Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Un desafío que non pode esperar máis PDF Imprimir Correo-e
climatedrought.jpgTemos uns dez anos para comezar a reducir as emisións mundiais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) se queremos ter algunha posibilidade de evitar unha mudanza climática moi perigosa. Mentres desde moitos ámbitos se defenden solucións ilusorias, as emisións non deixan de medrar, tamén en moitos países desenvolvidos. Un artigo de Xosé Veiras, membro de Verdegaia e de Ecologistas en Acción.

 

Sabemos que a mudanza climática antropoxénica é un problema global que pode chegar a atinxir proporcións catastróficas (1). Aínda hai "disidentes" da mudanza climática que, como o ex-presidente Aznar, teiman en negar a crise climática e a necesidade de combatela. Mais son cada vez menos, e cada vez menos xente os toma en serio.  Pola contra, abundan declaracións, acordos, estratexias, planos,... que, a diferentes niveis, recoñecen e fan fronte ao problema. Mais, estamos a avanzar realmente? A resposta é non. As emisións de GEI no mundo e en países desenvolvidos como Galicia continúan medrando.

Emisións de gases de invernadoiro en crecemento continuo....

As emisións humanas de gases que intensifican o efecto invernadoiro natural e inducen as alteracións climáticas non deixan de aumentar. Segundo o Grupo de Expertos da ONU sobre Mudanza do Clima (IPCC, polas súas siglas en inglés), as emisións globais de GEI aumentaron un 24% entre 1990 e 2004. No que levamos de década, a taxa de aumento das emisións de carbono debidas á queima de combustíbeis fóseis non só non diminuiu senón que se multiplicou case por catro, desde o 0,9 % anual na década dos noventa ao 3,5% entre 2000 e 2007 (2) .

O maior incremento nas emisións está a ter lugar hoxe nos chamados países en vías de desenvolvemento, nomeadamente en China. Porén, esta realidade non pode ocultar que son as emisións acumuladas dos países enriquecidos as causantes da crise climática. E que estes países, malia teren aínda unhas emisións por habitante moi superiores ás dos países pobres, non están a diminuír a súa achega a un problema global que padece sobre todo o Sur global (3) . Desde 1990 até 2006 as emisións totais destes países aumentaron o 9,9 %, con tendencia a se estabilizaren no que levamos de década (4).

Entre os estados desenvolvidos, España é o segundo onde máis medraron as emisións de GEI desde 1990: nada menos que nun 50,6% até 2006!. É tamén o máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto, pois o Estado español comprometeuse a non aumentar as súas emisións en máis dun 15% no período 2008-2012 a respecto de 1990.

 .....tamén en Galicia

No noso país, as emisións aumentaron un 20,5% entre 1990 e 2006, é dicir, moito menos que a nivel estatal pero bastante máis que no conxunto dos países máis desenvolvidos. Á espera da divulgación dos datos oficiais, un recente estudo da Secretaría de Medio Ambiente de CCOO sobre as emisións españolas por comunidades autónomas apunta que en 2007 as emisións galegas xa creceran un 25,1% en comparación con 1990. Malia representar o 5,1% do PIB e o 6,1% da poboación estatais, Galicia achega o 8,1% das emisións estatais (5).  O decepcionante Plano de Acción contra a Mudanza Climática da Xunta prevé que en 2012 as emisións sexan un 37% superiores ás de 1990.

kingsnorthdrought.jpgAínda que as emisións españolas medran máis que as galegas, as nosas emisións por habitante seguen a ser sensibelmente superiores ás do conxunto do Estado español, mesmo descontando aquelas asociadas á electricidade xerada aquí mais consumida fóra do noso territorio, e que supoñen un 14,7% das emisións totais (6). Que exportemos electricidade non é a principal causa de que teñamos unhas emisións por habitante tan elevadas, como se nos quere facer crer ás veces. Temos unhas emisións per cápita tan altas porque a economía galega é intensiva en carbono.

