Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
A contaminación atmosférica de fondo en Galiza PDF Imprimir Correo-e

foco.jpgA contaminación atmosférica de fondo ou residual é aquela que se mide en zonas afastadas de grandes focos de contaminación, coa finalidade de avaliar o transporte de contaminantes na atmosfera. Esta contaminación, en Galiza, ten moito que ver coas emisións das centrais térmicas. Un artigo de Xosé Manuel Vellón Graña e David Cartelle Fernández, impulsores de Troposfera.org e consultores de Tecnoambiente.

A Rede EMEP

O Convenio de Xenevra sobre Contaminación atmosférica transfronteiriza a longa distancia (Convention on Long-Range Transboundary Air Pollution, CLRTAP), adoptado en 1979 e en vigor dende 1983, foi ratificado polo Estado español en 1982. Este convenio desenvolveuse despois de que se constatase cientificamente que os axentes contaminantes atmosféricos poden viaxar miles de quilómetros e producir danos, como a acidificación no medio, lonxe do punto de emisión.

Logo da entrada en vigor do Convenio de Xenevra, puxéronse en marcha diferentes protocolos, entre eles o Protocolo de Xenevra de financiamento a longo prazo do "Programa de cooperación para a vixilancia e a avaliación do transporte a longa distancia dos axentes contaminantes atmosféricos en Europa", o que deu lugar á posta en marcha da rede de vixilancia da contaminación atmosférica de fondo ou rede EMEP (European Monitoring Evaluation Programme).

As medicións que se levan a cabo nas estacións que conforman a Rede EMEP permiten determinar os niveis de contaminación de fondo nunha rexión, así como avaliar o transporte dende fontes emisoras situadas a gran distancia delas. Por iso, a localización dos lugares de medición debe seguir determinados criterios de representatividade, que establecen a densidade da súa malla e as distancias mínimas a distintos tipos de focos emisores de contaminación. Deste xeito, unha estación ten que ser representativa canto á calidade do aire e canto á precipitación dunha área extensa en torno a ela. Por esta razón, tamén teñen que evitarse perturbacións locais que poidan influír nas medicións.

No Estado español, a Rede EMEP púxose en funcionamento no ano 1983, sendo o actual Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño o encargado da súa xestión.

No 2007 contaba con nove estacións de control, unha delas en Galiza:

 

mapa_emep_espaa.jpg

Na actualidade, a Rede EMEP conta cun total de trece estacións, entre as que, ademais da estación do Saviñao, existe unha segunda en Galiza, instalada en Noia. Porén, debido ao recente da súa posta en marcha, consideramos prematuro facer unha avaliación da evolución dos seus resultados,

En definitiva, as estacións da Rede EMEP permiten facer o seguimento da contaminación de fondo ou residual existente nunha rexión, así como servir de indicador da presión á que se ven sometidos os seus ecosistemas e a vexetación, obxectivo que se intentará desenvolver, de maneira moi somera, nos apartados seguintes.

Resultados na estación do Saviñao

A estación EMEP do Saviñao está localizada no monte A Travesa, en Bugalla (O Saviñao), moi próxima ao encoro de Belesar.

Está a unha altitude de 506 metros sobre o nivel do mar e as súas coordenadas xeográficas son: 07º 42'17"W-42º 38' 05"N.

 

fig.1_emep_saviao.jpg

 

2.1. Dióxido de xofre

  evolucion_anual_so2.jpg
No gráfico anterior represéntase a evolución dos niveis medios anuais de dióxido de xofre rexistrados na estación do Saviñao dende 2001. Como se pode apreciar, os valores atópanse moi afastados do valor límite para a protección dos ecosistemas (20 µg/m3) establecido no Real Decreto 1073/2002, do 18 de outubro, sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente en relación co dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, óxidos de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono.

No gráfico seguinte amósase a evolución das medias mensuais de dióxido de xofre, no que a liña vermella representa a media móbil de 12 meses.

  evolucion_mensual_so2.jpg
Ben se ve como a media móbil permanece estable na primeira parte do período ata que empeza unha tendencia á baixa a partir dos primeiros meses de 2006. Esta situación coincide co comezo da transformación dos grupos da central térmica das Pontes para a queima de carbón de importación, cunha porcentaxe moito máis baixa de contido de xofre fronte ao carbón da mina de lignitos.

