Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Carlos Taibo: “O decrecemento sitúa nun lugar central os límites ambientais” PDF Imprimir Correo-e

carlos_taibo.jpgNunha conferencia en Compostela, Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, defendeu o decrecemento socialmente sustentábel como unha proposta anticapitalista necesaria para superarmos a(s) crise(s) e vivirmos mellor. Unha crónica de Xosé Veiras.

Convidado polo núcleo comarcal de Compostela da asociación ecoloxista Verdegaia, Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid  e autor de "En defensa del decrecimiento" (Los Libros de la Catarata, 2009) e do recén publicado "Su crisis y la nuestra. Un panfleto sobre decrecimiento, tragedias y farsas" (Los Libros de la Catarata, 2010), impartiu en Santiago o pasado mes de novembro unha conferencia sobre o decrecemento. Estruturou a súa palestra en sete observacións, salientando antes que "o meu proxecto de decrecemento é un proxecto formal e materialmente anticapitalista" para o Norte desenvolvido.

Recear das supostas bondades do crecemento económico

O crecemento económico é para a visión dominante nas nosas sociedades unha condición indispensábel para o benestar social, unha sorte de "benzón de Deus". Porén, a realidade mostra que "o crecemento económico non provoca necesariamente cohesión social", "tradúcese a miúdo en agresións ambientais literalmente irreversíbeis",  "facilita o esgotamento de recursos escasos que sabemos non van estar a disposición das xeracións vindouras" e "permite o asentamento dun modo de vida escravo que aconsella concluír que seremos máis felices cantas máis horas traballemos, máis cartos gañemos e, sobre todo, máis bens acertemos a consumir".

Somos vítimas das grandes cifras

Ao ver de Carlos Taibo, "somos claramente vítimas das grandes cifras que non estamos en condicións de empregar, que se nos escapan". Para soster esta afirmación puxo o exemplo dun artigo do Premio Nobel de Economía norteamericano Vasili Leontiev no que comparou os sistemas de transporte estadounidense e chinés de hai 30 anos, concluíndo que o primeiro non atendía mellor que o segundo as necesidades obxectivas de mobilidade dos cidadáns comúns, malia a súa apabullante superioridade numérica no que atinxe ao parque automobilístico, á rede de autoestradas, etc. A dispersión urbanística e a cultura do automóbil fan que os norteamericanos invistan moito tempo nos seus desprazamentos e que estes conleven  elevados custos ambientais.

en_defensa_del_decrecimiento.jpgMáis renda per cápita non trae sempre máis felicidade. A renda per cápita nos EUA multiplicouse por tres desde o remate da Segunda Guerra Mundial. Porén, a porcentaxe de persoas que declaran ser cada vez menos felices ten ido a máis, sendo superior ás que confesan sentirse cada vez máis felices. "É verdade que nos chanzos inferiores do desenvolvemento, a disposición de recursos ten que ver coa felicidade. Agora ben, deixados atrás eses chanzos, sobran as razóns para concluír que o hiperconsumo ao que nos entregamos nas sociedades opulentas antes reflite a nosa infelicidade xeral que un estado xeral de felicidade".

 O decrecemento sitúa nun lugar central os límites ambientais e de recursos do planeta

Para retratar o problema decisivo dos límites ambientais, Carlos Taibo botou man de catro metáforas. A primeira, a da persoa que vive dos seus aforros sen achegar ingresos novos, camiñando así cara a creba económica, "garda unha estreitísima relación co que a especie humana está a facer coa natureza, que demorou millóns de anos en labrar as materias primas que nós estamos a esbanxar nun período de tempo extremadamente curto, de corenta ou cincuenta anos". A actitude de quen tenta evitar unha inundación no cuarto baño colocando toallas no chan en lugar de pechar a billa aseméllase á que estamos a seguir para encarar a deterioración ambiental. Outra metáfora, que pode ilustrar a insuficiencia da resposta ás mudanzas climáticas da man do Protocolo de Quioto, é a do barco que, en troques de alterar o rumo para evitar o choque contra un rochedo, diminúe un pouco a súa velocidade, conformándose con adiar o naufraxio. Unha cuarta metáfora é a do nenúfar nun lago que se mulplica por dous cada día. A ese ritmo o lago ficará cheo de nenúfares ao cabo de 30 días, o que conducirá á morte de todas as plantas, que non poderán respirar. No día 29, a metade da superficie do lago estaría ocupada por nenúfares. Tres días antes, no 26, ocuparían só o 1/16. "Alguén dirá, non é tan grave, ao cabo só castigamos 1/16 da superficie da Terra. Mais alguén replicará con mellor criterio: puxemos en marcha un proceso rapidísimo, de tal maneira que só nos quedan catro días para resolver os problemas".

