O mito do crecemento infinito nun planeta finito derrúbase no medio dunha crise non só económica senón tamén alimentaria, enerxética, ambiental e poboacional. A superación do pico do petróleo (no ano 2006, segundo a Axencia Internacional da Enerxía) presenta un escenario de constante aumento do prezo da enerxía. Acelérase o esgotamento dos recursos e materias primas, namentres grandes porcións da poboación mundial seguen carecendo do máis básico. O espazo de relación humana fica cada vez máis nas redes sociais e menos no contacto persoal, coñecemos países lonxanos e descoñecemos o propio, protestamos polo peche de negocios nas nosas localidades mais mercamos en grandes cantidades produtos fabricados a milleiros de quilómetros en condicións de práctica escravitude…. e as “solucións” propostas para saír da crise son máis do mesmo.

Cumpre recuperar a escala humana nas relacións que sustentan a sociedade: relocalizando as actividades en espazos máis achegados, potenciando dese modo a economía e o tecido social local; reducindo o consumo enerxético e apostando por enerxías renovábeis de produción descentralizada e distribuída; reducindo o consumo de recursos e materiais; relocalizando os nosos espazos de relación social, fomentando o compromiso e tecendo redes de participación; reducindo a dependencia das transnacionais e recuperando a soberanía alimentar, reducindo as horas de traballo remunerado e recuperando as horas compartidas no coidado mutuo, socializando os beneficios e privatizando as perdas . . . en definitiva, reconstruír dende o próximo un novo paradigma vital.

Something to say?