Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Entrevista a Álvaro García Ortiz, Fiscal de Medio Ambiente de Galicia PDF Imprimir Correo-e

alvaro_ortiz.jpgAlvaro García Ortiz, Fiscal de Medio Ambiente de Galicia, é un bo exemplo do que debe ser un servidor público: comprometido co seu traballo e accesible á cidadanía. Nesta entrevista repasamos o labor da Fiscalía desde a súa creación. Unha entrevista por Xosé Veiras

-A creación da Fiscalía de Medio Ambiente foi moi ben recibida por todos os sectores sociais preocupados pola defensa ambiental. Emporiso, tense a sensación de que os medios de que dispón para desenvolver o seu labor son  escasos, e de que a capacidade de actuación é moi limitada. Con que medios conta realmente?

 Nunca os medios son abondos porque a inercia de cada actuación xera a demanda doutra. En todo caso as carencias son as mesmas cás do resto da administración de Xustiza: necesitamos máis persoal auxiliar e podérmonos dedicar en exclusiva ao medio ambiente. Como as nosas demandas son razonables, entendemos que nun prazo non excesivamente longo imos poder acceder a elas, pois estes son os plans da Fiscalía Superior. 


-Que cuestións ambientais centraron máis até agora o traballo da Fiscalía? Que resultados destacaría dese traballo?

 Á parte dos incendios, sen dúbida todo o tema dos verquidos e os vertedoiros, no que a medio ambiente se refire. Tamén o urbanismo e a protección do patrimonio histórico estiveron moi presentes.


-Ten manifestado publicamente que a causa do Prestige está a demorarse demasiado. Que medidas considera necesarias para activala?

É dificil dicilo. Desde logo auxiliar no posible  o xulgado de Corcubión con todos os medios que sexa preciso. Por outra parte, a demanda pública non deixa de ser unha alerta para que a causa non quede nun asunto interminable, nun deses procedementos que ao cabo dos anos se arquivan e aos que o trascurso do tempo enterra na voráxine dos xulgados. Entendemos que pola relevancia, e porque hai contido abondo, debemos facer todo o que se poida, como lle corresponde ao ministerio fiscal, para impulsar o procedemento.


-A Fiscalía, baseándose na información dispoñibilizada polas forzas policiais e pola Xunta, desbotou a existencia de "tramas incendiarias" detrás dos lumes de 2006 e de anos anteriores. A crenza nestas tramas, que foi alimentada en certos momentos por políticos de diverso signo, está moi estendida entre parte da cidadanía. Non é posible falar de tramas nin tan sequera nalgúns casos?.

Desde logo, coa información que dispoñemos a resposta é non. Case con rotundidade.{quotes}Se entendemos tramas incendiarias no sentido estrito do termo, non puidemos constatar, nin sequera de xeito indiciario, a existencia delas {/quotes} Outra cosa é que detrás dalgúns lumes haxa intereses concretos ou supostos de pequena delincuencia, pero non plans globais organizados coa finalidade de desestruturar o país.

 -Houbo avances na persecución dos incendiarios despois da vaga de incendios de agosto de 2006? Cantas sentenzas condenatorias houbo en 2006, en 2007 e no que levamos de 2008?.

As sentenzas non son unha instantánea que reflicta o estado dos avances en investigación, pois adoitan referirse a feitos moi anteriores, nun, dous, ou incluso máis anos antes de seren ditadas. Porén, se as sentenzas no ano 2006 apenas pasaban de 20, no 2007 houbo 43, e delas 36 foron condenatorias.

 -Considera a Fiscalía que son necesarias reformas lexislativas para mellorar a protección penal do medio ambiente?

 Sempre é posible a mellora, e de feito nas memorias das fiscalías sempre se propoñen estas cuestións. En materia ambiental, a complexidade dos tipos penais, e o feito de que se trate en ocasións de preceutos penais en branco, fai que estes deban ser depurados. Nese sentido a delimitación da imprudencia nos incendios, os delitos contra o patrimonio histórico, ou o tratamento postdelictual son obxecto de comentario nas nosas memorias.