Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
A declaración da Zona de Especial Protección das Aves (Z.E.P.A.) da Limia PDF Imprimir Correo-e

foto-iii-cweb.jpgA declaración da Z.E.P.A. da Limia, esixida pola Comisión Europea ao Estado español para o adecuado cumprimento da Directiva Aves, xerou unha intensa polémica na comarca. Porén, os temores sociais perante a creación da Z.E.P.A. non están xustificados. No entanto, a creación desta Z.E.P.A. segue pendente. Un artigo de Diego Rodríguez Vieites, responsable da Área de Biodiversidade de Verdegaia.

 

 

A declaración da Z.E.P.A. "A Limia" constitúe outro grande reto na protección do ambiente en Galicia xa que despois de case un ano dende que a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible dera os primeiros pasos para facela efectiva, o prazo que se dá a día de hoxe a administración para declarar formal e oficialmente esta zona protexida chega ate comezos de 2009.

O feito de que "a comarca teña que agardar" tantos meses para ver culminada a declaración da Z.E.P.A. e que a Limia só tivese até o de agora unha pequena e ridícula zona protexida incluída dentro da Rede Natura 2000 (o Lugar de Interese Comunitario As Veigas de Ponteliñares) non sorprende se un analiza a historia natural da comarca. Esta caracterízase polas durísimas agresións e impactos que o ser humano infrinxiu a un medio natural cunha elevadísima biodiversidade, até facela diminuír e mudar drasticamente na segunda metade do século pasado, despois da desecación da Lagoa de Antela, a de maior extensión da Península Ibérica.

A desecación da Lagoa de Antela

Xa en tempos do Imperio Romano houbera unha tentativa de eliminar esta grande lagoa, orixinada no Terciario, coa construción de canles de desecación que finalmente non deron resultado. Deste xeito, o Lago Beón ou Lagoa de Antela perduraría até a idade moderna sen sufrir grandes agresións, mais coa idea da súa eliminación rondando a cabeza dalgúns gobernantes de séculos recentes. Esta idea foi culminada polo Instituto Nacional de Colonización no ano 1958 "para crear unha grande e rica extensión agrícola-gandeira e eliminar o paludismo", e sen ter en conta en ningún momento o máis que grave impacto ambiental que orixinou a execución deste proxecto.

Coa Lagoa de Antela desecada puxéronse en marcha numerosos e brutais procesos de concentración parcelaria e un grande número de especies que habitaban dende antigo na comarca víronse obrigadas a desprazarse a outros lugares, no mellor dos casos, ou directamente a perecer a consecuencia das obras realizadas. Para facerse unha idea da grande importancia que tiña este espazo natural a nivel peninsular, podemos salientar que nel criaron especies de aves como o grou (Grus grus) -constituíndo a Limia o único ou un dos únicos puntos de cría desta especie na Península-, ou que foi lugar de invernada de milleiros de gansos (Anser sp.). Os gansos, despois de veren desaparecer esta zona húmida, modificaron as súas rotas migratorias peninsulares para se facer moito máis abundantes noutros espazos naturais axeitados para a súa invernada.

foto-iiweb.jpg

Canle de desecación da lagoa de Antela 

 Aínda así, e pese a teren variado tanto as condicións ambientais da comarca en xeral (xeografía, microclima,...), a Limia confórmase actualmente coma un mosaico de zonas arboradas, húmidas, cultivadas e pastoreadas e segue a ter grandes valores naturais entre os que salientan as aves.

Conflito social pola creación da Z.E.P.A. da Limia

Neste sentido, a riqueza avifaunística limiá fala por si mesma, xa que o número total de especies de aves que atopamos na bisbarra ascende a 160, das cales 128 están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (unha en perigo, seis con poboacións en perigo e sete vulnerables), 16 inclúense no "Libro Rojo de los Vertebrados de España" (catro en perigo, dez vulnerables e dúas case ameazadas), 56 están incluídas dentro do Anexo I da Directiva 79/409/CEE (máis coñecida como Directiva Aves), e outras oitenta son especies migratorias de chegada regular. A presenza destes dous últimos grupos de aves obriga a declarar unha Z.E.P.A. na Limia para garantir a súa adecuada protección.

