Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Agricultura ecolóxica, motor da transformación do mundo rural PDF Imprimir Correo-e

A crecente demanda cidadá dunha alimentación sá e o recente Plano de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica (PDAE) da Xunta debuxan un panorama esperanzador para a agricultura ecolóxica no noso país. En Maio de 2008 celebrouse en Monforte o II Congreso de Agroecoloxía e Agricultura ecolóxica en Galiza. Dous dos organizadores, Xavier Simón e Damián Copena, ofrécennos unha completa crónica.

Chegados dende distintos puntos de Galiza, o Estado e o Mundo, labregos, investigadores, estudantes e persoas interesadas na agricultura ecolóxica e na agroecoloxía en xeral, compartimos durante tres días interesantes intercambios de experiencias e opinións nun ambiente agradábel, participativo e construtivo.

No impresionante marco do colexio da Nosa Señora da Antiga, situado no centro de Monforte, leváronse a cabo as conferencias e as sesións de comunicacións, aínda que todo o Concello de Monforte participaba deste ambiente agroecolóxico a través dunha aposta polo coñecemento e a valorización dos produtos ecolóxicos. Así, a 1ª Mostra Agroecolóxica, desenvolvida nesta Terra Sacra de Lemos, foi outra experiencia moi positiva na promoción dos produtos ecolóxicos entre as comunidades locais. Por outra banda, moitos dos establecementos hostaleiros de Monforte ofertaron menús ecolóxicos durante o Congreso.

cartelbo.jpgCon este Congreso quíxose abrir un espazo de debate e información que permita a posta en común dos principais desafíos e oportunidades ós que se enfronta a agricultura ecolóxica galega, tendo en conta que a agricultura ecolóxica, no actual contexto marcado polo Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013, está chamada a ser o motor da transformación do mundo rural.

Por unha parte, quíxose impulsar o Congreso como referente galego da investigación teórica e aplicada en agricultura ecolóxica realizada nos centros de investigación, nas axencias gobernamentais e non gobernamentais e en todo o tecido asociativo vinculado co rural. Por outra, este II Congreso apostou novamente por dar voz a aqueles que día a día, como agricultores, gandeiros ou silvicultores, se enfrontan ó reto da sobrevivencia mediante estratexias socialmente activadoras, ambientalmente correctas e economicamente rendíbeis. Pretendeuse, en definitiva, dar protagonismo a aqueles que traballan a prol dun mundo rural mellor no que a agricultura ecolóxica sexa unha peza fundamental.

O derradeiro día de Congreso empregouse para a realización de visitas a experiencias de agricultura ecolóxica na Terra de Lemos. Puidemos coñecer a Esther Teixeiro e a súa fermosa explotación de viño e produtos ecolóxicos. Despois, e tamén no Concello de Chantada, percorremos o proceso produtivo das innovadoras Galletas Mariñeiras de Produción ecolóxica, da empresa Daveiga produción Responsable

Unha opción global de futuro para o rural galego

Ó longo do transcurso do Congreso, expuxéronse moitas e interesantes iniciativas, ademais de teren lugar enriquecedores debates teóricos sobre o futuro da agricultura ecolóxica na Galiza e o papel das Administracións no seu desenvolvemento.

Unha das conclusións máis significativas do Congreso foi que a agricultura ecolóxica ten futuro como opción global para o rural galego. Teno, porque pode reproducir as condicións estruturais do agroecosistema tradicional. Teno, porque cada vez máis e máis cidadás, cidadáns e colectivos demandan unha alimentación máis sá e equilibrada e, teno, finalmente, porque o goberno galego aposta, a través do Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica 2008-2013, para que a agricultura ecolóxica sexa algo máis que un fito puntual e singular nalgunhas partes do noso rural.

O Congreso serviu tamén para identificar e recoñecer moitos aspectos relevantes no desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica en Galiza. Así, Ernesto Sánchez, Director Técnico do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galiza (CRAEGA), sinalou que a dinamización do mercado interno dos produtos ecolóxicos é un dos retos no curto prazo para o fortalecemento da agricultura ecolóxica. Impulsar o mercado interno provocará a democratización no acceso ós produtos de calidade da agricultura ecolóxica. A produción para o mercado exterior (que na actualidade absorbe o 80% da produción) non se debe desbotar totalmente pero, nunha análise máis integral que incorpore os custos enerxéticos, non debe ser o principal destino da produción.

