Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Seis anos despois do Prestige: primeiros froitos na Reserva Pesqueira de Lira PDF Imprimir Correo-e
marieiro_con_polbo.jpgA Reserva Pesqueira de Os Miñarzos, en Lira (Carnota), está colleitando os seus primeiros resultados. O grave problema do furtivismo practicamente desapareceu e a riqueza biolóxica e pesqueira da zona, que conta con case medio milleiro de especies, ofrece os primeiros signos  de recuperación. Un artigo de Raúl García, responsable de pesca de WWF/Adena.

 

Ademais, o proceso liderado polos mariñeiros de Lira-Carnota está inspirando un auténtico efecto dominó no sector da baixura, de onde xorden numerosas iniciativas similares en Galicia e no resto das comunidades autónomas. Mais, como todo proceso de mudanza social, é delicado e suxeito a numerosos factores internos e externos, como que o esforzo dos mariñeiros se vexa compensado por unha mellor comercialización dos seus produtos. 

 Lira perante a crise pesqueira global

En 2008, a Organización para a Alimentación e a Agricultura das Nacións Unidas (FAO) advertiu de novo sobre a grave situación de grande parte dos caladoiros do planeta, sinalando que só un 23 % das pesqueiras mundiais desfrutan dunha boa situación; o resto afrontan un estado de plena explotación, sobreexplotación ou esgotamento. Na Unión Europea a situación é aínda peor, con máis do 80% das pesqueiras sobre-explotadas ou esgotadas, segundo datos oficiais.

Neste sentido, un estudo publicado recentemente na prestixiosa revista Science, demostra que se non hai alteracións significativas na xestión pesqueira a nivel mundial, a pesca terminarase por completo antes do ano 2048. Outros estudos falan da desaparición xa do 90 % da abundancia orixinal de atúns, peixes espada e similares a nivel mundial, ou da grave sobre-explotación, non só dos recursos, senón do conxunto dos ecosistemas mariños, pola elevada porcentaxe de produción primaria secuestrada polo ser humano.

porto_de_lira.jpgO sector pesqueiro galego non ten sido alleo á crise xeralizada da pesca provocada pola sobreexplotación e degradación dos oceanos, perdendo cerca do 40% do emprego nas últimas dúas décadas.

Pola súa banda, o sector pesqueiro de Lira-Carnota é un exemplo magnífico dos males da pesca artesanal en Galicia: mala xestión (agás os planos de marisqueo específicos), furtivismo galopante, mala comercialización, falta de relevo xeracional, e escasas alternativas económicas. Factores agravados polo feito de se ter convertido na Zona Cero, xunto a Muxía, da marea negra do Prestige. Alentados polos perto de 100.000 voluntarios e voluntarias que acudiron a limpar a zona, así como ONGs, fundacións e institucións científicas, os mariñeiros non se renderon e a comezos de 2003 xa estaban discutindo estratexias para recuperar o seu modo de vida e estudiando a experiencia en reservas pesqueiras de colegas doutras latitudes.

A Reserva dos Miñarzos

Aínda é xove, mais xa emerxe como un referente na costa galega. Con apenas un ano de funcionamento (o plan de xestión púxose en marcha en novembro de 2007), a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, no municipio de Carnota, deixou de ser unha promesa para se converter nunha realidade sobre a que se concentran todas as olladas de quen soñan cun modelo de pesca sustentable. Un logro que, por outra banda, parecía inalcanzable en 2002 após o terrible varapao da marea negra do Prestige, que destruiu  os esforzos desenvolvidos con anterioridade polos mariñeiros de Lira para melloraren a xestión e comercialización dos seus recursos mariños.

Foi daquela cando a Confraría de Lira, acompañada pola Fundación Lonxanet para a pesca sustentable, decidiu pór todo o seu empeño e enerxía en sacar adiante esta iniciativa pioneira que contou co apoio de numerosas institucións científicas, administracións e organizacións sociais como WWF España. Así naceu, dun esforzo conxunto liderado polos propios mariñeiros e mariscadores, a primeira reserva do norte da Península Ibérica, aprobada pola Xunta de Galicia en abril de 2007.

A reserva foi deseñada espacialmente, así como as medidas de xestión, polos propios usuarios a través de obradoiros e asembleas, dispondo ademais da información biolóxica e socio-económica necesaria. O Órgano de Xestión da reserva é paritario, coa  metade dos asentos ocupados por representantes de mariñeiros e a outra metade pola Xunta.

