Salvemos Monteferro |
![]() |
![]() |
![]() |
Artigos | |
A urbanización salvaxe ameaza a nosa costa. Son moitas as promotoras urbanísticas e os políticos que están a traballar para artificializar o noso litoral. Mais tamén hai cidadáns e cidadás con visión de futuro e con conciencia ambiental que se organizan por todo o país para defender a riqueza natural da extensa e diversa costa galega. Un exemplo diso é Salvemos Monteferro, unha organización creada no concello de Nigrán para defender a península de Monteferro.
![]() No ano 2005, un proxecto de Concello e Deputación pretende construír arredor do monte unha descomunal estrada, de até 16 metros de largo, con principio e fin nunha super rotonda de 36 m. de diámetro. Farois, beirarrúas, aparcamentos, e... traída de augas. En xullo, a obra é adxudicada a unha empresa de Lalín. Todo isto coa connivencia da directiva da Comunidade de Montes, que, neses días, levaba a cabo cortas salvaxes da arboreda, arrasando zonas enteiras do monte e creando grande alarma social. O 19 de novembro é incendiado, diante do seu domicilio, o coche do portavoz do grupo municipal do BNG, David Giráldez, que viña denunciando a ilegalidade, tanto da obra proxectada, como da deforestación. (As Normas Subsidiarias de Nigrán cualifican Monteferro como Espazo Natural, prohibindo explicitamente o asfaltado de novos camiños, os movementos de terras e as cortas de árbores que non se fagan por entresaca). "Salvemos Monteferro" nace pouco despois, o 12 de xaneiro de 2006, nunha xuntanza dun "grupo de persoas sensibilizadas co problema, particulares e membros de distintas Asociacións de Vigo e Val Miñor", tal como reza o documento fundacional. Actualmente son oito os colectivos integrados na Plataforma.
Actualmente, o proxecto, que foi notablemente rectificado á baixa, está sendo reactivado desde o Concello.
Para contactar: Apartado 30. 36380 Gondomar. Correo-e: Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver Teléfono: 647 965 193
Calquera organización cidadá (plataforma, foro,asociación...) especializada na defensa do litoral que desexe expor o seu traballo en Cos pés na Terra, pode enviarnos un texto de non máis de 350 palabras con información sobre a data de creación, se se trata dunha organización unitaria ou está formada por organizacións diferentes (asociacións ecoloxistas, de veciños,...), temas nos que traballa e actividades que realiza e datos para contactar. |
< Ant. | Seg. > |
---|