Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Enerxías renovábeis e territorio PDF Imprimir Correo-e
Nun contexto de crise ecolóxica global cada vez máis grave, o despregue das enerxías renovábeis precisa de políticas que minimicen o seu impacto territorial e aposten a fondo pola sustentabilidade ecolóxica e a equidade. Mais tamén de apoios sociais consistentes. O megaconcurso eólico convocado pola Xunta trae de novo ao primeiro plano o conflito entre enerxías renovábeis e territorio. Unha vez máis, a preservación do territorio subordínase ao obxectivo superior de aumentar de forma notábel (e antes de que finalice a lexislatura)  a "tarta eólica". Perante a falta de límites ambientais adecuados, a construción dos novos parques eólicos terá importantes afeccións territoriais negativas (por non falar das de algúns dos proxectos industriais asociados). É o prezo que a Xunta quere que paguemos por continuarmos a ser unha potencia eólica. Por iso, a Consellaría de Innovación e Industria adiou a elaboración do novo Plano Eólico. E tamén por iso, e por outros motivos, a Consellaría de Medio Ambiente atrasou a ampliación da raquítica Rede Natura 2000. Estas dúas tarefas quedan para a próxima lexislatura, cando terán perdido xa parte do seu sentido.

A política eólica autonómica, alén de non ter sido respectuosa co patrimonio natural, enmarcouse sempre nunha política enerxética produtivista,  o que ten limitado moito os beneficios ambientais da espectacular expansión eólica rexistrada no país durante os últimos anos (peor sería sen eólica, pero mesmo con tanta eólica as emisións de gases causantes da mudanza climática non deixaron de medrar). O que interesa é producir máis e máis, enerxía limpa ou enerxía sucia, e tanto para atender a nosa demanda crecente como para exportar ao resto da Península Ibérica. A Xunta,  no seu Plano Enerxético 2007-2012, confórmase con que o consumo enerxético aumente un 2% ao ano (máis ou menos, o que medrou entre 2005 e 2006). E ademais, oponse a calquera medida que poida incidir negativamente na nosa capacidade exportadora, directa ou indirecta (a través da produción de alúmina-aluminio de Alcoa) de electricidade. Esta última afirmación talvez provoque algunha incredulidade, mais aí están as hemerotecas para comprobarmos como a Xunta non quere que dentro do Estado español se favoreza a produción de electricidade perto das zonas consumidoras, que se restrixan moito os permisos de emisión de CO2 ás centrais de carbón, ou que se elimine a tarifa eléctrica tan baixa da que desfrutan as industrais intensivas en electricidade como Alcoa.

Certamente, o noso modelo enerxético forma parte do modelo de produción e consumo industrialista (na súa versión capitalista), un modelo intrinsecamente insustentábel que precisa expandir constantemente a produción e o consumo, que demanda cada vez máis recursos e máis territorio e xera cada vez máis residuos. Mais mesmo sen se cuestionar o modelo económico -o que nos parece necesario- é posíbel apostar moito máis polo aforro e a eficiencia enerxéticas do que se está a facer hoxe.

A forma en que se está a expandir a enerxía eólica ten feito que boa parte da cidadanía considere os parques eólicos como unha das maiores agresións ambientais que está a sufrir a nosa terra. Unha expansión que ademais ten beneficiado case en exclusiva ás empresas promotoras, unha expansión da que a nosa sociedade ten extraído poucos beneficios socioeconómicos, particularmente as comunidades de montes e os particulares propietarias dos montes nos que se instalan os parques. Non faltan boas razóns para sermos críticos coa enerxía eólica en Galicia. Porén, tamén se pode percibir nalgunhas críticas ao crecemento da produción eólica unha percepción un tanto distorsionada dos impactos ambientais do modelo enerxético e unha carencia de ollada global. O que fai pensar que o necesario despregue da eólica e doutras enerxías renovábeis, mesmo no suposto de que se fixese con importantes salvagardas ambientais, tería que superar non poucas resistencias  e antipatías sociais nunha sociedade como a nosa.

A maior parte dos efectos ambientais negativos asociados ao noso modelo de produción e consumo de enerxía son invisíbeis para a cidadanía, porque teñen lugar lonxe do noso país (extracción de petróleo, gas natural e carbón; cultivos para a produción de agrocombustíbeis,...), porque se proxectan cara ao futuro e teñen alcance global (mudanza climática, esgotamento de recursos naturais,...) ou porque son difusos ou menos evidentes (contaminación atmosférica,...). No caso de enerxías renovábeis como a eólica, os impactos son próximos e máis fáceis de percibir. Afectan ao medio ambiente local, a lugares nos que vivimos ou que visitamos, a espazos aos que nos sentimos máis vencellados afectivamente. A sensibilidade social fronte aos impactos locais é, en moitos casos, ben maior que fronte aos impactos globais.

A abstracción do modelo enerxético actual, a desvinculación entre o consumo enerxético directo (calor, electricidade, carburantes) e indirecto (en produtos e obxectos) e o impacto ambiental asociado, fai que a maior parte dos danos ambientais fiquen ocultos para a inmensa maioría. Ademais, pouca xente  é consciente de até que extremo devoramos enerxía e dependemos dos combustíbeis fóseis, sobre todo se falamos de enerxía primaria, a enerxía que é necesario gastar para producir a enerxía final que usamos en fogares, industrias e vehículos.  Poucas veces se fala de sobreconsumo enerxético ou de  pegada ecolóxica global cando se discute sobre o modelo enerxético e os seus custos. Moito máis fácil é ouvir que Galiza non precisaría producir hoxe máis enerxía (incluída renovábel) porque xa é excedentaria, a pesar de que só é excedentaria en enerxía eléctrica e de que case toda a produción enerxética procede de combustíbeis fóseis (e tamén a maioría da produción eléctrica).

Non será nada fácil avanzarmos cara a un modelo enerxético ecoloxicamente sustentábel e equitativo (en termos de xustiza local e global, intraxeracional e interxeracional). Porque sociedades como a galega -aínda que en menor medida que outras do mundo rico- están comodamente instaladas no sobreconsumo, ao que non teñen a mínima intención de renunciar. E porque un modelo enerxético baseado no aforro e nas renovábeis implica un sistema de xeración moito máis complexo e disperso no territorio que o actual, con combinacións de múltiples tecnoloxías, e redes de distribución centralizadas e descentralizadas. Un modelo cun impacto ambiental moito menor pero moito máis local e visíbel que o do modelo actual.

Nun contexto de crise ecolóxica global cada vez máis grave, o despregue das enerxías renovábeis precisa de políticas que minimicen o seu impacto territorial e aposten a fondo pola sustentabilidade ecolóxica e a equidade. Mais tamén de apoios sociais consistentes.