Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
A impunidade das transnacionais PDF Imprimir Correo-e

Máis de seis anos despois do naufraxio do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas aínda non se estableceu ningunha responsabilidade civil nin penal dos danos ecolóxicos e sociais causados. A estrutura das grandes empresas dificulta moito que se lles imputen responsabilidades, o que fai que actúen cunha grande impunidade. Un artigo de Begoña Carrera e Tom Kucharz, membros de Ecologistas en Acción e Verdegaia.

 

As corporacións transnacionais son actores centrais na xestión e promoción da globalización neoliberal, e á vez as súas grandes beneficiarias. Detrás da extracción e queima de combustibles fósiles, do aumento da venda de coches, do perigo da proliferación incontrolada de organismos modificados xeneticamente, da deforestación con danos incalculables, das industrias contaminantes, da concentración da propiedade da terra e da privación do acceso á auga, á educación ou á saúde, da explotación laboral, así como da presenza de réximes de investimento que consagran os dereitos do capital transnacional en detrimento das maiorías do mundo, áchanse unhas complexas dinámicas e políticas de empresas transnacionais -moitas delas da Unión Europea e concretamente do Estado español- que provocan exclusión social, guerra, destrución ambiental e pobreza.

Está demostrado que as empresas necesitan dunha arquitectura legal e política para operar con impunidade. Organismos multilaterais como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, a Organización Mundial de Comercio; os tratados de libre comercio e de investimento; o lobby ilegal e sistemático ante as institucións da UE; a corrupción ou os sistemas legais nacionais; crean as condicións para a actividade impune das transnacionais. O CIADI (Centro Internacional de Arranxo de Diferenzas Relativas a Investimentos), por exemplo, é unha institución do Grupo do Banco Mundial, especialmente deseñada para propiciar a solución de disputas entre gobernos e empresas doutros estados. Unha das súas finalidades é dotar as empresas transnacionais dunha ferramenta que lles brinde seguridade xurídica aos fluxos de investimento estranxeiro directo, sen ningún tipo de restrición ambiental ou social, forzando os estados de países empobrecidos a someterse a regras que minguan a súa economía e o benestar das súas poboacións máis pobres.

cartel_aniversario_aznalcollar.jpgAnte esta situación preguntámonos se cabe esperar algo do poder xudicial e da vía xurídica para loitar contra esta impunidade e axuizar as empresas por delitos ecolóxicos. Se o cambio climático é o problema ambiental e social máis grave da humanidade, como é posible que non abonden as demandas contra Repsol-YPF, Endesa, Unión Fenosa ou Iberdrola por emitir cada vez máis gases que provocan o quentamento global? Por que non hai querelas contra os bancos que financian autoestradas, oleodutos e refinerías? Ou por que non se lles reclaman responsabilidades ás empresas que producen automóbiles e aos medios de comunicación que anuncian os seus produtos? Preguntas demasiado desatinadas nunha realidade política na que o obxectivo dominante é perpetuar un crecemento económico.

Nunca a sociedade estivo tan concienciada sobre a crise socio-ambiental global que soporta o planeta e, con todo, a clase política aínda non sente a necesidade de actuar urxentemente. Aínda que cada vez é máis evidente que esta situación crítica é inherente ao actual modelo económico, non hai institucións nin líderes que pidan un cambio radical dese modelo. Sabemos que ha de diminuír a extracción dos cada vez máis caros combustibles fósiles e con todo cada día os países industrializados demandan máis recursos enerxéticos dos países subministradores (1).

A Lei de Responsabilidade Ambiental foi aprobada no Estado español en outubro de 2007, con tímidos avances e moitos baleiros. Pero parece innegable que o escenario en materia de responsabilidade civil das empresas por danos ambientais en territorio español pode mudar de forma importante se hai vontade política. Así e todo, hai moitas cuestións de gran relevancia que non quedan recollidas na lexislación (2). En concreto, non terían responsabilidade ambiental as accións sobre a atmosfera (todas as empresas que xeran emisións de gases de efecto invernadoiro ou os bancos que financian proxectos responsables do cambio climático) e as augas mariñas internacionais. Outro baleiro é o que fai referencia aos impactos negativos das empresas españolas fóra do territorio español. Seica só lle interesa ao Goberno español protexer a administración pública de gastos titánicos para facerlles fronte aos impactos máis visibles (como verquidos ou incendios) no canto de previr e evitar estes danos?

