Hai algunhas semanas, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez (PSOE), sacou o seu lado máis “reivindicativo” para demandar publicamente ao de Industria, Fernando Blanco (BNG), que favoreza o repontenciamento dos parques eólicos existentes face á construción de novos parques. Tamén propuxo gravar os parques eólicos para compensar a poboación dos espazos naturais onde non se permita a instalación de aeroxeradores. A primeira demanda parece innecesaria. A segunda semella unha ocorrencia froito da incapacidade para obter no reparto do Orzamento da Xunta un financiamento que permita unha xestión minimamente digna dos espazos naturais protexidos.

Non parece moi necesario que Manuel Vázquez reclame públicamente agora que se favoreza o repotenciamento dos parques existentes. Esa posibilidade está contemplada de forma específica no Decreto 242/2008 da Xunta polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica (artigo 11º). Na orde do 6 de marzo de 2008 polo que se convoca o concurso eólico puntúanse os criterios de valoración para os repotenciamentos. A Consellería de Medio Ambiente terá a posibilidade de defender os seus criterios na comisión de valoración das solicitudes presentadas ao abeiro do concurso (cuxas actas deberían facerse públicas). En calquera caso, semella claro, contrariamente ao que insinuou o conselleiro de Industria en resposta a Vázquez, que os 2.300 MW de nova potencia eólica que van ser adxudicados nos próximos meses corresponderán sobre todo a novos parques. Que é o que interesa  en Industria, para facer realidade o seu lema “somos unha potencia”: enerxética (limpa ou sucia, tanto ten), mineira,…

O que si podería ter feito o conselleiro de Medio Ambiente, a través do procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), é esixir que o Plano Eólico da Consellería de Innovación e Industria incorporase un completo mapa de zonas de exclusión por motivos ambientais, máis alá dos Espazos Naturais Protexidos e das súas ampliacións previstas. Mais non o fixo. Segundo lle dixo aos ecoloxistas (ver nota de prensa da Federación Ecoloxista Galega), disque o tentou, mais que a Industria non lle gustou a idea. Non houbo acordo, como si houbo no tema do “repotenciamento”, malia a “polémica” nos medios. No Documento de Referencia da AAE do Plano Eólico incluso se deixa a porta aberta á posíbel ocupación de espazos protexidos, “de xeito extraordinario”, ainda que o Decreto 242/2008 exclúe claramente a construción de novos parques na Rede Natura 2000 (artigo 6º). É algo que chama a atención, como o feito de o Documento de Referencia se referir aos parques eólicos singulares, figura lamentabelmente suprimida no novo Decreto eólico, como quixo suliñar Fernando Blanco na súa presentación en rolda de prensa en decembro do ano pasado.

O conselleiro de Medio Ambiente sabe mellor que ninguén da indixencia orzamentaria da política autonómica de espazos naturais protexidos, e de conservacion da biodiversidade en xeral. Mais, en lugar de demandar máis orzamento perante Touriño e o conselleiro de Economía (ou xa perdida a esperanza dunha resposta positiva), saca da chisteira unha curiosa proposta de política fiscal “verde”. Impor unha taxa aos parques eólicos –instalacións en principio sustentábeis cuxa produción eléctrica é primada polo Goberno estatal- para o financiamento de espazos naturais protexidos, para compensar as poboacións que viven neses espazos onde non se permite a súa instalación. Pode ter sentido aplicárllela aos parques xa situados en zonas Natura 2000, pero tería moito máis sentido que Manuel Vázquez traballase por unha auténtica reforma fiscal verde, capaz de xerar ingresos públicos para a mellora ambiental e, sobre todo, de desincentivar actividades insustentábeis. Por exemplo,  propondo o endurecemento do imposto sobre contaminación atmosférica, a creación de novos impostos para gravar o vertido e a incineración de residuos, a minería a ceo aberto, as grandes superficies, etc, etc

Xosé Veiras García

Something to say?