As experiencias dos comedores escolares na Comarca de Verín, desenvolvidos a partir do traballo e compromiso de O Grelo Verde, amosáronnos un dos camiños a seguir para a dinamización do mercado local dos produtos ecolóxicos. David Pérez Neira e Daniel V. Meréns mostráronnos a riqueza agroecolóxica en Andalucía, sinalando os principais logros e a heteroxeneidade das experiencias de articulación entre produción e consumo deste tipo de produtos. A 1ª Mostra Agroecolóxica, desenvolvida nesta Terra Sacra de Lemos, foi outra experiencia moi positiva na promoción dos produtos ecolóxicos entre as comunidades locais. Este tipo de experiencias axúdannos a socializar a imaxe de normalidade dos produtos ecolóxicos.

Neste Congreso tamén discutimos sobre os prezos e os custos da produción de alimentos. Na actualidade o que contamina, a agricultura convencional, non paga polos custos ambientais derivados da súa actividade. Pola súa banda, os que non contaminan, os agricultores ecolóxicos, non so non cobran polos beneficios sociais, colectivos, derivados da súa actividade senón que teñen que pagar polo control das súas condicións de produción.

A certificación dos produtos ecolóxicos é unha garantía da súa calidade. Os procesos de certificación baseados na confianza, no aval do entorno social, tal e como sinalou Mamen Cuéllar, cumpren un papel moi importante para o avance da agricultura ecolóxica. Certificación pública e certificación baseada na confianza son, segundo os participantes neste Congreso, os medios para garantir a calidade.

Construíndo un rural agroecolóxico

Para construírmos un rural agroecolóxico fan falta moitos vimbios, de moitas clases e cores. Precisamos do coñecemento, das variedades e dos procesos da agricultura tradicional, tal e como nos amosou Elena Cartea co seu traballo sobre as brásicas ou Pedro Revilla no seu traballo sobre os distintos usos e propiedades do millo tradicional. Precisamos de propostas innovadoras e destes vimbios tivemos a ocasión de coñecer varios durante este Congreso: os castiñeiros micorrizados de Hifas da Terra, o potencial alelopáctico derivado de diversas plantas, tal e como nos amosou Iftikhar Hussain desde a Universidade de Vigo, o aproveitamento de residuos das hortalizas para fabricar xabonetes e outros produtos cosméticos, como presentou Clementino Cámara da brasileira Universidade Federal de Río Grande do Norte, e tamén a súa compatriota Flavia Charao, que nos amosou o interese de construír modelos de desenvolvemento rural a través da xestión da biodiversidade local para garantir a soberanía alimentaria,

Para construírmos ese rural agroecolóxico non precisamos de Compañías Multinacionais nin dos seus produtos, nin tampouco das súas ideas. Ficou meridianamente claro que a agricultura ecolóxica é incompatíbel cos Organismos Xeneticamente Modificados. E ficou moi claro, que as experiencias máis exitosas da agricultura ecolóxica en Galicia están vinculadas co compromiso dos labregos e labregas e cos coñecementos locais. A Cooperativa do Monte Cabalar é un exemplo moi claro de como a través da innovación social, é dicir, a través do traballo cooperativo, se poden transformar uns ecosistemas abandonados en auténticas fontes de renda mediante a recuperación da estrutura do sistema agrario tradicional. As experiencias das Sociedades Cooperativas Galegas Milhulloa e Cauru amósannos como a iniciativa local, dinamizada por axentes locais e centrada na biodiversidade local contribúen a fixar poboación e a xerar emprego estable e non precario. A agricultura ecolóxica é unha solución económica ós problemas de supervivencia no rural. É dicir, da agricultura ecolóxica derívanse beneficios ambientais, que evitan a perda de abellas, tal e como nos amosou a Asociación Galega de Apicultura, pero dela tamén se poden derivar importantes beneficios económicos.

A agricultura ecolóxica foi un refuxio para moitos pequenos agricultores andaluces que non encontraron solución ós seus problemas de rendibilidade nos mercados convencionais, tal e como amosou Manuel González de Molina, ex-Director Xeral de Agricultura Ecolóxica da Junta de Andalucía. Pois ben, en Galicia as pequenas e medianas explotacións, incluso as máis especializadas, tamén teñen problemas de sobrevivencia no mercado global.

