Os armadores andan a reivindicar por toda Europa, tamén en Galiza, axudas públicas para o combustíbel. Oceana, a organización ecoloxista internacional especializada na conservación dos mares, rexeitou esta demanda a través dun comunicado e alentou aos Gobernos a adoptaren medidas para axudar o sector a se adaptar a un futuro con custos máis altos do combustíbel (felizmente, o tempo do petróleo barato acabou para sempre) e asegurar a súa sustentabilidade. Oceana propón axudas para o abandono de artes de pesca como o arrastre de fondo, que implican un elevado gasto enerxético e ademais danan o mar. Tamén cre que é preciso acabar coa sobrecapacidade pesqueira das frotas europeas, problema “que se traduce en que os pescadores con frecuencia teñen que pescar con maior esforzo, iren máis lonxe e a profundidades maiores para capturaren os stocks, xa de por si mermados”, o que esixe maior gasto en combustíbel. Certamente, non son máis axudas públicas que contribúan máis á insustentabilidade da actividade pesqueira o que se necesita. Pola contra, si é necesario que os pescadores, como os labregos, reciban unha maior parte do prezo final dos seus produtos, como están a demandar con toda xustiza. Que non sexa así ten moito que ver coa concentración das vendas de alimentos nas grandes superficies, cun poder de negociación enorme que nós reforzamos cada vez que compramos nelas, práctica nada recomentábel nin desde o punto de vista social nin desde o ecolóxico. É o que nos lembran desde a campaña Supermercados? Non grazas.

Something to say?