Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
“Hai que salvar o conxunto reducido de ríos ben conservados que nos queda" PDF Imprimir Correo-e

pbrufao.jpgPedro Brufao é presidente de AEMS-Ríos con Vida e catedrático EU interino de Dereito Administrativo na Universidade de Estremadura. Activo defensor dos ríos, formou parte da comisión promotora da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa dos ríos galegos e da coordenación da campaña "Sobran presas.Faltan ríos vivos". Unha entrevista por Xosé Veiras.

-Como ves a situación dos ríos galegos en comparación coa dos ríos do resto de España?

Xa non queda un só dos grandes ríos galegos coma o Miño, o  Sil, o Umia, o Tambre, o Ulla ou o Eume, pois foron sacrificados polas empresas eléctricas baixo condicións opacas e corruptas e nun contexto de ditadura. Malia todo isto, é posíbel vermos como centos de regatos e ríos menores contan aínda con bosque de ribeira ou poboacións troiteiras. Galicia aínda alberga unha riqueza fluvial que ten sido esquilmada noutros lugares.

-O Parlamento de Galicia aprobou en 2006 unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos, que debería ter contribuído á implementación dos principios da Directiva Marco da Auga. En que medida a adopción desta ILP, a primeira de carácter ambientalista aprobada en Galicia, supuxo avanzos na xestión da auga por parte da Xunta?

 Non ten sido máis que un brinde ao sol para calmar a unha parte da base social que apoiou co seu voto o actual Goberno da Xunta. A súa aplicación práctica deixa moito que desexar. Lembremos que o ano 2008 está a ser nefasto para os ríos, con múltiples vertidos e desastres.Dragaxes, canalizacións, concesións hidroeléctricas, desenvolvemento urbanístico e infraestruturas moi impactantes seguen sendo a norma. Vemos que non se ten en conta e que ríos como o Eume non notan os beneficios desta Lei.

 -A creación da nova Confederación Hidrográfica Miño-Sil achas que favorecerá unha correcta xestión dos ríos desta bacía?

O que importa é a acción das persoas, que na Confederación do Norte supuxeron unha mudanza radical para desterrar a vella cultura da auga. Oxalá teñamos uns Marquínez ou uns Martín Ventura nesa nova Confederación para facer que as cousas melloren. A proximidade podería implicar unha boa xestión, mais tamén a "captura do regulador" polos intereses económicos da zona: ás tres minicentrais ourensás de Couso me remito, aprobadas contra toda norma.

 -Durante a lexislatura pasada, os principios da nova cultura da auga foron incorporados, aínda que de forma limitada, á política estatal da auga. Agora semella que asistimos a un retroceso, como probaría a toma en consideración dun importante transvasamento desde o encoro de Valdecañas (Texo, Estremadura) até a bacía do Segura.

 A involución do novo Goberno ten sido unha grande decepción, pois a vella cultura da auga populista, desenvolvimentista e subvencionadora gañou a partida coa fagocitación da xestión ambiental polo "máis aínda" da Agricultura. É unha volta atrás de moitos anos que nos marcará, sen dúbida.

 -Corrupción política e urbanismo están moi vencellados no Estado español. Menos coñecido é que na xestión da auga tamén abundan as irregularidades e a corrupción. Ti estudiaches ben este tema , que exemplos salientarías en Galicia?

 Na cúspide están as concesións hidroeléctricas outorgadas á trama da Xunta, con Ferroatlántica, Unión Fenosa, ENGASA, Iglevaz e as interioridades da actividade privada do ex-Director Xeral de Industria, o popular Ramón Ordás Badía, investigado pola Fiscalía. Son exemplo de libro de corrupción estrutural na empresa e na Administración Pública, o que nos mostra unha sociedade moi pouco avanzada, que humilla o Estado de Dereito e o imperio da Lei.

 -A revisión ambiental das concesións hidráulicas e a demolición dalgunhas presas son instrumentos indispensábeis para a recuperación dos cauces fluviais. Cais cres que son as prioridades neste senso?

 Comezar a xestionar e comezar a eliminar a obsesión polas obras. Non se xestiona, senón que se inaugura, sen ter en conta en absoluto a Directiva Marco da Auga, pois a Xunta conta cun atraso imperdoábel no seu desenvolvemento.Hai que devolver aos ríos o que se lle quitou, para comezar, que a auga corra limpa e libre até o mar, para o que hai que eliminar, non nos queda outra, barreiras transversais e lonxitudinais: devolverlle o espazo fluvial ao río. O caso do Lérez en Pontevedra é moi evidente.

 -A desaparición da fervenza da desembocadura do río Xallas, en Ézaro, é un dos casos máis lamentábeis de destrución de patrimonio natural por unha explotación hidroeléctrica. Que deberían facer as Administracións para recuperar esta fervenza única?

 Declararen caduca xa a concesión e precintaren o conxunto de obras e centrais do desastre do Xallas, pois é evidente o incumprimento do Dereito de Augas e do seu propio título concesional por parte de Ferroatlántica. Unha vez recibida a concesión, proceder á súa demolición con cargo a Ferroatlántica, segundo a normativa de responsabilidade ambiental de 2007. Acto seguido, declarar o Xallas "reserva natural fluvial".

  -Para conservarmos os tramos fluviais cun maior grao de naturalidade proponse a creación dun sistema específico de áreas protexidas. Por que é necesario? Que beneficios reportaría? Está habendo avanzos nesta materia en Galicia e en España?.

 Hai que salvar o conxunto reducido de ríos ben conservados que nos queda, protexéndoos fronte a unha futura concesión. Para iso hai que estabelecer un sistema xurídico e administrativo eficaz de salvagarda, que pasa por evitar que alguén poida destruílos. É o sistema das "reservas naturais fluviais" das que en España só existe un caso parecido co galego Sor. Son a traslación española dos Wild & Scenic Rivers, aprobados por unha Lei norteamericana de 1968, cuxa única finalidade primordial era salvar os mellores ríos estadounidenses de morreren baixo una presa. Esta figura tentámola impulsar desde Ríos con vida na última década. O CEDEX do Ministerio de Fomento ten unha primeira guía, á que lle sumamos novas propostas, como o Viejas e o Almonte en Cáceres, xunto con moitos outros noutras provincias. Esperamos que en 2009 se aproben xa os primeiros ríos protexidos.

 Os beneficios son inmediatos: que a sociedade conte con ríos e non con canles represadas. Asemade, evita custos de negociación ás Administracións hidráulicas e ás empresas que desexan a explotación dos ríos, pois unha simple consulta ao Rexistro de Augas aforraría moito tempo e diñeiro.


 

 

 

 

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!