Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Colapso ou Gran Transformación? PDF Imprimir Correo-e

19diagonal89-web_pagina_1_imagen_0001.jpgO teito ou cénit do petróleo é unha realidade ineludible coa que imos bater máis cedo que tarde. Cómpre unha grande transformación que acabe coa nosa enorme dependencia do petróleo.Ou iso ou o colapso. Un artigo de Manuel Casal Lodeiro, da asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen Petróleo.

É difícil falar de problemas co petróleo a unha sociedade que vai todos os días en coche a traballar, á compra ou a divertirse, e que volve ter gasolina a prezos asequibles, unha vez pasado o susto do verán pasado. Pero abonda pescudar un pouco acerca do modo de funcionamiento das sociedades industrializadas actuais para vermos ata que punto somos dependentes dun único (e por certo non renovable) recurso, ata que punto estamos xogando o noso futuro a unha soa carta. Quen despois desa certeza tente avaliar ata cando vai durar esa dispoñibilidade que damos por segura desde a xeración anterior á nosa, baterá cunha realidade ineludible: o petróleo é un recurso finito, e hai sinais de que a súa produción comezou un declive irreversible.

oil-peaks.jpgO denominado teito (ou cénit ou pico) do petróleo (peak-oil en inglés) é un fenómeno xeolóxico descrito por primeira vez na década de 1950 por Marion K. Hubbert, xeólogo da Shell. Basicamente o que nos vén dicir é que a curva de extracción histórica de calquera xacemento (e consecuentemente, da suma de todos os xacementos habidos e por haber no planeta) segue unha curva en forma de campá, cun punto máximo (o teito) aproximadamente na metade. A partir dese momento non importa canto diñeiro gastemos ou que tecnoloxía utilicemos, non se pode máis ca extraer cada ano cantidades menores de petróleo. Segundo algúns expertos independentes, xa temos chegado a ese máximo, concretamente o ano pasado; segundo moitos máis, se non chegamos xa, témolo á volta da esquina. Até non hai moito isto era unha teoría ridiculizada por certos sectores económicos, que daban por sentado (nun abraiante exercizo de irresponsable fantasía) que sempre habería petróleo, pero cada vez son máis os gobernos locais ou nacionais e empresas do sector que o recoñecen de maneira máis ou menos explícita (o petróleo vai chegar a un punto que comece a declinar) e só diferen na data que lle calculan a ese momento crítico. A última voz en advertir sobre esta ilusión de calma que vive agora o mercado do petróleo, causada pola destrución de demanda e que será preludio da treboada, foi o mesmísimo Comisario de Enerxía da UE, Andris Piebalgs (8 de Maio): "Temos que reducir a nosa dependencia do petróleo (...) pode que nos esteamos quedando sen tempo para nos prepararmos".

A importancia dese fenómeno non está tanto no seu momento exacto senón na súa irreversibilidade e no profundo impacto que vai ter nas nosas sociedades (algúns din que xa o está tendo porque ven o teito do petróleo como a estocada que rematou por derrubar a burbulla financieira na segunda metade do 2008). Non se trata tan só de que unha redución continuada da oferta nun contexto de demanda crecente acabe por provocar prezos máis altos das nosas gasolinas e faga cada ano máis caro utilizar os coches. Trátase de que o petróleo é o recurso no que está fundamentado todo o noso sistema produtivo-industrial, o noso modo de vida (territorio, urbanismo e transporte) e, o que é máis preocupante, o noso sistema alimentario. A agricultura intensiva industrializada (a chamada revolución verde) foi posible grazas aos combustibles fósiles baratos, que fan posibles a mecanización, irrigación, fertilización artificial e control de pestes (provocadas, por certo, polo propio modelo de produción agrícola). É dicir, estes combustibles non renovables soportan o nivel actual de produción mundial de alimentos vexetais e mais a cría masiva do gando (carne, leite...). Os nosos gandeiros veñen queixándose, a cada paso con maior dramatismo, dos custos dos pensos industriais e dos minguantes ingresos por ese leite que lles recollen outras industrias (as transformadoras lácteas); pero... podemos (poden eles) imaxinar o que será non dispoñeren de pensos nin de camións para a recolla porque sinxelamente o petróleo preciso para producilos/movelos/distribuílos está a 200 ou 300 dólares o barril?.

