transvasamentsnosonsolucio.jpgLeandro del Moral e Nuria Hernández-Mora, membros da Fundación Nova Cultura da Auga (FNCA) e colaboradores de Bakeaz, no artigo “El balance de la política”, publicado no xornal basco “El Correo”, facían no final da pasada lexislatura balanzo da política estatal da auga. Salientaban a súa impresión de que “a nova política, após a derrogación do transvasamento do Ebro e outras medidas significativas, non puido superar as inercias sociais, económicas e culturais nin a presión política, institucional e mediática dos sectores e ‘lobbies’ opostos a ela”. O rexeitamento dos transvasamentos entre bacías é un dos elementos definidores da nova cultura da auga. Por iso, chama a atención que desde unha consellería da Generalitat dirixida por unha forza que se define como de esquerda verde (Iniciativa per Catalunya-Verds) -consellería que, segundo a FNCA, ten desenvolvido unha política coherente cos principios da nova cultura da auga-, se pretenda agora facer un transvasamento –aínda que reversíbel e temporal- entre a bacía do Ebro e as bacías internas de Cataluña, como solución de emerxencia para o abastecemento de Barcelona. Un comunicado da Fundación Nova Cultura da Auga, un comunicado das principais organizacións ecoloxistas estatais, e un artigo de opinión de Pedro Arrojo publicado en El País, “La sed de Barcelona tiene solución”, deitan luz sobre esta cuestión. A propósito da cal, convén lembrar que o Plano Hidrolóxico de Galiza-Costa, aínda en vigor, aprobado pola Xunta a mediados dos anos 90, contemplaba a posibilidade de facer a longo prazo dous transvasamentos entre concas: un desde o Mandeo ao Mero, para ampliar o abastecemento da Coruña; e outro desde o Miño á área metropolitana de Vigo. Esta última posibilidade parece que xa está a ser estudada seriamente desde a Consellería de Medio Ambiente.

Something to say?