Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Ecopacifismo: unha proposta PDF Imprimir Correo-e

nucleares_non.jpgHai algún tempo falabamos nesta revista sobre os movimentos ambientais en xeral e o ecoloxismo (social) en particular. Non tratamos daquela o ecopacifismo... Existe? Se si, en que consiste? . É estar contra as guerras pola destrución ambiental que implican? É talvez defender o ambiente por meios nonviolentos?. Un artigo de Xosé María García Villaverde, secretario xeral de Verdegaia.

Vaiamos primeiro, unha vez que xa fixemos o propio co ecoloxismo, ver que é o que entendemos por pacifismo

Paz(es) e Pacifismo(s)

Se pacifismo é procurar a paz, debemos primeiro aclarar que é o que entendemos por esta. O máis común, aínda hoxe, é que se entenda a paz -aliás de como "tranquilidade"- como ausencia de guerra. Os movimentos contra a guerra en xeral ou contra unha guerra en particular son antibelicistas, e o pacifismo é antibelicista, mais non todo o antibelicismo é pacifista necesariamente. A situación que levou a unha guerra era paz? E ao resultado da guerra, podémoslle chamar paz?

 

pacifismo.jpg
O logo da paz foi creado para a CND en 1958
O pacifismo contemporáneo define a paz non en oposición á guerra senón fronte á violencia e distingue, segundo Johan Galtung, tres tipos de violencia: directa, estrutural e cultural. A violencia directa (física e/ou verbal) é a máis visíbel e correspóndese co que entendemos comunmente por violencia: agresión, guerra... A violencia estrutural poderiámola identificar coa inxustiza, mentres que a violencia cultural lexitima e alimenta as outras dúas. Segundo isto, a ausencia de violencia directa sería "paz negativa", mentres que a ausencia de calquer tipo de violencia sería "paz positiva".

 

O pacifismo da nonviolencia o que persegue, xa que logo, como un socialismo nonviolento, é transformar a situación actual para construír unha outra na que non exista violencia (nen directa, nen estrutural nen cultural). Isto non quer dicer que o pacifismo procure a desaparición dos conflitos. Xa vimos que guerra e violencia non son sinónimos, pois violencia e conflito ou guerra e conflito tampouco o son. O pacifismo entende que os conflitos, ademais de inerentes ás relacións sociais, non son necesariamente negativos e deben ser abordados como unha oportunidade e transformados criativamente de forma nonviolenta para construírmos a paz.

 

Movimentos ambientais e paz (negativa)

O pacifismo non adoita incluír entre as súas análises e propostas elementos ambientais de nengún tipo, dado o seu forte antropocentrismo. Ocorre o mesmo nos movimentos ambientais no que fai respeito á paz?

Dentro dos movimentos ambientais identificamos tres grandes familias: conservacionistas, ambientalistas e ecoloxistas, que poderiamos reducir a tres posturas básicas 1) protexer espazos e especies, 2) procurar a ecoeficiencia e 3) atinxir a sustentabilidade ambiental. Conservacionismo e ambientalismo non poñen en causa o actual sistema hexemónico e son fortemente antropocéntricas mentres que o ecoloxismo pretende superar o industrialismo e se move entre o antropocentrismo débil e o biocentrismo. Que teñen a ver coa paz?

Desde o conservacionismo poderíanse asumir ocasionalmente posturas antibelicistas ou vagamente antimilitaristas, cinxidas ao rexeitamento da destrución de espazos naturais relevantes ou á ameaza de extinción dalgunha especie por mor da guerra e a súa preparación.

Do ambientalismo sería máis propio procurar minimizar os danos ambientais causados pola guerra e a súa preparación: munición "ecolóxica", eficiencia enerxética de carros e avións de combate, utilización de materiais reciclados ou reciclábeis, minimización dos impactos das manobras militares,...

O ecoloxismo, en cambio, mantén cando menos unha postura claramente antibelicista baseada no rexeitamento dos danos ambientais, locais e globais, que causa a guerra e a súa preparación (erosión dos solos; polución de terra, auga e ar; elevado consumo enerxético e de materiais...). O ecoloxismo social engadiría a estes motivos todas as consecuencias sociais, locais e globais, da guerra e a súa preparación, así como a análise da utilización da guerra para defender a situación da(s) minoría(s) privilexiada(s), un modo de vida xerador de destrución ambiental e inxustiza social. Entre o repertorio de acción ecoloxista teñen ademais un peso relevante estratexias como a acción directa nonviolenta e a desobediencia civil.