A produción de electricidade nas ineficientes centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNION FENOSA) é a principal fonte de gases causantes do quecemento global. En 2006, achegaron nada menos que o 37% das emisións totais (7). É precisamente a excesiva produción de electricidade a partir de carbón -o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de CO2- unha das chaves principais que explican que España non vaia cumprir o Protocolo de Quioto só con medidas de redución dentro do seu propio territorio. Para o cumprir (o que resulta a día de hoxe ben improbábel), terá de recorrer con profusión á compra de créditos de carbono, con elevados custos económicos para o conxunto da sociedade española.

Un futuro moi  preocupante

As emisións non deixaron de medrar nos últimos anos, mais o peor é que, segundo o IPCC, "coas políticas actuais de mitigación da mudanza do clima e prácticas relacionadas de desenvolvemento sustentábel, as emisións de gases de efecto invernadoiro continuarán aumentando nas próximas décadas" (8).

Se a redución das emisións de GEI fose un deporte olímpico, ningún país desenvolvido ou "emerxente" merecería subir ao podio. O Climate Change Performance Index (CCPI) é un indicador desenvolvido por Germanwatch e Climate Action Network Europe  que avalía o papel na protección do clima de 57 estados que suman o 90 % das emisións mundiais debidas ao consumo enerxético. Na clasificación elaborada a partir do CCPI de 2009  os tres primeiros lugares ficaron baleiros. Suecia ocupa o 4º lugar, seguida de Alemaña, Franza, India, Brasil, Reino Unido e Dinamarca. España aparece no lugar 28. Arabia Saudí, Canadá e Estados Unidos, por esta orde, son os peor situados (9). Non son todos iguais, mais ningún estado se pode considerar satisfeito co que fai hoxe para protexer o clima.

Son necesarias novas políticas para diminuír as emisións mundiais. A crise económica non debería actuar como freo na loita contra a mudanza climática senón como unha  oportunidade para descarbonizar as economías. Veremos o que acontece, mais o recente acordo da UE sobre o paquete "enerxía e clima" e o estado actual das negociacións para adoptar un tratado que substitúa o Protocolo de Quioto a partir de 2013 non convidan ao optimismo.

Se queremos ter algunha garantía de evitar unha mudanza climática moi perigosa, non convén superarmos o limiar de aumento de 2º C na temperatura media global (xa aumentou en 0,74 ºC). Para atinxirmos este obxectivo as emisións globais deberían comezar a diminuír antes do 2015 e reducirse en polo menos un 50% en 2050, a respecto dos niveis de 1990. As negociacións en curso para definir antes do remate de 2009 un acordo que substitúa o Protocolo de Quioto son seguramente a derradeira oportunidade para prevenirmos unha catástrofe climática. Que a aproveitemos ou non dependerá moito do alcance que teña nos próximos tempos a mobilización social a favor dun acordo climático eficaz e xusto.

Solucións ilusorias

Fronte á mudanza climática requírense solucións reais. Para enfrontarmos o problema climático non podemos soslaiar que o modelo enerxético baseado no consumo masivo de combustíbeis fóseis e as alteracións climáticas están intimamente ligados. Dado que a enerxía abundante e de calidade fornecida polo petróleo, o carbón e o gas natural é esencial para o funcionamento do sistema económico actual, para posibilitar o crecemento continuo da produción de bens e servizos, para alimentar os estilos de vida consumistas das minorías privilexiadas do planeta, as solucións deberían implicar mudanzas de fondo calado no modelo económico dominante.

A maior verdade incómoda non é que a mudanza climática é un problema relevante causado pola acción humana. Máis difícil aínda é recoñecer que o crecemento económico ilimitado é imposíbel, pola sinxela razón de que o noso planeta é limitado, porque a Terra non posúe unha capacidade infinita nin de subministrar recursos nin de asimilar impactos ambientais (por exemplo, de absorción de CO2).   O industrialismo levounos, entre outras, ás crises enerxética e ambiental (da que forma parte a mudanza climática). Se non imos á raíz do problema climático, ou non conseguiremos evitar unha catástrofe climática, ou farémolo á custa dunha sorte de "apartheid climático": o privilexio de ter estilos de vida relativamente altos en emisións seguirá pertencendo ás nacións ricas e ás elites das nacións pobres.

