Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
O movemento ecoloxista galego hoxe (II) PDF Imprimir Correo-e

Alexandre Cendón, coordenador xeral da Federación Ecoloxista Galega (FEG), e Sonia Couso, coordenadora xeral de Verdegaia, dannos a súa visión sobre o asociacionismo ecoloxista galego, os seus puntos fortes e fracos e os seus desafíos. Continuamos así o debate iniciado no número dous, debate no que convidamos a participar en futuros números a quen o desexen.

1) Cais cres que son as principais debilidades e fortalezas do asociacionismo ecoloxista galego?

2) Perante a situación ambiental global e galega, que tres desafíos para o asociacionismo galego destacarías?

 

Alexandre Cendón, coordenador xeral da Federación Ecoloxista Galega (FEG).


"Fai falla un debate ideolóxico a gran escala, no que nos distanciar doutras formas ideolóxicas"

1) Penso que entre as debilidades cabería salientar os problemas derivados da desunión crecente entre os colectivos ecoloxistas propios ou do país. Isto está a provocar que moita xente válida estea a abandonar a primeira liña e incluso a marchar do asociacionismo.Ultimamente estase a respirar unha atmosfera que propicia os enfrontamentos entre os colectivos máis veteranos e activos. No fondo estamos a vivir unha loita de poder e de representatividade que en nada beneficia ao asociacionismo, nin ao medio ambiente nin á sociedade galega. Determinados colectivos están a aproveitar as súas afinidades cun sector do goberno galego para sacar rendibilidade política e favores en forma de dádivas ou subvencións, coas que queren fortalecer a súa presenza no país e o seu protagonismo nos asuntos ambientais: o que sucede é que se está a crear un modo de funcionamento que pode ser moi operativo e vizoso, mais que é percibido pola sociedade como un xeito de perda de independencia e como unha prebenda co goberno e cos partidos políticos.Estamos a asistir ao nacemento do corporativismo ambiental, até o punto de que esas asociacións se converten nunha fin en si mesmas. Insisto, quen perde é o asociacionismo e por ende, a sociedade e o medio ambiente. Amais, a lección é moi fácil de aprender e emular: acaba de aparecer un novo grupo de ámbito galego da noite para a mañá, sen que ninguén dos que levamos anos traballando no ecoloxismo galego coñezamos os seus integrantes. Cales son as súas motivacións e de quen veñen sendo verémolo co paso dos meses.

A situación actual non está para tirar foguetes nin para nos botar flores, así que a fortaleza do asociacionismo vai ser posta a proba nos vindeiros meses e anos cunha ben segura reformulación, renovación e reorganización. O tempo poñerá as cousas no seu sitio.

 2)  O primeiro desafío para o ecoloxismo galego é a asunción de que fai falla un debate ideolóxico a gran escala, do que ten que saír un movemento renovado e fortalecido se é que queremos influír seriamente no curso dos acontecementos e non contentarnos con ser espectadores do que outros fan. Nese debate terémonos que distanciar doutras formas ideolóxicas e marcarlles a diferenza do que debe e ten que ser o ecoloxismo galego para que sexa críbel aos ollos da sociedade. Unha vez conseguido isto, o segundo desafío será tratar de aglutinar un maior número de persoas en torno a ese ecoloxismo autónomo co gallo de acadar o seu fortalecemento e unha meirande representatividade social. Por último e o máis importante, sexamos ou non capaces de lograr o anterior, o desafío é poñérmonos á altura da crise ecolóxica na que estamos inmersos de maneira global, para buscar saídas axeitadas que procuren a sustentabilidade, con novas formas de facermos política e de relacionármonos socialmente no local e no global, entre nós e co mundo non humano. Está nas nosas mans, xa vai sendo hora de que o ecoloxismo galego cumpra a maioría de idade.


Sonia Couso, coordenadora xeral de Verdegaia.


"É necesario mudar o actual modelo de desenvolvemento centrado no crecemento económico"

1) A finais do século pasado asistimos a unha importante expansión do movemento ecoloxista a nivel estatal, cuestión que tamén tivo a súa repercusión a nivel galego. O resultado desta evolución, motivada por factores endóxenos e esóxenos foi a aparición, no territorio galego, de moitas organizacións centradas no ámbito local.Hoxe en día unha debilidade a destacar do movemento ecoloxista galego, herdada da súa evolución, é a estrutura fragmentada pola existencia de pequenos grupos centrados nas cuestións ambientais do territorio inmediatamente próximo.Estes teñen unha relativa capacidade de actuación, debido principalmente á redución no número de activistas, cuestión sobre a que todo o movemento ecoloxista galego debería reflexionar.

Aínda que a crise ambiental é unha cuestión de actualidade, e que polo tanto ofrece un escenario favorable á incorporación de novo capital humano, o ecoloxismo galego non reflicte esta realidade. Incluso despois de asistir a catástrofes ambientais detonantes de mobilizacións sociais sen precedentes, non se chegou a canalizar este potencial sobre todo nun sector da poboación, que segue a estar pendente, como é a xuventude. 

A partir desta radiografía, poderiamos resaltar desde o punto de vista das fortalezas, que o asociacionismo ecoloxista galego está sustentado por un capital humano comprometido e con máis que destacadas capacidades. As organizacións van introducindo novas liñas de traballo cooperativo que tenta superar a perspectiva local  que reforza o traballo en rede.

 2)  Un dos principais desafíos para o asociacionismo galego é a necesidade de mudar o actual modelo de desenvolvemento centrado no crecemento económico e asentado nas bases do libre mercado. Un modelo que domina a política económica mundial e que é a causa da crise ecolóxica global.

 Afrontar este desafío impón outros sobre os que traballar a nivel local sempre considerando a perspectiva global:

 -Participación social: é necesario que a cidadanía sexa consciente do seu dereito e deber de participación, que nunca deberá ser direccionada, se non baseada nos principios da igualdade de oportunidades e na liberdade de acceso á información, só deste xeito é que serán posibles decisións razoadas e responsables.

As economías de mercado están baseadas nas decisións de consumidores e consumidoras que sustentan un sistema capitalista depredador, logo o movemento ecoloxista galego debe afrontar o desafío de que a sociedade sexa consciente do seu poder transformador e actúe en consecuencia.

-O traballo en rede, superar a perspectiva local e aproveitar as sinerxias da cooperación intra e intersectorial é outro dos desafíos do asociacionismo galego, os principios que sustenten esta metodoloxía de traballo deben estar por encima de aqueles que os diferencian, só dende esta superación é que se canalizarán de xeito eficiente e eficaz as pretensións do movemento ecoloxista galego e en consecuencia poderá reforzarse a súa capacidade de transformación.


Cos Pés na Terra tamén convidou a responder a este cuestionario á presidenta de ADEGA e ao presidente da APDR, sen obter resposta. As persoas que desexen participar no debate en próximos números poden enviarnos as súas respostas ao cuestionario sobre o asociacionismo ecoloxista a Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver , cunha extensión máxima de 500 palabras.