O Movimento Anti-Nuclear como catalizador

O ecoloxismo -o único "Novo Movimento Social" realmente novo-, surxido coa década de 1970, convive desde a súa orixe co (novo) pacifismo, o (novo) feminismo, o (novo) antimilitarismo... movimentos sociais anti-autoritarios que van tomando forma fronte á crise da esquerda clásica (reflectida no París e a Praga do ‘68), fronte á guerra (Vietnam 1960-1975), fronte ao avanzo da enerxía nuclear, fronte a unha crise ambiental global que comeza a se facer cada vez máis evidente ("Os límites do crescimento")... É tempo de Guerra Fría, carreira de armamentos e MAD (Mutua Destrución Asegurada).

No nascimento das primeiras organizacións ecoloxistas tivo muito a ver o movimento anti-nuclear. Friends of the Earth, por exemplo, surxiu en 1969 nos EUA como unha escisión do conservacionista Sierra Club, motivada pola negativa desta veterana organización a se opor ás centrais nucleares.

tripulacion_phyllis_cormack.jpg
Tripulación do Phyllis Cormack
No movimento anti-nuclear confluíron ecoloxistas e pacifistas na defensa da paz e o ambiente e quizais o caso máis claro sexa o comité "Don´t Make a Wave", formado en 1969 en Vancouver, Canadá, para luitar contra as probas nucleares dos EUA en Amchitka -unha das illas Aleutianas, Alasca-. O comité, formado por cuáqueros, obxectores de consciencia estadounidenses e integrantes do Sierra Club, traballou inicialmente no marco desta organización, mais desvinculouse dela ao se opor á realización dunha acción directa nonviolenta -navegar até Amchitka no pesqueiro Phyllis Cormack-. En 1972 o comité transformaríase en Greenpeace.

 

Na Europa dividida polo telón de aceiro o caldo de cultivo xerado polos "novos" movimentos sociais terá a súa expresión máis peculiar no "partido anti-partido" Die Grünen, o partido dos Verdes alemáns, constituído en 1980. Ecoloxismo e pacifismo (como tamén feminismo e antimilitarismo) e o catalizador anti-nuclear teñen muito a ver coa irrupción na política institucional desta nova forza. No caso do Estado español, o encontro entre ecoloxismo e pacifismo non sería no anti-nuclear senón no movimento anti-OTAN.

Foi nesta altura, co ecoloxismo recén nascido e co movimento anti-nuclear como lugar de encontro co pacifismo, que se comezou a utilizar o termo "ecopacifismo". Son sinónimos ecoloxismo (social) e ecopacifismo? Existe ecopacifismo alén do movimento anti-nuclear? É o ecopacifismo apenas o resultado de colaboracións pontuais de ecoloxistas e pacifistas?

Ecoloxismo e Pacifismo

Ecoloxismo (social) e pacifismo teñen (ou deberían ter) muitos elementos en común: a defensa de coerencia entre medios e fins (a paz como camiño cara á paz, a sustentabilidade como camiño cara á sustentabilidade), o antibelicismo e antimilitarismo, o recurso á acción directa nonviolenta e á desobediencia civil, a procura da xustiza social, a defensa da democracia participativa...

O ecoloxismo nasce durante a Guerra Fría e frente aos dous sistemas enfrentados nesta, capitalista e comunista, que identifica como dúas versións dun mesmo super-sistema: o industrialismo. Da parte pacifista, o historiador Edward P. Thompson, cofundador da británica CND (Campaña polo Desarme Nuclear) e autor de "Protesta e Sobrevive", tamén identificaba un super-sistema que englobaba a capitalismo e "socialismo real": o exterminismo, un novo modo de produción que sería "o último estadio da civilización" e non era un problema de clase, senón humano. A capacidade destrutiva da humanidade, sexa através da produción e consumo ou por medio da guerra, non ten precedentes.

A Guerra Fría acabou hai tempo, mais a destrución ambiental e social seguen adiante. Xa non sentimos falar de Mutua Destrución Asegurada, pero belicismo e militarismo seguen aí, agora son tempos de Guerra Global Permanente. O movimento pacifista, mentres, semella perder definición, diluído nas protestas antibelicistas, refuxiado na educación para a paz e a xestión de conflitos, ignorando o maior dos conflitos hoxe existentes...

Ecopacifismo

Ese conflito -en fase de guerra- que o pacifismo ignora por causa do seu antropocentrismo forte é o existente entre tecnosfera e biosfera, entre a humanidade (industrializada) e o resto da natureza. Podemos analisar a situación coas ferramentas do pacifismo, seguindo a Johan Galtung (e outros): o triángulo ACI (actores-condutas-incompatibilidades) o triángulo diagnose-prognose-terapia, os tres tipos de violencia (directa, estrutural e cultural), a prevención e transformación de conflitos e os 3R da construción da paz tras a violencia (reconstrución, reconciliación e resolución).

cann_cotobade.jpgOs actores non son outros que os seres humanos, industrialistas ou non. As condutas teñen a ver co modo de produción e consumo, así como coas prácticas destinadas a manter estes. As incompatibilidades ou contradicións son as relacionadas coa insustentabilidade ecolóxica e a inxustiza social.

