Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Natureza, individuo e sociedade en Henry David Thoreau PDF Imprimir Correo-e
henry_david_thoreau.jpgHenry David Thoreau foi un dos pais da literatura norteamericana, un precursor do ecoloxismo e un exemplo fundamental para Tolstoi, Gandhi e Martin Luther King. Un artigo de Alexandre Cendón, licenciado en Filosofía e coordenador da Federación Ecoloxista Galega (FEG)

                        "Non me resultas descoñecido, viaxeiro: pasaches por aquí mesmo, hai xa  moitos anos. Chamábaste Zarathustra, e cambiaches moito. Entón subías cara a montaña as túas cinzas: é que tentas baixar agora o teu lume ao val? E logo non temes os castigos que se aplican aos incendiarios?"

F. Nietzsche, Así falou Zarathustra  

 

Que se pode dicir a estas alturas de interese acerca de Henry David Thoreau? Aquel que decidiu se afastar da súa vila e vivir mergullado na natureza ao pé da lagoa de Walden. Quen foi un dos pais da literatura norteamericana, discípulo do filósofo transcendentalista Emerson e que estende a súa man inspiradora até escritores afamados e contemporáneos como Paul Auster. O que é capaz aínda hoxe de infundir folgos a milleiros de persoas que buscan no salvaxe unha experiencia xenuína, orixinal e verdadeira, como a que conduciu ao extremo da sobrevivencia ao novo Christopher McCandless, inmortalizado no libro biográfico e na película do mesmo nome, Into the Wild. Leitura e exemplo fundamental para Tolstoi, Gandhi e Martin Luther King como pai da desobediencia civil, entendida como unha obriga moral para se defender dos gobernos que esquecen e traizoan o principio inalienábel da liberdade do ser humano. O precursor do ecoloxismo, capaz de admirar o calidoscopio da nosa contorna ambiental e gozar con pouco, moito, con menos, máis...

Pois si, pódese dicir aínda moito e interésanos para entre outras cousas, relembrar a súa forza e paixón na defensa da liberdade, da paz, do verdadeiro coñecemento oposto aos prexuízos (que non son máis ca o contrario das ideas e pensamentos ben pousados logo da reflexión e do exercicio do intelecto), da sinxeleza do cotián, do cultivo e pulo da preguiza creativa, do dereito á igualdade, da humildade do ser humano ante a inmensidade do cosmos do que fai parte a vida partillada por tódolos seres que habitan a Terra. Pero sobre todo, Thoreau é quen de nos volver religar coa natureza, sinalándonos o lugar que ocupamos nela de xeito irrenunciábel.

"Tódalas cousas boas son ceibes e salvaxes"

Ante unha paisaxe ao solpor, baixo o ceo estrelado bañados pola luz do luar na noite, ao permanecer no interior dunha fraga, cando ollamos o mar dende o alto dun cantil, ao esculcar furtivamente os outros seres vivos que nos arrodean... Que é o que sentimos cando contemplamos todos estes espectáculos que nos ofrece e agasalla a natureza? E logo, que necesidade temos de nos refuxiar, andar, camiñar e introducírmonos neses espazos afastados ou pouco alterados pola nosa cultura e sociedade? Esa visión dun pardal urbano que vive en paralelo ou entrecruzándosenos ao noso carón e sen permiso no formigón; eses pequenos fieitos e herbas que se agarran e ruben polas fachadas dos edificios no cerne do asfalto, simplemente non solicitaron estar aí pero o fan, porque si, atendendo soamente á súa pulsión de vivir. Como o refacho de vento que nos sorprende ao virar nunha esquina da rúa e que nos lembra que hai algo alén de nós e do habitual, do que non embargante formamos parte aínda que lle deamos as costas; ese algo ao que pertencemos e polo que somos e que non dominamos (aínda que o pretendamos, sempre se nos escapa das mans), que nos excede e supera e que contra a súa vinculación nada podemos facer, só aceptalo.

