanditos estudos, interesa salientar aquí a conclusión de que a pegada de carbono abonda por si soa para tornar insustentábel a pegada ecolóxica de Galiza.  Sexa cal for a estimación usada, só considerando a compoñente enerxética da pegada ecolóxica excedemos xa a superficie bioloxicamente produtiva (biocapacidade), tanto se tomamos  a galega (1,25 ha/hab no ano 2000) como a global (2,1 ha/hab en 2005). A pegada de carbono de Galiza é moi alta, superando amplamente a pegada media mundial (1,41 ha/hab en 2005). Consumimos enerxía á custa doutros pobos e das xeracións futuras.

  O simple contraste entre as emisións por habitante actuais de gases causantes do cambio climático desde Galiza (12,9 ton/ano en 2007) e o nivel de emisións ao que habería que chegar antes de mediados de século a escala mundial para evitar unha mudanza climática catastrófica (1,5-2,5 ton/ano) (9) xa nos dá unha idea do excesivas que son as emisións galegas de gases de invernadoiro (o 82,7% das cais se orixinaron en 2007 á na transformación e o consumo de enerxía).

Acredores ou debedores?

O sistema enerxético galego ten xogado durante as últimas décadas un papel fornecedor de enerxía dispoñíbel para a economía española, especialmente de electricidade. Ese papel continúa a cumprilo hoxe, aínda que non da mesma forma que nos anos sesenta ou setenta. Nin se exporta tanta electricidade -por exemplo, en 1962 exportouse o 75% da produción, mentres que en 2008 o 26%-, nin provén basicamente de recursos autóctonos renovábeis -en 2008, a metade xerouse a partir de combustíbeis fóseis importados-, nin se destina só ao resto do Estado español -na actualidade, a maior parte da electricidade exportada é consumida en Portugal-.

el_roto_dependencia_petrleo.jpgÉ ben sabido que o noso país ten pagado un elevado prezo socioambiental por suministrar enerxía final a outras zonas  do Estado español con maiores ingresos, contribuíndo decisivamente ao crecemento de empresas enerxéticas españolas ou estranxeiras. Porén, Galiza a penas ten recibido compensacións por iso. Somos polo tanto acredores dunha débeda ecolóxica contraída por esta razón polo Estado español.

Mais Galiza non só é acredora, tamén é debedora ecolóxica. En relación co resto da Península, Galiza opera coma unha área suministradora de enerxía final pero en relación co resto do mundo, Galiza é unha zona importadora de enerxía primaria, de combustíbeis fóseis e de biomasa (para agrocombustíbeis). A obtención destas materias primas con elevados custos socioambientais que non se refliten no seu prezo, unida á apropiación excesiva que facemos do espazo ambiental global como sumidoiro de carbono, contribúen a que esteamos a contraer unha importante débeda ecolóxica cos países empobrecidos.

Débennos e debemos e debemos máis do que nos deben. Ben é certo que boa parte da nosa débeda ecolóxica é atribuíbel en concreto a un sector enerxético orientado cara ao exterior en mans de transnacionais privadas de capital non galego. Mais tamén o é que este sector  goza de ampla aceptación social e política no noso país. O que se adoita demandar desde a nosa sociedade é que os beneficios do sector transformador de enerxía revirtan en maior medida en Galiza e que se reduza o seu impacto sobre o noso territorio, sempre nunha perspectiva de procura a toda custa do crecemento económico. Poucas veces se cuestiona a súa dimensión, a súa base esencialmente fósil ou o seu impacto máis alá das nosas fronteiras.

Canta enerxía necesitamos para "vivir ben"?

A comparación entre o Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) e o consumo de enerxía primaria por habitante pode aproximarnos á resposta a esta pregunta fundamental. O que se observa (con datos para o ano 2003) é que un país como Uruguai, cun IDH considerado elevado, presenta un consumo enerxético inferior a 1 petróleo/habitante (tep/hab.) (10). Tamén se constata que, a partir dun consumo de 3 tep/hab. (10) o IDH deixa de aumentar co consumo de enerxía.  Xa que logo, podería aceptarse que o consumo total óptimo de enerxía (electricidade, calefacción, transporte,...) andaría por volta de 1 tep/hab. Se se ten en conta só o consumo de electricidade -que en Galiza supón o 28,4% do consumo final de enerxía (ano 2006)- obsérvase que a maior consumo de electricidade corresponde maior IDH até atinxir aproximadamente un consumo de 1.000 hWh/hab. A partir deste consumo non se aprezan melloras moi importantes (11).

