Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
O impacto ambiental dos eucaliptais en Galiza PDF Imprimir Correo-e

arton10941-ca79f.jpgO eucalipto estendeuse por Galiza de forma masiva e incontrolada nas últimas décadas. Este proceso de eucaliptización conlevou múltiples impactos ambientais, documentados na literatura científica. Un ordenamento e un manexo adecuado das plantacións son chaves para evitarmos que o eucalipto siga sendo un inimigo da nosa natureza. Un artigo de Xosé Veiras.

 A expansión masiva e incontrolada do eucalipto levou á substitución de bosques e plantacións doutras especies arbóreas, de áreas de mato e de terras agrarias.  Nalgúns casos afectou espazos de elevado interese natural, como o hoxe Parque Natural das Fragas do Eume. A eucaliptización chegou a tal punto que xa hai quen se atreve a chamar ao Eucalyptus globulus, a especie de eucalipto máis cultivada na nosa terra, "eucalipto do país".

O eucalipto, en masas puras ou mesclado con piñeiros e outras especies  ocupa no noso país unha superficie de 396.344 hectáreas (ha), segundo o último Inventario Forestal, cuxo trabajo de campo se efectuou nos anos 1997 e 1998. Xa que logo, os eucaliptais están presentes -ou máis ben, estaban presentes hai uns 10 anos- no 28% da  superficie arborizada galega. Concéntranse en terreos con altitude inferior aos 400 m, aínda que nos últimos anos cultiváronse especies diferentes ao Eucalyptus globulus capaces de medraren en zonas máis altas. A comezos dos anos 70, o eucalipto estendíase por 131.181 ha, o que significa que nuns 25 anos a súa superficie triplicouse. Esta expansión non se debeu só á realización de novas plantacións, senón tamén ao seu carácter invasor e ao feito de que as talas supoñen só algo máis do 50% dos crecementos.

450px-eucalipto_galicia.jpgEn 2007, cortáronse 3.171.000 m3 de madeira de eucalipto en Galiza, dos cais 1.305.000 m3 foron transformados en pasta de papel na factoría de ENCE en Pontevedra[1]. O resto da produción foi para a celulosa que ENCE posúe en Navia (Asturias), para madeira serrada e para a fabricación de taboleiros e chapas. Desde que, nos anos 20, a empresa portuguesa Caima se converteu  na primeira do mundo en usar a madeira de eucalipto como materia prima para a fabricación de pasta de celulosa, o sector industrial de pasta e papel, co seu poder económico e a súa influencia política, foi o motor da expansión dos eucaliptais en Galiza e no resto da Península Ibérica, especialmente desde os anos 60.

O aproveitamento dos eucaliptais adóitase realizar en turnos curtos, de 12-15 anos. Após a primeira tala, aparecen numerosos rebentos de touza  que son seleccionados. Normalmente aprovéitanse tres cortas dun mesmo tronco até a realización dunha nova plantación.

Os eucaliptais galegos -que son plantacións e non auténticos bosques- repártense en montes que pertencen a uns 150.000 propietarios. A diferenza do que acontece no veciño Portugal, as plantacións xestionadas por empresas papeleiras son poucas. En concreto, Norte Forestal SA (NORFOR), pertencente ao Grupo ENCE, xestiona unhas 8.000 ha, entre superficies propias e arrendadas. O modelo de xestión de NORFOR non se pode considerar precisamente exemplar, a pesar do cal obtivo en 2004, de xeito irregular, a certificación de xestión forestal sustentábel máis esixente, a do Forest Stewardship Council (FSC). Este certificado vén de ser suspendido en xuño, logo da intensa presión exercida por varias organizacións ecoloxistas nos últimos anos[2].

Os custos ambientais da eucaliptización

A percepción social do eucalipto no noso país semella maioritariamente negativa. Un estudo sociolóxico feito con motivo da elaboración do Plano Forestal de Galiza (1992-2032) comprobou a mala imaxe de que goza o eucalipto entre a maioría da sociedade galega. Sobran razóns para que isto sexa así, mais hai que recoñecer que certas críticas ao eucalipto incorren en erros ou son o froito de xeralizacións abusivas.

