Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
El mundo según Monsanto PDF Imprimir Correo-e

monsanto3.jpgA xornalista Marie-Monique Robin condúcenos  con rigor polo labirinto empresarial, institucional e social da multinacional Monsanto, un dos principais axentes do sistema agroalimentario mundial. Unha crítica escrita por Xavier Simón Fernández.

monsanto3.jpgTítulo: El Mundo según Monsanto

Autora: Marie-Monique Rubin

Editorial Península, 2008

Trátase dunha publicación moi recomendábel para aquelas persoas interesadas en coñecer e analizar criticamente o sistema agroalimentario global a partir do seguimento da historia dun dos seus principais axentes, a multinacional Monsanto. Non é o primeiro traballo de investigación sobre este coloso da agroindustria e non será o último. O traballo da periodista francesa Marie-Monique Robin, ao igual que o documental homónimo que se pode encontrar na internet (por exemplo, na web da Plataforma Galega Antitransxénicos), o resultado dun traballo moi rigoroso que a levou a percorrer o mundo buscando a testemuña directa das persoas que dalgún xeito participaron ou participan na historia de Monsanto. A autora do libro condúcenos polo labirinto empresarial, institucional e social da empresa, construído a partir da palabra dos científicos, agricultores, consumidores, soldados, responsábeis políticos, directivos empresariais, líderes sociais ligados aos seus cen anos de historia.

Deste xeito, o libro está escrito presentando estensos capítulos dos feitos económicos máis significativos da actividade empresarial de Monsanto que tiveron algunha incidencia social ou ambiental. Así, repásanse os casos do PCB, dos herbicidas, das dioxinas, do axente laranxa, da hormona transxénica de crecemento bovino e dos organismos xeneticamente modificados. Sen embargo, o libro ten a virtude de manexar un fío condutor que tece todos os casos específicos dándolle valor global á obra. Ese fío é a presenza constante no devir da empresa da falsificación, o plaxio; a corrupción, a impunidade e a manipulación.

Por medio destes procesos a empresa desenvolve a súa "lóxica implacable", similar a unha "máquina de guerra", como principal axente multinacional do novo imperialismo eco-ecolóxico. A lóxica de Monsanto nesta nova fase do imperialismo, a do control da vida mediante a propiedade privada, materialízase mediante a "manipulación xenética" producindo novos seres vivos, cuxo crecemento e control se somete ás regras do mercado, seguindo os patróns dunha chamada "ditadura da soia". Como elemento central desta nova orde créase unha "policía dos xenes", formada por aquelas normas, acordos e novas institucións cuxa función será a de perseguir e castigar a aqueles co atrevemento de reaxir contra do poder que representa.

É certo, este libro non é o resultado dun exercicio intelectual neutro (¿éo algún?) polo que as súas conclusións non deixarán indiferente ao lector. Tentarei explicar máis polo miudo as afirmacións anteriores co obxectivo de animar á análise dos contidos deste magnífico traballo co convencemento da súa utilidade para sermos unha sociedade máis e mellor informada.

"Portas xiratorias"

Monsanto coñece moi ben todos os mecanismos para consolidar un punto de vista científico e avanzar na lexitimación social dos seus avances tecnolóxicos. A autora complementa con información e detalles de casos recentes a "historia delitiva de Monsanto", xa ilustrada hai unha década no famoso número especial de The Ecologist. Por unha banda, o efecto das "portas xiratorias" (o revolving doors) polo que establece vasos comunicantes coas axencias institucionais americanas que regulan os ámbitos nos que fai negocio. O seguimento aos principais cadros directivos de Monsanto permite situalos en diferentes momentos tanto nesta empresa como no Pentágono, na EPA, a Environmental Protection Agency, ou na FDA, a Food and Drug Administracion.

Efectivamente, a lóxica das portas xiratorias permitiu que a empresa recibise a autorización da EPA para o seu famoso herbicida Round Up. Cando iso ocorreu, un dos futuros vicepresidentes de Monsanto ocupaba altas posicións na hierarquía da EPA. As denuncias non serviron para nada. Fruto dese movemento xiratorio, a FDA foi excesivamente laxa na garantía da calidade dos controis realizados á rBGH, a hormona transxénica do crecemento bovino deseñada por esta empresa: o seu uso foi autorizado sabendo que se manipularan os datos das vacas que formaban parte dos diferentes grupos nos que subdividía a mostra obxecto de estudo e permitindo probas sobre o seus escasos efectos adversos realizadas con ratas demasiado vellas para mostraren resultados convincentes....

Os esforzos de Monsanto para demostrar a "neutralidade dos avances científicos" que ía alcanzando no mundo da alimentación non se reducían á técnica das portas xiratorias, tan útil para os seus obxectivos. Cando algúns científicos se atrevían a cuestionar os resultados da multinacional, esta puña en marcha a súa maquinaria de guerra para aniquilalos cientificamente: varias revistas científicas, de elevada reputación, non dubidaron en darlle a Monsanto os traballos que cuestionaban os seus resultados antes da publicación. A empresa puxo en marcha a súa maquinaria e a meirande parte dos atrevidos científicos recibiron a xubilación anticipada, perderon os seus traballos ou foron degradados a realizar tarefas diferentes. O seu poder no mundo científico levou a revistas especializadas a facer públicas notas de reprobación de traballos contrarios aos seus intereses que non chegaran a publicarse.

No caso da hormona transxénica do crecemento bovino utilizáronse estes medios para facer desaparecer do debate científico e político os posibles efectos perversos que o seu uso provoca: o "crack da vaca" ou morte súpeta do animal cando son inxectadas, a maior incidencia da mamite que require a utilización de grandes cantidades de diferentes antibióticos para o seu control...