Mudanza planificada ou socialmente insostible

Se consideramos as interrelacións no seu conxunto e ollamos para ese produto que está ao final da cadea de dependencias estruturais das nosas industrias, recoñeceremos que non queda outra que trocar radicalmente de modelo, e axiña, se non queremos sufrir inutilmente aferrados a unha lóxica económica e social que ten os días contados. Ou mudamos anticipada e voluntariamente ou farémolo cando xa non quede máis remedio, cun custo social moito maior. É dicir, antes ca teimar por manter a base de axudas (pan para hoxe...) unha explotación concreta ou toda unha industria insostible, debemos recoñecer que non ten futuro a medio prazo e buscar unha saída mediante a súa reconversión (e probablemente redución) en clave de sostibilidade, recuperando o mellor das prácticas tradicionais que abandonamos nas últimas décadas por unha industrialización absolutamente dependente dun petróleo barato que non podía durar para sempre.

Pero o problema do teito do petróleo para Galiza non se circunscribe só á produción agrogandeira. Imos ter tamén outro grave problema co ordenamento do noso territorio, comezando polas nosas cidades, que funcionan exclusivamente grazas ao petróleo. Produción e consumo actuais están ¿garantidos? sobre a base dun uso abusivo dos produtos petrolíferos. Os medios de transporte de persoas e mercadorías baseados neste combustible fósil son hoxe en día as veas polas que circula a nosa sociedade. As infraestruturas coma autoestradas ou aeroportos son vendidas polos partidos políticos maioritarios coma o máximo avanzo para o benestar do noso pobo, nun consenso desenvolvimentista absolutamente despilfarrador e absurdo se o poñemos no contexto da fin do petróleo barato (por non citarmos a súa repercusión sobre a mudanza climática, outra ameaza coas mesmas orixes). Ou o AVE, ese auténtico mito mercadotécnico da modernidade, que tan só serve para estragar e polarizar o territorio, consumir fondos públicos a moreas, pero que non ten ningunha utilidade á hora de substituír os camións para transportar mercadorías (algo que vai ser preciso en non moito tempo) e que fai que abandonemos as liñas de ferrocarril convencional, moito máis útiles e eficientes nun contexto sen petróleo.

A petro-dependencia de Galiza

Podemos cuantificar o grao de petro-dependencia do noso país cos seguintes datos, tirados do balanzo enerxético de Galicia 2006 (publicado polo Instituto Enerxético de Galiza en 2008):

  • Petróleo utilizado en Galiza: 100% é importado.

  • Enerxía primaria importada: 74,14% é petróleo (ou derivados).

  • Enerxía primaria total utilizada (importada+orixe galega): 57,2% é petróleo (ou derivados).

  • Enerxía dispoñible (procedente da transformación da enerxía primaria en calor, electricidade ou produtos petrolíferos): 62,15% obtense do petróleo.

  • Enerxía consumida (en Galiza e exportada): 51,23% do total son produtos petrolíferos.

  • Enerxía disipada antes dun uso final: 34,76% procede das transformacións do petróleo.

  • O petróleo (e derivados) importados (enerxía primaria) contén unha enerxía equivalente á do 79,64% da enerxía dispoñible e/ou da consumida (en Galiza ou exportada), e equivalente ao 123,9% da consumida en Galiza.

  • Os produtos petrolíferos (enerxía dispoñible) supoñen o 64,3% do petróleo e derivados importados (enerxía primaria).

