José Manuel Naredo e Tomás R. Villasante (canta sabedoría xunta!), convencidos de que “a principal e primeira proposta” do 15-M debería ser esixir “boas prácticas políticas”, redactaron unha proposta de axiomas de participación a respectar por gobernos democráticos, baixo o título “¡No más atropellos!.  Son cinco propostas, ilustradas con exemplos de actualidade,  que pasamos a sintetizar.

A primeira é someter a referendo as decisións que afectan a maioría da poboación. A segunda é desactivar “prácticas de consenso escuro e elitista” entre partidos que perverten o funcionamento de parlamentos e plenos municipais “ao converter moitos dos posíbeis debates en plenos e en parlamentos en meros simulacros sen valor práctico algún”. Para tornar viábeis as dúas primeiras propostas, un goberno  “non pode precipitar decisións” sen facilitar que “a cidadanía debidamente informada participe nas diversas instancias na decisión do plan de acción” (terceira proposta).  A cuarta é que “un goberno ten que incentivar e acoller co máximo interese e apoio institucional as leis e/ou propostas xurdidas por iniciativa popular”. A quinta é ampliar  os instrumentos de participación e deliberación cidadá.

Ao ver de Naredo e Villasante, un goberno que non siga as devanditas boas prácticas “non debe chamarse democrático, senón despótico ou autocrático, por moito que fose votado no seu día por unha minoría suficiente do censo electoral”.

Something to say?