Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
O natural é político PDF Imprimir Correo-e
o_natural_e_politico.jpg

Dalgunhas afirmacións vertidas nas páxinas deste libro de Teresa Moure podemos tirar máis confusión ca claridade dos moitos trazos relativos ao ecoloxismo e á crise ambiental, tanto no eido conceptual e discursivo como no eido dos datos referidos a esta última. Unha reseña de Alexandre Cendón.

O natural é político

Teresa Moure

Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2008

222 páxinas

 

o_natural_e_politico.jpgQue o natural, o medio ambiente, a natureza, o non-humano..., sexan algo político -ou dito doutro xeito: algo concernente á política, un asunto máis do que esta se deba ocupar- non é dicir nada novo ou que non se saiba. Por iso, sorprende a pretensión deste libro de presentar como unha novidade a consideración pola política do contorno natural.

Hannah Arendt definía a política como aquilo que incumbe ao "entre" dos humanos, aquilo que está alén do estritamente privado ou do coidado de si mesmo, e non é de estrañar que nese "entre" tamén caiba o mundo que nos circunda e que nos envolve -algo tamén fóra dos humanos e co que nos relacionamos- no que estamos e polo que somos. Que por miopía e narcisismo esa consideración non fose tida en conta durante moito tempo, non significa que tal feito non exista xa ou non se producise.

Hai máis de corenta anos que o ecoloxismo (que non se debe confundir coas posturas conservacionistas, proteccionistas e preservacionistas precedentes, nin coa ciencia da ecoloxía como parece facer ás veces este libro, como na páxina 57) deu os seus primeiros pasos, da man dos novos movementos sociais xurdidos entre as décadas dos anos 60 e 70 do pasado século; e con el aflorou unha nova política que dende entón non nos deixou de acompañar-lembremos que unha das características deses novos movementos é a de forzar a inclusión na práctica política de novos problemas e debates, sacando á palestra contradicións ocultas até ese intre.

Por outra banda, poderiamos esperar que este libro formulara cuestións novas ao respecto, que afondara nalgúns deses aspectos..., mais nin sequera os apuntamentos que fai sobre o tema están ben rematados ou definidos como para poder consideralo como unha introdución ao pensamento verde: dalgunhas afirmacións vertidas nas súas páxinas, podemos tirar máis confusión ca claridade dos moitos trazos relativos ao ecoloxismo e á crise ambiental, tanto no eido conceptual e discursivo como no eido dos datos referidos a esta última.

Así, fai unha listaxe dos problemas ambientais propios e partillados, situando a Galicia nunha posición de vítima a medio camiño entre o mundo tradicional rural perdido (do que semella ter nostalxia, como modelo dunha suposta sustentabilidade, esquecendo a tremenda pobreza e inxustiza social propia desa sociedade, que provocou, entre outras cousas, unha emigración masiva) e a globalización contemporánea (sen ter en conta, por exemplo, o indicador sintético de sustentabilidade da pegada ecolóxica, que amosa un desaxuste enorme de 7 ha por persoa, é dicir, que para subsistir actualmente Galicia co seu modelo político, social e económico, necesita 7 veces o seu territorio, ou dito de outro xeito: 7 "Galicias"). Xunto a isto podemos citar outras inexactitudes, como cando di que "este país produce tres veces a enerxía que consome" (páx. 13), sen ter en conta que no cómputo total enerxético Galicia é deficitaria (debido á importación de petróleo, gas e carbón); ao referirse ao impacto dos parques eólicos sobre as fragas (nos cumios das montañas non hai fragas), ou cando achaca á especulación urbanística ser a causa dos incendios forestais (pasando por alto toda unha problemática estrutural do noso monte que explica por si soa a existencia dos lumes).