walden-pond.jpgEse algo, o salvaxe, o natural, Thoreau aceptábao con pracer, como unha fonte infinita de liberdade. Así fálanos dunha experiencia semellante á que conduce ao artista e ao consumidor de arte a crear e a se recrear coa obra, a experiencia que se dá no lugar onde flúe ceibe a creatividade, neste caso a natureza afastada da man do ser humano, para se agochar nela e crear unha vida senlleira froito do salvaxe e da súa liberdade radical intrínseca, como na boa obra de arte. Deste xeito, Thoreau dá un paso máis ca o artista e intérnase nun territorio non humano -por máis que queira que no centro da experiencia estea un humano- para, nunha sorte de epojé, suspender tódolos convencionalismos sociais accesorios e se abrir a un novo sentido vital. Unha vida exenta de superficialidades e de viandas estériles que o conduce até a súa realización como persoa e individuo: unha vida frugal na que a única bagaxe é un mesmo.

 O contrapunto desa situación de asomo ao baleiro deixado pola sociedade, do individuo que se enfronta cara a cara co mundo natural despoxado de toda humanidade (tal como a entendemos en correlación coa nosa civilización), está en Marlow, o personaxe de Joseph Conrad na novela O corazón do negror. Este narra como unha terrible sensación, un profundo desacougo apodérase das entrañas dos que cruzan o límite do salvaxe, wilderness: o horror. Esa experiencia da alteridade da animalidade e vida salvaxes e do outro que se amosa nos antípodas da nosa cultura, produce unha inseguridade, unha sensación de derrubamento de tódalas convencións estabelecidas no seo da sociedade occidental -do chamado mundo civilizado na época- a aqueles que como cativos se aferran ás saias de súa nai.

Lonxe da experiencia do horror, Thoreau permanece como un funámbulo experto sobre a liña do límite, onde estabelece o seu fogar, para se internar indistintamente nos dous lados da divisoria sen temor. A razón da permanencia nese sitio está en que, ao contrario do que se soe pensar, Thoreau non é un escapista, non practica a fuxida nin a evasión da realidade, simplemente busca nutrirse dese lado salvaxe para logo extrapolar o aprendido ao conxunto da sociedade. Non nega nin evita a vida en sociedade, senón que intenta perfeccionala a partir da súa vivencia individual, a partir de tódalas vivencias individuais plenas, imperativo que fai extensíbel como severo moralista ao conxunto de tódalas persoas do seu tempo. Tampouco dubida sobre que o ser humano é un ser social, que sexa un animal político, soamente pretende agrandar e ensanchar as pontes que unen bios e polis, utilizando a palabras que nos brinda Edgar Morin.

Nesa especie de ascese deleitase coa parte agochada polas barreiras artificiais. De aí xorde a comprensión do espazo que debe ocupar o ser humano no conxunto do cosmos. Ao igual que sucedía no pensamento de Spinoza, a liberdade ten o significado aquí dun estado e exercicio posterior ao coñecemento das propias limitacións, unha vez que se comprende que formamos parte dun todo do que necesariamente dependemos e polo que, amais, somos. Así aflora a loita entre o natural e o artificial que firme e paseniñamente intentaba dominar e esnaquizar calquera agromo de naturalidade na sociedade do seu tempo: o etnocidio e xenocidio dos amerindios, o exterminio dos lobos e bisontes, a conversión das praderías e bosques en pasteiros para as reses, os primeiros pasos na industrialización...

Podemos dicir entón, que o aspecto fundamental que percorre toda a obra e vida de Thoreau é a tensión sentida no individuo entre os polos opostos da natureza e da sociedade -o salvaxe e o artificial- tensión que nos pode axudar a entender a problemática relación do ser humano na Modernidade coa súa contorna, co medio ambiente. Unha relación que esquece o lugar que ocupamos na natureza levándonos até unha situación de crise ambiental. Thoreau intuíu vagamente o problema que se nos viña enriba co despregamento e desenvolvemento (que algúns confunden co progreso) da sociedade industrial até chegar á nosa sociedade tecnolóxica. Pero si que viu claramente a potencialidade que a economía capitalista, o liberalismo económico e a produción industrial incipiente na súa época tiñan para o futuro da humanidade, como negadoras da felicidade e a liberdade das persoas na Terra: o triunfo do artificial sobre o salvaxe, o triunfo da domesticación. Dun modo premonitorio soubo albiscar o nihilismo dunha sociedade que se separa das súas raíces naturais, dende onde ten que se construír sempre e ás que sempre ten que ter en conta.