    88-f-diagrama_fluxos.jpg 

Fonte: http://www.inega.es/inega/2007/upload/pdt/inf/88-f-diagrama_fluxos.jpg

  Resumidamente: máis do 60% da enerxía da que dispoñemos hoxe en día en Galiza provén dun produto importado que en cuestión de ¿meses? ¿uns poucos anos? vai sufrir unha irremediable escaseza, o cal disparará os seus prezos, e fará que estea dispoñible para moitas menos persoas, industrias, empresas, administracións públicas... E como pode funcionar un país sen o 60% da súa enerxía?

Vías de solución (ou paliación)

As vías de solución (ou paliación) para a situación que afrontamos son múltiples, transversais (coma o propio problema) e están xa definidas: de feito xa están en marcha en moi diversos graos de desenvolvemento en estados coma Suecia, Australia, California ou Nova Zelandia e en municipios de todo o mundo que se moven ao redor das redes Transition Towns e Postcarbon Cities, entre eles grandes cidades coma San Francisco, Oakland ou Portland, e centos de medianas e pequenas localidades sobre todo no Reino Unido, EEUU e Australia. Todas estas sociedades recoñecen que nos atopamos nunha situación histórica gravísima e que o futuro pasa polo recoñecemento da inviabilidade do modelo actual e da súa rápida substitución por outro baseado en:

  • Relocalización de todas as actividades sociais e económicas, e polo tanto punto final á mundialización.

  • A máxima autosuficiencia enerxética e alimentar.

  • A redución do consumo enerxético sumado ao aumento da eficiencia, poñendo as enerxías renovables no centro do modelo enerxético e non como minoritarias.

É importante salientar que estas enerxías renovables parten cunha desvantaxe inxusta cando comparamos a súa viabilidade económica: non se computan nos custos das non-renovables (petróleo, p.ex.) os custos externos (degradación ambiental, custo da inviabilidade de reposición, etc.). Este atranco só se podería eliminar se se abandona o paradigma (e dogmas asociados) da economía neoclásica e se aceptan os postulados científicos da economía ecolóxica. Todo suposto apoio ás renovables que non pase por aí será un esforzo fútil.

Así é que a prioridade absoluta está no abandono do dogma (literalmente, xa que é totalmente anticientífico) central do paradigma socioeconómico actual: a posibilidade (e bondade!) do crecemento perpetuo. Se aceptamos que non é posible medrar continuadamente, que a solución da recesión non ten que pasar por recuperar a toda costa o medre dun convencionalismo contable como é o PIB, e asumimos que se pode decrecer cuantitativamente ao tempo que melloramos a nosa calidade de vida, daquela poderemos buscar vías colectivas para (como reclama desde hai meses a Axencia Internacional da Enerxía) abandonar o petróleo antes de que el nos abandone a nós.

Se non se produce esa aceptación da realidade física polos centros de decisión do Sistema, este inevitablemente rematará por colapsar. E será máis cedo ca tarde na medida en que se manteña afastado do urxente tránsito a outro modelo social e económico verdadeiramente sustentable. Se non se produce unha viraxe radical, só nos quedará apoiarnos na estratexia dos lifeboats da que nos falan autores coma Richard Heinberg: as estruturas colectivas e persoais sostibles que os cidadáns de a pé tivermos tempo de construír (ou recuperar, porque en boa medida do que se trata é de recuperarmos a resiliencia que tiña o modo de vida dos nosos avós), para comezarmos a reconstruír outro mundo desde abaixo. E velaí onde todos podemos contribuír desde este preciso momento sen esperarmos por improbables viraxes políticas: abandonando o barco que afunde, trocando o noso modo de vida, rexeitando os cantos de serea dos que queren sacarnos dunha crise que física, xeolóxica, enerxeticamente non ten saída, e construíndo colectivamente as nosas balsas salvavidas: comunidades cada día máis autosuficientes, máis autocentradas e desertoras do petróleo, mentres non renunciamos a petar en esixencia dun futuro para todas e todos nas ríxidas portas dos últimos gobernos en aceptar a realidade.

 Principais fontes referenciadas no artigo:

Máis información:

Blog de Véspera de Nada

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!