"Por detrás destas catro metáforas hai un conceito central para entender o mundo contemporáneo, o de pegada ecolóxica, que mide a superficie do planeta, tanto terrestre coma marítima, que precisamos para manter as actividades económicas. Todos os estudos relativos á pegada ecolóxica conclúen que deixamos moi atrás as posibilidades ambientais e de recursos do planeta. Noutras palabras, que estamos a absorber recursos que non van estar a disposición das xeracións vindouras".

Perante este escenario tan delicado deberiamos actuar, tal como propuña o pensador greco-francés Cornelius Castoriadis, como faría un pai de familia dilixente, quen perante a posibilidade de que un fillo seu padecese unha doenza grave procuraría os mellores médicos para un diagnóstico e un tratamento certeiros, e non ficaría impasíbel pensando que se cadra o fillo non ten ningún problema de saúde. "Porén, isto é, literalmente, o que nós estamos a facer perante os estragos que provocamos na natureza", dixo Taibo.

Cómpre unha reestruturación das sociedades opulentas

Alén de diminuír os níveis de produción e de consumo, cómpre unha reestruturación das sociedades opulentas do Norte sobre valores e principios diferentes. Cais son eses principios e valores?. Carlos Taibo enunciou os seguintes: "a primacía da vida social fronte á lóxica da produción, do consumo e da competitividade; o ocio creativo fronte ao ocio alienante que se nos ofrece por todas partes; a repartición do traballo, unha vella demanda sindical que infelizmente foi esmorecendo co paso do tempo; a redución de moitas das infraestruturas administrativas e de transporte; a radical superioridade do local fronte ao global, e da man desa superioridade a reinvidicación clara da democracia directa e da autoxestión; e a simplicidade e a sobriedade voluntarias". Estes valores e principios están ou estiveron presentes nalgúns ámbitos das sociedades humanas, como o movemento obreiro -sobre todo no de tradición libertaria ou anarquista-, a familia ou pobos "primitivos".

O decrecemento non conduce á infelicidade

Ao ver de Carlos Taibo, algúns elementos das sociedades desenvolvidas poden favorecer o decrecemento: "moitas necesidades básicas foron satisfeitas, xeráronse infraestruturas razoabelmente interesantes. Alén de todo o anterior, o propio decrecemento demográfico que se rexistra nas sociedades do Norte desenvolvido ben pode facilitar un proceso paralelo de decrecemento económico".

A proposta do decrecemento implica "reducir drasticamente, no seu caso pechar, a actividade de seitores económicos enteiros", como a industria automobilística, a militar, a da aviación, boa parte do sector da construción, etc. O desemprego que isto crearía podería enfrontarse a través de dúas vías: "estimular aquelas actividades económicas que gardan relación co benestar social e a atención ao meio ambiente"  e a repartición do traballo. "O resultado final desta operación será que traballaremos menos horas, aqueles que máis gañamos gañaremos menos cartos, disporemos de moito máis tempo libre e reduciremos significativamente os nosos níveis visibelmente desbocados de consumo". Un xeito de vida máis próximo á felicidade que o "modo de vida escravo" actual.

En calquera caso, a escolla real non é entre o decrecemento e un imposíbel crecemento indefinido senón entre un decrecemento planificado e solidario e un decrecemento traumático "resultado do afundamento do sistema capitalista que padecemos".

Para Carlos Taibo, calquera proxecto anticapitalista no Norte opulento ten que ser decrecimental, autoxestionario e antipatriarcal. Os críticos co sistema capitalista que non defendan o decrecemento, "están a mostrar a súa vontade, con certeza inconsciente, de colaborar coa lóxica perversa do sistema que dicen rexeitar".