 Polo que atinxe á situación dos niveis de dióxido de xofre de fondo na estación EMEP de Galiza en relación ás demais estacións EMEP do Estado, pódese observar na figura seguinte que O Saviñao no 2007 estaba por enriba da media estatal, e que presentaba o segundo valor máis elevado despois da estación asturiana de Niembro-Llanes:

  niveis_dioxido_de_xofre_emep.jpg
No mapa de distribución das grandes centrais térmicas de España, advírtese que a maior concentración destas instalacións sitúase no noroeste peninsular, polo que é plausible que este aporte extra (ao redor dos 2-3 µg/m3 sobre o nivel medio de fondo) nas concentracións de fondo galegas e asturianas proceda destas grandes instalacións de combustión.

fig.5_mapacentralestermicas.jpg

2.2. Óxidos de nitróxeno

 No gráfico que segue a continuación amósase a evolución dos niveis medios anuais de óxidos de nitróxeno rexistrados na estación do Saviñao no período 2001-2007. Como se pode apreciar, os valores atópanse tamén moi afastados do valor límite para a protección da vexetación (30 µg/m3) establecido no mesmo Real Decreto 1073/2002.

evolucion_anual_nox.jpg

Figura 6: Evolución anual de óxidos de nitróxeno (O Saviñao)

No caso dos óxidos de nitróxeno apréciase unha evolución á alza na liña que representa a media móbil de 12 meses (en vermello) ata os primeiros meses de 2006, cando se invirte a tendencia.

  evolucion_mensual_nox.jpg

Figura 7: Evolución mensual de óxidos de nitróxeno (O Saviñao)

Aínda que cunha maior dispersión dos datos, o promedio das concentracións de fondo de óxidos de nitróxeno nos meses da tempada invernal (especialmente en decembro) aumentan de xeito considerable, tal e como se reflicte na seguinte gráfica:

promedio_mensual_nox.jpg

Figura 8: Evolución mensual de óxidos de nitróxeno (O Saviñao)

Este aumento tamén o detecta o espectrómetro de imaxe de escaneo de absorción para cartografía atmosférica, SCIAMACHY, que forma parte do satélite Envisat da Axencia Espacial Europea. Nos seus mapas mensuais da medida de dióxido de nitróxeno na columna troposférica poden apreciarse estas diferencias estacionais sobre Galiza, como por exemplo, a que se amosa na seguinte imaxe entre xuño e decembro:

fig.9_b_mapa_xuo_scia_no2_trop_europe_200506.jpg  
 

 fig.9_b_mapa_xuo_scia_no2_trop_europe_200506.jpg

 

Figura 9: mapas do SCIAMACHY DOAS nadir para NO2 troposférico, correspondentes a decembro e xuño do 2005.

Fonte: Instituto de Física Ambiental, Universidade de Bremen, Alemaña.

Neste senso, as condicións propias climatolóxicas de Galiza e mesmo outros factores, como a demanda enerxética nos meses de inverno, provocan que as concentracións de fondo de óxidos de nitróxeno aumenten nestes meses.

Aínda así, no 2007 os niveis anuais de óxidos de nitróxeno na estación de fondo do Saviñao situáronse moi próximos á media do conxunto das estacións EMEP españolas, tal e como se ve na seguinte figura:

niveis_nox_estacions_emep.jpg

 

Figura 10: Valores anuais 2007 de óxidos de nitróxeno (Rede EMEP)

 

2.3. Ozono troposférico

Para a avaliación dos niveis de ozono troposférico emprégase o estatístico AOT40, que, expresado en (µg/m3) • h, é a suma da diferenza entre as concentracións horarias superiores aos 80 µg/m3 (=40 partes por mil millóns) e 80 µg/m3 ao longo dun período dado utilizando unicamente os valores horarios medidos entre as 8am e as 8pm (hora de Europa Central, HEC), todos os días.

No Real Decreto 1796/2003, do 26 de decembro, relativo ao ozono no aire ambiente, establécense os seguintes valores de referencia para a protección da vexetación e dos bosques:

  cadro_valores_ozono.jpg

Na figura seguinte represéntanse os valores medios de cinco anos do valor de AOT40 previsto (conforme ao establecido no Anexo IV do Real Decreto 1796/2003):

  evolucion_pentanual_ozono.jpg

Figura 11: Valores medios de cinco anos de AOT40 (Valores previstos)

Como se pode contemplar, os valores presentan unha tendencia descendente e áchanse moi por baixo do valor obxectivo establecido para a protección da vexetación, AOT40 =18000 (µg/m3) • h.

O ozono é un contaminante secundario que se forma a través dunha complexa serie de reaccións químicas dos contaminantes primarios ou precursores, coma os óxidos de nitróxeno e compostos orgánicos volátiles, en presenza de osíxeno e luz solar.

Polo tanto, a súa concentración no aire vai depender fundamentalmente da existencia de precursores na troposfera e das condicións climatolóxicas, aínda que posúe un marcado caracter transrexional ou transfronteirizo.