Roxelio Pérez Moreira, coordenador da Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (hoxe Federación Ecoloxista Galega) nos anos oitenta e profesor do Departamento de Edafoloxía da Universidade de Santiago, publicou  a comezos dos anos noventa o libro "Ecoloxía forestal e ordenación do bosque"[3],  unha obra de referencia no eido da xestión forestal sustentábel en Galiza. Un dos capítulos máis interesantes deste libro -infelizmente algo esquecido, ao non se ter reeditado- é "A ecoloxía do eucalipto", dedicado aos impactos ambientais das plantacións de eucalipto, no que se fai unha revisión do coñecemento científico dispoñíbel sobre esta cuestión naquela altura.

Roxelio P. Moreira afirmaba que "unha avaliación rigorosa dos efectos dos eucaliptos debe sopesar en cada caso a importancia relativa que poidan ter os diferentes aspectos examinados e, dos diferentes problemas, discernir claramente entre os que tan só son coetáneos coa plantación, e equivalentes ós doutros monocultivos, e aqueles outros que si poderían supoñer unha degradación irreversible. Por outra parte, esta avaliación deberíase relativizar en comparanza con outros usos alternativos e en relación coa calidade do sitio, pois se ben en determinadas localizacións a súa ubicación podería ser prexudicial, noutras poderíase comportar como calquera outra plantación forestal ou mesmo beneficiar o solo nalgúns sitios. O que si parece claro é que, os eucaliptos, como especies de árbores non son de por si intrinsecamente positivos ou negativos, en todo caso teñen certas particularidades, de efectos importantes ou nulos, a considerar entre os criterios de manexo e ordenación".

Desde a publicación do devandito libro, novas investigacións aprofundaron nos efectos ambientais dos eucaliptais, aínda que en menor medida do que sería desexábel. Este coñecemento científico debe ser tido en conta á hora de decidirmos qué facer cos  montes do noso país e qué lugar queremos que ocupe neles o eucalipto. O que non significa considerar que a política para o eucalipto, ou a política forestal en xeral, sexa unha cuestión científico-técnica. É a sociedade a que debe decidir, de acordo cos valores e cos intereses que decida privilexiar, e nun marco de planificación democrática, qué monte quere. Até agora predominaron valores produtivistas e intereses privados e curtopracistas. Os resultados diso están á vista de quen os queira ver.

De xeito moi resumido, a continuación expomos algúns dos principais custos ambientais que o eucalipto, ou máis ben a eucaliptización, ten provocado na nosa terra, referíndonos para iso a algúns estudos realizados en Galiza e difundidos entre a publicación de "Ecoloxía forestal e ordenación do bosque" e o ano 2007.

-Fertilidade do solo.

Investigaciones realizadas  en Galicia ofrecen resultados preocupantes sobre a relación entre eucaliptais e fertilidade do solo.Os niveis de exportación de nutrientes en plantacións forestais intensivas de piñeiro e de eucalipto poden producir unha perda a longo prazo dos nutrientes acumulados no solo, máis probábel no caso das plantacións de eucalipto, debido á  súa maior produtividade e tamén ás maiores concentracións de Ca e Mg na casca (Merino et al, 2005)[4]. En tres pequenas bacías experimentais, dúas con eucalipto (cun sistema de aproveitamento onde só se retira a madeira) e unha con Pinus pinaster, acháronse balanzos negativos de nutrientes.Os eucaliptais parecen capaces de explotar plenamente as reservas dispoñíbeis e os fluxos de nutrientes subministrados pola alteración dos minerais primarios e pola precipitación (Dambrine et al, 2000)[5].

