Non dispomos no país dun Observatorio da Sustentabilidade que nos proporcione unha avaliación completa, rigorosa e independente dos avanzos e recúos en materia de sustentabilidade ecolóxica, outra proba máis da falta de preocupación real polo maior desafío deste século que comeza. A pesar diso, non semella  atrevido afirmarmos que nos últimos anos  houbo unha certa deceleración da deterioración ambiental en –e tamén desde- Galiza.  Este feito coincide en parte cos dous primeiros anos de vida do Goberno presidido por Núñez Feijóo mais desde logo non é mérito del.

O alivio da presión da nosa economía sobre o ambiente local e global hai que buscalo sobre todo na crise económica, non nas políticas da Xunta (tampouco nas do Estado ou nas dos Concellos). Ao funcionar de acordo con regras incompatíbeis coa biosfera, cando a economía vai mal o medio degrádase menos. Unha boa noticia, aínda que só en parte. Como afirma Jorge Riechmann, referíndose á “máquina infernal” que é a economía capitalista, “se crece, destrúe (o ecolóxico, mais non só o ecolóxico). E se non crece, devasta (o social, mais non só o social)”. A crise económica alivia a crise ambiental, mais faino cun custo social inaceptábel.

Desde 2007, o (sobre)consumo de territorio e de recursos naturais no noso país, orixe última da deterioración ambiental,  ten experimentado algúns descensos ou estabilizacións. O visado de vivendas novas caeu até se situar en níveis comparábeis aos dos anos sesenta. O número de coches atinxiu un pico en 2008. O consumo de produtos petrolíferos diminuiu un 7%.  A demanda de electricidade estancouse entre 2007 e 2009 (non hai aínda datos para 2010 ao escribir estas liñas), despois de ter medrado nada menos que un 45% desde o ano 2000. Algo semellante aconteceu coa xeración por habitante de residuos urbanos. Até onde dispomos de datos, o consumo de auga subministrada a través da rede tamén diminuiu.

É algo do que nunca se fala, mais Galiza ten un importante déficit ecolóxico. O espazo ambiental que demanda o consumo de recursos e a xeración de residuos en Galiza, estimado pola pegada ecolóxica, supera amplamente a biocapacidade do territorio galego, o que significa que estamos sostendo a nosa economía á custa doutros territorios e das xeracións futuras. Boa parte da nosa elevada pegada ecolóxica global é debida ás altas emisións de dióxido de carbono (CO2). Nunca aprobou a Xunta un Plan de Loita contra o Cambio Climático –o bipartito deixou un sen aprobar que só buscaba unha desaceleración do crecemento das emisións- mais, por causa da crise e  da menor participación do carbón no “mix enerxético”, as emisións de CO2 e dos demais gases causantes da mudanza climática diminuíron en conxunto un 20% entre 2007 e 2009, até se situaren en níveis próximos aos de 1990, o ano de referencia para o Protocolo de Quioto.

Goberne quen goberne, gaña o produtivismo

O produtivismo é unha ideoloxía silenciosa na que ninguén se quere recoñecer, mais que é partillada hoxe por practicamente todo o abano partidario. Hai un amplo consenso político produtivista que se expresa, por exemplo, no apoio sen fisuras a megaproxectos de grande impacto ambiental, máis que dubidosa rendibilidade social e enorme custo económico, caso do porto exterior da Coruña ou do AVE a Madrid, na demanda continua da ampliación da xa ben densa rede de autoestradas e autovías, ou na defensa pechada das centrais térmicas de carbón, da regasificadora  de REGANOSA, do sector do automóbil e do que faga falta polo “ben” do país.

Con este panorama, os impactos das mudanzas de goberno sobre a sustentabilidade son ben limitados, aínda que non por iso desprezábeis. O PP é o “Partido Produtivista” por antonomasia,  así que, como era de agardar, a chegada de Feijóo á Presidencia da Xunta supuxo, en xeral, un reforzo do produtivismo en comparación coa etapa do bipartito. A supresión da Consellaría de Medio Ambiente foi un sinal. Ben sabemos que a súa mera existencia non é nin moito menos garantía dun mínimo compromiso coa defensa ambiental, mais a súa supresión adoita ser bo indicador de retroceso ambiental.

