Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Galiza perante o desafío da mudanza climática PDF Imprimir Correo-e

cambio_climatico-300x300.jpgPreguntamos a Charo Sánchez, do Sindicato Labrego Galego, ao economista Xoán Ramón Doldán, ao educador Manuel Antonio Fernández e a Francisco Sóñora,coordenador do proxecto Climántica, sobre o desafío que a mudanza climática representa para Galiza. Eis as súas respostas.

Charo Sánchez, Sindicato Labrego Galego (SLG): "Contra a crise climática, agricultura labrega"

Entendemos que o noso sistema alimentario actual é un dos principais actores do cambio climático, e que as políticas agrarias e alimentarias poden contribuír a quentar máis o planeta ou a arrefrialo.

Sabemos que se manipula e orienta á opinión pública para que sexa máis sensible á dependencia enerxética que á dependencia alimentaria. Manipulan a preocupación social polo cambio climático e a crise enerxética de xeito que manteñen o seu modelo produtivo agro-industrial, sabendo que é unha das principais causas da crise climática. Así, fortalecen e amplían o seu control sobre o sector agrario, desprazando a produción labrega de alimentos, mentres aumentan os  seus beneficios económicos.

Cómpre mudar radicalmente a política agraria e alimentaria. Poñer as bases para manter e desenvolver a agricultura labrega en base á terra, en explotacións diversificadas e dimensión humana e promovendo un uso reducido de enerxía e sen utilización de produtos químicos que deixan residuos perigosos no solo, nas aguas e nos alimentos, priorizando a produción local para os mercados locais e de proximidade. Deste xeito, poderíase contribuír a unha redución enorme no uso da enerxía e as emisións.

A Política Agraria Común (PAC) apoiou e fomentou prácticas moi intensivas e competitivas (na enerxía, recursos e combustibles fósiles) que favorecen a agroindustria e non deixan  espazo para os modelos agroecolóxicos e as explotacións labregas .

sfondo.jpgHai que poñer en práctica unha nova política agraria que:

-Manteña e estabeleza explotacións labregas de dimensión humana, producindo alimentos en todo o territorio -o que contribuiría ao aumento do emprego rural- e revertendo a tendencia actual que fai desaparecer unha granxa cada minuto na Europa.

-Fomente os modos de produción en base á terra e traballe cara á produción local para os mercados próximos.

-Traballe activamente na protección de sementes autóctonas e no fomento de métodos locais de distribución e produción que se poidan adaptar mellor ás mudanzas climáticas que xa nos están a afectar.

Estas prácticas agrícolas multifuncionais, sostibles e de baixos insumos  están a demostrar ser mais produtivas e eficientes enerxeticamente cás grandes explotacións industriais.

Defendemos  unha política agraria baseada no marco da Soberanía Alimentaria.

A Soberanía Alimentaria defende o dereito á decisión colectiva sobre a produción de alimentos. Implica primar o emprego dos recursos locais para a produción de alimentos, minimizando as materias primas importadas para a produción así como o seu transporte, reorientar a produción cara ao local, adoptar estratexias para manter as persoas no agro no lugar de expulsalas, utilizando e expandindo o coñecemento e o saber local, partindo da relocalización da economía, desenvolvendo modelos responsables ao servizo da eficiencia, do emprego e do medio natural.

Xuntas, tales medidas conformarían un paso na loita contra o cambio climático  e sería un avanzo no desenvolvemento do dereito á soberanía alimentaria .

Dende o SLG, defendemos que este é o único modelo que ofrece unha alternativa á futura destrución medioambiental e alimentaria.

 

Xoán Ramón Doldán, profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago: "Loitar decididamente contra o cambio climático supón transformar de raíz todo o tramado social e económico"

Non semella que o cambio climático estea entre as prioridades da maior parte da poboación galega, dos seus gobernantes ou representantes políticos. A crise económica e as súas consecuencias, o desemprego, a perda de poder adquisitivo, as débedas, están máis presentes no día a día da maioría; para outros as feblezas do sistema financeiro aparecen como problemas de máxima urxencia. Malia térsenos advertido dos perigos do cambio climático ou da irreversibilidade do proceso no caso de mantermos certos comportamentos económicos, outros perigos son vistos como máis inmediatos.climate_justice.jpg

Aínda así, permanece o discurso cerimonial e a liturxia sobre o cambio climático e a sustentabilidade, adheridos a programas políticos ou mesmo plans económicos contra a crise. Mais cando un separa a carapela e procura a coherencia entre os propósitos manifestados e as medidas que se propoñen obsérvase a inconsistencia. E hai razóns obvias para isto suceder. A xustificación máis doada sería dicir que vivimos tempos apurados que non permiten adiar certas medidas mesmo cando van en sentido contrario ao que requiriría a loita contra o cambio climático. No entanto, o cotián ten afastado hai tempo da axenda política ao realmente necesario e a primeira plana dos xornais mobiliza a acción política máis que os estudos científicos detidos e rigorosos. Así que as verdadeiras razóns son outras e teñen que ver con aquilo que é imprescindíbel nunha loita decidida contra o cambio climático.

