Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Entrevista con Federico Martín Palmero PDF Imprimir Correo-e
Entrevista
central-termica-de-as-pontesA pegada ecolóxica é un indicador de sustentabilidade que mide a cantidade de terreo  que necesita unha poboación para producir os bens que consome e para absorber os residuos que produce. Un equipo de investigadores da Universidade da Coruña, dirixido por Federico Martín Palmero, profesor do Departamento de Análise Económica e Administración de Empresas, calculou a pegada ecolóxica de Galicia, concluíndo que farían falla tres planetas como a Terra se se xeralizase a todos os países. A elevada pegada ecolóxica de Galicia, superior á do conxunto de España, explícase, en boa medida, pola actividade de certas industrias, nomeadamente das centrais térmicas. Mais, por outro lado, "os hábitos de consumo dos galegos non son precisamente un exemplo de sustentabilidade". Unha entrevista por Xosé Veiras García.

Que é a pegada ecolóxica?

A pegada ecolóxica é un indicador sintético de sustentabilidade proposto por Wackernagel e Rees no ano 1996. En tan pouco tempo xa ten xerado moita literatura: dende melloras e variantes metodolóxicas até quen non a considera un indicador fiable do desenvolvemento sostible. O problema é que normalmente se ofrecen poucas alternativas para medir a sustentabilidade porque na teoría é facil deseñar indicadores óptimos, pero na práctica o aparello estatístico tradicional non é o máis axeitado.

Como se calcula?

O sistema de cálculo pasa por determinar a cantidade de terreo que necesita unha poboación (país, rexión, etc.) para producir os bens que consome e para absorver os residuos que produce. Unha vez calculada dita superficie, a pegada ecolóxica obteríase dividindo ese terreo necesario entre o número de habitantes. Normalmente o resultado (a pegada ecolóxica)  exprésase  en hactáreas per cápita.

Estamos afeitos a ouvir falar de déficits de carácter económico, mais case ninguén fala de déficit ecolóxico, especialmente desde o mundo da economía. Como se define o déficit ecolóxico?

Tradicionalmente a economía é cuantitativista. Non debemos esquecer que o modelo predominante (e consecuentemente o máis desenvolvido) é o máis ortodoxo, propio da economía neoclásica. Nesta concepción do mundo, os recursos naturais son, ou ben inesgotables, ou substituíbles polos avances tecnolóxicos. Desta forma todo se contabiliza en magnitudes monetarias. E, en consecuencia, os déficits ou superávits son unha estricta suma de diñeiro (negativa ou positiva).

O déficit ecolóxico - en termos físicos - mídese contrapoñendo os conceptos de pegada ecolóxica e capacidade de carga. Ésta última non é máis que a capacidade dun ecosistema para manter axeitadamente, e a longo prazo, a productividade, adaptabilidade e renovabilidade dos recursos. Por iso, se un pais ou rexión ten unha pegada ecolóxica maior que a capacidade de carga, diremos que presenta un déficit ecolóxico. É como se nun acuario metésemos máis peixes dos que poden vivir. Xa podemos intuír o final ...    

Cal é a utilidade da pegada ecolóxica como indicador de sustentabilidade, tanto a escala global como dun país, rexión, cidade,....? Hai países ou cidades que a teñan incorporado oficialmente como indicador de sustentabilidade?

A sustentabilidade ten sentido a longo prazo, horizonte temporal onde deben moverse as políticas e plans para o seu fomento. Por iso, En teoría, a escala global ou de país debería ser máis significativo, pero os cálculos que se fan, en moitos casos, teñen erros de bastante consideración sobre todo debidos ao sistema de medida do consumo de bens. A pesar de que as metodoloxías van mellorando, o sistema empregado no cálculo da pegada das cidades é moi limitativo. Hai problemas coa contabilización dos intercambios comerciais entre as urbes e o resto da economía na que están ubicadas e sobre todo algunhas cuestións que merecen solución e análises moi particularizados. Por exemplo, non é o mesmo a pegada ecolóxica dunha cidade compacta, construída en edificios de moitos andares,  que outra cos mesmos habitantes en casas de poucos andares.