Nas plantacións maduras de eucalipto, grande parte dos nutrientes acumúlanse na fracción non madeirábel (follas, pólas e casca) e no horizonte orgánico do solo. Isto fai que as técnicas de preparación do terreo e a xestión dos residuos de tala teñan una grande influencia sobre o balanzo de nutrientes (Brañas et al, 2000[6] ; Merino et al, 2005). Ensaios de diferentes opcións de tratamento dos residuos de corta realizados en eucaliptais da Península Ibérica mostraron que, fronte á retirada, o mantemento dos residuos de tala no sitio, especialmente cando son incorporados no solo, é a mellor forma de manter o capital de nutrientes nas plantacións (Jones et al, 1999[7]). En particular, a extracción da casca ten unha grande importancia desde o punto de vista nutricional, polo que é aconsellábel o descascado en monte (non só para Eucalyptus globulus senón tamén para Pinus radiata). Polo tanto, non é unha boa práctica usar a casca de eucalipto para producir enerxía, como fai ENCE.A retirada do tronco das árbores sen casca supón unha extracción de nutrientes (sobre todo de N, Ca e Mg) moito menor da que representaría a retirada coa casca, especialmente no que atinxe ao Ca (Cortez & Madeira, 1997)[8].

-Erosión.

Nas plantacións non alteradas de eucalipto encontráronse baixos niveis de erosión, nunha zona representativa dos eucaliptais costeiros do país. Canto á erosión despois da tala, as perdas de solo dependen, entre outros factores, da xestión dos residuos de corta, sendo o tratamento máis desaconsellábel o de queima en franxas. Encontráronse niveis de erosión 110 veces maiores con esta técnica que coa distribución uniforme dos residuos sobre o solo (Fernández et al, 2004)[9].

En moitos casos, as plantacións de eucaliptos conlevan un grande incremento dos procesos erosivos, derivado das técnicas de preparación do terreo utilizadas, así como o vertido frecuente de produtos non aproveitábeis (cascas, pólas, etc) aos cauces máis inmediatos aos puntos de carga (Rodríguez Guitián et al, 1997)[10].

O feito de que moitas plantacións de eucalipto se sitúen en terreos con fortes pendentes é un dato moi preocupante desde o punto de vista da conservación do solo.

-Balanzo de auga.

É ben coñecido que os eucaliptos poden ser grandes consumidores de auga. Isto vese favorecido polo seu denso sistema de raíces, que pode ser moi extensivo e atinxir unha grande profundidade, condicionado pola profundidade do solo e a dispoñibilidade de auga (Pérez Moreira, 1992)[11]. Porén, á hora de valorarmos o impacto dos eucaliptais sobre a cantidade de auga, e o mesmo  que no caso dos nutrientes, cómpre considerarmos o balanzo global, tendo en conta todas as entradas e saídas do sistema forestal. Aínda que o seu maior consumo de auga tende a favorecer balanzos negativos, tamén é verdade que os eucaliptos presentan unhas perdas de auga por interceptación (auga que se evapora directamente desde as follas) reducidas, ao teren copas abertas e follas en posición vertical. Ademais, debido á favorábel morfoloxía e disposición das súas follas, comprobouse que o eucalipto funciona como un excelente captador de néboa, é dicir, que ten grande capacidade para captar a "precipitación oculta", subministrando unha parte desta humidade ao solo por goteo, até o punto de que a captación de néboa pode ser moi importante en zonas de néboas frecuentes (Gras et al, 1993)[12].

Un estudo en bacías experimentais para uns eucaliptais representativos dos que resultan máis frecuentes en Galiza non encontrou un impacto negativo sobre a cantidade de auga, obtendo uns consumos de auga de 1000 mm/ano nos anos de pluviosidade abundante e sen a penas déficit hídrico (Gras et al, 1993). É interesante considerar que outro estudo en bacías experimentais, este realizado no centro de Portugal, concluiu que, para anos moi secos, ou en zonas con precipitacións menores de 1.000 mm/ano, as plantacións de especies arbóreas de crecemento rápido como o eucalipto poden ter efectos negativos importantes sobre a dispoñibilidade de auga (Coelho et al, 2004)[13]Mesmo naquelas zonas con elevadas precipitacións no conxunto do ano, as plantacións de eucalipto poden incidir negativamente sobre a dispoñibilidade de augua durante os períodos secos. Hai que ter en conta que estes períodos, coa mudanza climática en curso, poderían ser máis duradoiros no futuro.

-Biodiversidade.