Como queira que o cambio climático se relaciona, entre outras cousas, con certas prácticas socioeconómicas, é aí onde radica a pedra angular dos cambios a acometer. Porén, esas mudanzas supoñen transformar tamén de raíz todo o tramado social e económico: a produción, a comercialización, a transformación, o transporte, a alimentación, o consumo, o tipo de recursos utilizados, a forma de xerar e devolver á natureza os refugallos..., en definitiva cambiar o modo de producir, a forma de organizármonos socialmente que, na actualidade, se caracteriza por ser de tipo capitalista monopolista.

aqui_comeza_mudanza_climatica_as_pontes.jpgÉ este o modelo que comezou a facerse hexemónico hai douscentos anos, o que se dotou dun novo modelo enerxético baseado nas enerxías fósiles (primeiro o carbón e logo o petróleo e o gas natural) que permitiron un crecemento económico non coñecido con anterioridade e á custa dunha bulimia enerxética que acabou por necesitar calquera recurso susceptíbel de ser aproveitado enerxeticamente, pero que tamén provocou unha degradación ambiental xeneralizada e unha grave crise de recursos. Esta mobilización masiva de enerxía e recursos é a causa da bonanza material na que vivimos durante un tempo unha parte relativamente cativa da humanidade (a das economías occidentais), servindo de perigoso modelo ao resto. Tamén posibilitou a excesiva concentración urbana e a proliferación da nosa especie até un punto en que deberíamos ser considerados como unha praga daniña para os demais seres vivos.

Velaí a crise que máis nos debería inquietar, porque é unha crise de civilización e unha crise vital. As causas da mesma son tamén doutro fenómeno, o teito do petróleo, o fin do crecemento na produción petrolífera e que obrigará a unha inflexión no modelo actual. Esta pode ser unha oportunidade para non demorar solucións contra o cambio climático acometendo unha transformación no modelo enerxético cara a un baseado nas enerxías renovábeis e nun nivel de consumo moito menor, cara a unha economía descentralizada e unha produción máis local, unha recomposición no equilibrio rural/urbano e cara a un comportamento humano menos ensoberbecido e máis considerado cos ciclos da natureza.

 

Manuel Antonio Fernández, membro do Taller de Educación Ambiental do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago: "Na construcción e impulso dun formidable movemento en defensa do planeta terá que xogar un papel chave a educación"

A especial virulencia que revisten os problemas ambientais no mundo globalizado actual están levando a moitos teóricos e activistas a falar da necesidade de impulsar un novo modelo socioeconómico para garantir mesmamente a simple sobrevivencia da nosa especie nos vindeiros séculos deste milenio que vimos de inaugurar.

Pero o levantamento dun novo edificio significa a destrución do anterior e os colosais cambios sociais que subxacen a estas transformacións fannos prever períodos de transición certamente conflitivos. Nen sequer somos quen de albiscar como se producirán estas mutacións. Despois dun século XX sanguento e desgarrador, que case nos conduce "ao fin da historia", "ao fin das ideoloxías", temos medo de nós mesmos. O imaxinario do cataclismo nuclear, herdado da época da guerra fría, tense instalado de xeito paralizante no noso subconsciente, coartando as enerxías necesarias para a mudanza e o progreso.As esperanzas e ilusións da modernidade teñen sido suplantadas pola descrenza e a inacción do postmodernismo.

¿Seremos capaces de xestionar a transición de paradigma de xeito racional?¿Quen serán os axentes protagonistas dos cambios?¿Adiantarémonos ao inevitable ou seremos meros efiebre_el_roto.jpgspectadores do determinismo cego da natureza?

Tras o fiasco do cumio de Copenhague, a desazón volve aos nosos corazóns. As nacións máis poderosas non queren liderar as reformas necesarias. Como ocorreu noutras ocasións ao longo da historia, só cando a inminencia da catástrofe estea próxima darémonos conta do errados que estabamos, pero, ¿haberá tempo entón de emprender os cambios estruturais necesarios para construir o novo mundo?