No que atinxe á situación fronte ao obxectivo a longo prazo para a protección da vexetación, AOT40= 6000 (µg/m3) • h, empregando como referencia o ano 2020, os valores non presentan unha tendencia clara, aínda que se aprecia que 5 dos 7 anos avaliados (2001-2002-2004-2006-2007) superan ese valor obxectivo:

evolucion_anual_ozono_vex.jpg

Figura 12: Valores anuais de AOT40 (valores previstos) para a protección da vexetación.

O mesmo se podería dicir da situación fronte ao valor de referencia para a protección dos bosques, AOT40= 20000 (µg/m3) • h, aínda que neste caso son unicamente 3 anos (2001-2002-2007) os que superan o valor de referencia:

evolucion_anual_ozono.jpg

Figura 13: Valores anuais de AOT40 (valores previstos) para a protección dos bosques.

Canto á situación dos niveis de ozono na estación EMEP de Galiza respecto dos valores acadados nas restantes estacións EMEP do Estado, cabe sinalar, como se pode ver nas gráficas seguintes, que tanto os niveis de AOT40 para a protección da vexetación, como os de AOT40 para a protección dos bosques, foron, en 2007, inferiores ás medias da Rede.niveis_ozono_proteccion_vex_estacions_emep.jpg

Figura 14: Valores medios penta-anuais de AOT40 (valores previstos) para protección da vexetación.

niveis_ozono_proteccion_bosques_emep.jpg

Figura 15: Valores en 2007 de AOT40 (valores previstos) para protección dos bosques.

2.4. Partículas en suspensión

Aínda que a lexislación vixente non establece valores de referencia para a protección da vexetación ou ecosistemas para partículas en suspensión, considerouse axeitado reflectir neste artigo os niveis de contaminación de fondo rexistrados en Galiza para este parámetro, tendo en conta as repercusións na saúde humana tal e como avalan abondosos estudos ao respecto.

A evolución dos niveis de partículas en suspensión PM10 (partículas menores de 10 micrómetros de diámetro aerodinámico) represéntanse na figura seguinte:

evolucion_anual_pm10.jpg

Figura 16: Evolución dos niveis de PM10 no Saviñao.

Os niveis de PM10 na estación do Saviñao parecen presentar unha tendencia descendente co tempo, e son, en todos os anos representados, inferiores ao valor límite anual establecido no Real Decreto 1073/2002 (40 µg/m3) para a protección da saúde humana.

Ao mesmo tempo, os niveis de PM10 no Saviñao son inferiores á media dos valores rexistrados da Rede EMEP española, tal e como se pode examinar na gráfica seguinte:

niveis_pm10_estacions_emep.jpg

Figura 17: Niveis de PM10 na Rede EMEP (2007).

Nota: Non hai datos abondos para a estación de Campisábalos.

Un dos fenómenos naturais que suceden ocasionalmente en Galiza, e que repercuten de xeito notable no aumento das concentracións de PM10, son as incursións de aerosois procedentes de rexións saharianas e subsaharianas. Baixo determinadas condicións meteorolóxicas, prodúcese nas nosas latitudes a intrusión de masas de aire africanas, que veñen cargadas de area. As estacións de fondo rexional, como a EMEP do Saviñao, son unha excelente fonte de información sobre estes eventos, e poden ofrecernos cal é o nivel de incremento de po na atmosfera que se produce como consecuencia deste fenómeno transfronteirizo. Na actualidade existen varias iniciativas para o control deste fenómeno a nivel estatal, como o convenio subscrito polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), polo que se dotaron varias estacións para a medida, mostraxe e análise química de PM10 e PM2.5 en distintos puntos da península Ibérica, e no que de momento, Galiza non conta con ningunha estación.

  fig.18_spaindust010213_low.jpg

Figura 18: Intrusión de partículas africanas sobre a península ibérica.

Fonte: http://www.orbimage.com

Fontes: 

Datos

Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño


Outra documentación

European Monitoring Evaluation Programme (EMEP)

Norwegian Institute for Air Research (NILU)

Troposfera.org


Xosé Manuel Vellón Graña é licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela. David Cartelle Fernández é licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade da Coruña. Ambos dispoñen de máis de 9 anos de experiencia en medio ambiente e calidade do aire, cunha traxectoria profesional que  inclúe a xestión técnica, durante 7 anos, do Sistema de Información da Rede Galega de Calidade do Aire do Laboratorio de Referencia de Medio Ambiente pertencente á Xunta. Teñen participado en distintos proxectos de investigación a nivel galego, español e europeo e colaborado en distintas publicacións.

 
< Ant.   Seg. >