Nas bacías de Galiza-Costa, a demanda de auga urbana, de auga que circula polas traídas (para atender non só consumo doméstico, senón tamén comercial,  institucional e parte do industrial e agrogandeiro), supón o 68% do total, mentres que no territorio galego da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil representa o 35,5% (datos para 2005 procedentes dos respectivos borradores de plans hidrolóxicos).  En total son 371.600 millóns de litros de auga extraídos da natureza para entrar nun ciclo humano da auga consumidor de non pouca enerxía e que son devoltos en parte á natureza cunha certa carga contaminante.

O estabelecemento de prezos da auga, en particular da auga urbana, que sexan socialmente xustos e ao tempo promovan o aforro –algo sempre desexábel independentemente da abundancia ou escaseza da auga- é parte fundamental dunha política da auga sustentábel. No artigo “El agua en las ciudades: derecho humano, gestión y precios”, Nuria Hernández, presidenta da Fundación Nova Cultura da Auga, afirma que “Dadas as características do sector (servizo estratéxico, monopolio público), este reto só se pode afrontar desde a confianza de que o servizo é prestado por empresas públicas democráticas, eficaces e transparentes”.

Something to say?