Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
A cuestión ambiental en Galicia. Raíces dunha nova cultura. 1750-1972 PDF Imprimir Correo-e
Reseña
Este libro de Francisco Díaz-Fierros Viqueira trata de raíces profundas e sólidas, de coñecemento científico, de reflexión e de país.  

Título: A cuestión ambiental en Galicia. Raíces dunha nova cultura. 1750-1972

Autor: Francisco Díaz-Fierros Viqueira

Editorial: Galaxia

Ano: 2006

Páxinas: 364

a_cuestion_ambiental_en_galiciaEste libro trata de raíces profundas e sólidas, de coñecemento científico, de reflexión e de país. Tiven a oportunidade de coñecer a Francisco Díaz-Fierros cando eu comezaba o meu labor investigador no seo da Universidade e na área da economía ambiental. A área de investigación á que decidín dedicarme era - e aínda segue sendo - descoñecida e incomprendida incluso para os propios economistas, e moito máis se cabe para outros científicos. Porén, Francisco coñecía daquela xa traballos que se estaban a desenvolver no ámbito social en relación ó medio ambiente, e convidounos a organizar un seminario no seo do Consello da Cultura Galega titulado "Economía Ambiental e Sociedade", no cal traballei coa ilusión que habitualmente se pon naquelas xeiras que unha emprende por primeira vez. Este non é máis que un exemplo da inmensa curiosidade do autor por disciplinas alleas á súa especialidade profesional.

O libro é froito da madurez, da experiencia e da reflexión. Non obstante, o traballo desvela moitos anos de compilación de artigos científicos, libros, documentos oficiais, documentos gráficos, incluso de argumentos e influencias externas que influiron en decisións determinantes para entender a paisaxe galega tal e como hoxe a coñecemos. O libro é por iso valioso para as novas xeracións, que cremos na necesidade de protexer o patrimonio natural do país porque nos axuda a entender como el mesmo di "[...] que todo iso tivo unha orixe, que houbo que percorrer un camiño, e que hai só uns poucos anos, a natureza mirábase en Galicia con outros ollos" (p. 28). En definitiva, que é necesario saber de onde vimos para ir con seguridade cara a onde queira que decidamos ir.

O carácter enciclopédico do traballo queda patente na amplitude dos temas que contempla. Comeza por unha análise temporal, entre os séculos XVIII e XX, da evolución da natureza como recurso (agricultura, minería, forestal e pesca). Describe como se foi configurando a ecoloxía como ciencia, tan interdisciplinar e complexa como o seu obxecto de estudio. Continua coa descrición do xurdimento gradual da problemática asociada á deterioración ambiental, e de cómo se foron abordando problemas como a contaminación da auga e a atmosfera, o lixo, os solos ou os controis alimentarios. Finalmente, reflexiona sobre a natureza coma paisaxe e cultura, e a súa plasmación non só nas ciencias, senón tamén nas artes galegas. O libro remata coa nova cultura ambiental que comeza a asomar nas investigacións e publicacións dos anos 60 e 70, e sobre todo, co primeiro cumio mundial sobre medio ambiente da ONU (Estocolmo, 1972), como símbolo dun cambio de percepción e de dirección da relación entre o ser humano e o medio. Non esquezamos a bibliografía que, para os que gosten de investigar nas fontes, proporciona unha listaxe suxerente de lecturas complementarias.

O único que se lle pode criticar ó autor é que o libro sabe a pouco, que nos deixa coa sensación de que podería ter contado moito máis. ¿Será a estratexia de profesor que da esa clase maxistral que non só nos convida senón que nos crea a necesidade de profundizar, de seguir lendo, de indagar nas fontes? Confeso que conmigo a estratexia funcionou.

María Xosé Vázquez Rodríguez. Universidade de Vigo

 
< Ant.   Seg. >