Os Miñarzos, con pouco máis de 2.000 hectáreas de superficie, está dando os seus primeiros froitos mesmo antes de que cientificamente sexa posible constatar a mellora dos recursos derivada da nova xestión da reserva. O proceso desenvolvido en Lira está inspirando a decenas de confrarías e organizacións de mariñeiros europeas e latinoamericanas a través de RECOPADES - Rede de Comunidades Pesqueiras Artesanais polo Desenvolvemento Sustentable -,  que comezaron a impulsar (ou pensan facelo) procesos similares co obxectivo de mellorar a xestión das súas pesqueiras. En Galicia, importantes confrarías de baixura e marisqueo como Cedeira, Aguiño, Camelle, Celeiro, O Vicedo etc, xa anunciaron próximos pasos nesta liña, e outras moitas están tomando a decisión, conscientes da situación de ecosistemas e recursos.

Por desgraza poucas veces hai razóns para felicitar a unha administración no noso país por unha política pesqueira responsable; mais si as hai no caso de Galicia, polo menos no que se refire á xestión da pesca de baixura e marisqueo por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Alén do esforzo realizado nos Miñarzos, a Xunta está apoiando política e economicamente outras iniciativas en marcha, comprometéndose a estabelecer cando menos unha reserva mariña de interese pesqueiro en cada ría galega, que protexan o 10-15 % das augas. Así como apoiar os esforzos dos mariñeiros e mariscadores galegos por obteren a certificación do MSC, o sistema máis rigoroso canto a sustentabilidade na pesca.

Cousas da Administración... esta política de xestión sustentable dos recursos costeiros contrasta e contradise co que reflicte o Plan de Acuicultura de Galicia, unha auténtica ameaza para a riqueza da nosa costa.

Efecto dominó

Pero o máis importante non é (só) o que está acontecendo en Galicia - principal rexión pesqueira europea - senón que outras administracións e organizacións pesqueiras están observando con grande interese esta "movida galega" e considerando actuacións similares en Cataluña, Andalucía, Baleares, Canarias, Andalucía, Asturias ou Euskadi.

 Ademais, a crecente sensibilidade do sector de baixura e das administraciones autonómicas serve de contrapeso á nefasta política pesqueira da Secretaría Xeneral do Mar en Madrid. Neste sentido, recentemente nun foro pesquero ouviuse a un (pouco discreto) alto funcionario da Comisión Europea cómo cualificaba de "cafre" a actitude do Ministerio de Medio Ambiente facé á das CCAA ante a próxima reforma da Política Común de Pesca.

Igualmente, a actitude de grande parte da baixura e marisqueo en España cara a posicións máis conservacionistas, comeza a ter tamén o seu efecto na frota de altura e semi-industrial, que ve cómo frotas doutros países e a baixura no seu adiántanse en pesca sustentable, perante unha sociedade cada vez máis sensible á pesca destrutiva e unha presión crecente das organizacións ecoloxistas.

 O proxecto de apoio de WWF

O papel de WWF España no fortalecemento do proceso desde 2003, traduciuse a partir de 2006 nun ambicioso proxecto de apoio, facilitación e seguimento do proceso en marcha, financiado por Telefónica España e Obra Social Caja Madrid.

Dentro deste proxecto estase realizando un exhaustivo seguimento biolóxico, pesqueiro e socio-económico da nova reserva e do proceso sociolóxico en si, facilítanse obradoiros nos que se discuten distintos aspectos da xestión e vixilancia da reserva. Tamén se desenvolven actividades para a divulgación e comunicación da iniciativa, mellora da comercialización, etc. 

organo_rector_reserva.jpgPor unha banda, a Universidade da Coruña encargouse do seguimento dos efectos da nova reserva sobre a biodiversidade da zona. Por outra, a Confraría de pescadores e WWF España realizan un seguimento da actividade pesqueira, baixo a supervisión do Coordenador científico da reserva, Dr. Molares. A toma de datos pesqueiros é diaria e realízanse tamén mostreos submarinos estacionais para estudar a evolución dos ecosistemas e as especies que alberga.