Poucas probas para potenciais efectos descoñecidos. O laxismo institucional e a súa actitude colaboracionista son campos moi percorridos por Monsanto. No libro fica moi claro ao tratar a súa relación coas armas de destrución masiva. Utilizo este termo para referirme ao axente laranxa, fabricado pola empresa mediante a mestura de dous fortes herbicidas, o 2,4,5-T e o 2,4-D, utilizado a partir de 1964 na guerra do Vietnam; e tamén ao papel que a empresa desenvolve a partir de 1942 por encargo do Pentágono para illar o plutonio e o polonio que posteriormente se van utilizar nas bombas atómicas utilizadas contra o pobo xaponés. A historia industrial recente de Monsanto constrúese a partir do seu papel activo para deseñar armas químicas utilizadas en diferentes guerras ao servizo do imperialismo ianqui.

Manipulación xenética

Esta mesma empresa, que deixou o seu terrorífico pouso nas accións bélicas sinaladas, é a que desde 1994 sitúa no mercado novas variedades de planta resultado da manipulación xenética. Con aqueles antecedentes...., que medo me dá!!! Explícome, e calquera lector pode encontrar estes argumentos con moitos máis detalles nas partes II e III do libro: utilizando a experiencia da rBGH como laboratorio de probas e aproveitando o predominio do neoliberalismo de Reagan e os seus sucesores, coa familia Bush en primeira liña, Monsanto consegue que a desregulación sexa o principal camiño para establecer os mecanismos de penetración destes novos produtos no mercado. Efectivamente, Monsanto conseguiu xa un ano antes de teren resultados coa soia transxénica, que a FDA considerase o "principio da equivalencia en sustancia" para os transxénicos. Isto quere dicir que as variedades transxénicas e as convencionais son esencialmente o mesmo polo que "non é necesaria ningunha avaliación toxicolóxica previa" (sic) antes da súa autorización. Tamén significa que ningún tipo de etiquetaxe é necesaria por tratárense de variedades substancialmente equivalentes. Utilizando as palabras da autora, isto "resulta útil para a industria, inaceptábel para o consumidor".

Sexa como for, a partir de 1994 coa patente ianqui concedida a Monsanto sobre a soia round up ready encétase un novo e moi importante ámbito de negocio: a mercantilización dos procesos agroalimentarios desde o seu inicio. Esta ditadura da soia non fixo máis que comezar: os agricultores ianquis non poden gardar as mellores sementes para a campaña seguinte, teñen que pagar cada vez que usan as variedades transxénicas; o mesmo está a suceder na Arxentina, en México, no Brasil e en Paraguai. No caso da India, un dos maiores produtores mundiais de algodón transxénico Bt, os problemas derivados da chegada destas novas variedades milagrentas son tremendos (altas débedas; colleitas perdidas; suicidios;....) e afectan, sobre todo, ás clases sociais máis desfavorecidas.

Para facer dominante esta lóxica Monsanto conta con moitos e fortes aliados. O poder de Monsanto e a actitude colaboracionista da administración ianqui vai moito máis alá: a FDA autorizou, a finais do ano 1993, a hormona transxénica do crecemento prohibindo, ao mesmo tempo, que os produtores non seducidos por este novo milagre tecnolóxico identificaran no mercado o seu leite como "non rBGH". Non foi o primeiro pero é o exemplo máis paradigmático, por cubrir aspectos diferentes, da maquinaria de guerra que tiña deseñado Monsanto para avanzar desde a fabricación inicial de sacarina, a principios do século XX, ao control do sistema agroalimentario mediante a nova agricultura biotecnolóxica.

Se os produtos desta nova agricultura son equivalentes en substancia, é dicir, son o mesmo que os convencionais, entón, ¿para que son necesarios os sistemas de patentado e privatización do seu uso? Está é unha das principais contradicións polas que camiña a agricultura biotecnolóxica e a súa rede institucional. Outro sobranceiro aliado da empresa é a Organización Mundial do Comercio: estendeu, non sen dificultades, a obrigatoriedade de respectar e facer cumprir os sistemas de protección nacionais (patentes) nas prácticas do comercio internacional.

Iniciada en USA vaise configurando unha nova estrutura agroalimentaria global lexitimada mediante as prácticas sinaladas malia xerar potenciais riscos, intra e interxeracionais. Xustificada como a solución para o problema da fame non deixa de ser un mecanismo moi refinado de dominación. Tal e como expresa Vandana Shiva esta nova tecnoloxía "é máis poderosa cás bombas, e máis poderosa cás armas, é o mellor medio de control das poboacións do mundo".

¿Que lle importan a Monsanto o empobrecemento e os suicidios masivos nas zonas algodoeiras hindús? ¿Teñen importancia para a empresa as familias paraguaias que tentando resistir ao imperialismo dos xenes son aniquiladas polas mafias locais? ¿Que lle importa que na pampa arxentina sexan tratados os campos de soia transxénica con avións cargados do tóxico herbicida round up mentres os nenos e as nenas xogan nos eidos?. O libro que se comenta déixao claro: a lóxica implacable da empresa exprésase unicamente mediante os dólares que gaña ou deixa de gañar. Calquera outro lector que se anime porá o acento noutros moitos aspectos e voces que inzan as súas páxinas. Sexa como for, temos o deber de estar ben informados se queremos contribuír á construción doutro mundo no que as actitudes dos axentes económicos como Monsanto sexan a excepción e non a regra. Co libro que se comenta temos unha oportunidade.

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!