Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
O desenvolvemento eólico en Galiza e o seu impacto na Rede Natura PDF Imprimir Correo-e

A ocupacion de espazos da Rede Natura 2000 por parques eólicos é un impacto ambiental negativo de primeira magnitude. O 39,3% da potencia eólica instalada en Galiza a Setembro de 2009 afectaba total ou parcialmente a estes espazos de alto valor ecolóxico. Un artigo de Xavier Simón e Damián Copena, investigadores da Universidade de Vigo.

Introdución

No actual contexto económico capitalista a problemática do cambio climático aparece como un dos principais problemas ambientais, facendo que nas derradeiras décadas a utilización de fontes enerxéticas renovables comece a xeralizarse. Neste contexto, a enerxía eólica aparece como unha importante alternativa ós combustibles fósiles.

O noso País non ficou alleo a esta realidade, e nos últimos 15 anos a produción de enerxía eólica pasou de ser unha actividade case anecdótica, a converter a Galiza nunha potencia eólica europea e mesmo mundial.

Este feito, apoiado polo marco regulador autonómico, supuxo a instalación de múltiples aeroxeradores ó longo de moitos dos cumios do territorio galego. Se, por unha parte, permiten producir electricidade que non contribúe ao cambio climático, por outra parte, segundo sexan os espazos que ocupan as instalacións dos parques eólicos, pode resultar agresiva ambientalmente. Neste artigo repásase brevemente o tratamento ambiental dos Parques Eólicos na normativa autonómica reguladora desas instalacións. Seguidamente, faise un repaso dos principais impactos ambientais dos Parques Eólicos facendo especial mención á afectación directa aos ecosistemas de interese ecolóxico e a espazos pertencentes á Rede Natura 2000.

A cuestión ambiental na lexislación eólica galega

O marco regulador da enerxía eólica en Galiza estivo determinado polos Decretos 205/1995 e 302/2001. A totalidade dos parques eólicos que se atopan en funcionamento na actualidade ou que están autorizados, reguláronse por ámbolos dous Decretos.

O Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galiza, determinaba que "se polas características do proxecto quedase afectado algún espazo natural incluído no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza, e en tanto non se aproben as normas regulamentarias de desenvolvemento da citada Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, estarase ó disposto polo Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galiza, presentando, se é o caso, o correspondente estudio de impacto ambiental." (artigo 12.1.c).

No posterior Decreto 302/2001, polo que tamén se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galiza, e que derrogou o anterior, determinouse, na disposición transitoria cuarta, a compatibilidade das instalacións eólicas coa Rede Natura 2000, indicando que "mediante orde conxunta das consellerías competentes en materia de enerxía e ambiente determinaranse as condicións para a compatibilidade das instalacións de parques eólicos aprobados coas zonas propostas para a súa inclusión na Rede Natura 2000".

Como se pode entender, non existiron demasiados problemas para que as empresas eólicas instalasen aeroxeradores en espazos protexidos. Máis recentemente, no Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galiza, introdúcense maiores restricións ambientais. Así "quedan excluídos da implantación de parques eólicos aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais para formaren parte da Rede Natura 2000 consonte o Decreto 72/2004, do 2 de abril, ou normativa vixente en cada momento, agás os proxectos previstos no artigo 11.1º (1), logo de consulta coa consellaría competente en materia de ambiente." (artigo 6.2). Porén, como se comentou, ningún parque eólico en funcionamento ou autorizado foino baixo o paraugas deste novo Decreto.

No Proxecto de Lei, polo que se regula o aproveitamento eólico en Galiza e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, indícase que "En tanto non se modifique o Plan Sectorial Eólico de Galiza, considéranse ADES as áreas de reserva e áreas de investigación previstas no Plan Sectorial Eólico de Galiza vixente, con exclusión daquelas áreas nas que, estando implantados parques eólicos, non sexan susceptibles de albergar novos aproveitamentos e daquelas outras nas que se produza superposición coa Rede Natura. Se considerarán ADES no suposto que nelas se promova unha repotenciación dos parques instalados" (2).