Para combatermos  a mudanza climática e preparármonos para o inevitábel teito do petróleo ("peak oil") temos que transformar o modelo enerxético. Mais esta non é tarefa doada e contraría poderosos intereses empresariais e inercias sociais. Para non ir á cerna do problema, o sobreconsumo de enerxía no mundo enriquecido, téndese a confíar en improbábeis "milagres tecnolóxicas" e a apostar por solucións que, ou só resolverán unha parte do problema, ou, no mellor dos casos, chegarán tarde. Ou que simplemente resultan falsas. Estamos a referirnos a opcións como os agrocombustíbeis, a captura e almacenamento de carbono, a enerxía nuclear ou as plantacións forestais.

Agrocombustíbeis

A expansión no uso dos agrocombustíbeis ou biocombustíbeis (10) preséntase a miúdo como unha das principais alternativas para mitigar a mudanza climática. Gobernos como o galego pretenden que os agrocarburantes (bioetanol e biodiesel) cubran unha proporción crecente do consumo de carburantes (5,75% en 2010, 7% en 2012) (11). Sen embargo, a opción dos agrocombustíbeis pode presentar importantes problemas (desprazamento de cultivos destinados á alimentación, aforros de CO2 pequenos ou incluso negativos nalgúns casos , presión sobre ecosistemas naturais con elevada biodiversidade como os bosques tropicais, expulsión de poboacións locais,...). A súa contribución ao consumo enerxético actual do transporte, se chega a ser significativa, non será certamente sustentábel (12). Nun contexto de escaseza de petróleo, e cunha crecente frota mundial de automóbeis que supera xa os 800 millóns de unidades e só está preparada para usar carburantes líquidos, os agrocombustíbeis non substituirán un volume equivalente de petróleo, senón que cubrirán o previsíbel déficit de abastecemento de carburantes. Como escribiu Antonio Estevan, "trátase dunha política directamente orientada a cumprir non a primeira parte da proposición de Al Gore (loitar contra a mudanza climática), senón a segunda (...mantendo o estilo de vida do mundo desenvolvido)" (13).

20081212elpepivin_4.jpgBaixo o termo agrocombustíbeis ou biocombustíbeis englóbanse realidades moi diferentes, que están a mudar da man da innovación tecnolóxica. Baixo determinadas condicións, poden facer parte, en certa medida, da solución á mudanza climática (14). Mais non debemos perder de vista que o prioritario, se de verdade queremos avanzar cara á sustentabilidade, é mudarmos o modelo de transporte, diminuíndo o protagonismo do automóbil privado. Sen iso, só se conseguirán melloras marxinais.

Captura e Almacenamento de Carbono (CAC)

Esta tecnoloxía consiste en separar o CO2 do resto de gases que emite un grande foco puntual (por exemplo, unha central térmica de carbón) e transportalo a un lugar para o almacenar e illar da atmosfera, en formacións xeolóxicas (xacementos de petróleo e gas esgotados, formacións salinas profundas,...) ou no oceano. Trátase dunha tecnoloxía con riscos considerábeis que debe resolver aínda varias cuestións tecnolóxicas e de custos para se xeralizar. A industria do carbón e algúns países teñen depositadas grandes esperanzas nas posibilidades desta tecnoloxía. Un informe especial do IPCC sinala que se a CAC madura e chega a se despregar a grande escala, podería conseguir unha alta proporción (do 15 ao 55%) de todas as reducións de emisións necesarias durante este século (15).

Non parece xustificábel que se estean a desviar considerábeis recursos públicos cara a esta tecnoloxía, concebida sobre todo para atrasar o inevitábel declive da destrutiva industria do carbón, cando os gobernos teñen tanto por facer para reducir a demanda de enerxía ou promover as renovábeis, opcións que nos permiten protexer o clima desde hoxe mesmo e con garantías ambientais. A CAC probabelmente non ofrecerá unha solución a tempo de evitar unha mudanza climática perigosa, pois non se prevé que o seu despregue  se poida levar a cabo antes de 2030 (16).

