Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Comunicar o cambio climático PDF Imprimir Correo-e
20081002112900-cambio-climatico.jpgA lentitude e a debilidade da resposta socio-política contrasta coa gravidade e a urxencia do cambio climático. Comunicar ben o problema, difícil de interpretar e de valorar, é imprescindible para afrontar o reto de evitarmos unha catástrofe climática. Un artigo de Mónica Arto, licenciada en Humanidades e militante de Verdegaia. A Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, aprobada en Rio de Janeiro en 2002, constitúe o primeiro acordo internacional que tenta abordar o problema do cambio climático (en diante CC) e tivo a súa plasmación no Protocolo de Quioto, buscando limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro entre 2008 e 2012. No texto inicial da Convención adícase un artigo á educación, formación e sensibilización cidadá que está sendo desenvolvido a través dos plans de traballo quinquenais asinados en Delhi (2002) e Bali (2007).

Dende o punto de vista científico, o último informe do Intergovernmental Panel On Climate Change (2007) non deixa lugar a dúbidas: o cambio climático é un proceso irreversible e as políticas deben enfocarse no camiño da mitigación (atenuar as dimensións do problema) e a adaptación (xa estamos a sofrer as consecuencias que irán en aumento nos próximos anos). Outro dato do informe fálanos do incremento da temperatura media global en até 6º C para finais deste século.

A relevancia do problema constátase tanto no ámbito político internacional, nacional, coa posta en marcha do "Plan Nacional de Adaptación al Cambio Climático en España", e rexional, coas distintas estratexias de loita contra o CC que nos últimos anos están a presentar as comunidades autónomas, entre elas Galicia.

A percepción social do cambio climático

No día a día, ademais das novas que aparecen nos medios de comunicación aludindo á problemática, xa é frecuente atopar o CC como tema central: unhas zapatillas co slogan "quenta os teus pés e non a Terra", un programa de humor sobre Al Gore ou unha obra de teatro...O CC semella estar popularizándose de feito que o 95,6% da poboación española escoitou falar do concepto "cambio climático" segundo un estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Mapfre (Meira, Arto, Montero, 2009: 24).

Nos estudos onde se interroga polos principais  problemas a nivel global, o CC gaña relevancia por riba doutros problemas (Meira, Arto, Montero, 2009: 18), pero non aparece entre os principais. Botando man do último Barómetro do CIS (nº 2798, 2009:), o desemprego e os problemas económicos son as principais cuestións que, segundo as persoas enquisadas, están a afectar a España, e só o 0,4% alude aos "problemas ambientais". Do mesmo modo, só o 0,5% das respostas sinalan aos "problemas ambientais" como as cuestións que máis sofren no plano persoal, sendo tamén as económicas as principais dificultades.

hotamericanbarbacoa.jpgPreguntados por se adoptaron algunha mudanza importante na súa vida relacionada co CC, o 62,7% da poboación recoñece que non, e o 37,3% restante afirma si ter adoptado mudanzas. O cambio climático ten certa relevancia como problema a nível global, e vaina perdendo no ámbito nacional, rexional, local e persoal, de xeito que as mudanzas no comportamento da poboación en relación ao problema son limitadas. Se a nivel social a poboación non parece estar actuando á altura das circunstancias, segundo a relevancia concedida a nivel científico, no ámbito político os compromisos, ademais de modestos, pasan a ter unha influencia moi limitada á hora de condicionar as políticas concretas, perdendo peso cando descendemos do nivel internacional cara ao local.

Unha das posibles leituras desta situación sería que a relevancia da problemática do CC dilúese social e politicamente cando entran en xogo outros problemas ou prioridades, o que indica unha fractura entre a preocupación manifestada polos científicos e a que amosan a poboación e os xestores públicos.

De partida, semella que a poboación non está obrigada por ningunha circunstancia a escoitar falar do cambio climático máis aló do breve espazo de tempo que dure a nova nos telexornais, ao igual que escoitan falar de moitos outros problemas. Segundo Schmidt (2003:201), nos problemas ambientais diferénciase a compoñente "concreta e científica" xunto á "construción mediática", é dicir, os medios crean "outras realidades" como son a da "preocupación pública", independentemente da súa gravidade, e a opinión pública vai condicionar as políticas públicas e tamén a solución que ao problema se lle dea no tempo.

