Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Crise(s) PDF Imprimir Correo-e
Crise é a palabra á moda nos últimos meses, aínda que o debería ser das últimas décadas e non se referir apenas ás finanzas e a construción. Que estamos en crise semella non o dubidar ninguén, o que non parece tan claro é a dimensión e alcance desa crise.

O movimento ecoloxista leva décadas a falar dunha crise ecolóxica global que podemos entender composta de diversas crises interrelacionadas: a sexta extinción masiva ou crise da biodiversidade; o avanzo cara a unha mudanza climática de proporcións catastróficas ou crise climática; a escaseza de auga doce potábel ou crise da auga; o avanzo da deforestación, desertificación e perda de solos fértiles; a continua liberación ao ambiente de substancias tóxicas e organismos modificados xeneticamente; a sobreexplotación de “recursos” renovábeis virándoos non-renovábeis; o esgotamento de “recursos” non renovábeis, entre os que se atopan os combustíbeis fóseis —provocando unha crise enerxética—; a crescente xeración de resíduos, mesmo perigosos... Mais, teñen algo a ver as crises financeira e “do tixolo” coa crise ambiental global?

A insustentabilidade do industrialismo vén derivada da súa necesidade de medrar continua e indefinidamente nun contorno finito, sobreproducindo, sobreconsumindo, destruíndo cunha velocidade e magnitude crescentes. A II Guerra Mundial foi seguida de tres décadas de intenso crescimento económico apoiado na reconstrución posbélica e o consumo de masas. Coa década de '70 chegou o fin deste período: crise do petróleo e “estanflación” (estancamento+inflación, fenómeno que se consideraba imposíbel) deron paso á recesión global de comezos dos anos '80. A versión comunista do industrialismo colapsaba mentres a capitalista fuxía cara a diante combinando desregulamentación e financiarización.

A estratexia neoliberal, así, pasou por remover “obstáculos” estatais e internacionais ao movimento e acumulación de capital (políticas “intervencionistas”, redistributivas ou de protección ambiental, empresas públicas, aranceis...) abrindo novos mercados, facilitando o aceso a recursos e mao de obra baratos, “deslocalizando” a produción... para expandir o consumo e dar saída á sobreprodución, que deste jeito seguiu a medrar. A desregulación tamén o foi dos mercados de capitais, e isto posibilitou a financiarización da economía: as burbullas especulativas comezaron a proliferar, distanciando a economía financeira da real e multiplicando as crises das finanzas.

Sobreprodución e especulación foron alimentadas pola desregulación levando á actual crise financeira e da construción (e do automóbil...), unha crise que non demorou en ser global por obra e graza do mercado “libre”. Mentres, por trás, atraíndo muita menos atención e preocupación, a crise ambiental global avanza impulsada por esas mesmas políticas impulsoras da sobreprodución, o sobreconsumo e a especulación. E nesta conxuntura os nosos gobernantes deciden optar por “refundar” o capitalismo teimando na fuxida cara a diante, inxectando cantidades espectaculares de diñeiro no sistema financeiro e incentivando máis unha vez a sobreprodución e o sobreconsumo a medio de subvencións (como as do automóbil) e obra pública (vivenda e estradas), agravando ao mesmo tempo a crise ecolóxica global.

Se as crises financeira e da construción desacreditan o neoliberalismo, a crise ecolóxica global está a se traducir nunha crise civilizacional que fai evidente a inviabilidade do industrialismo en calquera das súas versións. O que hoxe chamamos crise son só as mostras para nós máis perceptíbeis ou imediatas do que pode acabar por ser un colapso do sistema, e non é o momento de o refundar senón de procurar o modo de o superar construíndo un outro ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto.