Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Reseñas breves PDF Imprimir Correo-e

Algunhas reseñas breves de libros, revistas e CDs.

Primeiro ano de Altermundo

En Abril cumpriu os seus primeiros doce meses  o Suplemento Horizontal  Altermundo, cuxa versión impresa se distribúe no derradeiro domingo de cada mes co xornal Galicia Hoxe. Altermundo é unha publicación claramente comprometida coa defensa dunha globalización alternativa. Dirixida por Manoel Santos, do seu consello de redacción fan parte Xosé Manuel Beiras, Imanol Dorca, Carlos Taibo, Carmen Carballo, Xavier Simón (tamén membro do consello de redacción de Cos Pés na Terra), Xabier Macías, Marga Tojo, Xulio Ríos, Alfredo Iglesias e Cândido Gryzbowsky. Desde o portal  Altermundo poden descargarse gratuitamente en formato electrónico todos os números do suplemento. 


Por unha nova cultura forestal fronte aos incendios

O Consello da Cultura Galega, logo da devastadora vaga de lumes do verán de 2006, convocou a máis de cincuenta especialistas para debateren sobre os incendios forestais no noso país. Para iso, organizou tres paneis de análise e debate, sobre cuestións ecolóxicas e silvícolas, sobre aspectos económicos, sociais e políticos e sobre percepción social, educación cívica e información, coordenados respectivamente por Francisco Díaz-Fierros, Xesús Balboa e Xosé Luís Barreiro Rivas. Desde culturagalega.org pódese descargar o relatorio cos debates e as súas conclusións. Ademais, inclúe como anexo  sete  informes sobre diversos aspectos da problemática incendiaria, como o impacto dos lumes sobre o solo e a vexetación forestal, a percepción social dos incendios en Galicia en 2006 ou educación e incendios.

Atlas climático das aves reprodutoras en Europa

A Climatic Atlas of European Breeding Birds amosa que no decurso do século XXI as condicións climáticas forzarán á maior parte das aves que se reproducen no noso continente a movérense cara a novas zonas. Un aumento na temperatura media global duns 3ºC por riba dos niveis preindustriais, xunto con outras ameazas, implicaría un aumento no risco de extinción de moitas especies. A Península Ibérica salienta como un dos territorios máis sensíbeis á mudanza faunística provocada polas alteracións climáticas. Así, o Atlas pronostica a extinción de especies como a pita do monte e un grave empeoramento da situación doutras como a águia imperial ou a avetarda. O Atlas foi escrito polos profesores Brian Huntley (da Universidade de Durham) e Rhys Green (RSPB/BirdLife e Universidade de Cambridge), e os doutores Yvonne Collingham e Steve Willis (ambos da Universidade de Durham). Foi  publicado por Lynx Edicions en colaboración coa Royal Society for the Protection of Birds (RSPB), BirdLife International e a Universidade de Durham. Pódese descargar gratuitamente un resumo en castelán de 23 páxinas desde a web de SEO/Birdlife 

le-monde-diplomatique-realiza.jpgAtlas medioambiental 2008

Greenpeace e Le Monde diplomatique en castelán lanzaron o Atlas medioambiental 2008, no que se analisan os grandes desafíos da sustentabilidade ecolóxica no mundo. O Atlas artéllase en dous grandes eixos: "As ameazas do planeta" e "O que pode salvalo", alén dun anexo, realizado por GreenpeaceLe Monde diplomatique, afirmou que "moitas das ameazas ambientais proveñen directamente das políticas de crecemento económico propugnadas pola globalización neoliberal". Juan López de Uralde, director de Greenpeace España, declarou que "lonxe do alarmismo, este Atlas responde a unha ollada rigorosa da realidade na que estamos inmersos para, a través da mesma, facer un chamado urxente á mudanza". España, sobre a situación do ambiente no Estado español. Na súa presentación, Ignacio Ramonet, director de

Número 100 da revista "PAPELES" de Relacións Ecosociais e Mudanza Global

Desde hai décadas estase a falar sobre as graves consecuencias que a crise ecolóxica coloca á Humanidade. A mudanza actual caracterízase polo alcance global das consecuencias da conduta humana sobre os procesos que determinan o funcionamento da biosfera, e xorde asociada á irreversibilidade dos efectos que se orixinan sobre moitos deles. As alteracións climáticas son, talvez, a manifestación máis clara de que a superación dalgúns umbrais críticos relativos ás capacidades de asimilación dos sistemas naturais alterarían significativamente as condicións de vida sociais e ambientais da Humanidade. O número 100 da revista "PAPELES" examina desde os ángulos da economía, a ecoloxía, as relacións internacionais e a investigación para a paz a necesidade ineludible dunha mudanza global.  Colaboran nel, entre outros, José Manuel Naredo, Paco Fernández Buey e Carlos Taibo.