Grazas ao esforzo de divulgación e á presenza nos medios, a xente semella estar relativamente interesada en coñecer, existe xa unha opinión pública en torno ao CC, aínda cando non é un dos seus problemas máis acuciantes ou cercanos; mais como diciamos, a lentitude na resposta socio-política contrasta coa irreversibilidade e gravidade das consecuencias que estamos a sufrir, o que pode estar a darnos a clave para reformular o tipo de divulgación que estamos a facer, e como encaixa esta coas medidas políticas adoptadas. A pregunta, como divulgadores ou comunicadores, iría hacia cal sería o mellor modo de captar e manter a atención da poboación sobre o CC, tendo en conta que non son un grupo cautivo, e de xeito máis optimista, como conseguir que a comunicación do problema chegue a acadar mudanzas en favor de hábitos con menor impacto.

Algunhas propostas para mellorar a comunicación sobre o cambio climático

Os medios a través dos cais a poboación española recibiu nalgún momento información sobre o CC son a televisión (95,3%), os xornais (74,3%), a radio (68,1%) e as campañas publicitarias (61,8%). Aquelas accións formativas cun carácter máis activo como a procura de información na Internet, leitura de libros e revistas (Meira, Arto, Montero, 2009: 68) ou solicitar información sobre como aforrar enerxía (Meira, Arto, Montero: 2009: 78) quedan nun segundo plano.

Partindo do feito de que a maior parte do que coñecemos do mundo chéganos a través dos medios de comunicación, estes cumpren unha función, mais non poden substituír, dadas as súas limitacións, as relacións persoais no referido a xerar significados e respostas en torno ao CC. Os contextos próximos (non unha web, ou un programa televisivo) van favorecer que se poidan chegar a estabelecer compromisos de mudanzas entre persoas en maior grao, polo que é necesario xerar eses espazos de encontro e diálogo directo na comunidade, facendo do CC un tema de conversa nas AA.VV, nas comunidades de veciños, nos fogares, etc.

saude_cambio_climatico.jpgCómpre aproximar o problema ás persoas tendo en conta o formato ou o medio da comunicación, pero tamén de xeito temático: ligar o CC ao agravamento doutros problemas que sofre a Humanidade (fames, pobreza, dificultades económicas, etc) e amosar as consecuencias (biofísicas, para o ecosistema e sociais) no ámbito local ou persoal; isto busca aumentar o grao de preocupación e proximidade mediante as conexións das problemáticas e cun pensamento a longo prazo, pero sen perder a perspectiva de estarmos xa sufrindo as consecuencias e de non podermos aprazar as solucións. O mañán  é menos importante, pero tendemos a concederlle de forma máxica a posibilidade de mudar os problemas actuais e de solucionar o negativo do presente, pero isto non vén senón a aprazar e agravar o problema.

Outra das propostas de mellora tiradas das experiencias educativas fálannos do círculo persoal. Para que sexa comprensible a maraña de relacións deste problema, temos que achegar as grandes ideas co día a día, dándolle un contexto familiar e no fogar da persoa, permitindo identificar as responsabilidades individuais e poñer de manifesto que os diferentes modelos de consumo, e de vida en xeral, teñen tamén repercusións maiores ou menores na contorna.

No referido aos datos, aínda que a información científica por si soa non é suficiente, si precisamos exemplificar con coñecementos técnicos correctos e explicacións transparentes o que queiramos transmitir en relación ao asunto, e non seguir alimentando os erros comúns como relacionar o CC e o problema da capa de ozono. O saber científico pódenos avalar, dado o elevado prestixio social deste coñecemento, pero comporta uns níveis de complexidade explicativa que desbordan con moito o marco do sentido común do público en xeral. Os datos científicos son fundamentais e é grazas a eles que coñecemos a existencia e importancia dun proceso denominado CC, mais a necesidade de trasladalo ao grande público fai que teñamos que prescindir de boa parte dos contidos e da lóxica científica. Como diciamos, a xente non é polo xeral, ou non exclusivamente, un público cautivo (estudiantes ou investigadores con obrigas de coñecemento), nin tampouco abundan os activistas de colectivos ecoloxistas, pero igualmente queremos ter a súa atención, polo que é fundamental adaptármonos a cada grupo ou público ao que esteamos a dirixir o noso discurso, ou co que estabelezamos un diálogo.

