Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
La apuesta por el decrecimiento: Cómo salir del imaginario dominante PDF Imprimir Correo-e

la_apuesta_por_el_decrecimiento.jpgReavaliar, reconceptualizar, reestruturar, relocalizar, redistribuír, reducir, reutilizar e reciclar. Estes son os oito "Rs" que propón Serge Latouche, profesor emérito da Universidade Paris-Sud, como xeito de camiñarmos cara ao decrecemento. Unha reseña de Xan Duro.

 

la_apuesta_por_el_decrecimiento.jpgLa apuesta por el decrecimiento: Cómo salir del imaginario dominante?

Serge Latouche

Editorial Icaria, 2008

Reavaliar, reconceptualizar, reestruturar, relocalizar, redistribuír, reducir, reutilizar e reciclar. Estes son os oito "Rs" que propón Serge Latouche, profesor emérito da Universidade Paris-Sud, no seu libro "La apuesta por el decrecimiento: Cómo salir del imaginario dominante?", como xeito de camiñarmos cara ao decrecemento.

"Como se pode imaxinar que o PIB mundial, que era de 6.000 millóns de dólares no ano 1950, pasou a 43.000 millóns no 2000, poida aumentar a 172.000 millóns no 2050 sen trastornar aínda máis os equilibrios naturais, como se isto fora unha mecánica virtuosa?" Esta premisa serve a Latouche para desenvolver en primeiro lugar unha feroz crítica das supostas alternativas promovidas polo "establisment" político-económico: a substituibilidade da natureza pola artificialidade (imposíbel substituír materias primas), a desmaterialización da economía (falsa xa que a actividade industrial segue a medrar máis do 20% en termos absolutos) e a ecoeficiencia (única que valora, malia que entende que o paradoxo de Jevons anulará todos os seus posíbeis aspectos positivos). Define a sociedade do crecemento como insostible, indesexable, creadora de desigualdades e inxustizas, promotora dun falso benestar para uns poucos e baseada nunha falsidade como indicador de "progreso": o PIB.

Afirma que estamos a nos achegar ineludiblemente, se non o sobordamos xa, ao límite no que a contradición entre crecemento exponencial ilimitado e planeta finito devén nunha regresión brutal con consecuencias sociais nefastas, polo que propón abordar un proceso ordenado e consciente de decrecemento, mais non como un conxunto de normas elaboradas e fixas que nos leven do punto A ao B, senón como unha construción colectiva, baseada na praxis e nas experiencias compartidas. É un proceso político, segundo define, consistente "na construción tanto no Norte como no Sur de sociedades convivenciais autónomas e aforrativas" ou sexa "decrecer o ben-ter estatístico e aumentar o benestar vital".

Como primeiros pasos propón reducir a nosa produción a níveis equivalentes aos anos sesenta, internalizar os custos do transporte, relocalizar actividades, recuperar a agricultura agraria, transformar os beneficios da productividade en redución de tempo laboral ou na creación de empregos se fan falta, impulsar a creación de bens relacionais, reducir o desbaldimento enerxético nun factor 4, penalizar os gastos publicitarios e decretar unha moratoria na innovación tecnolóxica para reavaliar os seus obxectivos.

Este libro achéganos dun xeito sinxelo ao concepto de decrecemento, sinalando tamén aqueles espazos que aínda están por definir/construír no corpus teórico, mais marcando claramente e cun razoamento impecable a que hoxe por hoxe é a única alternativa socialmente sustentable ao colapso do sistema capitalista.

Xan Duro

 
Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!