O Plan Sectorial Eólico de Galiza actualmente vixente foi aprobado en outubro de 1997 e posteriormente modificado en decembro de 2002. Este Plan fixa as áreas de investigación eólica asignadas aos diferentes promotores e tamén fixa as zonas de reserva así como as zonas de Rede Natura que están baixo influencia das instalacións eólicas.

 

Unha ferramenta contra o cambio climatico

Cando se analizan os impactos xerados polos parques eólicos sóese destacar como positivo, a súa contribución na loita contra o cambio climático , xa que a eólica non emite CO2 durante a fase de operación das instalacións de produción, aínda que, considerado todo o ciclo de vida do quilovatio/hora de orixe renovable, existen emisións de CO2 nas fases de fabricación, transporte ou instalación dos equipos. Se ben o balance global é positivo, sempre hai emisións. Estas sempre serán inferiores ás da xeración eléctrica con fontes convencionais ao termos en conta o ciclo de vida.

Un parque eólico de 25 MW produce uns 58.750 MWh/año, equivalente ó consumo doméstico dunhas 18.000 familias españolas. Con dita produción, que equivale a máis de 5.000 tep en termos de enerxía primaria, evítase a emisión á atmosfera dunhas 21.850 toneladas anuais de CO2, principal gas de efecto invernadoiro, que se emitirían doutro modo á atmosfera utilizando instalacións de xeración eléctrica de ciclo combinado con gas natural (3). Este é o principal impacto ambiental positivo da produción de enerxía eléctrica mediante aeroxeradores.

Impactos ambientais negativos

Paisaxe

Os impactos ambientais negativos provocados pola actividade eólica son diversos. Unha das principais críticas á enerxía eólica deriva do impacto paisaxístico provocado polos aeroxeradores. Segundo o Plan de Energías Renovables en España 2005-2010, talvez "o factor medioambiental que máis preocupa na sociedade, represéntao a modificación da calidade estética do escenario paisaxístico, ou impacto visual, ocasionado pola introdución dos aeroxeradores nunha paisaxe natural."

Os aeroxeradores soen estar colocados nos cumios dos montes, o que pode agravar o impacto que exercen sobre a paisaxe. Hai que ter en conta que coas melloras tecnolóxicas os aeroxeradores están a acadar maiores tamaños, sobrepasando con creces os 100 metros de altura os de maior potencia unitaria que se están a instalar en Galiza.

Ruido

Outro aspecto a considerar como impacto destacado, constitúeo o impacto acústico producido tanto mecánica como aerodinamicamente polos compoñentes en rotación. A fonte de emisión de ruídos reside principalmente na rotación das pas, o funcionamento do aeroxerador e o sistema de transmisión, sen esquecer que en calquera caso resulta variable segundo a velocidade do vento e o sistema de captación da máquina (4).

O volume de ruído pode aumentar coa crecente velocidade de rotación das pas das turbinas, polo que os deseños de turbina que permitan velocidades rotatorias inferiores con ventos máis fortes limitarán o volume de ruído xerado (5).

Na nosa comunidade a importante presión humana sobre o territorio favorece a existencia de edificacións próximas ós parques eólicos, o que fai que este impacto sexa un dos máis relevantes para moitas das persoas que habitan perto das instalacións eólicas.

Os impactos ambientais negativos provocados polas instalacións eólicas van máis alá dos sinalados.

Fauna

En primeiro lugar, cómpre mencionar os impactos sobre a fauna. Os grupos faunísticos máis afectados polos parques eólicos son as aves e os morcegos e os principais impactos que sofren son (6):

-Colisións: prodúcense cando as aves ou morcegos non conseguen esquivar os aeroxeradores ou liñas eléctricas de evacuación.

-Molestias e desprazamento: Os aeroxeradores, o ruído, así como o tráfico de persoas ou vehículos pesados durante a construción dos parques supoñen molestias para as aves que poden levar a que eviten as zonas onde están emprazadas.

-Efecto barreira: Os parques eólicos supoñen una obstrución ó movemento das aves, nas rotas de migración ou entre as áreas que empregan para a alimentación e descanso.

-Destrución do hábitat: Pola ocupación de zonas de terreo polos parques eólicos, que xa non estarán dispoñibles para a avifauna.