Galiza, cun IDH de 0,899 (ano 2000), está no grupo de países cun IDH elevado nos que se consome enerxía en exceso. Mesmo considerando só o consumo de enerxía dispoñíbel (que é inferior ao de enerxía primaria, pois non inclúe as perdas nas transformacións de enerxía primaria en enerxía dispoñíbel), estamos ben por riba do limiar óptimo de 1 tep/hab.: 2,3 tep/hab. en 2006.

Se temos en conta só o consumo de electricidade, que foi de 7.184 kWh/hab en 2008, segundo os datos de Rede Eléctrica de España , vemos que tamén fica lonxe do óptimo (1.000 kWh/hab.), sendo mesmo superior ao medio de España (5.881 kWh/hab.), o que se relaciona coa presenza no noso territorio de industrias moi intensivas en consumo de electricidade, nomeadamente de produción de alúmina-aluminio.

Os anteriores limiares de consumo óptimo son discutíbeis, mais se achamos que para vivir ben non é preciso aumentar indefinidamente a produción e o consumo, facer depender a mobilidade do automóbil privado ou encher a casa de electrodomésticos, chegaremos á conclusión de que, en sociedades produtivistas/consumistas como a nosa, hai unha marxe ampla para reducir o consumo de enerxía sen que iso supoña empeorar as condicións de vida.

Nos anos anteriores á actual crise económica, o consumo de enerxía dispoñíbel (electricidade, calor, combustíbeis) en Galiza medrou considerabelmente. Fíxoo en maior medida que a exportación, polo que cada vez é maior a proporción de enerxía dispoñíbel obtida no noso territorio destinada ao consumo interno galego.

  Táboa3.Enerxía dispoñíbel total (ktep) por destinos, 2001-2006  taboa_3.jpg

  Fonte: Doldán (2008) a partir de INEGA

A proposta do ecoloxismo social

O ecoloxismo social non reproduce acriticamente o discurso do "espolio enerxético de Galiza" e ocúpase  tamén dos impactos extraterritoriais asociados á transformación e ao (sobre)consumo de enerxía en Galiza. A súa achega máis relevante ao debate enerxético é a introdución  nel de realidades e propostas como a pegada ecolóxica, a débeda ecolóxica, a crise ecolóxica, o cénit do petróleo, a xustiza climática, a suficiencia, o decrecemento socialmente sustentábel,  a soberanía alimentar ou a soberanía enerxética.

20060418elpepivin_5.jpgHai que explicar á xente que non hai tal "excedente enerxético" e que temos unha altísima dependencia dos combustíbeis fóseis, que o tempo da enerxía abundante e barata está a acabar, que a  crise enerxética e a crise climática de alcance planetarios nos encamiñan cara a un colapso global nun prazo de décadas, que se pode vivir ben consumindo menos do que a media dos galegos e galegas, que non se trata de sermos unha  potencia enerxética senón de procurar atender un consumo enerxético reducido interno baseándonos no aproveitamento do noso potencial de enerxías renovábeis, que sería mellor para a maioría social un sector enerxético descentralizado,  non liberalizado, con moitos pequenos produtores e unha importante participación pública.

A construción dun novo modelo enerxético sustentábel non só é necesario e urxente senón tamén posíbel, mais implica mudanzas moi fondas no eido dos valores sociais, das estruturas económicas e das tecnoloxías. Desde Galiza, resulta chave acometer simultaneamente tres tarefas: 1) decrecer o consumo de enerxía (non confundir coa ralentización do crecemento do consumo, como propón o Goberno Feijóo ou como propoñía o bipartito); 2) orientar máis o sector enerxético cara ao consumo interno e menos cara á exportación e 3) avanzar cara a un mix enerxético baseado nunha combinación da eólica terrestre e mariña, da hidroeléctrica, das diferentes enerxías solares, da biomasa, da xeotérmica e das enerxías mariñas.