Agora é cando de xeito máis necesario que nunca  se precisa do empuxe do movemento cidadán mundial como catalizador dos procesos que as forzas do mercado por si soas non son quen de  emprender. Para iso fará falla que conflúan os diferentes axentes nun masivo movemento altermundialista que sexa capaz de englobar nun programa común os intereses e necesidades dos habitantes empobrecidos do Terceiro Mundo, dos activistas disconformes do Norte, dos traballadores e desempregados dos países desenvolvidos e tamén das clases medias concienciadas na necesidade de adiantarse ao colapso ambiental que anuncian as previsións futuras.

Na construción e impulso deste formidable movemento en defensa do planeta terá que xogar un papel chave a educación. Nos sistemas educativos das nacións deberanse implementar os principios xa formulados pola UNESCO coa proclamación da "Década da Educación para o Desenvolvemento Sostible"(2005-2014). A Educación Ambiental e o Desenvolvemento Sostible teñen que deixar de ser temas marxinais na meirande parte dos sistemas educativos do mundo, para converterse en núcleos de interese e centros de atención arredor dos que que vincular as relacións existentes entre moitas das materias dos programas tradicionais. Os grandes obxectivos da educación serán ler, pensar, escribir, calcular, mais tamén restaurar e preservar o equilibrio das relacións entre os seres humanos e entre eles e a súa contorna.

Xa existen excelentes proxectos en marcha. O programa galego de Climántica é un bon exemplo de cómo as boas iniciativas institucionais teñen o respaldo da comunidade educativa, pero fai falla máis ambición e decisión para que estas propostas se fagan extensibles ao conxunto da sociedade e non se queden como meras xustificacións, enfeites publicitarios de que fixemos algo. Necesitamos medidas educativas por un lado e socioeconómicas polo outro; concienciación escolar e redución nas emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). Non podemos por unha banda facer plans de mobilidade sostible e pola outra financiar a compra masiva de vehículos privados. Dicir que apoiamos as enerxías renovables e suprimir o transporte ferroviario de proximidade; promover campañas de aforro enerxético e seguir falando do crecemento económico como a panacea dos nosos males. Son contradicións dunha civilización na que, nin os políticos, nin os empresarios, nin as grandes maiorías de cidadáns, aínda non teñen nas súas prioridades a necesidade de emprender o rumo da sostibilidade. Nesas impostergables tarefas, a Educación Ambiental ten que xogar forzosamente un papel crucial.

 

Francisco Sóñora Luna, director do proxecto Climántica da Xunta de Galicia: "O principio metodolóxico de desenvolvemento en fervenza de Climántica posibilita a incorporación dos docentes de todos os niveis educativos, sen límite de fronteiras"

Dende o curso 2006-2007 a Comunidade educativa de Galicia está a vivir un proceso de implicación progresiva no desafío do cambio climático a través do proxecto Climántica, situándose como líder nesta dimensión educativa no conxunto do Estado.

Este proxecto de Educación Ambiental da Xunta de Galicia desenvólvese en rede co obxectivo básico de intercambiar ideas e experiencias, xerar produtos didácticos interdisciplinares, enriquecer o currículo de Educación Ambiental e abordar as principais problemáticas ambientais relacionándoas co cambio climático, co fin de aproveitar o desenvolvemento didáctico dos docentes para, deste modo e usando a súa dimensión global de web 2.0, estendelo a todos os cidadáns en xeral, sen límites nin fronteiras, a través do uso do seu sitio web trilingüe www.climantica.org

O principio metodolóxico de desenvolvemento en fervenza de Climántica posibilita a incorporación dos docentes de todos os niveis educativos, sen límite de fronteiras. Os educadores que desenvolven experiencias piloto con éxito, convértense en autores e formadores de educadores homólogos, transferindo así as súas experiencias piloto a modelos de réplica a través da súa difusión no sistema de blogs da súa etapa educativa, da edición de clase_anguita.jpgmateriais didácticos e/ou da realización de obradoiros presenciais e/ou e-learning para formar colegas do mesmo contexto educativo.

Na rede de Climántica tamén está presente a capacidade de sensibilización dos estudantes. En Climántica, os alumnos convértense en monitores que explican o cambio climático á comunidade educativa, en meteorólogos e en autores que presentan traballos en congresos e que se publican na revista de estudantes e na Web. Actualmente estase a poñer en marcha a Comunidade Wiklimántica, na que se seleccionará, pola calidade das súas achegas, unha moza e un mozo entre os 12 e os 15 anos que formarán parte do grupo de 12 delegados que España enviará ao cumio de estudantes dos países da ONU sobre o clima que se celebrará en Brasilia en xuño de 2010.

