A cuestión ambiental en Galicia. Raíces dunha nova cultura. 1750-1972 |
![]() |
![]() |
![]() |
Reseña | |
Este libro de Francisco Díaz-Fierros Viqueira trata de raíces profundas e sólidas, de coñecemento científico, de reflexión e de país.
Título: A cuestión ambiental en Galicia. Raíces dunha nova cultura. 1750-1972 Autor: Francisco Díaz-Fierros Viqueira Editorial: Galaxia Ano: 2006 Páxinas: 364
O libro é froito da madurez, da experiencia e da reflexión. Non obstante, o traballo desvela moitos anos de compilación de artigos científicos, libros, documentos oficiais, documentos gráficos, incluso de argumentos e influencias externas que influiron en decisións determinantes para entender a paisaxe galega tal e como hoxe a coñecemos. O libro é por iso valioso para as novas xeracións, que cremos na necesidade de protexer o patrimonio natural do país porque nos axuda a entender como el mesmo di "[...] que todo iso tivo unha orixe, que houbo que percorrer un camiño, e que hai só uns poucos anos, a natureza mirábase en Galicia con outros ollos" (p. 28). En definitiva, que é necesario saber de onde vimos para ir con seguridade cara a onde queira que decidamos ir. O carácter enciclopédico do traballo queda patente na amplitude dos temas que contempla. Comeza por unha análise temporal, entre os séculos XVIII e XX, da evolución da natureza como recurso (agricultura, minería, forestal e pesca). Describe como se foi configurando a ecoloxía como ciencia, tan interdisciplinar e complexa como o seu obxecto de estudio. Continua coa descrición do xurdimento gradual da problemática asociada á deterioración ambiental, e de cómo se foron abordando problemas como a contaminación da auga e a atmosfera, o lixo, os solos ou os controis alimentarios. Finalmente, reflexiona sobre a natureza coma paisaxe e cultura, e a súa plasmación non só nas ciencias, senón tamén nas artes galegas. O libro remata coa nova cultura ambiental que comeza a asomar nas investigacións e publicacións dos anos 60 e 70, e sobre todo, co primeiro cumio mundial sobre medio ambiente da ONU (Estocolmo, 1972), como símbolo dun cambio de percepción e de dirección da relación entre o ser humano e o medio. Non esquezamos a bibliografía que, para os que gosten de investigar nas fontes, proporciona unha listaxe suxerente de lecturas complementarias. O único que se lle pode criticar ó autor é que o libro sabe a pouco, que nos deixa coa sensación de que podería ter contado moito máis. ¿Será a estratexia de profesor que da esa clase maxistral que non só nos convida senón que nos crea a necesidade de profundizar, de seguir lendo, de indagar nas fontes? Confeso que conmigo a estratexia funcionou. María Xosé Vázquez Rodríguez. Universidade de Vigo |
< Ant. | Seg. > |
---|