Ar Livre

 A revista Ar Livre é unha publicación de periodicidade trimestral (aínda que na práctica irregular) editada no Porto por Edições Sempre-em-Pé co subtítulo "ambiente, cultura e alternativas".  A responsabilidade editorial é da asociación Campo Aberto, unha das máis activas do norte de Portugal. Despois de dous anos de silencio, publicouse hai uns meses o número 17.

Necesidades, desigualdades e sustentabilidade ecolóxica

É preciso reorganizarmos o sistema económico para o adaptarmos aos límites ambientais do planeta coa finalidade de evitarmos riscos graves de conflitos e desestabilización social. Isto pasa polo aumento da eficiencia no uso dos recursos naturais. Porén, esta reorganización non terá éxito se non vén acompañada dunha redefinición das prioridades sociais e do sistema de necesidades, tendo en conta que a igualdade intra- e interxeracional constitúe un factor importante para atinxirmos a estabilidade social e a sustentabilidade ecolóxica. Isto implica asumirmos unha cultura da suficiencia ou frugalidade. Esta é a tese central de Necesidades, desigualdades y sostenibilidad ecológica, un número de Cuadernos Bakeaz do que é autor Joaquim Sempere, profesor de Teoría Sociolóxica e Socioloxía Ambiental na Universidade de Barcelona. Pódese descargar en formato pdf aquí .

la20nueva20economia20del20agua-1.jpgA nova economía da auga

O libro La nueva economía del agua, de Federico Aguilera Klink, insírese nun novo proxecto editorial impulsado polo CIP-Ecosocial e La Catarata, a colección Economía Crítica & Ecologismo Social, que pretende editar tres números cada ano. Nel tócanse cuestións fundamentais como o concepto de valor, o uso e o prezo da auga, a protección dos recursos hídricos, a xestión autoritaria face á xestión democrática dos mesmos, a transición cara a unha nova cultura da auga en España etc., utilizando exemplos como o caso concreto dos mercados da auga en Tenerife. O autor é catedrático de Economía Aplicada da Universidade de La Laguna e Premio Nacional de Economía e Medio Ambiente 2004.

Futuro xusto

Futuro justo. Recursos limitados y justicia global, de Wolfgang Sachs e Tilman Santarius, do alemán Instituto Wuppertal para o Clima, o Medio Ambiente e a Enerxía, é o novo ensaio da colección Encuentro , de Icaria editorial e Intermón Oxfam. Lemos na contracapa do libro: "Crise do petróleo, conflitos pola auga, merma da seguridade alimentaria: as mensaxes sobre recursos escasos acumúlanse. Paralelamente, segue aumentando a poboación mundial e cada vez máis nacións (como India ou China) reivindican o seu innegable dereito ao desenvolvemento. Á vista dunha biosfera á que xa hoxe se lle esixe demasiado, a loita arredor dunha natureza escasa influirá nas crises do século XXI. Este libro, froito da reflexión de expertos do prestixioso Instituto Wuppertal, oferece ao leitor unha análise das situacións nas que se producen conflitos por causa dos recursos, formula medidas para a súa distribución equitativa e esboza os elementos sustanciais dunha política medioambiental e económica que se comprometa por igual coa natureza e coa humanidade, un novo modelo económico nun imprescindíbel marco de xustiza universal".

Cederrón didáctico sobre consumo e publicidade

Cederrón editado por Ecologistas en Acción que achega ferramentas educativas arredor do consumo e a publicidade. Os seus contidos organízanse en catro grandes temas: consumo, comunicación, publicidade e contrapublicidade. Diríxense sobre todo a profesores e profesoras de ensino primario e secundario. O material pódese descargar en Internet, aquí.

 
< Ant.