walden_thoreau.jpgA súa denuncia do traballo (entendido como actividade penosa) como única fin na vida, como ocupación principal pola e para a que vivimos, ten que ver co anterior. O cultivo da virtude -trazada por unha moral calvinista que nega o gozo de vivir- a través da acumulación de riquezas materiais e a busca da mesma virtude no esforzo incesante do labor é desprezada por el como unha falsa idea nacida duns prexuízos sociais caracterizados polo rexeitamento do lecer e polo medo aos seus froitos. Cando un cidadán practica o ocio e atrévese a pensar por si mesmo, periga toda unha estrutura construída en torno á doma. Lembremos a conversa entre a raposa e o principiño: " [...] Ti non es para min máis ca un pícaro semellante a cen mil pícaros e non te necesito. E ti tampouco me necesitas. Eu non son para ti máis ca unha entre cen mil raposas. Agora ben, se ti me domesticaras, necesitariámonos o un ao outro. Ti serías para min o único no mundo, como eu seríao para ti...", (A. de Saint-Exupéry, O principiño).

 Trasladado ao noso tempo o seu pensamento, poderíamos dicir que nada vale o consumo desaforado e compulsivo e que pouco sirve unha tecnoloxía que orixina máis problemas dos que pretende solucionar co seu avance. Nunha carreira cara a nada, ábresenos un horizonte de baleiro en nome da competitividade e dunha falsa vida chea de trebellos e riquezas que non nos axudan a topar a autenticidade persoal, unha vida plena e segura, en paz connosco e cos que nos arrodean, co noso contorno natural.

O singular de Thoreau é pois, o xeito en que se dá de conta desta problemática relación, nos bosques, ríos e montañas de Nova Inglaterra no limiar e primeiras décadas do século XIX, nun medio ambiente apenas alterado, nun mundo novo onde case todo aínda estaba por inventar. Achégase á natureza na busca do auténtico en oposición á sociedade do seu tempo, que percibe sen rumbo e perdida na procura do beneficio, abandonando ás persoas a un labirinto sen sentido e despoxándoas de calquera liberdade real. Precisamente nese internamento nos bosques cobra folgos para defender da deriva e endereitar a empresa iniciada recentemente no seu país: o proxecto político baseado na democracia, nos dereitos e na liberdade dos individuos, deixando atrás antes que en Europa o Antigo Réxime. E é sobre este feito no que a súa faceta política se centra.

"O mellor Goberno é o que non goberna en absoluto"

O nacemento dos EUA marcou un fito ao rachar cun réxime colonialista e imperialista nunha idade temperá. O innovador foi que non lles abondou con romper con esas cadeas, senón que lonxe de emular o réxime acabado de deixar, se apostou decididamente por crear unha nova comunidade política asentada nuns inamovíbeis principios arredor dos dereitos do ser humano (entre eles o máis prezado: o dereito á liberdade). A Carta de Dereitos dos Estados Unidos recolle estes principios estabelecendo as primeiras emendas á Constitución ratificada en 1789. Esta carta procuraba garantir o dereito das persoas á liberdade fronte á actuación do goberno e do congreso.

É paradoxal que unha constitución recentemente formada, que salienta a liberdade dos individuos, a soberanía do pobo e estipula o dereito do mesmo a se gobernar, teña que se emendar ou corrixir, cunha declaración que teima en preservar a liberdade. O caso é que na mesma aparición desa nova comunidade política, se asentaba a contradición: simultaneamente queríanse garantir os dereitos liberais (a liberdade e igualdade dos cidadáns para rematar cos privilexios da aristocracia e da monarquía) e construír un sistema político blindado que desconfiaba do pobo e do seu autogoberno. Esa desconfianza partía do prexuízo republicano de ver o pobo como unha masa inculta e incapaz, sen preparación e formación para afrontar con éxito o seu propio goberno. Outra das causas desa desconfianza radicaba na percepción como necesaria da especialización das distintas funcións sociais no desenvolvemento da economía (a produción, o comercio, a ensinanza...), ademais da preservación das clases sociais e a defensa da propiedade privada. Así colocáronse os primeiros chanzos para a saída a escena dos novos aristoi, agrupados na clase política -dirixente e profesional- encargada de se facer coas rendas do goberno representativo.