Ademais de seren rigorosas, as persoas adicadas a comunicar e educar en relación ao CC precisan de ferramentas narrativas: a empatía con iconos para emular os comportamentos e as emocións son poderosas; usar narracións para captar a atención das persoas pode darnos a posibilidade de facer máis perdurable o discurso. Deste xeito, requírese, ao igual que para calquera outro tipo de comunicación sobre diversos temas, aproveitar a capacidade inventiva ou expresiva mediante construcións (contos, alegorías, metáforas, humor...) que permitan que o fundamental do problema se manteña. A isto hai que engadir que o uso de imaxes pode ser un complemento importante.

Polo xeral, os primeiros pensamentos ou imaxes que a sociedade española relaciona co CC (Meira, Arto, Montero, 2009: 28) son moi negativos e refírense á escaseza de auga e á desertificación, ao aumento das temperaturas, ás vagas de calor ou frío, ou tamén ao desxeo dos polos. É dicir, as consecuencias que se recoñecen son maiormente de tipo xeofísico, en detrimento do social ou dos cambios nos ecosistemas, e fundamentalmente catastróficas, desaparecendo desas primeiras impresións as posibles solucións.

A comunicación, aínda tendo en conta a gravidade do problema, non pode abandonar o optimismo: podemos pór en marcha as mudanzas precisas. Existe unha tendencia a culpabilizar a determinados axentes sociais como as empresas, no chamado sesgo industrialista, en detrimento da poboación ou do sector servizos, evadindo en certa maneira as responsabilidades e podendo ser un factor desmotivante: "Se os principais causantes non fan nada, ¿por que debería facelo eu?". Dotar de optimismo ao discurso supón valorizar o papel de cada persoa na loita contra o CC; todos somos importanes e non sobra ninguén, sendo as accións máis pequenas as que tamén van axudar. Xunto a isto, é necesario tentar equilibrar a linguaxe que empregamos para describir as causas e consecuencias coa linguaxe das solucións; as primeiras sempre semellan enormes, planetarias, catastróficas...e as solucións que presentamos son pequenas, limitadas, de futuro. É necesario tentar equiparar estas dúas linguaxes.

Os cambios son para todos: precisamos romper os estereotipos, usar unha linguaxe e imaxes inclusivas, empregando os recursos expresivos existentes nos medios de comunicación e na linguaxe común, pero en favor da loita contra o CC. Necesitamos que o noso discurso chegue a aquelas peroas que non son afins a nós, é dicir, a aquelas persoas diversas na forma de pensar, vestir, e que se relacionan con xente diferente a nós. Debemos coñecer ao noso público e empregar linguaxes nas que se identifique a xente común.

Xa que a compoñente científica só vai ser unha parte do noso discurso, no que apelaremos á empatía e ás emocións, non podemos esquecer que os "bos hábitos" teñen que se ver recompensados mediante as connotacións positivas cara a aquelas persoas que os poñen en marcha. Un exemplo de contrapublicidade cara aos automóbiles sería salientar a contaminación que producen, o dispendio de enerxía que supoñen e as dificultades e complicacións que nunha cidade supón apostar por este medio de transporte en detrimento do transporte público, das bicicletas ou das zonas peonís. Loitarmos contra o CC fainos mellores cidadáns e veciños, e vai supor melloras na nosa calidade de vida.

climate_greenwash_awards_09.jpgA posibilidade de desfrutar das vantaxes das mudanzas pode ser irreal e frustrante para a comunidade se as campañas de comunicación non van ligadas a contextos facilitadores. Se queremos salientar as virtudes do transporte público, pero este é deficitario, estamos apostando por condutas de sacrifício e contradicindo as mensaxes da campaña de comunicación. A comunicación non só é aquela que facemos de xeito consciente e cuns obxectivos, senón tamén a leitura que as persoas fan do contexto no que viven. Se os políticos falan da importancia do CC e mesmo elaboran unha estratexia, pero non se acompaña de medidas que a avalen, estamos perante o que comunmente se coñece como lavado verde.