Deste xeito, no ano 1998, Birdlife International "declara" 32.000 Ha como a I.B.A. (Important Bird Area) da Limia, feito que carece de valor oficial de cara á conservación das aves. En 2000, España recibe unha carta de emprazamento da Comisión Europea por incumprir a Directiva Aves, proceso que culminará, despois de reiteradas advertencias, cunha sentenza emitida polo Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas do 28 de xullo de 2007 que declara que "o Reino de España incumpre a Directiva Aves en tres Comunidades Autónomas por teren unha insuficiente superficie de Z.E.P.A., e en seis Comunidades Autónomas (entre elas Galicia) por teren insuficiente número de Z.E.P.A.".

Xa o 11 de xullo de 2007, a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible apresenta na xuntanza do COGAMADES (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible) un borrador de declaración de Z.E.P.A. na Limia que, no mes de agosto dese mesmo ano, pasará por un proceso de participación pública no que se apresentaron arredor de 8.000 alegacións, ó mesmo tempo que se creaba un tenso ambiente social na comarca.

Nesas datas, por unha banda había un amplo sector social da Limia en contra, que constituiría a Plataforma "Z.E.P.A. Non", e por outra estaba o movemento ecoloxista. Ningún deles estaba dacordo co borrador apresentado; os primeiros argumentando que a Z.E.P.A. sería a súa fin, xa que non lles permitiría seguir adicándose á agricultura e/ou á gandería na comarca, e os segundos argumentando que a Z.E.P.A. proposta non garantiría o axeitado cumplimento da Directiva Aves no tocante á conservación das especies do Anexo I e das especies migratorias de chegada regular: entre outras cousas, quedarían excluídas zonas de campeo de gatafornela (Circus cyaneus) e tartaraña cincenta (Circus pygargus), o 25% das zonas de cría de pernileiro (Burhinus oedicnemus), o 50% das de calandriña común (Calandrella brachydactyla) -que só se reproduce nesta comarca en Galicia- e o 90% das de garza pequena (Ixobrychus minutus). Ademais, argumentamos que a Z.E.P.A. tería unha superficie insuficiente e que constaría de tres áreas illadas e separadas entre si por zonas que non contan con ninguna figura de protección.

foto-iweb.jpg

 A pataca da Limia gañaría prestixio se se asocia a unha zona ben conservada. Nestes campos cria a calandriña común.

A parte desto, e rebatendo argumentacións dos opositores á Z.E.P.A., dende o movemento ecoloxista fíxose público un posicionamento no que se verquían as seguintes ideas: a agricultura e a gandería son compatibles e imprescindibles para a Z.E.P.A. (co exemplo da calandriña común, que só se reproduce en campos de patacas); moita superficie da Z.E.P.A. xa é Reserva da Biosfera, que non xerou problemas de ningún tipo entre a cidadanía; a Z.E.P.A é unha oportunidade xa que as futuras axudas da Política Agraria Común outorgaranse a zonas protexidas e a zonas de produción ecolóxica e de calidade; a pataca da Limia gañaría prestixio se se asocia a unha zona ben conservada; a protección ambiental non é algo negativo, xa que xera riqueza e calidade de vida. Tamén se pediu que deixaran de lado os intereses partidistas e que reclamasen os recursos técnicos e económicos que xa os agardan na Unión Europea.