Estes son os resultados a destacar do Proxecto Climántica ata hoxe:

 -Sobre o sitio web:

Máis de 300.000 visitantes de 115 países diferentes con tempos medios de permanencia superiores aos 5 minutos.

Máis de 100 blogs de aula actualizados ( http://blogs.climantica.org ).

Máis de 80 centros  funcionando coa aplicación web de Meteo Escolas ( http://www2.meteogalicia.es/galego/observacion/estacions/estacions.asp ).

Sobre os produtos:

Distribuídos máis de 30.000 exemplares de 4 libros didácticos ("Cambia ou clima?" "Se queimamos quentamos", "Climaucambio" e "Aprendemos coas escolas climánticias") , 2 comics da serie "Palmira e Marcial, odisea media medio ambiental" e 1 novela da colección Contos Climánticos: "A treboada de C" de Agustín Agra

(http://biblioteca.climantica.org/gl/biblioteca/unidades-didacticas?locale=gl )

-Sobre a formación do profesorado: formados máis de 1.000 profesores ( http://tv.climantica.org/canales/1 )

 -Sobre a participación dos estudantes:

Formados máis de 8.000 escolares en centros educativos mediante obradoiros e xornadas do cambio climático ( http://tv.climantica.org/entradas/45 ).

Participación de máis de 6.000 estudantes de 2º de bacharelato en actividades de orientación profesional e vocacional en ámbitos profesionais relacionados coa sostibilidade ( http://tv.climantica.org/canales/9 ).

288 escolares autores do  Nº1 de  CLMNTK e 581 no Nº 2.

(http://biblioteca.climantica.org/gl/biblioteca/revistas/clmntk/clmntk-n-2 ) Estas publicacións presentáronse no seu correspondente congreso de estudantes.

( http://tv.climantica.org/entradas/177 )

-Sobre a educación non formal:

Espectáculo de sensibilización Climantopía en 8 localidades

( http://tv.climantica.org/canales/7 ).

logo-climantica.jpgMateria para estudantes sénior na universidade (http://tv.climantica.org/canales/8 ).

Publicados dous comics (http://biblioteca.climantica.org/gl/biblioteca/comics/numero-2 ), unha novela (http://biblioteca.climantica.org/gl/biblioteca/novelas/a-treboada-de-c/version-completa ), 5 propostas e-learning ( http://climantica.org/formacionProfesores/gl/page/didactica), unha exposición interactiva (http://biblioteca.climantica.org/gl/biblioteca/exposicions/primeira-exposicion-interactiva ) onde cada panel se vincula a un cuestionario e-learning interactivo, un videoxogo (http://xogo.climantica.org ) e 11 blogs temáticos ( http://tematicos.ccmc.climantica.org ).

Unha televisión on-line sobre Educación Ambiental, cambio climático e sostibilidade ( http://tv.climantica.org )

-Sobre a repercusión exterior:

Proposto como modelo pola Oficina Española para o Cambio Climático, presentándoo como modelo nos seus seminarios de Córdoba (2007), Zaragoza (2008) e Valsaín - Segovia (2009).

Formación na práctica totalidade das comunidades autónomas de España, colaborando en plans de formación continuados no tempo coa Consellaría de Educación de Cantabria, coa Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra e coa facultade de Ciencias da Universidade de Alacante .

Formación en Coimbra ao longo do primeiro trimestre deste curso 2009-2010 de profesores de 18 centros pilotos en Portugal ( http://tv.climantica.org/entradas/186 ) e que aplican o proxecto nas súas clases mediante un sistema propio de edublogs.

Experiencias piloto con escolares de ensino secundario de Cuba no Instituto Pedagóxico da Habana ( http://tv.climantica.org/entradas/50 ) e cos escolares do colexio galego - arxentino Santiago Apóstolo de Bos Aires ( http://tv.climantica.org/entradas/51 ) .

Convite de Al Gore á reunión de 100 expertos internacionais de Ámsterdam.

Presentación na sede da ONU de Nova York o 2 de xuño de 2008 ( http://climantica.org/climantica/resource/Escuela_12062008.pdf ), posterior recepción en Madrid do Alto Comisionado da ONU para o Cambio Climático o 24 de marzo de 2009 e presentación como boas prácticas de España no Seminario Europeo sobre o artigo 6 da Convención Marco das Nacións Unidas do que quedaron comunicadas 7 boas prácticas no apartado "Others" ( http://unfccc.int/files/cc_inet/information_pool/application/pdf/good_practice.pdf ).

 
< Ant.   Seg. >