As empresas non cometen delitos

En materia penal, en cambio, a responsabilidade polos delitos ecolóxicos non está tan clara, xa que o Dereito Penal español está feito para as persoas físicas soamente, polo que as persoas xurídicas (empresas) non poden cometer delitos e non responden penalmente segundo o Dereito actual vixente. Isto significa que cando se comete un delito no seo dunha empresa haberá que buscar a persoa concreta responsable dese delito para poder aplicar o dereito penal, xa que unha empresa, ao ser un ente abstracto, non pode ser castigada.

En principio, son os administradores das empresas os que responden dos delitos cometidos no seo dunha empresa (art. 31 do Código Penal) pero esta regra de responsabilidade non é obxectiva nin se aplica sempre que se cometa un delito ao abeiro dunha empresa, senón que haberá que probar en cada caso concreto a participación real dese administrador ou directivo e a súa culpabilidade en relación ao feito delituoso. E isto, evidentemente, non é nada doado. O problema fundamental reside na estrutura da empresa moderna, tan complexa e confusa no modelo capitalista actual, que obstaculiza a procura de responsabilidades.

No Estado español, do mesmo xeito que nos países da nosa contorna, pódese apreciar como, na práctica, se lle impoñen moitas máis sancións penais por delitos contra o medio ambiente a autores individuais ou a comportamentos realizados desde pequenas empresas que a membros ou directivos de grandes empresas contaminantes (3). As razóns desta relación (tamaño da empresa - impunidade) teñen que ver en gran medida coas maiores dificultades que existen para determinar as responsabilidades individuais canto máis complexa sexa a organización da empresa.

A maioría dos atentados contra o medio ambiente cométense no seo de grandes estruturas empresariais e transnacionais. No contexto actual, reina a impresión de que as grandes empresas e multinacionais non deben responder ante ninguén das súas prácticas e de que non existe ningún tipo de control das súas actividades económicas (frecuentemente criminais). A falta de control e de penalización deste tipo de condutas, tanto a escala nacional como internacional, permítelles unha total impunidade a estes grandes actores.

Impunidade absoluta

Así, numerosas catástrofes naturais dos últimos tempos provocadas por empresas multinacionais quedaron na máis absoluta impunidade. Un deles é o coñecido caso de Aznalcóllar, no que a rotura dunha balsa de decantación de estériles da empresa mineira Boliden-Apirsa provocou o verquido de residuos tóxicos mineiros ao Parque Nacional de Doñana, que afectou 80 quilómetros de canles, envelenou 4.600 hectáreas de nove concellos, provocou o peche de caladoiros por contaminación de cadmio, cinc, cobre e arsénico, produciu sete millóns de metros cúbicos de lodos que houbo que retirar, toneladas de animais mortos, acuíferos altamente contaminados, concentración elevadísima de metais pesados en aves acuáticas...

Este feito iniciou unha instrución penal contra algúns directivos de Boliden (empresa transnacional sueca propietaria da mina sevillana) que tras dous anos e medio de procedemento, arquivouse cun auto de sobresemento (sen que se abrise sequera o xuízo oral) por entender o xuíz instrutor, así como a Audiencia Provincial de Sevilla, que a conduta delituosa non era imputable a título penal a ningún deses directivos. Máis tarde, presentouse recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, que tamén foi desestimado, e arquivouse definitivamente a causa. Os máis de 300 millóns de euros en gastos de restauración pagáronse con diñeiro público e a transnacional foise tan campante do país, sen que se lle caese o pelo nin se derivase responsabilidade ningunha. Este feito causou, como sinalan algúns autores, unha sacudida social de frustración e sensación de impunidade con respecto a estes delitos (4).

voluntarios_prestige.jpgNa contaminación por hidrocarburos no mar a impunidade é, se cabe, aínda maior (5). Hai máis de 6 anos, o Prestige afundía a 130 millas das Illas Cíes (onde aínda xace, a 3.800 m de profundidade), despois de que as autoridades competentes o paseasen coas entrañas abertas vertendo milleiros de toneladas de chapapote durante varios días fronte ás costas galegas. Foron un total de 70.000 toneladas de fuel que contaminaron o litoral galego e cantábrico e, en menor medida, o francés.

Achar responsabilidades nunha marea negra é pouco menos que misión imposible, xa que son casos de enorme complexidade, nun marco de globalización económica actual onde inciden cuestións como os intereses económicos da industria petroleira, e no que entran en xogo numerosos actores, como o armador do buque, o propietario rexistral do mesmo, o fretador, o asegurador, etc. Este complexo armazón de sociedades implicadas no proceso de transporte marítimo de cru dilúe a responsabilidade do verquido ata case facela desaparecer. Ademais, a proliferación de buques con pavillóns de comenencia (buques pertencentes a sociedades ficticias con sede nun paraíso fiscal, como o Prestige) dificulta aínda máis a imputación de responsabilidades (6).