En Galiza hai plans de seguimento e vixilancia ambiental de avifauna en varios parques eólicos. Así, o avanzo de resultados dos plans de seguimento (7) de varios parques eólicos das serras costeiras e do interior toparon que as especies máis afectadas polas colisións foron principalmente a laverca (Alauda arvensis), o miñato común (Buteo buteo), o lagarteiro peneireiro (Falco tinnunculus), atopando tamén algún exemplar de gaivota chorona común (Larus ridibundus) e de becacina cabra (Gallinago gallinago). Algunhas das colisións semellan estar asociadas á utilización de corredores entre hábitats, polo que se pode producir unha interferencia entre a aliñación dos aeroxeradores e unha rota de desprazamento entre zona de caza e de cría. Este estudo conclúe que existen evidencias de impactos directos sobre a avifauna que se traducen en adaptacións de comportamento para esquivar as pas e en colisións.

Algúns estudos (8) indican que pequenas taxas de mortalidade poden ser críticas para especies ameazadas ou con taxas reprodutivas moi baixas. Así, estes efectos sobre as aves son especialmente relevantes no caso de especies protexidas como foi o caso da morte dunha águia albela (Circaetus gallicus) nun parque eólico da Serra do Suído (9). Un estudo (10) recente destaca a importante mortaldade de voitres motivada polos impactos cos aeroxeradores.

Vexetacion

En segundo lugar, cómpre mencionar os impactos sobre a vexetación. Os traballos necesarios para a construción e posterior mantemento dun parque eólico xeran afectacións á vexetación. A obra necesaria para a implantación dun parque eólico supón un levantamento e movemento de terras, non só polo emprazamento final dos aeroxeradores, senón tamén polas instalacións asociadas como subestacións, tendidos eléctricos de evacuación, vías de acceso para trasladar a maquinaria e facer as tarefas de mantemento, gabias, etc. Así, poden producirse perda de hábitats ou fragmentación dos mesmos pola destrución total ou parcial dunha parte do solo afectado. Nas actuacións destinadas á construción dun parque eólico prodúcese, ademais, unha compactación do solo, erosión e mesmo contaminación. Por último, nos traballos de revexetación poden introducirse especies que non estaban con anterioridade ó parque e que poden resultar perniciosas para a flora autóctona. Este afeccións resultan de especial relevancia cando no lugar onde se instale o parque eólico existan endemismos e especies protexidas, como é ocaso da Serra do Xistral.

Ocupacion do territorio

Na actualidade, Galiza non é a Comunidade Autónoma con maior potencia eólica instalada, sen embargo, se relativizamos os dados de potencia tendo en conta a superficie das distintas Comunidades, podemos observar claramente como o noso País conta cunha maior intensificación eólica, tendo o ratio de kW por km² máis elevado, triplicando a media estatal. As outras CCAA que teñen ratios elevados son Comunidades cunha superficie moito menor que a galega, como Navarra e a Rioxa. As Comunidades de Castela León e Castela a Mancha que son, xunto con Galiza, as que máis potencia instalada teñen, contan cuns ratios moito máis baixos.

cadro1.png

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Se engadimos a variable do número de aeroxeradores, de novo Galiza ten o maior número por km², seguida moi de perto pola Comunidade Foral de Navarra. Así, en Galiza hai 0,13 aeroxeradores por km², ou o que é o mesmo, cada 7,69 km² hai instalado un aeroxerador.

cadro2.png

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Estes dous cadros anteriores indícannos que a ocupación sobre o territorio en Galiza foi moi importante en comparación con outros lugares do Estado. Así, con outra planificación ou simplemente empregando aeroxeradores cunha potencia unitaria maior da instalada, a afección sobre o territorio galego e, consecuentemente os impactos ambientais terían sido menores.

Temos que ter en conta que a obra necesaria para a implantación dun parque eólico supón un levantamento e movemento de terras, non só polo emprazamento final dos aeroxeradores, senón tamén polas instalacións asociadas, como subestacións, tendidos eléctricos de evacuación, as vías de acceso para trasladar a maquinaria e facer as tarefas de mantemento, etc (11).

