Para a Xunta é un “non problema”, mais a expansión masiva e caótica das plantacións de eucalipto é en realidade un dos principais problemas do monte en Galiza. O noso país é un exemplo paradigmático de eucaliptización, un proceso que ten causado importantes impactos ambientais. Da eucaliptización en Galiza e no resto da Península Ibérica trata o informe  de Greenpeace “La conflictividad del eucalipto en España (y Portugal). Análisis y propuestas para solucionar la conflictividad ambiental y social de las plantaciones de eucalipto en la península Ibérica”, presentado onte en Santiago en rolda de prensa.

Non dispomos de información actualizada sobre a superficie coberta por eucaliptais na nosa terra. Os últimos datos oficiais refírense a finais dos anos noventa, nos que había unhas 400.000 hectáreas, entre plantacións puras de eucaliptos e mescladas con outras especies, o que supoñía o 28% da superficie arborizada naquela altura. Unha información publicada en prensa a comezos de 2009, probabelmente froito dunha filtración interesada da Consellaría do Medio Rural a uns meses das pasadas autonómicas, apuntaba a un descenso da superficie coberta por eucaliptais desde 2006 (”Os incendios e as pragas reducen o espazo do eucalipto en Galicia“).

Mentres a Xunta non fai nada por eliminar eucaliptos nin tan sequera na ribeira dos ríos que pertence ao dominio público hidráulico (esa faixa de terreo público que tantos propietarios agrarios e forestais cren que lles pertence e que apenas foi deslindada), recupera parcialmente as subvencións para as plantacións de eucalipto (en concreto para tratamentos silvícolas orientados á produción de madeira para chapa ou serra en quendas de 25-30 anos) e defende os eucaliptais como unha solución ao cambio climático, o cultivo do eucalipto está a experimentar un auxe. Segundo “La Voz de Galicia”, plantaranse esta primavera 30 millóns de eucaliptos, moito máis que en anos pasados.

De non interviren eficazmente os poderes públicos, seguirán sendo as industrias e os propietarios de montes, atendendo só a criterios privados e de curto prazo, os que decidan cánto, cómo e onde plantar eucaliptos.

Xosé Veiras 

 

Something to say?