O decrecemento e algúns debates actuais

Taibo vencellou algúns debates sociais máis ou menos vivos coa proposta do decrecemento. Así, referiuse aos escasos esforzos gobernamentais para reducir significativamente  o consumo de enerxía en todos os ámbitos, obxectivo que sería contraditorio cos intereses de poderosas empresas privadas. Tamén falou das axudas públicas para a compra de automóbeis, denunciando que o coche é "un dos elementos centrais, rotundos, de insustentabilidade das nosas sociedades".

menos_para_vivir_mejor.jpgSobre o tan falado Tren de Alta Velocidade (TAV), Taibo, sen diferenciar entre alta velocidade estrita (por exemplo, Madrid-Sevilla ou Santiago-Ourense) e non estrita (por exemplo, A Coruña-Vigo), apuntou catro problemas: a destrución do territorio que provoca a construción das liñas de alta velocidade ferroviaria; o peche de liñas de ferrocarril convencional "non rendíbeis" mentres se asignan "recursos faraónicos" ao TAV; o favorecemento de cidades grandes ou intermedias "á custa de prexudicar a todos os demais en virtude dun proxecto de estrita desertización ferroviaria"; e  o seu carácter socialmente elitista.

Un cuarto debate que resgatou Carlos Taibo foi o da enerxía nuclear. A defensa desta forma de enerxía como "solución máxica" "perante o tétrico panorama enerxético que se aviciña" non se sostén por múltiples razóns: a non resolta xestión dos residuos radiactivos, os elevados custos económicos, etc. A solución real á crise enerxética global pasa polo desenvolvemento das enerxías alternativas renovábeis e mais por "reducións significativas nos nosos níveis de produción e consumo".

As crises esquecidas

Cando se fala de crise adóitase falar en singular, para se referir só á crise financeira. "Na rebotica hai outras crises, en plural, que estamos a deixar dramaticamente no esquecemento", denunciou Carlos Taibo. Que crises son esas? A mudanza climática, "o encarecemento inevitábel no medio e longo prazo dos prezos da maioría das materias primas enerxéticas", a sobrepoboación ou o expolio dos recursos dos países máis pobres.

Perante estas crises agromaron dúas respostas. A primeira xurdiu do "magma neoliberal" e a súa principal expresión son os programas de resgate de institucións financeiras en crise impulsados polos gobernos dos EUA e de varios estados da UE, coa finalidade de que esas institucións "retomen o camiño que seguiron antes da crise". Estes programas responden á necesidade de refundar o capitalismo para corrixir os abusos do proxecto neoliberal. Mais o problema non é apenas o capitalismo desregulado. "Temos problemas co capitalismo, tanto na súa versión desregulada, como na versión regulada".

A segunda resposta naceu no "magma socialdemócrata ou keinesiano". Consiste en que "a institución Estado tire da demanda a través de determinados proxectos públicos", nomeadamente de infraestruturas de transporte. Os que, como o presidente Zapatero, pensan así, ao entender de Taibo deberían explicarnos "quen vai poder utilizar, dentro de dez anos, esas marabillosas autoestradas de nova creación, cando o litro de gasolina custe 6, 8 ou 10 euros".

"Ante a absoluta inutilidade destas respostas temos que perfilar dous horizontes diferentes de cara ao futuro". O primeiro fala dunha "idade de ouro" para os movementos de resistencia e emancipación. O segundo resulta moito menos estimulante e é o que se describe no libro "Auschwitz, ¿comienza el siglo XXI?: Hitler como precursor". O seu autor, o xornalista alemán Carl Emery, acha que estariamos moi errados se concluísemos que as políticas nazis remiten a un momento irrepetíbel. Esas políticas poderían reaparecer no futuro defendidas por centros de poder político e económico, "cada vez máis conscientes da escaseza xeral que se aveciña e cada vez máis firmemente decididos a preservar eses recursos escasos en mans dunha minoría da poboación planetaria a través de políticas vinculadas a un darwinismo social militarizado".

 
< Ant.   Seg. >