Ademais, nestas actuacións destinadas á construción dun parque eólico prodúcese unha destrución total ou parcial dunha parte do solo afectado, unha compactación do mesmo, erosión e mesmo contaminación (12). Para reducir a ocupación do territorio provocada polos parques eólicos algunhas organizacións tentan promover a optimización das instalacións eólicas existentes así como a substitución dos aeroxeradores instalados e tecnicamente xa obsoletos por outros novos e de maior potencia unitaria. Esta repotenciación supón unha mellora ambiental considerable durante a fase de funcionamento, pois trátase dunha redución importante no número de máquinas, son máis silenciosas, a velocidade de xiro é menor, e a ocupación directa do solo por unidade de potencia é menor (13). Tamén propoñen a instalación de aeroxeradores en lugares como portos industriais e deportivos, nos que a incidencia ambiental vai ser reducida. Por último, desde o movemento ambientalista considérase necesario fomentar a instalación de pequenos aeroxeradores de baixa potencia para fomentar o autoconsumo (14).

Outros impactos dos Parques Eólicos

Enuméranse a continuación outros impactos dos Parques Eólicos, de menor importancia que os anteditos pero existentes, ao fin e ao cabo. En primeiro lugar, cómpre referirse ao efecto discoteca. Este efecto prodúcese pola sombra dos aeroxeradores e pode resultar moi molesto para as vivendas que se atopan perto das instalacións eólicas. O parpadexo de sombras se produce cando o sol pasa por detrás da turbina eólica e proxecta unha sombra. Ó xirar as pas do rotor, as sombras pasan polo mesmo punto, provocando un efecto denominado parpadexo de sombras, que pode constituír un problema cando existen vivendas situadas nas proximidades do parque eólico. Tamén hai que ter en conta os destelos das pas e as torres eólicas que se producen polo reflexo da luz do sol (15).

En segundo lugar, mencionaremos os impactos sobre o Patrimonio. Os montes galegos contan cun importante patrimonio cultural e arqueolóxico que compre preservar.

Neste sentido, os proxectos que teñan que someterse a avaliación de impacto ambiental (artigo 1 do Real Decreto Lexislativo 6/2001) deberán incluír un estudo de impacto ambiental que conterá, entre outros aspectos, unha avaliación dos efectos previsibles directos ou indirectos do proxecto sobre a poboación, a fauna, a flora, o solo, o aire, a auga, os factores climáticos, a paisaxe e os bens materiais, incluído o patrimonio histórico artístico e arqueolóxico (artigo 2.d RDL 6/2001). A influencia dos impactos sobre o patrimonio á hora de admitir a trámite os parques eólicos podemos comprobala na seguinte Resolución do 29 de xaneiro de 2007 pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 pola que "se exclúen aqueles proxectos que recibiron informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ao afectar directamente a algún ben de interese cultural (BIC). Neste suposto atópanse os proxectos, presentados por Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., do Parque Eólico Ligonde situado no BIC Territorio Histórico Delimitado do Camiño Francés, así como no contorno de protección do BIC Mosteiro de Ferreira de Pallarés, e 9 aeroxeradores do Parque Eólico San Cristovo (do A1 ao A9), por situarse no BIC Territorio Histórico delimitado do Camiño Francés".

A pesares das Declaracións de Impacto Ambiental, existen algúns exemplos de destrución de patrimonio cultural provocado polos parques eólicos (16).

Os riscos e accidentes en parques eólicos son un impacto adicional que compre mencionar. Un fallo na pa do rotor ou a formación de xeo poden provocar que se desprenda a pa ou o xeo procedente da turbina eólica, o que pode afectar á seguridade pública, aínda que o risco de desprendemento de xeo só será relevante nos climas fríos e o risco xeral de desprendemento dunha pa é extremadamente baixo (17). En Galiza tense dado algún caso de accidente relacionado cos parques eólicos, como foi un aeroxerador que partiu en Ortigueira no 2004 (18) ou outro que caeu no Concello de Mañón este mesmo ano.

De relativa importancia é a interferencia electromagnética dos Parques Eólicos. Os aeroxeradores poden provocar interferencia electromagnética cos sistemas de telecomunicacións (por exemplo microondas, televisión e radio) (19). Esta interferencia pode ser o resultado de tres mecanismos principalmente, a saber, os efectos de campo próximo, a difracción e a reflexión ou difusión. A natureza dos impactos potenciais depende da situación da turbina eólica en relación co transmisor e o receptor, as características das pas de rotor, do receptor de frecuencia do sinal e da propagación das ondas radioeléctricas na atmosfera local (20).