Persoalmente, eu fágome varias preguntas: ¿por que os sindicatos agrarios que lideraron as protestas opositoras argumentaban que non sabían nada da Z.E.P.A. antes do seu período de exposición pública se asistiron á xuntanza da COGAMADES de 11 de xullo de 2007, onde se tratou o borrador de declaración? ¿Que a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible sexa do PSOE ten algo a ver coa oposición á Z.E.P.A. por parte do BNG e o PP de Xinzo da Limia? ¿A actitude do alcalde de Xinzo da Limia opóndose frontalmente á Z.E.P.A. ten relación co seu vencellamento ó sector das empresas de agroquímicos? ¿De onde saíron os rumores de que van soltar aves ou de que se se ve un paxaro hai que apagar o tractor?

Grupo de traballo

Xa en novembro de 2007, a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible crea o grupo de traballo para buscar unha solución consensuada de cara á declaración da Z.E.P.A., onde participan representantes dos sindicatos agrarios Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias e dos grupos ecoloxistas Sociedade Galega de Historia Natural, Movemento Ecoloxista da Limia e Verdegaia, estes dous últimos representando á Federación Ecoloxista Galega.

Neste grupo de traballo, dende Verdegaia solicitamos que se amplíe a superficie da Z.E.P.A., incluíndo as areeiras de Sandiás e Vilar de Santos -nas que realizamos censos de aves para demostrar a súa importancia ambiental-, e que se unan as tres zonas propostas con corredores ecolóxicos para garantir o cumprimento da Directiva Aves, que se difundan as ideas de que a Z.E.P.A. non é negativa e incompatible coa agricultura e que a agricultura é imprescindible para a Z.E.P.A., e que se organicen dende a Consellería mesas redondas nos concellos con superficie na Z.E.P.A. para que a xente coñeza axeitadamente o que é unha Z.E.P.A.. Apresentamos unha nova proposta de superficie de Z.E.P.A. despois de que a Consellaría recurtáse a superficie inicial en 2.439 hectáreas, ó só ter en conta proxectos económicos como parques empresariais,... e expusemos perante o grupo de traballo que denunciaríamos á Xunta de Galicia por non garantir o cumprimento da Directiva Aves na Limia.

foto-ivweb.jpg 

A Limia confórmase coma un mosaico de zonas arboradas. húmidas, cultivadas e pastoreadas con grandes valores naturais

Despois de que a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible tivera unha xuntanza en Madrid coa Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea para explicar a proposta da Z.E.P.A. "A Limia" no mes de marzo deste ano, dende a Consellaría comentaron no grupo de traballo que os representantes desa Dirección Xeral quedaran moi contentos coa proposta da Consellaría e solicitaron un ano de prazo para realizar a declaración oficial e formal desta Z.E.P.A., motivo polo que as xuntanzas deste grupo de traballo se suspenderon.

Curiosamente, e poucas semanas despois de se teren suspendido as xuntanzas do grupo de traballo, a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea advertía á Consellaría de que a súa proposta de Z.E.P.A. na Limia era deficiente. Se non se melloraba axeitadamente, continuaría o proceso sancionador aberto despois da emisión da sentenza de 28 de xuño de 2007.

foto-iii-cweb.jpg

 Verdegaia propuxo a inclusión na ZEPA das areeiras restauradas de Sandiás e Vilar de Santos na ZEPA da Limia

Aínda é máis curiosa e rechamante a edición e distribución pola comarca, por parte da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no pasado mes de maio, dun moi desafortunado folleto no que se explica, entre outras cousas, que non existe ningunha normativa que obrigue a considerar as Z.E.P.A. coma espazos naturais protexidos. A este respecto, dende a Federación Ecoloxista Galega vaise informar á Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea da difusión desta publicación.

Como acabará este xa longo proceso non se sabe, pero menos mal que existe esa sentenza emitida polo Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, e que a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea está a presionar á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para que a Z.E.P.A. "A Limia" sexa declarada dun xeito correcto e positivo para a avifauna e a poboación limiás.

Diego Rodríguez Vieites é representante de Verdegaia e da F.E.G. no grupo de traballo para buscar unha solución de consenso na declaración da Z.E.P.A. "A Limia". Vicesecretario xeral e responsable da Área de Biodiversidade de Verdegaia.

 
Seg. >