Enerxía nuclear

O sector eléctrico dispón de alternativas tecnolóxicas para reducir sustancialmente as súas emisións: eficiencia, enerxías renovábeis, substitución de vellas centrais térmicas de carbón por centrais de ciclo combinado a gas natural (máis eficientes e menos contaminantes),.... A enerxía nuclear non figura entre as alternativas aceptábeis para combater a mudanza climática. Segue sendo insegura e aínda non conseguiu resolver satisfactoriamente o problema do almacenamento durante centos de miles de anos dos residuos radiactivos. Para que a súa achega ao suministro enerxético mundial pasase do 6% actual a, por exemplo, o 50%, habería que multiplicar por oito o número de reactores nucleares, o que implicaría un investimento descomunal e aumentaría o perigo de proliferación do armamento nuclear. Unha vez que todos estes reactores entrasen en funcionamento, o uranio que usan como combustíbel esgotaríase en menos dunha década (17).

Plantacións forestais

A creación de plantacións forestais para absorber CO2 non é unha boa solución para combater as alteracións climáticas. Os sumidoiros biolóxicos de carbono teñen unhas características que non permiten presentalos como unha alternativa sólida á redución en orixe das emisións. Unha delas é a non permanencia: o CO2 capturado polas árbores pode ser devolto á atmosfera en calquera momento (por exemplo, debido a incendios forestais). Outra é a vulnerabilidade face á mudanza climática: unha seca pode causar unha elevada mortandade de árbores ou reducir a produción primaria dun ecosistema. Ademais, ao se tratar dunha opción barata e relativamente fácil, pode ser utilizada en detrimento doutras opcións que garanten reducións permanentes e verificábeis de emisións (18).

As grandes plantacións forestais industriais adoitan conlevar importantes impactos sociais e ambientais (perda de biodiversidade, diminución da dispoñibilidade de auga, erosión dos solos, expulsión de poboacións locais,...), moi especialmente nos países tropicais. En Galicia, a industria forestal está hoxe a usar a loita contra a mudanza climática como argumento para defender as plantacións de eucalipto, cuxa expansión desmedida e incontrolada ten causado moitos danos ambientais.

Mudar o modelo enerxético para que non mude perigosamente o clima

A mudanza climática constitúe un desafío inaprazábel que obriga a revisar en profundidade o modelo de produción e consumo, se é que aspiramos a un mundo sustentábel, xusto e pacífico. Para que non mude o clima, temos que mudar radicalmente a forma en que obtemos e consumimos a enerxía. En países desenvolvidos como Galicia, ademais de basear o consumo enerxético nas renovábeis, é necesario reducilo sustancialmente.

Para  acabar co sobreconsumo de enerxía non abonda coa mellora da eficiencia. A eficiencia é necesaria, mais cómpre tamén suficiencia. Compre afastarse do modelo produtivista/consumista de sociedade. A resposta á crise climática, e á crise ambiental global en xeral, debería levar ao decrecemento sustentábel dos países enriquecidos. Só así parece posíbel lograrmos nas próximas décadas, desde unha visión fondamente comprometida coa sustentabilidade ecolóxica e coa xustiza social, as fortes reducións das emisións que semellan necesarias.

Ademais da redución das emisións no noso territorio, o recoñecemento e pagamento da débeda de carbono -parte da débeda ecolóxica (19) que os países ricos temos contraído cos países pobres- esixe unha importante transferencia de recursos económicos do Norte ao Sur global, para axudar a éste na mitigación (redución das emisións) e adaptación á mudanza climática.  Mentres non fagamos isto, Galicia seguirá a formar parte do problema e non da solución, por moito que desde a Xunta nos repitan que, agora si, Galicia contribúe solidariamente á loita contra a mudanza climática.

 

Notas e referencias

(1) "Cambio climático: la voz de los científicos", Comisión de Enerxía de Ecologistas en Acción Madrid, El Ecologista nº52, abril 2007.

(2)"Carbon budget and trends 2007", "Global Carbon Project (2008) [http://www.globalcarbonproject.org].

(3) De acordo coas proxeccións do IPCC, as zonas máis prexudicadas serían o Ártico, África, as illas pequenas e os grandes deltas de Asia.

(4) "National greenhouse gas inventory data for the period 1990.2006", Secretaría da Convención Marco sobre Mudanza Climática [http://unfccc.int/resource/docs/2008/sbi/eng/12.pdf].