Finalmente, mencionaremos o efecto da contaminación lumínica. Nalgúns parques eólicos os aeroxeradores levan incorporados no rotor unhas luces intermitentes que xeran unha contaminación lumínica en lugares onde anteriormente non existía. Esta sinalización dos aeroxeradores realízase para evitar colisións de aeronaves. Recentemente cincuenta municipios de Valladolid solicitaron a Aviación Civil que reduza a intensidade das luces de posición dun parque eólico, debido ás molestias que lles ocasionan as luces dos aeroxeradores (21).

 

Lexislación autonómica relativa á avaliación ambiental

A Comunidade Galega, exercendo as súas competencias ambientais, regulou a avaliación do impacto ambiental mediante o Decreto 442/1990, de 13 de setembro, de Avaliación de Impacto Ambiental, que "ten por obxecto regula-la obriga de someter a avaliación do impacto ambiental os proxectos públicos e privados consistentes na realización de obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no anexo deste Decreto, cando a súa realización e/ou autorización lle corresponde a administración da Xunta de Galiza".

No anexo non aparecen os parques eólicos. Sen embargo, si se inclue "calquera actuación que, mediante decreto do Consello da Xunta de Galiza, se considere, con posterioridade á aprobación do presente Decreto, que debe estar suxeita a avaliación do impacto ambiental ordinaria" (punto 14 do anexo).

Ademais, no Decreto 205/1995 faise referencia a este Decreto 442/1990 ó referirse ó estudo de avaliación de efectos ambientais cando "polas características do proxecto quedase afectado algún espazo natural incluído no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza".

O Decreto 327/1991, de 4 de outubro, de avaliación dos efectos ambientais de Galiza ven a complementar o Decreto 442/1990 xa que a "tramitación das declaracións de impactos ambientais de proxectos comprendidos no anexo do Decreto 442/1990 demostrou que o procedemento é adecuado pero insuficiente, ó non se recoller unha serie de actividades e proxectos que están comprendidos nas lexislacións sectoriais específicas da Comunidade Autónoma de Galiza e do Estado español para as que se indica a necesidade, obrigatoriedade ou recomendación da realización de estudos ambientais." Este Decreto é o que regulaba os estudos de avaliación de efectos ambientais no Decreto 205/1995.

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galiza ten como obxecto "o establecemento das normas que, no ámbito da competencia da Comunidade Autónoma, configuran o sistema de defensa, protección, conservación e restauración, se é o caso, do medio ambiente en Galiza e aseguran unha utilización racional dos recursos naturais" (artigo 1).

Establece as técnicas de avaliación de impactos ambientais, avaliación dos efectos ambientais e avaliación de incidencia ambiental (22) (capítulos 2,3 e 4). Sen embargo, esta Lei non inclúe ningún anexo co listado de actividades sometidas a cada un de ditos instrumentos de avaliación senón que se remite: para a avaliación de impactos ambientais primeiro, á normativa comunitaria, á lexislación básica estatal e á de ámbito autonómico; para a avaliación dos efectos ambientais á lexislación sectorial e ás súas normas de desenvolvemento; e para a avaliación de incidencia ambiental a un nomenclator que terá que aprobar por decreto a Xunta de Galiza (23).

Recentemente, a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galiza determina que "En todos os proxectos que deban someterse ao procedemento de Declaración de impacto ambiental, segundo se establece na lexislación sectorial vixente, as entidades promotoras deberán incorporar no estudo de impacto ambiental un estudo de impacto e integración paisaxística, documento específico no que se avaliarán os efectos e impactos que o proxecto poida provocar na paisaxe e as medidas de integración paisaxística propostas polas devanditas entidades" (artigo 11.1). Este feito supón unha limitación importante para os novos parques eólicos, xa que "pretende servir de marco de referencia para todas as outras lexislacións sectoriais e os seus plans e programas que poidan influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes" (24).

