Hermann Scheer, defensor das renovábeis

Posted by xoseveiras on Novembro 16th, 2010

Son moitos os obstáculos que cómpre superar para logramos un modelo enerxético 100% renovábel. Sen dúbida, os maiores e máis difíceis son os mentais. Hermann Scheer, de cuxo facelemento repentino informa hoxe unha nota necrolóxica no xornal “El País” (hai un mes fíxoo outra nota publicada en La Vanguardia, escrita por Josep Puig), axudou a superalos con constancia, rigor e elocuencia. Dos que teño lido, poucos libros sobre cuestións ecolóxicas me resultaron tan reveladores e inspiradores como “Economía solar global. Estrategias para la modernización ecológica” (Galaxia Gutemberg-Círculo de lectores, 2000), un dos catro libros que escribiu este político socialdemócrata alemán, fundador e presidente de Eurosolar, a asociación europea polas enerxías renovábeis. O último editado en España é “Autonomía energética.La situación económica, social y tecnológica de la energía renovable” (Icaria, 2009) (a Fundació Terra editou unha síntese en catalán que se pode descargar aquí).Pouco antes de morrer lanzou o cuarto, “Der energet(h)ische Imperativ” (“O imperativo enerxético”), aínda non editado no Estado español.

A morte aos 66 anos de Hermann Scheer é unha perda inmensa para a loita por un modelo enerxético sustentábel.

 

Pacto enerxético entre PP, PSOE e BNG

Posted by xoseveiras on Novembro 15th, 2010

Pódese falar da existencia dun pacto enerxético non escrito, implícito, entre as forzas políticas parlamentarias, dun consenso sobre a estratexia enerxética. Tamén no que atinxe ao modelo enerxético, a ideoloxía produtivista que partillan exprésase en importantes elementos de coincidencia.  E máis o que os une que o que os separa. As disputas adoitan ser sobre o xeito de repercutir na sociedade galega os beneficios económicos do sector enerxético, mais non sobre o deseño e a orientación básicas do modelo enerxético. E por moito que falen de sustentabilidade, na verdade ignoran os límites ambientais e carecen dun proxecto de modelo enerxético –e, xa que logo, de sociedade-  sustentábel.

Read the rest of this entry »

Ecosocialismo e cambio climático

Posted by xoseveiras on Novembro 3rd, 2010

No marco da primeira Universidade de Verán de Izquierda Anticapitalista, Ladislao Martínez, activista ecoloxista de longa traxectoria e bo coñecedor da cuestión enerxética, membro de IA, abordou o problema da mudanza climática desde unha perspectiva ecosocialista. Comezou salientando tres facetas do cambio climático que o distinguen doutros problemas ambientais: “está estreitamente vencellado ao modelo económico”, “é o problema máis extenso nos seus efectos” e “é un dos problemas máis urxentes que hai para atallar”, aspecto que non debe esquecerse porque determina moito as políticas de prevención.

A esquerda transformadora debería tomarse moi en serio a crise climática, ao ver de Ladislao Martínez por dúas razóns principais. A primeira é que a mudanza climática provoca, mesmo antes de ter atinxido unha dimensión catastrófica,  grandes doses de sufrimento humano. O sufrimento causado ao pobo paquistanés polas enchentes deste verán non é moi diferente do causado por un axuste estrutural imposto polo FMI. A segunda é a responsabilidade na xénese da mudanza climática, podendo identificarse catro responsabilidades: sistémica (extrema mobilidade, dependencia combustíbeis fósiles), empresarial, gobernamental e individual (moi diferente entre xentes de distintos países). 

A Ladislao Martínez parécelle escandaloso que algúns sectores da esquerda coiden que o cambio climático é un problema funcional ao sistema. Pola contra, trátase dunha “verdade incómoda” “que socaba un modelo de desenvolvemento e formula dúbidas que sería mellor non abordar”. O reto da esquerda é vencellar a solución á crise climática cunha transformación social en profundidade. Para iso é “extremadamente importante” a mobilización cidadá. Podes escoitar o audio da intervención completa de Ladislao Martínez (20 minutos):

 

Nunha entrevista a propósito da situación das térmicas de carbón para o portal Diário Liberdade, Xoán Ramón Doldán, profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e ex-director do Instituto Enerxético de Galiza (INEGA),  acha que na encrucillada enerxética na que estamos a nível mundial, “há já bastante tempo que deveríamos estar a pensar na alternativa renovável, na qualidade do ar, na alteraçom do clima e mesmo, numha perspectiva mais de esquerda, no facto de que nós estamos a apropriar-nos de uns recursos energéticos a partir doutros países, sem que exista umha contrapartida para eles. Isso está a ficar fora do debate e nom deveria ser assim”.