O eucalipto é unha árbore de orixe australiana totalmente allea á natureza ibérica que estabelece escasas relacións alimenticias coas nosas especies, que non evoluíron para aproveitar os recursos que pode oferecer. O grao de exotismo dos eucaliptos é moi acentuado: a familia botánica á que pertencen, a das mirtáceas, posúe un único representante en toda Europa (Silva et al, 2007)[14]. Non é de estrañar pois que os eucaliptais sexan as masas forestais con menor diversidade biolóxica da Península Ibérica. As plantacións de eucalipto supoñen un empobrecemento notábel da diversidade da fauna e da flora a respecto da maior parte dos usos do territorio, especialmente cando o sotobosque está ausente ou é moi escaso. Por suposto, as perdas de biodiversidade son maiores cando as plantacións substitúen ecosistemas naturais ou paisaxes agrarias de alto valor ecolóxico.

Alén de ser unha árbore exótica, o eucalipto presenta carácter invasor: é capaz de colonizar con éxito áreas nas que non foi plantado, especialmente se se trata de zonas ardidas. A través da dispersión das súas sementes, os eucaliptos poden expandirse máis alá das plantacións, o que constitúe un feito preocupante, dada a extensa área que xa ocupan e a súa elevada capacidade para competiren con outras especies.

A diversidade da flora dos eucaliptais é notabelmente inferior á dos bosques autóctonos (Rodríguez et al, 1997[15]). Isto é debido á competencia do eucalipto pola auga e polos  nutrientes (de forma que os efectos negativos atenúanse en lugares máis férteis ou con maior humidade do solo), e á aplicación de técnicas de silvicultura intensiva. Tamén son debidos, en parte, á inhibición da xerminación e o crecemento dalgunhas especies por causa das toxinas liberadas  polo eucalipto (efectos alelopáticos) (Souto et al, 2001)[16].

A riqueza de especies e a abudancia de aves nas plantacións de eucalipto é bastante inferior á rexistrada en bosques de carballo puros ou mixtos situados nas mesmas comarcas e nos eucaliptais non hai especies diferentes ás das carballeiras, senón só unha parte delas (Proxecto Aves, 2003[17]).

A eucaliptización é un factor de ameaza importante para algunhas especies de fauna e de flora ameazadas de extinción en Galiza. Por exemplo, a substitución de bosques autóctonos das ribeiras de cursos de auga por eucaliptais identificouse como unha das principais ameazas para os fentos Hymenophylum tunbrigense, Vandenboschia speciosa, Culcita macrocarpa e Woodwardia radicans (Izco, 2005).[18]

-Paisaxe.

A intensa actividade repoboadora con eucaliptos e piñeiros ten deixado unha profunda pegada nas nosas paisaxes agroforestais, polo xeral, negativa. O escaso valor estético dos eucaliptais, sobre todo en comparación cos bosques autóctonos, é amplamente recoñecido.

-Incendios.

arton10941-ca79f.jpgOs eucaliptais adoitan ser moi vulnerábeis aos lumes. Ademais de o eucalipto ser unha árbore moi inflamábel, as súas plantacións poden ter un sotobosque abundante e moi combustíbel. Os eucaliptais son máis propensos ao inicio de lumes de superficie que de copa -que se propagan pola superficie e polas copas e son máis difíceis de combater-, a menos que se trate de plantacións baixas e pechadas. Un feito a salientar é que os fragmentos de casca desprendida pendurados do tronco ou acumulados na súa base convértense en pavesas que, arrastradas polo vento, dan lugar a novos focos que poden facer inúteis devasas e xeran unha sensación de intencionalidade dos incendios maior da real, como ocorreu durante a catastrófica vaga de incendios de agosto de 2006.

Sen prexuízo do anterior, hai que matizar que non todos os eucaliptais son fácil pasto das chamas. A meteoroloxía, o relevo ou o tipo de xestión (ou a falta dela) determinan en grande medida a probabilidade de que se inicie e propague un incendio nun eucaliptal. Debido ás condicións climáticas e a unha mellor protección contra os incendios, a superficie de eucaliptais queimada nos municipios situados más ao norte das provincias da Coruña e Lugo é escasa, a pesar de que o eucalipto domina a paisaxe arbórea. 