Avaliacións ambientais en Galiza

Como comprobamos anteriormente, os Estudos de Impacto Ambiental deben realizarse no caso de proxectos con repercusións ambientais significativas ou que afectan a espazos e hábitats sensibles, como son todos e cada un dos indicados no Anexo do Decreto 442/1990, de Avaliación de Impacto Ambiental para Galiza, e no Anexo I da Lei 6/2001, de 8 de maio, de modificación do Real Decreto Lexislativo 1302/1986, de 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, derrogada recentemente polo Real Decreto Lexislativo 1/2008, de 11 xaneiro.

En Galiza con carácter xeral os parques eólicos sometéronse algún trámite de avaliación ambiental (25). Con anterioridade ó ano 1996, só se autorizaron dous parques eólicos, o de Malpica e o de Cabo Vilán, que non se someteron a ningún trámite ambiental.

Ate Maio de 2006 só unha das declaracións de impacto ambiental foi desfavorable (26).

Poren, na Resolución do 29 de xaneiro de 2007 pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006, os condicionantes ambientais posibilitaron que se eliminasen "aqueles proxectos en que se detectou unha posible afección sobre espazos que deben ser obxecto de especial protección. Por este motivo, desestímanse as solicitudes dos proxectos de Bidueiros fase II, Xesta e Moncelo, que afectarían o novo LIC Serra do Suído, presentados por Eurovento, S.L.; o Parque Eólico Casabella, presentado por Gamesa Energía, S.A., que afectaría a modificación do LIC Costa Ártabra; e 7 aeroxeradores do Parque Eólico Codesás-fase II, presentado por Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., que afectarían a modificación do LIC Serra do Careón."

Como se pode observar, o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no que se indicaban e ponderaban as afeccións dos proxectos sobre os lugares de importancia comunitaria (LIC) e a hábitats prioritarios, tivo en conta os futuribles novos LIC ou as modificacións dos existentes (27).


Impacto dos parques eólicos sobre a Rede Natura galega

Como se comentou con anterioridade, nin o Decreto 201/1995 nin o Decreto 302/2001, que regulan o aproveitamento eólico en Galiza, estableceron restricións ao desenvolvemento de parques eólicos en ecosistemas protexidos ou espazos naturais non protexidos pero de interese ambiental. Deste xeito, unha importante cantidade de potencia eólica instalada en Galiza desenvolveuse sobre espazos de alto valor ecolóxico, como son os incluídos dentro da Rede Natura.

Esta Rede nace da Directiva 92/43/CEE, de conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres, máis coñecida como Directiva Hábitats, que ten como finalidade contribuír a garantir a biodiversidade coa creación dunha rede coherente de espazos naturais. A partir da Directiva Hábitats, a Comisión Europea elaborou para as distintas rexións europeas unha lista de Lugares de Importancia Comunitaria (denominadas zonas LIC). Ademais, e de acordo coa Directiva 79/409/CEE, relativa á conservación das aves silvestres, os Estados inclúen nesta Rede Natura 2000 as Zonas de Especial Protección para as Aves (zonas ZEPA).

Se os efectos ambientais específicos sinalados no apartado anterior son comúns á meirande parte dos parques eólicos a súa intensidade será moito maior naqueles espazos que polos seus valores naturais forman parte dos espazos protexidos.

Neste artigo, conséguese estimar a importancia deste fenómeno. A partir das autorizacións administrativas dos parques eólicos (28) puidemos coñecer as coordenadas poligonais (UTM) das instalacións eólicas. Coa axuda do Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC) (29) do actual Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, estudamos a situación dos parques eólicos para saber se se atopaban dentro ou fóra da superficie de algún LIC. Os resultados desta análise, complementados coas declaracións de impacto ambiental e cos estudos de efectos ambientais dos parques eólicos galegos, tamén publicados no DOG, permítenos chegar aos resultados seguintes.

Dos 3.173,715 MW instalados a Setembro de 2009, 1.247,29 MW desenvolvéronse en 53 Parques Eólicos que tiñan algunha clase de afección á Rede Natura 2000. É dicir, o 39,3% da potencia instalada afectaba total ou parcialmente a Lugares de Interese Comunitario. Este resultado está acorde coa información da Consellería do Medio Ambiente que en Maio de 2006 indicaba que había 43 parques eólicos en funcionamento en Rede Natura e 7 máis nalgún trámite posterior á Declaración de Impacto Ambiental. 5 deles estaban en fase de execución ou a piques de comezar as obras (30).