Un dos autores da Carta de Dereitos e pai da Constitución, James Madison, consciente da diferenza entre democracia directa e democracia representativa e inquebrantábel defensor como bo republicano desta última e do seu goberno, fixo fincapé non obstante na defensa da liberdade dos cidadáns (quizais a sabendas dos perigos dun goberno sen límites que podería acabar dexenerando nun novo xeito de monarquía autoritaria).

thoreau.jpgThoreau ao tanto das contradicións das que vimos falando inseridas no seu marco político, así como da contradición da escravitude da poboación negra e do novo imperialismo cara aos seus veciños mexicanos (na guerra con México entre 1846 e 1848 EUA, trala vitoria, anexionouse gran parte do territorio de México), álzase como firme defensor da liberdade. Semella logo que para el por riba de todo, o que prevalece é o recollido na primeira emenda: "O Congreso non poderá aprobar ningunha lei conducente ao estabelecemento de relixión algunha, nin a prohibir o libre exercicio de ningunha delas. Tampouco aprobará lei algunha que coarte a liberdade de palabra e de imprenta, ou o dereito do pobo a se reunir pacificamente e a solicitar ao goberno reparación de calquera agravio". A garantía de non intervención do Estado nos diferentes credos e opinións, e a garantía de reunión, e petición do pobo sobre a autoridade, de seguro que marcaron o seu pensamento político levando até as últimas consecuencias a última garantía: o dereito de petición e de reparación de agravio permítelle polo tanto facer uso da desobediencia civil e invocar a rebeldía ante as inxustizas do goberno.

Este pensamento está máis próximo ao xeito de facer política das primeiras colonias puritanas que se instalaron en Norteamérica, nas que se valoraba máis a liberdade individual e privada sobre o público e nas que as decisións se tomaban de maneira democrática en asembleas, seguindo unha rigorosidade organizativa (constituíndo pouco a pouco unha tradición liberal democrática cunha longa traxectoria no país e cun importante peso na súa cultura e historia). Thoreau rexeita a intervención do Estado, considérao -como seguidor desa tradición- un "mal necesario", pero desprézao até tal punto que se atreve a apostar pola súa desaparición. Isto condúceo ao afastamento da democracia representativa para acadar consecuentemente unha postura liberal radical ou anarquista liberal.

Orixinalmente Thoreau válese da súa experiencia do salvaxe, da defensa do natural para crear a súa faceta moral e política. É como se nunha volta de porca se dirixira aos contractualistas clásicos e dixéralles: "escoitade, o voso suposto estado de natureza non é tal, sempre estivo aí mais na forma constante do salvaxe, da natureza. Non desapareceu nin fai falla que desapareza, ten que permanecer en nós. Nesa vosa concepción agochades un desprezo cara ao mundo natural que vos asusta. Propóñovos volvernos cara a el e sabelo valorar, ollar e sentir, para comprender que dependemos del. Que sería de nós se non estivese ao noso alcance tal posibilidade?...Entón si, experimentaríamos o horror, a carencia total e absoluta de liberdade!" (1).

O pensamento de Henry David Thoreau é unha reacción contra un modelo de sociedade que se viraba contra si mesma e se afastaba dos primeiros principios que a sustentaban (natureza e dereitos do ser humano). É a rebelión dun home que, ante todo, se consideraba libre.

Nota

(1) Hobbes, Locke, Rousseau..., partían, para explicar ou lexitimar as institucións políticas e sociais, da hipotética existencia dunha situación pre-social: o estado de natureza, amosado ora como estado de guerra, ora como estado de felicidade, segundo o cariz político do relato e do seu autor. Segundo os mesmos, unha vez que os individuos pactaban inevitabelmente a sociedade e as súas institucións de goberno, non cabía a volta a dito estado.

 

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!