Asemade, no libro a cuestión vexetariana ocupa unha posición demasiado preeminente en relación coa crise ambiental. Non quero dicir que esta cuestión non sexa importante ou defendíbel, senón que dentro da cuestión alimentaria na que se inscribe existen outras alternativas (como a vegana ou vexetaliana, que fan do animalismo ou da loita polos dereitos dos animais a súa prioridade central; ou aquelas outras que non practican a crueldade e a explotación cos outros animais). Se ben é certo que con actitudes alimentarias como a vexetariana, se cultiva un respecto cara ao mundo non humano, moi proclive á sensibilización da problemática ambiental, tamén se pode caer nunha sorte de preponderancia animalista que defenda, como Singer, a manipulación xenética para evitar a dor, afastándose da naturalidade defendida polo ecoloxismo. Con todo, é certo que este tipo de alimentación contribúe positivamente a diminuír a presión sobre os recursos, polo que sempre será máis sostíbel ca unha dieta na que predomine a carne e o peixe (e se se acompaña dun pulo pola produción biolóxica e polo consumo dos produtos locais, ou máis achegados ao consumidor en detrimento dos alimentos viaxeiros, así como da auto-produción, mellor).

Outro tanto podemos dicir da mistificación derivada dun animalismo mal entendido que leva á autora a defender a solta de visóns das granxas industriais peleteiras, obviando o sufrimento que se lles infrinxe a moitos deses animais non acostumados a vivir en condicións de liberdade (motivo polo que moitos deles despois das soltas acaban por morrer) ou o desequilibrio dos ecosistemas ao producir estes mesmos o desprazamento por competición dos predadores semellantes autóctonos.

Entre outra cousas, o libro adoece do erro paradoxal (polo seu título) de colocar o acento sobre o persoal e privado para avanzar cara á sustentabilidade (merca, come, vota..., como no discursiño de Al Gore), traizoando deste modo o papel transcendental protagonista do político en tal asunto, do colectivo, do conxunto da sociedade e das sociedades que compoñen a nosa presenza na Terra. Pódese obxectar que isto é arduo e dificultoso, e o é, mais niso precisamente nola xogamos. Tamén é certo que a suma de actitudes individuais poden facer moito cuantitativamente, mais é precisa unha certa coordinación e un exercicio común.

Por iso, seica a utilización do apelativo "medioambientalismo" no libro acaba por se diluír nunha sorte de actitudes privadas, como o consumo persoal, que o afastan do significado máis exacto que Dobson e outros lle quixeron imprimir, isto é, o conxunto de solucións administrativas e tecnolóxicas que dende o poder se ofrecen para paliar a crise, sen chegar nunca ao cerne do conflito e á súa posta en cuestión: o modelo social imperante tecnolóxico, industrial e capitalista. Quizais por iso confunde a Lovelock (páx. 206) cun ecoloxista, sen reparar en que o discurso mantido por este se encadra no que podemos denominar como "medioambientalismo de libro" (non hai máis que pensar na súa defensa sen titubeos da produción enerxética nuclear, ou no pesimismo antropolóxico inherente nos seus textos, nos que non confía en posíbeis solucións políticas aos problemas ambientais, primando as tecnolóxicas).

Outras confusións presentes, como a dada entre os conceptos de especieísmo (vicio moral que despreza aos individuos das outras especies por estar fóra da nosa) e antropocentrismo (a consideración preferente dos intereses humanos sobre os dos outros seres), na páxina 61, xunto á tolerancia co modelo centralizado e xigantista de desenvolvemento e xestión da enerxía eólica en aras de poder aturar o presente nivel de consumo enerxético, maila súa crecente demanda (páxina 205), sen se decatar da aposta solapada polo crecemento e o alto impacto ambiental que isto supón (temos que pensar que o texto foi editado na época do bipartito, cando o BNG, na Consellaría de Industria, tentou atenuar o carácter intrinsecamente capitalista -pola súa unión entre capital financeiro e capital privado, sexan da procedencia que sexan- deste tipo de desenvolvemento, continuando co plan eólico aprobado polos gobernos anteriores da dereita do PP), fan deste libro unha achega feble ao debate político ecoloxista no noso país.

Alexandre Cendón González

 
< Ant.   Seg. >