O que tamén pode estar a acontecer é que, aínda sendo insuficientes as medidas, a poboación e os comunicadores non esteamos a vincular axeitadamente as accións ou medidas públicas coa problemática do CC, o que incrementa a sensación de non estarmos a actuar segundo a relevancia da cuestión.

Outro dos aspectos que, sen lugar a dúbidas, aparecen no diálogo sobre o CC é o escepticismo e mesmo o negacionismo do CC por determinadas persoas ou colectivos. No caso do negacionismo estamos a falar de determinadas personalidades públicas que, cunha clara intencionalidade e vencelladas a certos lobbies de presión, aproveitan determinadas argumentacións moi popularizadas (a falta de certeza científica, a exstencia de problemas máis importantes, a negación das evidencias, etc) para sementar a dúbida, valéndose de estratexias comunicativas que mesmo fan públicas. As persoas escépticas tenden a basear a súa argumentación nunha visión máis crítica cara á información dos medios de comunicación ou dos políticos, pero nos dous casos hai que afrontar abertamente este tipo de discurso.

Ademais da xa citada confusión entre o CC e o burato da capa de ozono, existen outras "zonas oscuras" (Meira, 2008: p.102) en relación ao problema como é a falta de visibilidade dos diferentes gases de efecto invernadoiro, primándose o CO2 derivado de determinadas actividades humanas fronte a outros gases como o metano ou os CFCs. Os problemas para a saúde das persoas tampouco aparecen claramente identificados nos estudos (Meira, Arto, Montero, 2009: 60) e son aspectos a ter en conta no momento de tentar explicar as diferentes faces do problema.

O que resulta indubidable é a progresiva preeminencia que irá gañando o CC nos anos vindeiros debido aos impactos que está a supoñer xa no Planeta, e os cambios que se producirán con iso na opinión pública. Os comunicadores e educadores afrontan o labor de mediar entre o saber científico, as medidas políticas adoptadas ou non, e as comunidades, nun intento por acelerar as mudanzas necesarias que palíen as consecuencias do CC e mudar o modelo civilizatorio.

Mónica Arto é licenciada en Humanidades e alumna do Doutoramento Interuniversitario de Educación Ambiental pola Universidade de Santiago de Compostela.

Referencias

-CIS (2009).Barómetro Abril 2009. Estudio nº 2798. Centro de Investigaciones Sociológicas. (Documento electrónico, consultado o 10-05-2009: http://www.cis.es/cis/opencms/ES/Novedades/Documentacion_2798.html).

-Futerra Sustainability Communications: New Rules: new game. Communications tactics for climate change (2008). (Documento electrónico, consultado o 24-05-2008: www.futerra.co.uk).

-IPCC: Towards New Scenarios for analysis of emissions, climate change, impacts, and response strategies (2007). (Documento electrónico, consultado o 10-05-2009: http://www.ipcc.ch/pdf/supporting-material/expert-meeting-report-scenarios.pdf).

-Meira Cartea, P.A. (2008). Comunicar el Cambio Climático. Escenario social y líneas de acción. Madrid: Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino. (Documento electrónico, consultado o 10-05-2009: http://www.mma.es/portal/secciones/cambio_climatico/documentacion_cc/divulgacion/pdf/guia_comunicacion.pdf).

-Meira Cartea, P. Arto Blanco, M. Montero Souto, P. (2009). La sociedad ante el cambio climático. Conocimientos, valoraciones y comportamientos en la población española. Fundación MAPFRE, Madrid.

-Schmidt, L.(2003). Ambiente no Ecrã. Emissões no Serviço Público Televisivo.Imprensa de Ciencias Sociais, Lisboa.

 
< Ant.   Seg. >