No que atinxe ao necesario despregamento das renovábeis  é importante facer dúas consideracións. A primeira é que, sen ignorarmos que un modelo enerxético 100% renovábel comporta custos ambientais que teremos que asumir (moito menores que os do modelo actual pero máis próximos), non se poden repetir desfeitas ambientais como as provocadas na nosa terra en zonas de alto valor ecolóxico pola enerxía eólica. Xa que logo, é preciso estabelecer restricións ambientais esixentes. A segunda é que a expansión das renovábeis  ten que se enmarcar nun paradigma de xeración distribuída, achegando as fontes de produción aos lugares de consumo. Isto ten dúas grandes vantaxes. Por un lado, diminúe as perdas enerxéticas no transporte. Por outro lado, achega os impactos a quen desfruta dos beneficios da enerxía, favorecendo a reflexión sobre as consecuencias do consumo (12). Sen dúbida, a despreocupación na nosa sociedade polo sobreconsumo de enerxía (a maior parte de orixe fósil) garda relación en parte coa invisibilización da maior parte dos prexuízos socioambientais que conleva ao estaren en boa medida moi afastados no espazo ou no tempo.

Notas e referencias

(1) O nivel de rendemento exprésase como a enerxía dispoñíbel para o consumo logo das transformacións enerxéticas dividida polo volume  total de enerxía primaria.

(2) A situación enerxética galega no contexto europeo. Xoán Ramón Doldán García. Universidade de Santiago. Revista Galega de Economía vol 17, núm extraord. (2008), pp 241-262 (http://www.usc.es/econo/RGE/Vol17_ex/galego/art13g.pdf).

(3) O último balanzo enerxético anual publicado corresponde ao ano 2006. Desde entón é previsíbel que a porcentaxe de enerxía primaria importada teña aumentado, pola maior importación de gas natural e de biomasa para agrocombustíbeis e polo esgotamento das minas de lignito (carbón) das Pontes e de Meirama.

 (4) A situación enerxética galega no contexto europeo. Xoán Ramón Doldán García. Universidade de Santiago. Revista Galega de Economía vol 17, núm extraord. (2008), pp 241-262 (http://www.usc.es/econo/RGE/Vol17_ex/galego/art13g.pdf).

(5 ) La segunda mitad de la era del petróleo. Mariano Marzo, catedrático de Recursos Enerxéticos na Facultade de Xeoloxía da Universidade de Barcelona. El País (28 de Xaneiro de 2010) (http://www.elpais.com/articulo/opinion/segunda/mitad/era/petroleo/elpepuopi/20100121elpepiopi_11/Tes)

(6) Desarrollo sostenible y huella ecológica. Federico Martín Palmero (editor). Netbiblo (2004).

(7) Consumo de energía y medio ambiente en Galicia: una visión desde la huella ecológica. A. Carballo Penela, C.S. Villasante Larramendi, Y.N. Zotes Tarrío (Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da Universidade de Santiago). Relatorio presentado nas X Xornadas de Economía Crítica (Barcelona, 2006) (http://www.ucm.es/info/ec/jec10/ponencias/404carballoetal.pdf).

(8) Una aproximación a la huella ecológica de España. Iñaki Arto Olaizola (Unidade de Economía Ambiental do Instituto de Economía Pública da Universidade do País Basco). Relatorio presentado nas II Xornadas Españolas de Análise Input-Output. Crecemento, demanda e recursos naturais (Zaragoza, 2007). (http://www.unizar.es/jornadasiozaragoza/archivos/pdf/Ponencia_Arto_Inaki_2.pdf).

(9)  El cambio climático en España. Estado de situación. Documento resumo. Informe para o presidente do Goberno elaborado por expertos en cambio climático (Novembro de 2007) (http://www.mma.es/secciones/cambio_climatico/pdf/ad_hoc_resumen.pdf).

(10) Unha tonelada equivalente de petróleo (tep) é a enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo. É un termo de referencia común para todos os tipos de enerxía, non se refire só ao petróleo.

(11) A la búsqueda de alternativas. Rosa Lago e Iñaki Bárcenas. Energía y deuda ecológica. Iñaki Bárcena, Rosa Lago, Unai Villanueva (eds.). Icaria (2009), pp 453-488.

(12) Cambio de paradigma enerxético. Francisco Castejón. Claves del ecologismo social. Varios autores. Libros en Acción (2009), pp 189-196.

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!