Doldán,asinante do manifesto “Dez razóns para pechar as térmicas de carbón”, refírese á defensa da capacidade de produción das centrais de carbón de Meirama e As Pontes como “umha fugida para diante, como se detendo o Decreto do Carvom fosse possível manter a actividade sem construir alternativas para incorporar todos esses trabalhadores e trabalhadoras” dependentes da actividade das térmicas. A aposta polas renovábeis “será inevitável, ainda que seja umha saída complicada, porque exige mudanças profundas na sociedade, a nível de produçom, consumo, transporte, habitacional, etc. Essas mudanças devem permitir-nos atender às necessidades energéticas doutra maneira, mas mudando a nossa forma de vida”.

 

 

Non hai futuro no carbón

Posted by xoseveiras on Outubro 29th, 2010

Considerando tanto os impactos socioambientais a escala galega como os globais, non hai en Galicia industrias máis prexudiciais que as térmicas de carbón. Son as maiores responsábeis das nosas elevadas emisións por habitante de gases causantes do cambio climático, continúan sendo enormes focos de contaminación local,  usan de forma ineficiente un combustible fósil cuxa extracción pode ser moi destrutiva,… Pechalas sería o maior contributo á sustentabilidade en e desde Galicia.

Read the rest of this entry »

 Boa parte da planificación e ordenación dun monte veciñal comeza polo coñecemento do mesmo dun xeito pormenorizado. Os seus lindes, a súa historia, a súa toponimia, o seu clima, vexetación, orografía…, xunto coa súa senlleira herdanza xeolóxica, cultural e até política e social: é a partir deste coñecemento como a xestión forestal cobra sentido e se pode realizar de maneira responsábel. E isto conséguese, no día a día, coa busca de documentación, coas visitas cotiás ao terreo e co diálogo constante entre a Xunta rectora, as asembleas horizontais, a veciñanza máis vella, a Administración e o persoal técnico cualificado.

Read the rest of this entry »

Un plan de auga case perfecto

Posted by xoseveiras on Outubro 26th, 2010

Así se refire Narcís Prat, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Barcelona e membro da Fundación Nova Cultura da Auga, co-autor do libro “Alternativas para la gestión del agua en Cataluña”, ao plano de xestión das bacías internas de Catalunya nun artigo de opinión publicado no xornal El Periódico de Catalunya. Ao ver de Prat, o catalán é “un plan excelente, sen dúbida o mellor en España e comparábel a calquera planificación feita en Europa”, que evitará de xeito ecoloxicamente sustentábel, sen transvasamento do Ródano ou minitransvasamento do Ebro, angustias de abastecemento como as vividas en Barcelona en 2008.

O Índice Planeta Feliz

Posted by xoseveiras on Outubro 21st, 2010

“The Happy Planet Index (HPI)”   é un indicador de sustentabilidade proposto pola new economics foundation (nef) que mede o que de verdade nos importa –a nosa felicidade- e o que lle importa ao planeta –cánto o explotamos-. Indaga sobre a eficiencia ecolóxica da procura do benestar humano.  Nic Marks, un dos autores da última edición do informe sobre o HPI, explica no seguinte vídeo as chaves para un benestar sustentábel (pódese ver con subtítulos en varias linguas, incluído inglés, portugués e castelán).

Biodiversidade: en situación terminal

Posted by xoseveiras on Outubro 8th, 2010

O 2010 foi declarado ano da Biodiversidade. Apenas se nota entre nós. Os indicadores científicos conclúen que boa parte do que a natureza nos regalou está en perigo. Os autores dos informes últimos e os analistas críticos reclaman medidas urxentes contra o deterioro. Tempos Novos abriulles as súas páxinas no número de agosto.

(Tirado de Tempos Dixital)

Estamos en situación de déficit ecolóxico desde o 21 de agosto

Posted by xoseveiras on Outubro 1st, 2010

O blog da Asociación por unha Galiza sen Petróleo, Véspera de Nada, recollía o pasado 21 de agosto que ese mesmo día a Humanidade  tiña gastado todos os recursos que produce anualmente o planeta, segundo a estimación da New Economics Foundation e a Global Footprint Network. Xa que logo, desde o 21 de agosto, e até fin de ano, viviremos “xerando  un déficit que pagaremos no futuro, ou roubándolles aos nosos fillos, que é outra maneira de velo”, como sinala Véspera de Nada. “Este é o déficit ineludible que condicionará no futuro inmediato á nosa especie, moito máis relevante para a humanidade que os déficits monetarios. Porén, non veremos esta nova nos telexornais nin nas cabeceiras dos principais xornais. A nosa sociedade segue miope perante os condicionantes físicos da súa subsistencia, cega diante dos límites dun planeta finito, cuxos recursos xa sobrepasamos vivindo de prestado”.