Portugal: o vermelho e o negro. A verdade amarga e a dolorosa realidade dos incêndios florestais |
![]() |
![]() |
![]() |
Reseña | |
Como a realidade forestal na nosa terra e no norte de Portugal, as zonas da Unión Europea con maior densidade de lumes, é moi similar, ler este libro é interesante tamén para nos achegar á nosa propia realidade.
Título: Portugal: o vermelho e o negro. A verdade amarga e a dolorosa realidade dos incêndios florestais Autor: Pedro Almeida Vieira Editorial: Dom Quixote Ano: 2006. Páxinas: 470
"Portugal: o vermelho e o negro", lanzado no verán pasado, céntrase no problema dos incendios forestais. Como a realidade forestal na nosa terra e no norte de Portugal, as zonas da Unión Europea con maior densidade de lumes, é moi similar, ler este libro, profusamente documentado, resulta interesante tamén para nos achegar á nosa propia realidade. Partillamos con Portugal a desertificación do rural, o abandono do monte, a eucaliptización, o desordenamento territorial, o crecemento urbanístico disperso que invade o espazo forestal, a falta dunha aposta política forte pola xestión sustentábel do monte, a demagoxia incendiaria (da que sufrimos unha vaga este verán tan intensa como a dos lumes), etc. O libro iníciase cunha cita de Aristóteles: "A verdade é a única realidade". A verdade pode ser incómoda ou impertinente, e mesmo ser substituída pola intoxicación, mais non deixa de ser real. E recoñecer ben un problema é o primeiro paso para o solucionar. Este verán parece que boa parte da sociedade galega se decatou da magnitude do problema crónico dos incendios, despois dunha vaga especialmente catastrófica e finalizado o apagón informativo case absoluto decretado durante tantos anos polo PP. Mais segue habendo moitas cortinas de fume sobre as causas e as responsabilidade políticas actuais e pasadas. Cortinas que organizacións sociais e medios de información independentes e apartidarios deberían axudar a desfacer. Mais diso temos moi pouco no noso país. Desde logo menos que en Portugal. "Portugal: o vermelho e o negro" non é o primeiro libro de Pedro Almeida. Escribiu tamén outro ensaio xornalístico moi recomendábel, "O estrago da nação", un retrato do Portugal insustentábel no que tamén podemos recoñecer moitas veces o noso país. Este libro empresta o nome a un interesante blog do mesmo autor. E alén de ensaios xornalísticos, tamén escribiu dúas novelas históricas, ben acollidas por público e crítica, "Nove mil passos" e "O profeta do castigo divino", ambientadas na Lisboa do século XVIII, a da construción do acueduto de Alcântara e a do terramoto.
Xosé Veiras García |
< Ant. | Seg. > |
---|