Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Portugal: o vermelho e o negro. A verdade amarga e a dolorosa realidade dos incêndios florestais PDF Imprimir Correo-e
Reseña
Como a realidade forestal na nosa terra e no norte de Portugal, as zonas da Unión Europea con maior densidade de lumes, é moi similar, ler este libro é interesante tamén para nos achegar á nosa propia realidade.

 

Título:  Portugal: o vermelho e o negro. A verdade amarga e a dolorosa realidade dos incêndios florestais

Autor: Pedro Almeida Vieira

Editorial: Dom Quixote

Ano: 2006.

Páxinas: 470

portugal_o_vermelho_e_o_negroPedro Almeida Vieira pertence a unha especie que nun país como Galiza, onde peor que o "feísmo urbanístico" é o "feísmo democrático", non sobreviviría. É  un xornalista  ambiental freelancer, licenciado en enxeñaría biofísica, ex-dirixente da asociación ecoloxista Quercus, colaborador dalgúns dos principais medios de comunicación portugueses, autor de artigos e libros  nos que, con rigor e claridade, desde a independencia, con visión crítica, sen ocultar responsabilidades, recorrendo moitas veces á ironía, se abordan as cuestións ambientais do país veciño.

"Portugal: o vermelho e o negro", lanzado no verán pasado, céntrase no problema dos incendios forestais. Como a realidade forestal na nosa terra e no norte de Portugal, as zonas da Unión Europea con maior densidade de lumes, é moi similar, ler este libro, profusamente documentado, resulta interesante tamén para nos achegar á nosa propia realidade. Partillamos con Portugal a desertificación do rural, o abandono do monte, a eucaliptización, o desordenamento territorial, o crecemento urbanístico disperso que invade o espazo forestal, a falta dunha aposta política forte pola xestión sustentábel do monte, a demagoxia incendiaria (da que sufrimos unha vaga este verán tan intensa como a dos lumes), etc.

O libro iníciase cunha cita de Aristóteles: "A verdade é a única realidade". A verdade pode ser incómoda ou impertinente, e mesmo ser substituída pola intoxicación, mais non deixa de ser real. E recoñecer ben un problema é o primeiro paso para o solucionar. Este verán parece que boa parte da sociedade galega se decatou da magnitude do problema crónico dos incendios, despois dunha vaga especialmente catastrófica e finalizado o apagón informativo case absoluto decretado durante tantos anos polo PP.  Mais segue habendo moitas cortinas de fume sobre as causas e as responsabilidade políticas actuais e pasadas. Cortinas que organizacións sociais e medios de información independentes e apartidarios deberían axudar a desfacer. Mais diso temos moi pouco no noso país. Desde logo menos que en Portugal.

"Portugal: o vermelho e o negro" non é o primeiro libro de Pedro Almeida. Escribiu tamén outro ensaio xornalístico moi recomendábel, "O estrago da nação", un retrato do Portugal insustentábel no que tamén podemos recoñecer moitas veces o noso país. Este libro empresta o nome a un interesante blog do mesmo autor.

 E alén de ensaios xornalísticos, tamén escribiu dúas novelas históricas, ben acollidas por público e crítica, "Nove mil passos" e "O profeta do castigo divino", ambientadas na Lisboa do século XVIII, a da construción do acueduto de Alcântara e a do terramoto.

 

Xosé Veiras García

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!