Xa o dixo Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no Parlamento: “o bosque galego é a principal ferramenta para a loita contra o cambio climático”. Onde pon bosque galego debemos ler plantacións forestais de especies de crecemento rápido, nomeadamente de eucaliptos. O Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020 que (supostamente) prepara a Xunta sería, máis que un programa de redución de emisións, un programa de compensacións. O país do millón (e medio) de coches,  ou das dúas centrais de carbón,  só ten que plantar máis eucaliptos e piñeiros para limpar a súa conciencia climática e contribuír á “loita” contra o maior problema socioambiental global.

É máis fácil e barato plantar árbores que reconverter o modelo enerxético e de transporte. As árbores absorben dióxido de carbono (CO2) da atmosfera  no proceso da fotosíntese,  actuando como sumidoiros de carbono. Xa que logo, e dado que o noso país presenta, no contexto europeo, unha alta produtividade forestal, algúns coidan que as plantacións forestais son a principal achega de Galiza á loita contra o cambio climático.

Mais as cousas non son tan sinxelas. Esta fantástica solución ten limitacións e inconvenientes de peso. Entre as primeiras podemos sinalar a non permanencia  (o CO2 capturado pode volver á  atmosfera, por exemplo a causa de incendios), ou a saturación, a sempre incómoda verdade dos límites ambientais (a fixación de CO2 polos ecosistemas vexetais ten un límite  físico unha vez os ecosistemas son maduros ou os reservorios como o solo  alcanzan a súa máxima capacidade de almacenamento). Entre os inconvenientes, cómpre destacar que a tan louvada capacidade de sumidoiro dos bosques galegos débese sobre todo a formacións arbóreas que non son precisamente bosques, os eucaliptais que, pola súa expansión excesiva e mal manexo, son unha causa causa importante de perda de biodiversidade, entre outros problemas. A “eucaliptización” e un serio problema en Galicia e en amplas zonas do resto da Península Ibérica, como axudamos a pór de manifesto no informe de Greenpeace “La conflictividad de las plantaciones de eucalipto en España (y Portugal)”. 

Ao apuntar aos bosques como a grande solución climática desde Galicia, e dado que o 67% da capacidade de secuestro de carbono da vexetación arbórea é atribuíble aos eucaliptais, polo seu rápido crecemento,  o que se consegue é eludir e agravar dous grandes problemas ao mesmo tempo. Por un lado, o problema climático, que hai que enfrontar, si, potenciando de forma sustentable os sumidoiros, mais sobre todo, reducindo emisións nas fontes, transformando radicalmente o modelo económico (afrontando de paso o conxunto da crise ambiental, que non se reduce á desestabilización do clima). Por outro lado, o problema da eucaliptización e do produtivismo forestal. Se antes había que insistir en que os bosques son moito máis que reservorios de madeira, agora cómpre tamén suliñar que son moito máis que sumidoiros de carbono.

Outra cuestión a ter en conta: é ben maior a marxe de incerteza á hora de estimar a fixación de CO2 polos sumidoiros que de calcular as emisións de CO2, poñamos por caso, do parque de turismos ou da industria enerxética. En calquera caso, o CO2 que lanzamos á atmosfera cada ano supera con moito o que absorben os sumidoiros forestais. Segundo unha nova recente, 7 millóns de toneladas ao ano, fronte a unhas emisións de 27,8 millóns de toneladas de CO2 e outros gases de invernadoiro en 2009, último ano para o que hai datos oficiais.

Xosé Veiras

 


Something to say?