Perante a complexidade que isto pode supor para os mariñeiros, tratouse de simplificar ao máximo a súa colaboración, xa que o proceso debe ser sinxelo e eficaz. Esta é a razón pola que se están desenvolvendo paralelamente - en colaboración coa Xunta, Confraría e outras institucións - varias ferramentas tecnolóxicas e informáticas para automatizar o control e seguimento da actividade pesqueira. O obxectivo é que estes aspectos fundamentais en  calquera reserva non se convirtan nun atranco insalvable polo seu custo económico, nin en Lira nin en futuras reservas, pois o software e tecnoloxía desenvolvidos serán transferidos a iniciativas similares.

Grazas a este traballo cóntase xa con información sobre as capturas, movementos da frota e riqueza biolóxica da zona. Con esta información é posible coñecermos a evolución da reserva tras a posta en marcha do plan de xestión, e medir o denominado "efecto reserva de exportación de biomasa". A entrada en vigor deste plan de xestión tivo lugar en decembro de 2007, polo que aínda é cedo para sacarmos conclusións.Porén, datos científicos preliminares e a percepción dos propios mariñeiros apunta a que os efectos están sendo positivos. E, de xeito máis intenso, nas reservas integrais, onde se prohíbe toda actividade extractiva. Igualmente, o plan de vixilancia estabelecido pola Xunta de Galicia supuxo a práctica desaparición dun dos problemas que máis preocupaban aos mariñeiros: o furtivismo.

Aspectos sociais

Non obstante, o proxecto de WWF non só se centra nas cuestións biolóxicas, senón tamén nas sociais. De feito, o que acontece en Lira é unha mudanza de mentalidade entre os mariñeiros e mariscadores, e con eles, do conxunto da poboación. Mais estes procesos de transformación, especialmente nun sector tan conservador como o pesqueiro, son moi sensibles a factores internos (comunicación interna, transparencia, toma de decisións) e externos (papel da Administración e outras confrarías, comercialización dos produtos, visibilidade mediática, etc).

De aí, a importancia de analisar estas mudanzas. A Fundación LonXanet realiza un exhaustivo seguimento sociolóxico para detectar posibles erros na iniciativa, e reaccionar a tempo, así como coñecer o grao de aceptación e expectativas dos usuarios e outros posibles beneficiarios, o seu grao de satisfacción, entre outros factores. Todo este labor servirá, ademais de para lle tomar o pulso á iniciativa, para elaborar unha guía metodolóxica orientada á creación de novas reservas, xa que Lira pretende ser un modelo de xestión sustentable e participativa para o sector pesqueiro no seu conxunto.

A metodoloxía de traballo, na que está presente a colaboración en todo momento do sector pesqueiro con outras institucións, permite consensuar as medidas de xestión e control. Dita metodoloxía, desenvolvida pola Fundación Lonxanet, e adaptada por WWF España no caso de Lira, está sendo analisada en grupos de traballo da FAO, para o desenvolvemento dunha estratexia internacional para a creación de reservas pesqueiras para a frota artesanal. Igualmente, moitas das leccións aprendidas en Lira están sendo incorporadas á estratexia de traballo en pesca sustentable a nivel internacional por parte do WWF.

Comunicación e divulgación

 Co obxectivo de cruzar as fronteiras galegas organizouse una visita de xornalistas á reserva o pasado mes de maio. A viaxe foi un éxito xa que contou coa presenza de case vinte profesionais dos principais medios españois. Pola súa banda, medios internacionais como a BBC ou The Economist interesáronse tamén pola iniciativa. Igualmente, convidouse a prestixiosos cociñeiros de Madrid, Galicia e Nova Iorque para que coñecesen a iniciativa e comecen a ofrecer produtos da reserva nos seus restaurantes, e difúndese a iniciativa nos foros adecuados.

Son moitos os ollos postos sobre Os Miñarzos, polo que non podemos fallar as institucións involucradas. O vento parece soprar a favor das reservas pesqueiras e todo indica que cada vez serán máis os mariñeiros que traballen polo seu propio futuro, inseparable do da saúde dos ecosistemas e recursos mariños. A partir de agora serán eles os protagonistas da historia. Mais só será viable se as administracións apoian política, técnica e economicamente as distintas iniciativas e se os consumidores, e o mercado en xeral, identifica e premia estas iniciativas.

 
< Ant.   Seg. >