Transcorrida xa a metade da lexislatura, confirmouse o debilitamento xeral do que podemos chamar contidos ambientais da acción gobernamental. A reforma da Lei do Solo, o plan sectorial para branquear con diñeiro público as ilegalidades asociadas ao desmesurado crecemento urbanístico no litoral de Barreiros, a modificación das Normas do Hábitat eliminando as disposicións que promovían o aforro de auga e de enerxía fósil, ou a reabertura da posibilidade de Pescanova poder instalar unha macropiscifactoría no cabo Touriñán, son  mostras diso. Porén, tamén hai que dicir que algunhas decisións do actual Goberno deixaron aínda máis en evidencia o pobre compromiso coa defensa ambiental do Goberno anterior. Referímonos á cancelación das piscifactorías de Corrubedo, Seiruga e Merexo, á exclusión no concurso eólico non só dos espazos naturais incluídos na Rede Natura 2000 senón tamén dalgunhas zonas que poderían integrala no futuro, ou á licitación dun plan para promover os modos de transporte non motorizados.

Sen estratexia para a sustentabilidade

A única política ambiental eficaz sería unha política económica que promovese unha transición cara a un modelo de produción e consumo socialmente xusto e ecoloxicamente sustentábel.  A sustentabilidade debería ser unha política central e transversal na acción do Goberno. Porén, as cousas seguen estando moi lonxe de ir por aí, aínda que a palabra sustentabilidade hai xa tempo que está presente con profusión en discursos e documentos. Así, o Plan Estratéxico Galicia 2010-2014 asume coma obxectivo o  “crecemento sustentábel”, toda unha “contradictio in terminis”. Se de avanzar cara a un horizonte sustentábel se tratase, a obsesión polo crecemento do PIB sería substituída pola procura do decrecemento no consumo de enerxía e  materiais e da redistribución da riqueza.

Dous instrumentos esenciais dunha estratexia para a sustentabilidade serían unha política fiscal verde e a educación ambiental. De impostos verdes, o Goberno Feijóo moi pouco quere saber e de positivo só hai a rexistrar a substitución do canon de saneamento por un canon da auga bastante mellorábel. O canon eólico nada ten de verde e foi concebido como alternativa recadatoria á participación pública nos parques eólicos. Do penoso estado da educación ambiental podémonos facer unha idea lendo o manifesto promovido recentemente  pola Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) baixo o título de “Non á desaparición da educación ambiental en Galiza”. 

Nas Directrices de Ordenamento do Territorio (DOT) aprobadas, por fin!, pola actual Xunta, tampouco falta a obrigada retórica sustentabilista, mais o certo é que, sen negar algúns aspectos positivos, non obedece a unha cultura do territorio sustentábel que poña límites estritos á artificialización do territorio, conserve a diversidade biolóxica ou defenda as terras agrarias. Algo semellante se pode dicir do  Plan de Ordenamento do Litoral (POL).

A aprobación das DOT e do POL foron dúas tarefas que o bipartito deixou pendentes. Tamén a ampliación  e a elaboración dun plan de xestión da Rede Natura 2000  tiveron que agardar o momento certo, momento que até hoxe tampouco chegou para o actual Goberno. Tampouco chegou o momento para a declaración de novos Parques Naturais, por exemplo, nos Ancares ou no Courel. Desde a conflitiva declaración do Parque das Fragas do Eume en 1997 tan só se creou un parque natural  en Galiza, o da Serra da Enciña da Lastra,  de reducida extensión e escasa poboación.

Tamén non poucas masas de auga fluviais e costeiras verán adiado o logro do bo estado ecolóxico ao que obriga a Directiva Marco da Auga en 2015. Así se estipula no borrador do Plan Hidrolóxico das bacías fluviais situadas integramente en territorio galego e xestionadas pola Xunta, un borrador  que non promove o aforro de auga e non garante o carácter público e a integridade ecolóxica dos ríos e as súas ribeiras.  Ademais, prevé a construción de 33 novos aproveitamentos hidroeléctricos, aínda que unha moción aprobada   no Parlamento por unanimidade insta á Xunta a “declarar os ríos de Galiza libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos”. Se esta moción se cumprise, non medraría  moito máis a potencia hidroeléctrica. Non pasará o mesmo coa capacidade de producir electricidade sucia a partir dos residuos urbanos, pois o novo Plan de Residuos, non conforme cunha incineradora, pretende construír unha máis no sur do país.

En definitiva, nestes dous últimos anos progresamos menos cara á insustenbilidade a pesar de termos unha Xunta máis insustentábel.

Xosé Veiras. Biólogo e coordenador da revista Cos Pés na Terra.

Publicado no número 167 da revista Tempos Novos (abril 2011).

Something to say?