No Congreso tamén ficou claro que, dadas as desvantaxes que ten a agricultura ecolóxica fronte á agricultura convencional, tórnase necesario o apoio explícito por parte das Administracións Públicas. Neste sentido, o PDAE será o instrumento de política agraria que no curto prazo axudará a resolver algúns deses problemas. Este Plan, o primeiro que existe no noso país, debe servir non só para garantir que os agricultores ecolóxicos melloren os seus resultados senón, sobre todo, para incentivar a transición á agricultura ecolóxica.

Falar de agricultura ecolóxica non é referirse unicamente ó cultivo das terras agrarias ou á produción de carne e derivados animais ecolóxicos. Na agricultura galega, o 70% da superficie, aproximadamente, está ocupada por superficie a monte. Se ben, tempo atrás, e en tempos non tan remotos, o monte foi a base do sistema agrario tradicional permitindo a reprodución das comunidades, nos últimos anos tense convertido nun foco importante de conflito social, económico e ambiental. Hoxe en día vese ó monte como un problema. Este congreso concluíu, primeiro, que os procesos de monocultivo forestal son terribles social e ambientalmente e que o abandono do monte ten levado a converter os incendios no principal problema ambiental do agro galego. Fronte a esta situación, Adolfo Cordero demandaba o avanzo de prácticas silvícolas integradas nos ecosistemas facendo fincapé na multifuncionalidade do monte como a principal metodoloxía para a prevención de aqueles problemas, así como o mecanismo adecuado para revitalizar o mundo rural. Neste sentido, eis as experiencias das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Loiro, Bentraces e Sobrado do Bispo, que cultivan o monte e diversifican os seus usos baixo o paraugas da agricultura ecolóxica, o avanzo das experiencias de repoboación e aproveitamento de variedades de frondosas locais melloradas (o caso do micorrizado de castiñeiros por Hifas da Terra ou a produción de castañas de alto valor engadido por Alibós Galicia).

Facer silvicultura ecolóxica nos montes galegos é unha opción real que pode axudar a incrementar as rendas dos propietarios e a fixar poboación. O monte, que nos últimos anos ten sido moeda de cambio dos nosos gobernos ás empresas multinacionais da enerxía renovable sen que as comunidades de base teñan participado suficientemente nos seus rendementos, ha ser un alicerce dese mundo rural agroecolóxico que todos queremos construír. A súa conservación, cando se trata de espazos protexidos por algunha das figuras existentes na nosa lexislación (Espazo Natural, Rede Natura...), pode e debe ser compatible cos aproveitamentos agrarios e forestais respectuosos co medio ambiente que desenvolven as comunidades de base, no sentido que nos sinalaba Pablo Ramil, Director do IBADER.

O nivel de atraso relativo da agricultura galega é, como indicaba Jan Douwe van der Ploeg, o resultado da resistencia social ós procesos de homoxeneización, privatización e mercantilización dos procesos de produción de alimentos. Ese proceso de resistencia serviu, ata agora, tan só para iso, para conservar valores, olores, sabores e paisaxes tradicionais nun contexto de globalización e avanzo dos valores máis repugnantes das prácticas capitalistas. Porén, esa resistencia aínda non propiciou o agromo de estruturas sociopolíticas con capacidade para mobilizar os amplos recursos existentes no noso rural.

Vivimos unha coxuntura propicia para aproveitarmos esas resistencias dos pequenos campesiños e propietarios que non sucumbiron ás gadoupas daqueles procesos modernizadores.

Coa capacidade e o compromiso de todos aqueles e aquelas que traballamos e loitamos para construírmos un mundo máis sustentable e agroecolóxico, aproveitando a nosa capacidade de innovación e xuntando forzas entre as administracións que apoian a agricultura ecolóxica, o CRAEGA, as universidades e os centros de investigación que traballan neste ámbito, os grupos de produtoras e consumidoras ecolóxicos e todas aquelas cidadás e cidadáns comprometidos na construción dun mundo rural agroecolóxico habemos de superar as pexas e os atrancos que habemos de encontrar nese camiño.

En definitiva, o II Congreso de Agroecoloxía e Agricultura ecolóxica en Galiza, serviu para afondar no coñecemento da agricultura ecolóxica e a agroecoloxía como paradigmas que permitan acadar un desenvolvemento sustentable no noso rural galego.

 


 
< Ant.   Seg. >