O Prestige era un deses navíos que non respectan as normas vixentes -coma o 40% dos que navegan polos mares-. Construírano había 26 anos en Xapón, era propiedade dunha empresa domiciliada en Liberia, estaba matriculado nas Bahamas, armado pola filial suíza dun conglomerado ruso, e explotado por unha empresa grega cunha tripulación composta de gregos, romaneses e filipinos que traballaban en condicións deplorables. Fora declarado apto para navegar por ABS (a empresa clasificadora que revisou o estado do petroleiro) e remolcado por un barco chinés (7). Na actualidade, pasado máis dun lustro, o caso Prestige está aínda en fase de instrución e o xuízo oral no que o Estado español dirixirá a demanda contra ABS está previsto para o ano 2009 en Estados Unidos.

Establecer mecanismos para facer as transnacionais responsables

O certo é que facer responder a empresas multinacionais dos prexuízos causados ao medio ambiente no exercicio da súa actividade mercantil resulta certamente un labor arduo e difícil, pero non imposible nin inalcanzable. As sociedades transnacionais son persoas xurídicas e conseguintemente suxeitos de obrigas e dereitos, polo que as normas xurídicas son tamén obrigatorias para elas e para os seus dirixentes. Os estados deben aplicar todos os mecanismos posibles para esixirlles a estas empresas o cumprimento das leis, e ademais perseguir, castigar e ordenar a reparación dos danos ambientais no caso de que se produzan delitos ambientais previstos nos dereitos nacionais e pertencentes á xurisdición interna.

Trátase entón, segundo Alejandro Teitelbaum, de establecer de que xeito se fará efectivo o encadramento xurídico das sociedades transnacionais e dos seus dirixentes nas normas nacionais e internacionais vixentes e de como serán sancionadas en caso de que as transgredan, tanto no ámbito civil como penal, no marco das xurisdicións nacionais e internacionais.

Pero para desafiar o poder das transnacionais os movementos sociais tamén debemos ser capaces de crear espazos de coordinación política e dinámicas conxuntas de investigación, resistencia e intercambio de alternativas. O afortalamento da nosa capacidade, a creación de estratexias para chegar á opinión pública (como as audiencias do Tribunal Permanente dos Pobos para xulgar os crimes das empresas ou a campaña "Quen debe a quen?"), a visibilización das loitas en curso, así como desenvolvemento de conceptos e instrumentos legais innovadores [8], son exemplos dos camiños a seguir.

Este artigo foi publicado en El Ecologista nº 56. Tradución ao galego: Xabier Cid. 

Notas e referencias

1.Extracto de la Declaración de Sarriko (Bilbao) para frenar el cambio climático, cambiar de modelo energético y reconocer la deuda ecológica. 26 de octubre de 2007.

2.Luis González: Ley de Responsabilidad Ambiental, El Ecologista 55, inverno 2007/08

3.Vercher Noguera, A: Visión jurisprudencial sobre la protección penal del medio ambiente. En Actualidad Penal Nº 95-1. / Eidam, G: Unternehmen und Strafe. Köln, 2001. / Heine, G: Die strafrechtliche Verantwortlichkeit von Unternehmen: internationale Entwicklungen - nationale Konsequenzen. En Österreichische Juristenzeitung, 1996. / ROTSCH, T: Individuelle Haftung in Grossunternehmen. Baden-Baden, 1998.

4.Betancor Rodríguez, A. y Muñoz Lorente, J: El caso Aznalcóllar: comentario al auto de archivo de las diligencias desde la perspectiva jurídico-administrativa y penal, Revista Interdisciplinar de Gestión Ambiental, marzo 2001.

5.Con todo, e non hai moito, en xaneiro de 2008, a xustiza francesa declarou culpable a Total do afundimento do Erika, nunha sentenza pioneira por canto é a primeira vez que se recoñece un "atentado contra o medio ambiente" no país veciño.

6.Véxase tamén: Laxe, F.G. (Coord.): Informe de Análisis y Evaluación de los daños causados por el accidente del Prestige. Fundación Pedro Barrié de la Maza e Instituto de Estudios Económicos de Galicia.

7.Teitelbaum A.: Al margen de la Ley. Sociedades transnacionales y Derechos Humanos. Colombia, 2007.

8 www.enlazandoalternativas.org

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!