(5) En 2006, as emisións per cápita de Galicia foron de 12,4 t, face ás 9,9 t do Estado español. Se descontásemos as "emisións exportadas", as emisións per cápita galegas serían 10,6 t, superiores ás españolas e mesmo ás emisións medias da UE-27 (10,4 t no mesmo ano). Ademais, para que as contas fosen correctas, habería que tentar ter en conta as "emisións importadas". Por exemplo, as que conteñen os produtos que importamos de China.

(6) "Las emisiones de gases de invernadero por comunidades autónomas en 2007". Secretaría de Medio Ambiente de CCOO [http://www.ccoo.es/comunes/temp/recursos/1/137177.pdf].

(7) As emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia (1990-2006), Verdegaia [http://www.verdegaia.org/images/stories/areas_tematicas/cambio_climatico_enerxia/as_emisions_de_gases_de_efecto_invernadoiro_en_galicia_1990-2006.pdf].

(8) "Contribution of Working Group III to the Fourth Assessment Report of the Intergovernmental Panel on Climate Change.Summary for Policymakers", 2007. [http://www.ipcc.ch/pdf/assessment-report/ar4/wg3/ar4-wg3-spm.pdf].

(9) "The Climate Change Performance Index. Results 2009", Germanwatch  e CAN-Europe [http://www.germanwatch.org].

(10) Agrocombustíbeis son combustíbeis líquidos fabricados a partir de vexetais cultivados. Trátase dun caso particular de biocombustíbeis, combustíbeis de orixe biolóxica que non necesariamente proceden de plantas cultivadas.

(11) Documento de inicio do Plano Enerxético de Galicia 2007-2012 [http://aae.medioambiente.xunta.es/VerArquivo.do?idd=1209].

(12) "Chocando contra los límites: veinte tesis sobre biomasa y agrocombustibles", Jorge Riechmann. En: "El final de la era del petróleo barato", Joaquim Sempere e Enric Tello (Coords), Icaria editorial, 2007.

(13) "Último acto: el coche devora el planeta", Antonio Estevan, El Ecologista nº 56, marzo 2008 [http://www.ecologistasenaccion.org/spip.php?article10624].

(14) Por exemplo, desde o ecoloxismo social rexéitase a importación de agrocombustíbeis industriais , mais considérase aceptábel produción local a partir de cultivos tradicionais. Ver a "Declaración sobre usos enerxéticos da biomasa" de Ecologistas en Acción[ http://www.ecologistasenaccion.org/spip.php?article9899].

(15) "¿Puede el almacenamiento del dióxido de carbono contribuir a reducir las emisiones de gases de efecto invernadero?", Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), 2006 [http://www.unep.org/dec/docs/CCS_guide-Spanish.pdf]. Convén non esquecer que o IPCC non é só unha rede de científicos, senón tamén un órgano intergobernamental, e que son os gobernos os que deciden que tipo de informes prepara o IPCC. É significativo que  o informe sobre o CAC se publicase en 2005 e que até 2008 non se teña comezado a preparar outro sobre enerxías renovábeis.

(16) "Falsas esperanzas. Por qué la Captura y Almacenamiento de Carbono no salvará el clima", Greenpeace, 2008 [http://www.greenpeace.org/raw/content/espana/reports/falsas-esperanzas.pdf].

(17)"Energía y cambio climático", Ladislao Martínez, relatorio presentado no I Congreso Nacional sobre Cambio Global, abril 2007 [http://turan.uc3m.es/uc3m/dpto/CPS/ceicag/congreso/documents/LMartinez26Abril079ABFinal.pdf].

(18) "El cambio climático en España.Estado de situación. Documento resumen", Informe para o Presidente do Goberno elaborado por expertos en mudanza climática, novembro 2007 [http://www.mma.es/secciones/cambio_climatico/pdf/ad_hoc_resumen.pdf].

(19)http://www.verdegaia.org/files/DebedaecoloxicaVerdegaia.pdf.; http://www.odg.cat/es/inicio/enprofunditat/plantilla_1.php?identif=5

 

 

 

 

 

.
 
< Ant.   Seg. >