A confianza en que o carbón seguirá sendo abundante e barato durante as próximas décadas non semella moi fundamentada, segundo “The end of cheap coal”, un artigo publicado  na revista Nature. Os autores, Richard Heinberg e David Fridley, esgrimen dúas razóns para soster que os prezos do carbón van subir nos próximos anos: as reservas de carbón semellan menos abundantes do que se cría e o aumento do consumo disparouse desde o ano 2000, debido sobre todo a China, o principal estado produtor e consumidor, cunha influencia determinante nos prezos futuros. Un estudo apunta que o teito máximo de produción de carbón na China acadarase entre 2025 e 2032. Durante e despois dese teito a calidade do carbón diminuirá e o seu prezo aumentará.

Richard Heinberg e David Fridley, membros do Post-Carbon Institute, coidan que resulta improbábel que se poida atender a demanda enerxética mundial prevista máis alá de 2020. Os límites no consumo enerxético, se é que non se fixan por vías políticas, serán impostos polos prezos e os recortes nos subministros. “Os estados deberían inmediatamente comezar a preparse para un escenario de elevados prezos dos combustíbeis fóseis e para investiren todo o posíbel en eficiencia enerxética e enerxías renovábeis. Mesmo así, o mundo terá que aceptar unha redución do crecemento económico”.

Something to say?