Os espazos naturais protexidos que contan con parques eólicos en funcionamento son os seguintes: Serra do Cando, Serra do Candán, Monte Maior, Serra do Xistral, Carnota-Monte Pindo, Costa Ártabra, Serra do Careón, Costa da Morte, Xubia-Castro, Monte Faro, Ortigueira-Mera, Brañas de Xestoso e Fragas do Eume.

Hai outros espazos naturais protexidos que poden resultar afectados por parques eólicos que están actualmente en tramitación, como pode ser o LIC Ancares-Courel.

Entre todos os espazos ambientais afectados por parques eólicos resalta o caso da Serra do Xistral: o 54,71 % da potencia de parques eólicos instalados en zonas de Rede Natura atópase neste espazo ambiental protexido.

cadro3.png

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Se os impactos negativos son máis visibles nos espazos naturais protexidos, tampouco se debe esquecer que hai enclaves de grande interese ambiental fóra da rede Natura 2000 que tamén están ameazados polo desenvolvemento da enerxía eólica. Mencionamos os casos da Serra do Suído e da Serra da Groba, onde movementos sociais como a Asemblea do Suído ou o colectivo SOS Groba están a realizar un importante traballo na defensa dos ecosistemas e do patrimonio destes importantes espazos, ameazados polo desenvolvemento eólico.


O caso do Xistral

Neste singular espazo, segundo a Consellería de Medio Ambiente (31), as comunidades vexetais relacionadas con turbeiras -que teñen nesta serra a súa mellor expresión na Península Ibérica- ocupan unha superficie de máis do 40% dos hábitats de importancia comunitaria do LIC, sendo moi superior á existente noutros territorios atlánticos de Europa occidental. Hai que destacar que as turbeiras de cobertor, en particular, constitúen o único hábitat da lista de hábitats de interese comunitario establecido para o territorio español que é exclusivo do territorio galego. Ademais, no Xistral atópanse 15 endemismos galegos, ibéricos ou comunitarios seriamente ameazados (32).

A pesares da grande importancia ambiental desta Serra, hai un total de 28 parques eólicos que afectan, total ou parcialmente, ó Lugar de Interese Comunitario, é dicir, máis da metade das instalacións eólicas que, estando en funcionamento, afectan á Rede Natura 2000, atópanse no Xistral. En termos de potencia instalada, a Serra do Xistral soporta 642,32 MW.

Neste espazo, as pistas de acceso ós parques teñen provocado unha importante afección sobre o medio, propiciando o achegamento a lugares practicamente inaccesibles anteriormente. As obras soen ser moi agresivas debido á elevada pendente de moitas ladeiras, ocasionando grandes cortes cos conseguintes problemas de erosión (33). Ademais, a instalación dos aeroxeradores e as instalacións asociadas (liñas eléctricas e pistas) propician a fragmentación dos hábitats do Xistral (34).


Conclusión

Neste texto pódese comprobar que os impactos ambientais dos Parques Eólicos van máis alá da redución das emisións de CO2 e do impacto visual. A ocupación de espazos que se encontran protexidos pola Rede Natura é un impacto ambiental de primeira magnitude. A lexislación autonómica que regulou o aproveitamento da enerxía eólica permitiu a instalación de Parques Eólicos en zonas de Rede Natura. Incluso no Plan Sectorial Eólico de Galiza, figura que fixa as zonas aptas e non aptas para este tipo de instalacións, aparecen zonas de Rede Natura dentro das Áreas Eólicas asignadas aos diferentes promotores.

Como resultado de todo isto, o 39,3% da potencia eólica instalada en Galiza afecta total ou parcialmente a Lugares de Interese Comunitario. O espazo da Rede Natura "máis castigado" polos Parques Eólicos é a Serra do Xistral: o 54,71 % da potencia de parques eólicos instalados en zonas de Rede Natura atópase neste espazo ambiental protexido.


Notas e referencias

1.Este artigo refírese ó repotenciamento.