Diagnose: Estamos a exercer unha violencia directa masiva e crescente contra o resto da biosfera, até chegarmos ao extremo de provocar coas nosas agresións unha crise ecolóxica global. Esta violencia directa, tamén utilizada contra outros seres humanos, ten como obxectivo manter un modo de vida estruturalmente violento. A violencia cultural que sustenta e alimenta este sistema xerador de destrución e inxustiza podémola identificar coa super-ideoloxía do industrialismo, co antropocentrismo forte, o produtivismo, o curtopracismo, o tecnoentusiasmo, o belicismo, a percepción da natureza como algo alleo á humanidade e ao servizo desta...

Prognose: A situación empiorará aceleradamente e a recuperación será máis complicada cantos máis umbrais se sobrepasen. A crise ecolóxica global é tamén civilizacional e pode desembocar en serios retrocesos non só en canto a benestar material, senón tamén no referido a direitos e liberdades.

Terapia: É necesaria unha intervención urxente que reduza dun modo drástico a violencia directa (destrución ambiental e social, guerra...) e estrutural (inxustiza sincrónica e diacrónica) e promova ao mesmo tempo unha mudanza cultural. Cumpre abordar a crise ecolóxica global como unha oportunidade de transformación social e mundial, unha oportunidade de superación do industrialismo.

Estamos en guerra coa biosfera e témola que parar. Unha vez detidas as agresións aínda ficará muito por facer na construción da paz:

  • Deberemos reconstruír a tecnosfera (o que inclúe rehabilitación, reconstrución económica e física, reestruturación e reculturización) e facelo con outros criterios: sustentabilidade ecolóxica, xustiza social, democracia participativa e reflexiva, desmilitarización e desarme...
  • Deberemos reconciliarnos entre os seres humanos e co resto da biosfera, mudando a hexemonía cultural industrialista pola ecopacifista;
  • Deberemos atinxir, por fin, a resolución do conflito, que se dará cando teñamos superado a insustentabilidade ecolóxica e a inxustiza social xeradas.

Dito doutro modo: O noso modo de vida é xerador de destrución ambiental e social, local e global, actual e futura. Para seguir a existir precisa continuar a afondar na súa insustentabilidade e inxustiza, que debe acompañar de represión e guerra -para se abastecer de recursos e protexer privilexios-. As agresións ambientais adoitan transformarse en danos contra seres humanos -xa que tamén nós facemos parte da biosfera- que interpretamos como catástrofes "naturais". O industrialismo é suicida e incompatíbel coa construción da paz. Necesitamos superalo canto antes e mudar o noso modo de nos relacionar entre nós e co resto da natureza. A humanidade non pode "gañar a guerra" ao resto da biosfera, non podemos vivir sen ela mais ela si sen nós.

En tempos de crise ecolóxica global como os que vivimos non é viábel unha alternativa pacifista global que non integre a análise ecoloxista (social). Por outra banda, o proxecto ecoloxista social enriquécese e afortálase engadindo a paz aos seus obxectivos de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social. O ecopacifismo -"fase superior do ecoloxismo social" segundo Francisco Fernández Buey-, é probabelmente a alternativa mais completa ao industrialismo, cando menos sobre o papel ou nas nosas cabezas. Agora resta saber se será quen de xuntar unha masa crítica suficiente e a tempo para atinxir esa tan necesaria transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz.

Para saber máis:

Commoner, Barry (1992): En paz con el planeta, Crítica, Barcelona, 256 pp.

Riechmann, Jorge y Fernández Buey, Francisco (1994): Redes que dan libertad, Paidós, Barcelona, 301 pp.

Dobson, Andrew (1997): Pensamiento político verde, Paidós, Barcelona, 270 pp.

Dobson, Andrew (1999): Pensamiento verde: Una antología, Trotta, Madrid, 308 pp.

Riechmann, Jorge (2000): Un mundo vulnerable, Los Libros de la Catarata, Madrid, 341 pp.

Jares, Xesús R. (Coord.) (1996) Construír a paz. Cultura para a paz, Xerais, Vigo, 348 pp.

Fisas, Vicenç (1998): Cultura de paz y gestión de conflictos, Icaria, Barcelona, 407 pp.

Galtung, Johan (2003): Paz por medios pacíficos, Bakeaz/Gernika Gogoratuz, Bilbao, 354 pp.

Romeva, Raül (2003): Guerra, posguerra y paz, Icaria, Barcelona, 191 pp.

Prat, Enric (ed.) (2004): Pensamiento pacifista, Icaria, Barcelona, 156 pp.

 

 

 

 
Seg. >