Xoán Ramón Doldán, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, participou na mesa redonda “Política económica máis alá da crise?”, celebrada no marco das xornadas “Novos camiños para a esquerda galega” (Santiago, setembro de 2010), achegando unha visión desde a economía ecolóxica, unha visión ben atinada pero desde logo ben minoritaria na esquerda galega dos nosos días.

Perante a crise múltiple (non só económica) que padecemos cómpren, ao ver de Doldán, “respostas locais rupturistas con esta dinámica de maneira extremadamente urxente (se xa non é tarde para algunhas cousas), sen agardar a que se teña que dar unha confluencia mundial e unha resposta global (…). Parafraseando a Tito Livio, poderíamos dicir que xa non podemos permitirnos nin os vicios que nos trouxeron á crise nin os remedios que se queren e se están a aplicar para superala. Seguindo así, máis alá da crise só teremos unha crise máis grave”.  Doldán apunta varios camiños (decrecer, re-ruralizar, recuperar a democracia) e salienta o carácter esperanzador de “milleiros de exemplos de resistencia no planeta, algúns deles aparentemente modestos na causa que os move e os colectivos que a sustentan, mais enormemente resilientes”.

A continuación pódese ver o vídeo da intervención de Doldán. O texto do seu relatorio pódese ler aquí.

 

Something to say?