2. Disposición transitoria segunda.

3. Plan de Energías Renovables en España 2005-2010. Ministerio de Industria, Turismo y Comercio. 2005.

4. García , A.M. 2005. Evaluación de impacto ambiental de parques eólicos en Galicia. Tese de Doutoramento.

5. Guías sobre medio ambiente, salud y seguridad para la energía eólica. 2007. IFC, Grupo do Banco Mundial.

6. Sociedad Española de Ornitología (SEO). 2008. Directrices para la evaluación del impacto de los parques eólicos en aves y murciélagos.

7. García Arrese et al. 2003. Avance de resultados de los Planes de Seguimiento y Vigilancia Ambiental de avifauna en los parques eólicos de Galicia. Actas V Congreso de Ornitoloxía

8. SEO. 2008. Directrices para la evaluación del impacto de los parques eólicos en aves y murciélagos.

9. Asemblea do Suído. http://www.asembleadosuido.org/.

10. Incidencia sobre la avifauna del parque eólico de Elgea-Urkilla. Año 2008 - Informe final.

11. SEO. 2008. Directrices para la evaluación del impacto de los parques eólicos en aves y murciélagos.

12. Molina e Tudela. 2006. Identificación de impactos ambientales significativos en la implantación de parques eólicos. Un ejemplo en el municipio de Jumilla, Murcia. En Investigaciones Geográficas, nº 41, pp. 145-154.

13. Ecologistas en acción. Febrero 2005.Propuesta de desarrollo de la energía eólica en España. Horizonte 2010-1012.

14. Verdegaia. 2007. Enerxía eólica para a sustentabilidade.

15. Véxase IFC , 2007. Guías sobre medio ambiente, salud y seguridad para la energía eólica. Grupo do Banco Mundial.

16. Asociacións como SOS Groba ou a Asemblea do Suído son referentes na loita pola defensa do patrimonio natural, arqueolóxico e cultural das serras galegas e están a realizar unha importante tarefa de concienciación e de recoñecemento do noso patrimonio. Un exemplo da perda patrimonial foi a destrución dunha neveira datada no século XVIII, que foi destruída por unha pa escavadora que estaba a abrir unha pista para os novos parques eólicos da Serra do Suído (http://www.asembleadosuido.org/ ).

17. Véxase IFC, 2007.

18.Véxase http://agalegainfo.crtvg.es/videos/?emi=5789&corte=2009-01-27&hora=14:36:46&canle=tvg1

19. Véxase El País: Ocho meses sin ver la tele. Un parque eólico deja sin señal a vecinos de Paradela, O Páramo, Sarria, Láncara y Lugo.

20. Véxase IFC, 2007.

21. Véxase El Norte de Castilla: http://www.nortecastilla.es/20081014/valladolid/cincuenta-municipios-alertan-contaminacion-20081014.html).

22. A avaliación de incidencia ambiental está regulada polo recente Decreto 133/2008, de 12 de Xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental.

23. López Sako, M. J. 2008. Regularización y autorización de parques eólicos. Editorial Aranzadi.

24. López Sako, M. J. 2008. Regularización y autorización de parques eólicos. Editorial Aranzadi.

25. A excepción correspóndese cos parques eólicos singulares que non se atopen nun espazo protexido.

26. Panorama da enerxía eólica en Galiza. 2006. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

27. Sen embargo, na actualidade aínda non existen eses novos LICs.

28. Publicadas no DOG. http://www.xunta.es/diario-oficial

29. No SIGPAC pódense consultar os LICs e as ZEPAs. http://sigpac.mapa.es/fega/visor/

30. Panorama da enerxía eólica en Galiza. 2006. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

31. http://medioambiente.xunta.es/espazosNaturais/espazos.jsp

32. Federación Ecoloxista Galega. 1998. Terra Nº 1. Boletín da Federación ecoloxista galega.

33. ASEFOGA. 2005. Impacto de las prácticas agrícolas y ganaderas sobre la fauna en el LIC "Serra do Xistral". Conclusiones finales.

34. Fontán Guiao. 2004. Proyecto Fin de Carrera. Plan de Gestión del LIC "Serra do Xistral".

 
< Ant.   Seg. >