Conclusións

A partir da análise dos impactos das plantacións de eucalipto en Galiza, podemos destacar as seguintes conclusións:

-A expansión masiva e incontrolada das plantacións de eucalipto rexistrada nas últimas décadas xerou danos ambientais importantes, de carácter xeralizado no que atinxe á biodiversidade e á paisaxe, e de carácter máis local no que se refire ao solo e á auga. Ademais, os eucaliptais favoreceron e víronse favorecidos polos incendios. Os impactos negativos dos eucaliptais non se deben soslaiar cando se propón o efecto sumidoiro dos "bosques" galegos -debido, en boa medida, aos eucaliptais- como ferramenta para a loita contra a mudanza climática.

-Os prexuízos dos eucaliptais son, sobre todo, o resultado de opcións incorrectas en materia de ordenamento do medio rural e de manexo das plantacións (preparación do solo, xestión dos residuos de tala, conservación da biodiversidade,...), ou simplemente da falta de ordenamento e de manexo. Por unha banda, as plantacións de eucalipto localizáronse, en moitos casos, en zonas claramente inadecuadas desde o punto de vista ambiental, polo que sería preciso eliminar non poucos eucaliptais. Por outra banda, as plantacións, ou ben carecen de manexo, ou ben este non incorpora criterios que garantan a sustentabilidade ecolóxica.

-Aínda que cómpre aprofundar na investigación sobre os impactos dos eucaliptais, dos resultados obtidos até agora dedúcense recomendacións valiosas para a xestión que a penas foron aplicadas. De non mudar a situación, os impactos tenderán a se agravar, o que é aínda máis preocupante se temos en conta que nos enfrontamos a un escenario de mudanza climática, que no noso país podería levar a  unha menor dispoñibilidade de auga, a un maior risco de incendios,....

Acho que segue sendo válido o que, en 1994, escribían, nun artigo conxunto, Roxelio P. Moreira e Carlos Vales: "En calquera caso, non se trata de dicir simplemente "NON" ó eucalipto. Cremos que a pesar dos inconvenientes sinalados, ten un espazo no noso territorio, un espazo que por outra banda xa ocupa desde hai anos e que, en parte, sería ilusorio rexeitar.  Do que se trata é de non deixar que sexan as cegas forzas do mercado, actuando sobre unha realidade socioeconómica -a nosa- moi degradada, as que impoñan brutalmente as súas normas, porque sería moito o patrimonio natural, paisaxístico, cultural e posiblemente económico, que deixariamos polo camiño.Cómpre, por tanto, regular de inmediato as plantacións de eucaliptos, de maneira que se definan as superficies totais ocupadas, tipos de áreas e solos protexidos desta ocupación, e características das plantacións, de maneira que estas aminoren no posible o seu impacto edáfico, biolóxico, ou paisaxístico"[19]..Catorce anos despois, o prezo ambiental da eucaliptización é aínda maior,... e a Xunta segue sen  ter unha política adecuada para o eucalipto.

Xosé Veiras  é licenciado en Ciencias Biolóxicas e realizou en 2007 unha revisión da literatura científica sobre os impactos das plantacións de eucalipto na Península Ibérica para Greenpeace España. Este artigo está baseado no relatorio El impacto de las plantaciones de eucalipto en Galicia y Portugal,  presentado durante o encontro do Forest Movement European (FME) celebrado en Oleiros (Galiza) en maio de 2007.



Referencias

[1] Sector forestal en Galicia. Resultados 2007. FEARMAGA, Monte Industria, Cluster de la Madera de Galicia (http://monteindustria2.blogspot.com/2008/03/presentacin-de-resultados-2007.html).

[2] Sobre a xestión forestal practicada por NORFOR pode obterse información nas webs das asociacións ecoloxistas que máis de perto teñen seguido o proceso de certificación FSC dos montes xestionados por NORFOR: a Asociación pola Defensa da Ría (http://www.apdr.info/norfor/norbarpr.htm), Greenpeace España (http://www.greenpeace.org/espana/news/greenpeace-denuncia-el-escanda) e Verdegaia (http://www.verdegaia.org/content/blogcategory/42/84/).

 

[3] Ecoloxía forestal e ordenación do bosque. Roxelio Pérez Moreira. Ediciós do Castro (Sada, 1992).

