Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Dous libros sobre enerxía PDF Imprimir Correo-e

Reseñas de dous libros sobre a cuestión enerxética: ¿Vuelven las nucleares?  e A pegada socioecolóxica do sistema enerxético galego. Unha reseña de Xosé Veiras.

Francisco Castejón (2004): ¿Vuelven las nucleares?. Talasa Ediciones, Madrid, 111 páxinas

filedownload.jpgO Goberno inglés de Gordon Brown  e o  italiano de Berlusconi veñen de se amosar favorábeis á construción de novas centrais nucleares nos seus países. Polo de agora non hai ningún proxecto concreto, mais a noticia foi saúdada e amplificada polos sectores pronucleares españois. Un dos principais obstáculos para ese relanzamento nuclear é o rexeitamento maioritario á enerxía nuclear entre a sociedade española. Oposición que as eléctricas explotadoras de centrais nucleares  contribúen a manter co seu escaso compromiso coa seguridade nuclear, posto en evidencia na fuga radiactiva da central de Ascó I acontecida en novembro de 2007, e tamén noutros sucesos con menor repercusión mediática sucedidos noutras nucleares españolas.

¿Vuelven las nucleares? desmonta os argumentos pronucleares e aborda os desafíos da enerxía nuclear: o irresolúbel problema dos residuos radiactivos, o risco nuclear e as emisións radiactivas. Faino cun estilo accesíbel e salientando o esencial. Un libro moi útil para quen desexen actualizar o seu argumentario antinuclear con rigor mais sen tempo para aprofundar moito na cuestión. O autor do libro é Francisco Castejón, físico nuclear e membro da Comisión de Enerxía de Ecologistas en Acción, organización á que representou na mesa de debate sobre a enerxía nuclear convocada polo Goberno central no inicio do primeiro mandato de Zapatero.

As voces pronucleares tentan hoxe vendernos a enerxía nuclear esgrimindo con forza un argumento inédito, o desafío da loita contra as alteracións climáticas. A enerxía nuclear sería un contributo imprescindíbel para reducirmos as emisións de gases de efecto invernadoiro.  Mais non é así. O forte e rápido desenvolvemento nuclear que se precisaría para que a enerxía nuclear -que no ano 2000 achegaba o 6,2% do consumo enerxético mundial- tivese un papel decisivo na mitigación da mudanza climática é case imposíbel, por razóns como os custos económicas ou o esgotamento das minas de uranio. Ademais, multiplicaríanse enormemente os riscos e prexuízos asociados á enerxía nuclear. Un argumento oportunista e inconsistente, formulado habitualmente desde posicións que consideran inevitábel, posíbel e desexábel que o consumo enerxético continúe a medrar nos países desenvolvidos.  A solución non pasa pola enerxía nuclear, senón polo aforro e as renovábeis. 

Un capítulo do libro trata da historia do movemento antinuclear no Estado español, incluíndo unha referencia á loita contra a central nuclear que FENOSA tentou construír nos anos setenta en Xove, na Mariña luguesa. Destácase o papel que xogou nesa e noutras loitas a asociación ecoloxista AEORMA (Asociación Española para la Ordenación del Territorio y el Medio Ambiente), disolta en 1976 por tensións internas. Supomos nós que xogou un papel reseñábel á hora de fornecer argumentos, pois na organización das mobilizacións resultou máis importante o labor de organizacións sociais e políticas implantadas en Galiza, nomeadamente do ámbito nacionalista galego, entre elas ADEGA. Tamén se fala no libro da campaña estatal a prol dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) antinuclear desenvolvida entre finais de 1989 e comezos de 1990, na  que colaboraron, máis ben de forma modesta, os grupos integrados na Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG), editando material informativo e recollendo sinaturas. Esta ILP xuntou en seis meses máis do medio millón de sinaturas precisas para ser debatida nas Cortes, mais a Xunta Electoral Central só validou 450.000. Fracasou así unha ILP que podería ter levado á convocatoria dun referendo sobre a enerxía nuclear en España. Fracaso relativo, pois a ILP "permitiu un grande debate público e un  fortalecemento da opinión pública antinuclear".

Xosé María Bouzó e Xurxo Pérez Pintos (2007): A pegada socioecolóxica do sistema enerxético galego. Sotelo Blanco, Santiago, 256 páxinas.

A pegada socioecolóxica do sistema enerxético galego describe o sistema enerxético no noso país e aborda os seus  impactos ambientais e sociais. Resulta didáctico e contén moitos datos de interese, mais o seu enfoque resulta algo parcial. A penas repara na pegada do transporte, malia supor unha parte moi importante do noso consumo enerxético, e só olla os impactos do sistema enerxético dentro do país, mais non alén das nosas fronteiras. Se falamos da pegada socioecolóxica dun sistema enerxético tan altamente dependente de combustíbeis fóseis importados, non se debería deixar de lado unha aproximación aos impactos sociais e ambientais da extracción do petróleo, do gas natural ou do carbón consumidos en Galiza. Ou non dar, ao noso ver, suficiente relevancia ao problema das alteracións climáticas.

O libro semella que foi redactado con certa presa e abusa dos xornais como fonte de información. Isto é pouco recomendábel se se procura o rigor, pois en demasiadas ocasións as noticias de xornais son pouco fiábeis. Por outro lado, a bibliografía usada polos autores non é abundante. Todo iso axuda a explicar as lagoas do libro e algúns erros chamativos.

A visión que amosan os autores -presentados como profesores de ensino secundario e colaboradores nas xornadas de ensino coorganizadas pola AS-PG e a CIG- sobre certos aspectos da nosa realidade enerxética resulta criticábel desde unha perspectiva ecoloxista. Por exemplo, a consideración de que o consumo enerxético medio por habitante en Galiza non é demasiado alto, polo que non teríamos que reducilo moito, ou non teríamos que ser os primeiros en facelo. O estudo ao que se alude para fundamentar esta consideración non ten en conta nin os límites ambientais nin o acceso equitativo aos recursos. No noso país, a forza de repetir que somos ou parecemos un país terceiromundista, ou que somos un país expoliado enerxeticamente, hai quen o cre realmente. Tampouco estamos na mesma situación na que estabamos nos anos sesenta ou setenta.  Hoxe somos o país do "millón de coches", o país que, felizmente, comeza a pór límites aos aproveitamentos hidroeléctricos nos seus ríos,  mais que fai moi pouco ou nada para pór límites á ineficiencia e ao consumismo. Un país xa con elevados niveis medios de consumo de enerxía e de materiais que pretende seguir aumentándoos para converxer cos que os teñen aínda máis elevados. Un país que exporta máis insustentabilidade da que importa.

Malia todo, recomendamos a leitura do libro, que non deixa de ter interese para nos achegarmos a algúns aspectos do noso sistema enerxético, sobre o que pouco hai publicado até agora con afán divulgativo. Talvez por iso, o libro foi coeditado pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta. E tamén talvez por iso, ou non, amosa unha notábel falta de espírito crítico co actual Goberno galego,en   contraste co tratamento dalgunhas actuacións do anterior Goberno do PP. Aínda que máis rechamante é a cualificación como "paraneoliberal" do lema "pensar globalmente, actuar localmente",...

Xosé Veiras 

 

 

 

 
< Ant.   Seg. >