Neste sentido, a pegada ecolóxica comeza a ser considerada como un indicador útil e a tomarse como referencia para a planificación da sustentabilidade. Non obstante, a súa incorporación oficial nas axendas dos países, rexións e cidades é, polo momento, unha entelequia.

Cal é a pegada ecolóxica de Galicia?

Segundo os cálculos realizados, a pegada ecolóxica de Galicia é de 6,26 hectáreas por habitante, que pasarían a 7,01 coa reserva do 12% do espazo para a conservación da biodiversidade.

Chama a atención que a pegada ecolóxica de Galicia sexa moi superior á media mundial e á biocapacidade por habitante do planeta, ao formarmos parte do grupo de países  a nivel mundial máis desenvolvidos e consumistas, mais si que supere amplamente á do conxunto de España. Mesmo se ouviron voces no senso de que isto sería debido,  polo menos en parte, á forma de calculala. Por que é tan alta a pegada ecolóxica da nosa terra?

É certo que chama a atención o elevada que é a pegada ecolóxica de Galicia. A primeira das cuestións  é analisar con que datos a comparamos e que metodoloxías usan. Desde o meu punto de vista, os sistemas de cálculo a nivel global ou de países, como xa referín, empregan unha metodoloxía distinta e aínda se están a perfeccionar. Iso explica que entre dous informes do grupo de Wackernagel (que é unha referencia mundial) a pegada de España en dous anos pase de 4,6 a 5,4 hectáreas per cápita, cuestión imposible por definición do propio indicador. Ou, o que é peor, que a norueguesa baixe, nese mesmo período de tempo 2,1 hectáreas per cápita... Estas limitacións condicionan moi seriamante, en principio, a comparabilidade.

arrastreiro_alturaO que resulta máis transcendente é a composición interna da pegada ecolóxica de Galicia que é o que explica claramente o seu comportamento. Dunha banda, hai un factor de localización moi importante: refinería, producción de enerxía eléctrica por combustibles fósiles (carbón e derivados do petróleo) e, á súa vez, un sector industrial dependente deste tipo de enerxía. Por outro lado, os hábitos de consumo dos galegos non son precisamente un exemplo de sustentabilidade xa que resultamos ser grandes depredadores nas categorías de pastos e mar.

Que accións considera prioritarias para reducir a pegada ecolóxica de Galicia?

A curto prazo, é un tema  difícil, xa que as causas dunha pegada tan ampla obedecen fundamentalmente a situacións estructurais, cuxa modificación require pactos e plans a longo prazo. Un problema como é a excepcional pegada ecolóxica do sector do transporte en Galicia é de difícil solución inmediata. Baste recordar que o 95% do movemento interior de mercadorías faise por estrada, ou que o 61% dos galegos non teñen acceso a un sistema de transporte público inmediato.

En termos xerais, considerando o impacto das súas políticas sobre a sustentabilidade, como valoraría o labor do actual Goberno autonómico?

A sustentabilidade adquire valor, como xa me referín, nun horizonte temporal amplo (non debemos esquecer o seu sentido inicial, a xustiza interxeracional). Por iso, resultaría inadecuado valorar as  accións levadas a cabo en tan pouco tempo. Porén, recordar que un dos resultados da Conferencia sobre Medio Humano, celebrada en Estocolmo en 1972, foi a suxestión de crear nos Estados, Ministerios de Medio Ambiente. Hoxe, practicamente todas as economías avanzadas contan cun Ministerio nesta materia. A nova estructura do goberno galego denota polo menos sensibilidade cara a estes temas e é de supoñer que se concretará en accións a longo prazo. E axudaría moito se as autoridades da Unión Europea e do Estado Español comezaran a realizar unha planificación coherente da sustentabilidade, para recuperar o tempo perdido.   

Para saberes máis:

Desarrollo sostenible y huella ecológica. Federico Martín Palmero (editor). Editorial Netbiblo.

 

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!