[4] Nutrient exports under different harvesting regimes in fast-growing forest plantations in southern Europe. A. Merino, M.A. Balboa, R. Rodríguez Soalleiro, J.G. Álvarez González. Forest Ecology and Management 207, 2005.

[5] Bilans d'éléments minéraux dans de petits bassins versants forestiers de Galice (NW Espagne). E. Dambrine, J.A. Vega, T. Taboada, L. Rodríguez, C. Fernández, F. Macías. Annals of Forest Sciences 57, 2000.

[6] Contenido y distribución de nutrientes en plantaciones de Eucalyptus globulus del noroeste de la Península Ibérica. J. Brañas, F. González-Río, A. Merino. Investigación Agraria: Sistemas y Recursos Forestales Vol 9 (2), 2000.

[7] The effect of organic-matter management on the productivity of Eucalyptus globulus stands in Spain and Portugal: tree growth and harvest residue decomposition in relation to site and treatment. H.E. Jones, M. Madeira, L. Herraez, J. Dighton, A. Fabião, F. González-Río, M. Fernández Marcos, C. Gómez, M. Tome, H. Feith, M.C. Magalhães, G. Howson. Forest Ecology and Management 122, 1999.

[8] Ciclos de nutrientes e sustentabilidade de plantações de Eucalyptus globulus em Portugal. Cortez, N; Madeira, M. Actas do Encontro Nacional da Sociedade Portuguesa de Ciências do Solo "O solo, o ambiente e o desenvolvimento sustentado". 1997.

[9] Soil erosion after Eucalyptus globulus clearcutting: differences between logging slash disposal treatments. C. Fernández, J.A. Vega, J.M. Gras, T. Fonturbel, P. Cuiña, E. Dambrine, M. Alonso. Forest Ecology and Management 195, 2004.

[10] Efectos de la actividad humana sobre la diversidad de los ecosistemas forestales en las montañas del norte de Lugo (Galicia, España). M. A. Rodríguez Guitián, P. Ramil Rego, A.Pérez Antelo, I. García González, A. Rigueiro Rodríguez, E. Díaz Vizcaíno. Libro de Actas del I Congreso Forestal Hispano Luso/II Congreso Forestal Español. 1997.

[11] Ecoloxía forestal e ordenación do bosque. Roxelio Pérez Moreira. Ediciós do Castro (Sada, 1992).

[12]  La investigación en cuencas forestales de especies de crecimiento rápido en Galicia. J. M. Gras, J.A. Vega, S. Bará, P. Cuiñas, J.A. de los Santos, T. Fonturbel. Ponencias y Comunicaciones del I Congreso Forestal Español. 1993.

[13] Eucalyptus globulus impact on water resources and hydrological processes in a climate change context. C.O.A. Coelho, A.J.D. Ferreira, A.K. Boulet, J.J. Keizer, F.P. Lopes. Eucalyptus in a changing world. International IUFRO Conference of the WP2.08.03 on Silviculture and Improvement of Eucalypts. 2004.

[14] Os contras. En Pinhais e eucaliptais, Árvores e florestas de Portugal 4. J.Silva, E. Sequeira, F. Catry, C.Aguiar. Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento, Público, Liga para a Protecção da Natureza. Lisboa, 2007.

[15] Diversidad florística y vegetacional como criterio de protección aplicado a comunidades arbóreas y plantaciones forestales en el norte de Galicia. M.A. Rodríguez Guitián, P. Ramil Rego, R. Romero Franco. Libro de Actas del I Congreso Forestal Hispano Luso/II Congreso Forestal Español.Pamplona, 1997.

[16] Allelopathic effects of tree species on some soil microbial populations and herbaceous plants. X.C. Souto, J.C. Bolaño, L. González, M.J. Reigosa. Biologia Plantarum 44 (2), 2001.

[17] http://www.sgosgo.org/grupos_traballo.asp?offset=-1.

 

[18] Flora vascular. En A Natureza Ameazada 2004. J. Izco. Consello da Cultura Galega. Santiago, 2005.

[19] Axenda para unha alternativa forestal. Revista bimestral de ecoloxía Natureza Galega nº 13. Febreiro/Marzo 1994.

 
< Ant.   Seg. >